30.3.17

Coloquio sobre a atención á diversidade do alumnado inmigrante

Coloquio sobre a atención á diversidade do alumnado de ensinanza secundaria, especialmente o de procedencia inmigrante

Cando nas escolas hai grupos de alumnos e alumnas que non son capaces de seguir as clases ordinarias... que se debe facer? Atender as súas necesidades educativas nos grupos de referencia? Atendelos nun grupo á parte? Estaría ben combinar os dous sistemas, o de inclusión no grupo xeral e o da atención específica en determinadas horas?
Para avaliar os dous anos de experiencia innovadora no IES Perdouro, este centro educativo acollerá un coloquio sobre a atención á diversidade do alumnado de ESO, especialmente do de procedencia inmigrante. O evento celebrarase ás 13 horas do próximo venres, día 31 de marzo, e nel contarase coa participación de dous relatores presenciais e un terceiro que o fará a través da comunicación dixital.
En primeiro lugar tomará a palabra Natalia Riego Arredondas (A Veiga, 1992), especialista en docencia de Español como segunda lingua, con Mestrado nesta materia pola Universidade de Oviedo e docencia no IES El Pando da capital do Principado; e, neste momento, profesora en prácticas do Mestrado en Educación da Universidade de Vigo no IES da Pontenova.
Inmediatamente despois, intervirá por vídeoconferencia o profesor Paulo Vilar Millán (Cangas, 1986) que desde o IES de Rodeira en Cangas do Morrazo, a través das TIC, colaborou nunha iniciativa de didáctica inclusiva realizada no IES Perdouro.
A última das intervencións será a do filólogo e tradutor Gabriel André (Cospeito, 1987), que durante os meses de febreiro e marzo estudou pormenorizadamente as diferentes modalidades de atención á diversidade ofrecidas ao alumnado do IES Perdouro.

Os clásicos

O pasado martes 28 de marzo, a Asociación Cultural "Os Matos" do I.E.S. Perdouro de Burela organizou unha actividade musical. Un grupo de gaiteiros veteranos de zona das terras da Fonsagrada e zonas limítrofes entre Asturias e Galicia (Oscos, A Pontenova...) deron un concerto ao alumnado de 2º de E.S.O, e 3º PMAR
Fanse chamar "Os Clásicos" e os seus nomes son: Nela de Bres (Taramundi), Modesto de Murias (A Fonsagrada), Cesáreo de Conforto (A Pontenova), Siderio de Vilarmide (A Ribeira de Piquín) e Antón e Vicente de Lourenzá. As súas idades oscilan entre os 61 e 85 anos, agás Antón que ten 24. Non son profesionais da música, pero podemos consideralos como grandes músicos. A súa formación foi autodidacta. Así o expresaba Modesto nunha entrevista dun xornal: "Fun gaiteiro autodidacta, aprendendo mentres estaba gardando o gando". Poderiamos dicir cousa semellante dos demais, pois os seus traballos estaban relacionados cos labores do campo e oficios tradicionais: labrego, pastor, canteiro, serrador, talleres, a malla, mariñeiro e, tamén, emigrantes.
Interpretaron varias pezas: xota, vals, muiñeira... sendo moi ben acollida a súa actuación polo alumnado

Antón Niñe - Presidente Asociación Cultural Os Matos

Accede ás fotografías no noso albúm.

24.3.17

Arrancou o Torneo de Xadrez do IES Perdouro

O torneo de Xadrez 2017 promovido por Manuel Vilariño, profesor de matemáticas, acaba de arrancar esta semana. Este curso Manuel conta coa axuda do seu alumnado de 2º de ESO da optativa de libre configuración para axudarlle no bo desenvolvemento do campionato. Co obxetivo de estimular o pensamento matématico e desenvolver estratexias mentais, competirán nesta edición un total de 42 alumnos/as repartidos dende 1º de ESO ata 1º de Bacharelato. Todo un récord de participación!! Esperamos que desfruten dun torneo cheo de tensión e moita deportividade.

Accede ás fotografías no noso álbum.

Entrega de premios - Concurso Día da muller traballadora.

