28.4.16

Alumnos do IES Perdouro gañan o concurso de fotografía Imaxiña 2015

Esta tarde tivo lugar na biblioteca do IES Perdouro a entrega dos premios Imaxiña 2015, certame impulsado por Imdecum. Resultaron gañadores, Pablo García, premio do xurado e Tamara Rico, por votación popular a través de Facebook, ambos alumnos de 1º de Bach. Parabéns aos dous!!!

Encontro con Alfredo Gómez Cerdá

O pasado xoves 14 de abril, o Premio Nacional de Literatura, Alfredo Gómez Cerdá, visitou o IES Perdouro para ter un animado encontro co alumnado de 2º de ESO e falar do seu intrigante libro El rostro de la sombra, primeiro volume dunha triloxía que completan Pasos de marioneta e Los fantasmas del paraíso. Tres obras nas que distintos adolescentes vense na obriga de tomar unha importante decisión.
Antes do encontro, preguntabámonos como fan os grandes escritores para inspirarse. O noso autor revelounos que o máis insignificante detalle pode ser a idea inicial para a trama dun libro. No caso de El rostro de la sombra, a idea saltou cunha nova dun xornal: as consecuencias imprevistas das “gamberradas” da adolescencia e o imparable poder de difusión das redes sociais.
Gómez Cerdá confesounos que sempre lle gustou escribir, de neno xa creaba os seus contos e as súas poesías. Pero, pouco a pouco, foi descubrindo o seu camiño como escritor, camiño no que a narrativa é o seu xénero preferido.
Para o autor, os adolescentes somos os lectores máis atractivos. Segundo el, temos moitas inquedanzas, somos moi inconformistas e esiximos moito a quen escribe, algo para el fundamental nun lector dos seus libros. Por iso, escolle para nós temas actuais, que nos afectan directamente, coa fin de que teñamos un momento de reflexión sobre os problemas da sociedade actual. E, dende logo, que o consegue! 

Carmen Pernas Pernas
2º ESO B

Concerto didáctico na Coruña, encontro con Xurxo Souto

O día 20 de abril os alumnos de terceiro da ESO, algúns de primeiro de bacherelato e nós os de 4 de PDC fumos de excursión a Coruña. A viaxe durou máis ou menos dúas horas e media. Paramos no porto e de alí fumos camiñando á Praza de María Pita ata chegar ao Palacio da Ópera, onde xa nos estaban agardando para ver a actuación do grupo “Soncello Quartet” co espectáculos de “Mozart a Apocalyptica” que tivo unha hora de duración.
Ao saír tivemos a sorte de coñecer a Xurxo Souto; unha gran persoa e escritor galego. Dedicoulles o libro aos nosos profesores Dolores e Bernardo. Cando rematamos fumos visitar a Torre de Hércules cunhas maravillosas vistas ao Parque dos Menhires. Alí o noso profesor Penabade contounos onde estivo a cárcere e o que ocurria antigamente. Foi unha boa experiencia ver o Parque da Memoria.
Moito máis tarde fumos a comer ao centro comercial, onde tivemos unha hora de tempo libre.

Noelia Parga Gaitica e Carolina Arcila Arenas. 4º ESO PDC

25.4.16

Día do libro: obradoiro de escritura medieval

Crónica de Edmilson Monteiro Gomes - 2º ESO

O luns 25 de Abril, e tendo como referencia o Día do Libro,  os rapaces de 2º da ESO realizamos unha actividade escolar que consistía nun obradoiro sobre a escritura medieval.
A actividade comezou na biblioteca cunha resumida charla, cuns especialistas no tema, sobre a evolución da escritura e dos materiais empregados ao longo da Historia.
A  segunda sesión tivo lugar nas aulas onde nos ensinaron a escribir como se facía na época medieval.
Foi unha actividade amena, que ao mesmo tempo nos serviu para saber máis do traballo dos monxes copistas da época e tamén para traballar a caligrafía  e como método  de relaxación.

21.4.16

Di K Non - sesión 2 : visita ao centro penitenciario de Teixeiro

A segunda sesión do Obradoiro de prevención de drogodependencia entre Adolescentes Di K Non, realizouse na Unidade Terapeutica Educativa do centro Penitenciario de Teixeiro. Nesta sesión alumnos de 4º de ESO e 1º de FP básica foron visitar o centro penitenciario o mércores 20 de abril pola mañá. Situáronse nun contexto de privación de liberdade para comprender as consecuencias do consumo e/ou uso de drogas. Algunhas destas sustancias adictivas (alcohol, tabaco...), non están moi alonxadas dos entornos do alumnado e esa familiaridade dificulta o exercicio da capacidade de reflexión crítica para tomar decisións persoais responsables.