Loly Chas fixo entrega esta mañá dos premios do concurso Mural especial 8 de marzo. O exercicio consistía en respostar a unhas 40 preguntas sobre as mulleres traballadas nas clases de 1º e 2º de ESO. O cuestionario foi elaboarado polo alumnado de 3º ESO.
Os concursantes tiñan que entregar a proba o máis completada posible e o antes posible.
Parabéns a Ana Cordido Requejo, Eva Fernández Riveira, Alba Geada Bernal, Yaniss dos Santos Méndez, Daniel Piqueras Valle, Alexandra De Pino Fidalgo, Irina Galdo Lorigaldos e Miriam Mendes Varela.
Accede ás fotografías no noso álbum.

Un mar de Cultura - 1º ESO

O xoves día 9 de febreiro, o alumnado de 1º de ESO do IES Perdouro fixemos unha viaxe de estudos, acompañados dalgúns dos nosos profesores, dentro da campaña de educación ambiental MARES DE CULTURA OS NENOS E O MAR, promovida polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal.

Visitamos tres lugares que nos causaron grande impresión xa que, vimos de primeira man, como se elaboraban as conservas, como se criaban os corais e como se traballaba nunha cetárea.

Na granxa Reef Water, situada en Magazos - Viveiro, os nosos ollos contemplaron abraiados os marabillosos  corais de diferentes cores que alí crían con moito coidado e mantendo unhas condicións de temperatura, humidade, luz, idóneas para a súa pervivencia.

Na conserveira “La Pureza da localidade de Cariño puidemos ver como o traballo en equipo é fundamental, xa que un grupo de persoas se adicaba a elaborar as conservas de bonito, sardiñas, …. de xeito artesanal, pasando por diversos procedementos antes de poñela á venta ao público.

Na cetárea “A Balandra” de Cariño chamounos a atención o feito de que a auga na que se atopaban os centolos, bois de mar e nécoras, fora auga do mar que, coa subida da marea, enche a piscina onde se atopan os crustáceos que logo se venderán.

Foi unha viaxe preciosa na que, ademáis de poder disfrutar da compañía dos nosos amigos, puidemos aprender un montón de cousas e coñecer novos sitios.
Paula Enríquez  e Kai Quelle  1º ESO B



1º ESO - Un mar de Cultura

O mellor producto dos nosos mares e as mans máis expertas na súa elaboración dan como resultado unha das mellores conservas sen dúbida de todo o norte. Nesta casa coidan moi ben todos os detalles preservando a esencia tradicional e o traballo manual na preparación de cada lata...  (Fonte: Maresma)

23.3.17

1º ESO - Charla sobre novas tecnoloxías e as redes sociais

Dentro do  Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos e nos seus contornos, Ramón Peña, formador da Garda Civil de Lugo, informou e asesorou o noso alumnado de 1º de ESO no manexo e uso responsable de internet en diferentes dispositivos informáticos como poden ser os ordenadores, teléfonos ou tablets nunha charla impartida o pasado mércores, día 22 de marzo.

O axente Peña explicoulles a necesidade de implantar na súa rutina diaria en Internet unha serie de consellos para protexer a súa persoa e intimidade e evitar a comisión de delictos. Incidíu en que é necesario educar no intercambio e usos propios e alleos de imaxes íntimas e persoais. Fixo tamén fincapé no perigo de facilitar datos persoais e íntimos a descoñecidos e na necesidade de que comenten cos seus pais, titores ou profesores calquera contido estrano e/ou ameazante que detecten en Internet.

21.3.17

Xogando nos corredores do centro - Especial 8 de marzo

Xa está listo o cuestionario sobre o noso mural especial 8 de marzo. O alumnado de 3º de ESO traballou arreo a partir da exposición feita polo alumnado de 1º e 2º de ESO. Estes días están os alumnos a estudar o mural nos recreos para contestar con esmero a todas as preguntas. Veña que corre o tempo!!!

Accede ás fotografías no noso álbum.


Une fois j'ai eu un clou - Rosalía de Castro


Feliz día da poesía!


Traballo feito polo alumnado de francés 2º de Bach.

16.3.17

Charla sobre consumo responsable

O 15 de marzo é o Día mundial dos dereitos das persoas consumidoras, que se ven celebrando dende 1983 para conmemorar o discurso que o presidente estadounidense John F. Kennedy pronunciou o día 15 de marzo de 1962 ante o Congreso do seu país, declarando que todos eramos consumidores. Para dar a coñecer esta data entre a comunidade educativa, a Escola Galega de Consumo organizou unhas videoconferencias dirixidas ao alumnado de Educación Primaria e Secundaria.
En colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), houbo dúas charlas sobre consumo responsable. O alumnado de 3º de ESO puido seguir sen desprazarse do centro a través do sistema de vídeo conferencia en streaming a charla sobre consumo responsable na biblioteca do centro. O título da charla foi "Coñece os teus dereitos como persoa consumidora": sinxela explicación dos distintos dereitos que amparan ás persoas consumidoras, apoiada con exemplos prácticos baseados en experiencias reais de consumo propias dese grupo de idades, e consellos prácticos para resolver distintas problemáticas de consumo e pasos a seguir para poñer unha reclamación. 
Tratou os conceptos básicos de consumo responsable e aproximación aos dereitos das persoas consumidoras: Persoa consumidora, Dereitos e deberes das persoas consumidora e Organismos públicos básicos de defensa das persoas consumidora. 

Nas seguintes ligazóns pódese ver as conferencias:

Exposición "Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro"

Esta mañá tivo lugar na biblioteca do IES Perdouro o acto de inauguración da exposición "Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro" destinado ao alumnado de 3º e 4º ESO e 1º de Bacharelato. 

Aproveitando a próxima celebración do día internacional da poesía, tivo lugar na biblioteca do IES Perdouro de Burela o acto de inauguración da exposición "Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro". Dita exposición itinerante lembra a figura de Manuel Rodríguez López, escritor nado en Paradela considerado un importante poeta obreiro de Galicia na segunda metade do século XX, discípulo de Celso Emilio e de Manuel María. 
No acto participaron Mariña Gueimunde, Xefa Territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e María José Gómez, xefa do Servizo de Coordinación da Área Cultural, José Manuel Mato, Alcalde de Paradela, e Antonio Giz, director de Galicia Digital e promotor do proxecto, Antón Niñe, Presidente da Asociación Cultural Os Matos e o director do centro, Santiago Pérez. 
Ao remate do acto fíxose entrega ao alumnado dun folleto que presenta os contidos completos da exposición asi como da segunda edición da Antoloxía Poética de Manuel Rodríguez López, coordinada por Xesús Alonso Montero e Santiago Rodríguez. 
O presidente da asociación Os Matos fixo a xestión para traer esta exposición ao centro educativo burelés que estará exposta ata o 06 de abril. Está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi ademais dun gran animador das actividades galegas nesta comunidade, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes no País catalán. 
A mostra forma parte do Proxecto Manuel Rodríguez López, emprendido por Galicia Digital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Xunta de Galicia (Secretarías Xerais de Política Lingüística e de Cultura), a Deputación Provincial de Lugo e a Real Academia Galega. A estas entidades únese agora o Consello Regulador de Denominación de Orixe Ribeira Sacra, como novo co-patrocinador do proxecto. 
Manuel Rodríguez López é tamén fillo predilecto do Concello de Paradela, e dá nome á Casa Municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se está celebrando a XXI primeira edición.

Accede ás fotografías no noso álbum.

Día da muller - 05/03/2017

O alumnado de ESO traballou con Loly, a súa orientadora, nas horas de titoría sobre a figura de mulleres que a través da historia foron relevantes: cientifícas, físicas, matemáticas, biólogas, astronautas, escritoras, poetas, políticas, pacifistas, artistas, xornalistas de guerra, mulleres piloto, pintoras, deportitas, actrices..... A exposición está situada polas escaleiras do pavillón central.
Fárase unha caza do saber sobre a exposición. Atent@s a ela que haberá premios para os 2 primeiros que acertan as preguntas e para os participantes.
Feliz día da muller traballadora!!!!

Accede ás fotografías no noso álbum.

15.3.17

Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña 2016

Fallo do xurado de Imaxiña 2016 composto polo artista viveirense David Catá e polo fotógrafo burelao Héctor Manasé.