Antes de entrar ao módulo, impactounos as medidas de seguridade, as concertinas no alto dos altos muros...pero tamén vimos instalacións coidadas: limpeza, impresionantes murais deseñados polos propios internos, xardíns coidados por eles... O busto en madeira de Concepción Arenal (a pioneira ferrolana que cambiou diametralmente o modo de ver e tratar á poboación reclusa) presidía o módulo. Recíbennos cun agasallo. Unha preciosa pulseira de coiro elaborada por eles na que se pode ler o lema do programa: DI  K NON

Unha vez dentro do módulo, un dos internos explícounos as instalacións e o funcionamento das mesmas: comedor, taboleiro de imposicións, economato... A continuación, experimentamos algo de angustia cando visitamos as celas e pasamos nelas quince minutos observando, traballando e reflexionando. Despois, houbo diálogo entre internos, titores da UTE e alumnado entorno ás drogas.

E para acabar e en modo de despedida reflexiva os internos interpretaron dúas cancións que nos puxeron os pelos de punta: a  canción "No Dudaría"  de Antonio Flores, e  o himno da UTE, unha canción que nos fixo pensar e que leva por título "Historias de Calle"

¿Por qué será, que todo sigue igual?
¿Por qué será, por qué será?
Por mucho que lo intento, todo me sale mal.
¿Conseguiré mi libertad?
Batallas perdidas, me quedan por librar,
Batallas ganadas que no debo de olvidar.
Batallas perdidas, me quedan por librar,
Batallas ganadas que no debo de olvidar.
Quiero vivir, quiero soñar,
Quiero salir, ser feliz.
Volver a empezar parece sencillo
Difícil camino, sucio destino.
Miles de vidas, desperdiciadas.
¿Por qué será, por qué será?
¿Por qué será, que todo sigue igual?
¿Por qué será, por qué será?
Algunos se enriquecen con nuestra debilidad
Nosotros le compramos, lo que nos puede matar.
Algunos se enriquecen con nuestra debilidad
Nosotros le compramos, lo que nos puede matar.
Para no salir, no debemos entrar,
Porque si no, no hay vuelta atrás.
Tu vida entonces la desperdiciarás,
Y en tu mano, lo vamos a dejar……..
Volver a empezar parece sencillo
Difícil camino, sucio destino.
Miles de vidas, desperdiciadas.
¿Por qué será, por qué será?

Só resta  agradecer de corazón aos internos e aos titores e titoras da UTE o seu esforzo e traballo.

20.4.16

Di K Non - sesión 1 : visita dos internos ao noso centro

Na primeira sesión do obradoiro Di K Non que tivo lugar o martes 19 de abril, varios profesores da Unidade Teraupéutica do centro penitenciario de Teixeiro e os propios internos en base as súas experiencias e testemuñas como consecuencia da súa adicción ás drogas deron a coñecer a dura realidade do mundo das drogas e as súas consecuencias, en procura dun aprendizaxe que nos axude a aprender a identificar situacións e feitos que arrastran a multitude de adolescentes a crear toda unha serie de condutas de risco como o fracaso escolar, problemas coa xustiza, problemas coa saúde, comportamento violento, etc.

O obradoiro comezou coa representación en mímica dunha pequena obra teatral protagonizada polos internos. A droga que nos atrapa que nos priva da liberdade e do que máis queremos. De seguido proxectouse unha presentación con impactante ambientación musical sobre o tema da droga, causas e consecuencias. E antes de rematar, interviron os internos para contar a súa experiencia coas drogas e houbo rolda de preguntas, mostra do interese co tema dos nosos rapaces de 4º de ESO e 1º de FP básica. Como remate do acto recibimos un emocionante agasallo elaborado polos internos conmemorando a súa visita ao IES Perdouro.

Torneo de Xadrez - oitavos de final

Atent@s, para a semana xóganse os oitavos de final. Xa queda menos para a gran final!!! Quen será o campeón desta edición 2016? Pois en maio, xa o saberemos. Paciencia e moito ánimo aos aspirantes!!!