O pasado 14 de marzo fíxose entrega dos premios do concurso de fotografía do Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña 2016 na sede de Imdecum en Burela. A nosa alumna de 4º ESO, Andrea Rivas Villarquide, resultou finalista. Pablo Goás Pardiñas de 3º do IES Alfoz obtivo o 1º premio e Lucía Carreiras de 4º tamén do IES Alfoz foi tamén finalista.
Noticia na Voz de Galicia

14.3.17

Visita á Biblioteca Intercentros de Lugo

O  pasado mes de febreiro, os alumnos de 1º de Bacharelato e 3º ESO C do IES Perdouro de Burela foron de viaxe de estudos a Lugo. Alí realizaron varias visitas. Unha deles foi á biblioteca Intercentros en Lugo, situada no Campus Universitario de Lugo. Esta encóntrase moi próxima a maior parte das facultades deste campus para así facilitar que os estudantes universitarios poidan utilizala.
A BUSC (Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela) é un servizo de apoio ao estudo, á docencia e á investigación. Está formada pola Biblioteca Xeral, once bibliotecas de centro e catro bibliotecas intercentros (entre elas atópase a biblioteca de Lugo). Estas teñen diversos servizos como lectura en sala, salas de traballo en grupo, ordenadores para consultar, préstamos de portátiles... e moito máis.
Para levar libros desta biblioteca debes darte de alta coa Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI). Se o libro non o tes na biblioteca, pódese solicitar a outras bibliotecas se o hai. Agás no caso dos manuais, podes facer reservas cunhas condicións que che explican no mostrador de préstamo ou no Servizo de Información e Referencia. 
Durante a visita, atendéronnos dúas bibliotecarias. Explicaron o funcionamento da biblioteca, como estaban ordenados os libros, como estaban organizadas as salas e algúns aspectos máis. Os alumnos divididos en dous grupos tiveron a oportunidade de realizar unha busca de dous libros (un para cada equipo) propostos por elas. Tiveron que buscalos na páxina web da biblioteca e ir localizalos a onde supoñían que se encontraban.
Unha vez recollidos os libros, tiñan que entregalos na recepción da biblioteca para ver se eran os correctos. Tiveron que facer todo isto en silencio para non molestar aos estudantes que estaban a facer uso das salas de lectura. Despois diso, preguntaron as algunhas dúbidas que tiñan sobre a biblioteca.
Antes de marchar, unha alumna viu dispositivos de alarmas nas portas de saída e preguntou  para que servían. Tiñan a mesma función que nas tendas. Se  houbese alguén que levara un libro sen pasalo antes pola recepción, activaríase a alarma. Pareceulles raro pero aínda así a bibliotecaria dixo que había xente de todo. E algúns intentan levar os libros.
A biblioteca está aberta de 8:30 h a 21:30 h pola semana e as fins de semana e os festivos abre de 10:00 h a 19:30 h con servizo de préstamo. En  períodos de exames a Biblioteca abre ata ás 3 da madrugada como sala de lectura.
Por último, os rapaces despedíronse das bibliotecarias e dirixíndose ao autobús para volver a Burela e poder contarlles a experiencia aos seus familiares e amigos.  

Andrea Santos – 3º ESO
Grupo Maruxía - IES Perdouro (Burela)

Roteiro dos Castros - 2º ESO

O venres 24 de febreiro os alumnos e alumnas de 2º da ESO, xunto cos compañeiros de GAE, realizamos unha viaxe cultural acompañados dos profesores Antón, Bernardo e Maribel. 
En primeiro lugar, fomos visitar o castro de Fazouro, onde nos explicaron como se vivía nos castros , que partes tiñan, como se construían as vivendas e as formas. 
Logo visitamos o castro de Saa en Pastoriza, un castro aínda en estudo e con poucas excavacións realizadas. 
Finalmente fomos a Mondoñedo, onde tivemos uns minutos libres. Despois alí fixemos unha xincana cultural por equipos que consistía en atopar datos en edificios significativos de Mondoñedo, seguindo as pistas que se nos daban nun mapa cun roteiro pola vila. 
Gustounos e esperamos repetir con actividades deste tipo. 

NOE FERNÁNDEZ.- 2º ESO (A)

Semana de prensa no IES Perdouro.

Burela, 9 de marzo, 2017

Os alumnos de 2º de ESO do IES Perdouro de Burela elaboraron uns paneis informativos sobre os xéneros periodísticos nesta semana da prensa. Neles mostran a definición e as principais características da noticia, a crónica, a reportaxe, o artigo de opinión etc. Estes datos aparecen recollidos nun mapa conceptual e a continuación exemplifícanse cun texto recortado do periódico.

Esta exposición pódese ver no pavillón principal do instituto no segundo andar.

Gravación dun telexornal na Fundación TIC

O pasado 22 de febreiro, os alumnos de 1º de bacharelato e 3º PMAR fixemos unha viaxe a Lugo para visitar a Fundación TIC.

A fundación TIC é unha entidade, sen ánimo de lucro, promovida pola Deputación Provincial de Lugo. Esta fundación ten como obxectivo prioritario promover e levar a cabo actividades dirixidas ao fomento da educación, a investigación e o desenvolvemento das TIC, así como o impulso e consolidación da denominada sociedade do coñecemento ou sociedade da información, de maneira que se contibúa a mellorar a formación relativa a estas tecnoloxias na provincia de Lugo.

Na fundación TIC, impártense ciclos superiores de Produción e Realización. Esos cursos son moi prácticos e a matrícula na escola é gratuíta. Nesta fundación, tamén imparten cursos para persoas maiores de 55 anos co fin de que se adapten e aprendan a utilizar as novas tecnoloxías. Ademais, cobren as noticias máis importantes da provincia de Lugo.

As instalacións contan con dous platós. No plató pequeno, as paredes son de tixolos con buratos á vista xa que así evítanse o eco. Como fondo hai un croma que aforra o traballo e espazo do decorado. Trátase dunha tea de cor verde (neste caso) e nel, desde a zona de produción de imaxe, colocan o decorado adecuado.

Tamén hai un prompter, que serve para que os presentadores lean todo o que teñen que dicir. Este é unha cámara que ten un espello semiprateado que permite que desde o outro lado se poida ver perfectametnte o que ocorre e a cámara poida gravar. Debaixo do espello, hai unha pantalla onde o texto está escrito, o que permite que o presentador o lea mirando á cámara e que non se note que está lendo.

As unidades móbiles son furgonetas que, no seu interior, teñen todos os aparellos necesarios para que as persoas que alí están poidan emitir dende fóra do estudio ou plató. As condicións nas que se grava fan que o traballo non sexa doado porque para emitir en directo é necesaria moita concentración e son varias as persoas que traballan asemade dentro da unidade móbil.

Para emitir desde a Fundación, faise supervisándoo todo desde o control de realización e o de son. A tarefa é moi laboriosa e, polo que o realizador explicou, o nivel de estrés e de concentración é elevado durante unha transmisión en directo.

Na Fundación TIC, despois de explicarnos todo o proceso de realización dun programa, fomos a un dos platós. Unha vez que entramos, chamaron aos compañeiros que ian participar no telexornal. Despois, sentamos onde nos indicaron porque iamos facer de público.

Todos os que ian colaborar durante o telexornal puxeron unha camisola da Fundación TIC. A continuación, explicáronlles onde tiñan que colocarse, como ler as noticias e de mais, e comezou a gravación. Unha vez, que rematamos fixemos unhas fotos e despois vimos o telexornal completo para que soubésemos como quedara.

Antes de marchar, déronnos como agasallo unha memoria USB coa gravación completa do telexornal.

Damaris Popovici e Laura Férnadez – 3º ESO
Grupo Maruxía – IES Perdouro (Burela)

8.3.17

Actividade extraescolar de Fabricación Mecánica

O luns 6 de marzo, o alumnado do ciclo de mecanizado e o de FP Básica realizou unha viaxe a Narón (Ferrol) co obxectivo de coñecer o grupo Intaf, referente no sector do mecanizado e así complementar a formación recibida no centro. Comezamos a visita con unha breve charla sobre seguridade e logo pasamos ao taller de mecanizado. Alí estaban realizando labores de fabricación e mantemento de grupos multiplicadores usados nos eólicos de Iberdrola. Posteriormente visitamos Evolventia e Sincromecánica. onde vimos o mecanizado e rectificado das coroas e engranaxes que levan internamente estes multiplicadores que transforman as 40 rpm (velocidade a que xiran as aspas dos eólicos) en 1500 rpm que necesita o xerador para producir electricidade.
A visita foi moi interesante e motivadora tanto para os alumnos como para os profesores. Ofrecéronnos e animáronnos a contemplar a posibilidade de realizar alí as prácticas da FCT, cousa que agradecemos enormemente, e así llo fixeron ver aos alumnos. Unha visita enriquecedora, didáctica e motivadora para todos nós.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...