18.4.16

3º premio no Reto Alcoa

Os alumnos Aitor Eijo Oroza e Adriana Otero Pérez gañaron o terceiro premio da final nacional do Reto Alcoa; na 14ª edición da competición celebrada na U-tad (Universidade de Tecnoloxía e Arte Dixital) de Madrid o pasado venres 15 de abril.
O Reto Alcoa é un programa sobre xestión empresarial promovido pola Fundación Alcoa e oreganizaddo pola Fundación Junior Achievement. Consiste nunha simulación virtual de estratexias empresariais; evocando un mundo no que os estudantes son os directores executivos da súa propia empresa. Durante a competición, iniciada en decembro por internet, os alumnos dirixiron a súa propia empresa e tomaron decisións empresariais claves tales como: prezo do produto, niveis de producción, gastos e marketing, gastos de investigacións e desenvolvemento, donacións e porcentaxe de inversión en capital.
Os alumnos do Ciclo Medio de Xestión Administrativa do IES Perdouro de Burela, acompañados pola súa profesora Ana Belén Martínez, recolleron o galardón de mans de Clara Acebes, Directora de Comunicación Alcoa España, e Blanca Narváez, Directora General Fundación Junior Achievement. Ademais de participar na final presencial, tiveron a oportunidade de acudir a talleres de formación relacionados coas habilidades ou a busca de emprego impartidos por Jaime Elguero, Account Executive de General Electric, e Julio Carlavilla, Director de Comunicación de Citibank.

Día do Libro 2016

Así foi como nos preparamos para o Día do libro no IES Perdouro. Moitas grazas Raquel por este fermoso debuxo!

13.4.16

A emigración

O luns 11 de abril, o alumnado de 3º de ESO e de 4ºPDC tivo a oportunidade de asistir a un encontro con Marcial Fernández e Ramiro Martínez na biblioteca do instituto.

Un destes dous homes tal vez non sexa coñecido por ter unha moi boa formación académica, mais leva percorrido moito mundo e como resultado desas experiencias aprendeu a desenvolverse na vida con moita soltura.

Marcial Fernández foi mariño mercante. Ten 72 anos e reside en San Cibrao. Actualmente está xubilado.

Este home percorreu moitos países, mais non en todos tivo experiencias gratas. A súa primeira saída ao exterior -á Alemaña, en 1964- produciuse cando tiña 19 anos.

Alí residía en barracas de madeira en moi mal estado. Os inmigrantes duchábanse medio vestidos con roupa interior e rapidamente marchaban para iren traballar na industria. Como este tipo de vida non lle gustaba, despois decidiu probar sorte en Rotterdam (Holanda). A súa situación non mellorou moito. Neste novo lugar era un indocumentado e traballaba na limpeza de locais industriais e na hostelaría.

Mais non todo foron experiencias negativas. En Holanda, o emigrante galego conseguiu traballo en barcos mercantes e mentres navegaban aprendeu inglés coa axuda doutro tripulante. Desa maneira, podía entenderse cando lle falaban.

Con estas experiencias, retornou á súa terra e estudou soldadura. Con esa formación profesional, viaxou a Italia -o lugar onde se sentiu mellor acollido- e alí traballou nun estaleiro do sector naval.

Pouco antes da morte do ditador Francisco Franco, Marcial Fernández pasou a traballar na industria naval da comarca de Ferrol, mais no ano 1975 despediron moitos traballadores e el foi un dos afectados. Novamente tivo que marchar, desta vez para as plataformas petrolíferas do Mar do Norte, onde exerceu o oficio de soldador. En 1977 chegou á Mariña para traballar na fábrica de Alúmina-Aluminio.

Esta é, moi resumida, a historia dun home que nos dixo que non tiña metas na vida. “Se quería facer algo, facíao; sen pensar cara ao futuro”. Como resultado das súas experiencias, pensa que todo o mundo merece o mesmo trato, con independencia da raza, do lugar de orixe ou do aspecto físico.

Acompañaba a Marcial, Ramiro Martínez Carballosa, orixinario de Meira e sacerdote vocacional, que exerce o ministerio na comarca dos Ancares.

Estudou no Seminario de Lugo, mais por problemas de comportamento foi expulsado e tivo que ir rematar a formación a Madrid.

Actualmente traballa no equipo do Centro de Desenvolvemento dos Ancares, que se fundou no ano 1986.

Os testemuños destes dous homes foron moi interesantes.

12.4.16

Acto de presentación do Programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo, de Marco Pereira Oliveira e Helena Valle García

Na biblioteca do Instituto Perdouro celebramos o acto de presentación do Programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo, de Marco Pereira Oliveira e Helena Valle García, ambos alumnos do IES Perdouro de Burela.

En antena desde o 22 de xaneiro de 2016 en Radio Burela, o programa musical dedicado ás grandes voces da música cantada nos países de raíz galega chegará nesta semana a completar a súa primeira ducia de emisións. Ademais da selección musical, o programa emitido os venres entre as 7 e as 8 da tarde ten unha sección dedicada á conversa sobre a música. Na primeira das emisións o entrevistado foi o profesor Manolo Maseda Deán, acordeonista e voz dos Diplomáticos de Monte Alto, impulsor da Festa da Marosa e actualmente director do instituto de Baio. Nos seguintes programas, participaron en vivo e en directo grandes artistas como Miro Casavella, María do Ceo ou Xurxo Souto.
En cada unha das emisións, Marco Pereirra de Oliveira, alumno de Ciclo Superior de Administración e Finanza do centro burelao, está acompañado nos estudios de Radio Burela por Helena Valle García, alumna de bacharelato, que lle axuda no manexo do guión escrito en braille e que o acompaña na locución. Moi pendente da emisión está tamén Mónica Palacios Ferreira, que se ocupa todas as semanas de manter informada a audiencia a través do blogue Grandes Voces do noso Mundo que ela mesma deseñou.
Este programa musical dirixido polo mozo invidente ten xa unha audiencia moi fiel, distribuída por moitos lugares do mundo (Portugal, Cabo Verde, Francia, Reino Unido, Estados Unidos, etc.), e está apoiado por diversos docentes que traballaron con Marco no colexio Pedro Caselles e no Instituto Illa de Sarón, de Xove; no IES Marqués de Sargadelos, de San Cibrao; e na propia ONCE.
Ademais de por Helena Valle e Mónica Palacios, Marco Pereira estivo acompañado por Karina Parga, Vicedirectora do centro; María Jesús Permuy, profesora orientadora; Dolores Otero, profesora de Música; Belén López, coordinadora da área de innovación educativa; e por Cristina Ramudo, a profesora de Pedagoxía Terapéutica a quen el chama "os meus ollos" (porque ela se ocupa diariamente de transformar os materiais docentes para o sistema braille e ao mesmo tempo orienta o estudo do mozo cego).

11.4.16

Quérote máis en imaxes

Os alumnos de 3º de ESO traballaron coa axuda do seu profesor de plástica sobre ás temáticas tratadas no obradoiro Quérote máis: afectividade e sexualidade, imaxe corporal e autoestima, convivencia e valor da diversidade que plasmaron en imaxes.

10.4.16

Charla sobre educación viaria para ciclistas - 2º ESO

O pasado 8 de abril, os alumnos de 2º de ESO recibiron na biblioteca unha charla sobre "Educación viaria para ciclistas" impartida pola Policía Local de Burela. Manuel García Cerezo, axente da Policía, explicoulles aos rapaces como teñen que circular cando se desprazan en bici e cales son os elementos de seguridade imprescindibles. Esta actividade forma parte da Semana do Deporte impulsada polas Concellerías de Deportes e Medio Ambiente.

9.4.16

Novo premio para o Modelo Burela - Proxecto Hitzargiak (Linguas que se iluminan mutuamente)

Recortes de prensa: Fanse eco do noso recoñecemento !!!

Praza Pública (08/04/16): Oito iniciativas galegas, "inspiradoras" para outras comunidades lingüísticas

A Mariña do Progreso (08/04/16)



A voz da Mariña  (09/04/16): Un novo premio desde San Sebastián para o Modelo Burela
O proxecto Hitzargiak recoñece a acción educativa que se segue no instituto Perdouro en favor da lingua galega


5.4.16

Ruta histórico cultural por Burela - 1º ESO

O día 31 de marzo o alumnado de 1º de E.S.O. participou nunha das moitas actividades programadas polos Departamentos de Ciencias Sociais e Relixión Católica.

Realizar un roteiro xeográfico e histórico pola nosa localidade sempre ten interese e ademais, na maioría das ocasións, rematas enterándote de datos descoñecidos. Así foi para nós, os alumnos/as de 1º da ESO: interesante e enriquecedor. E se ademais lle engadimos a visita á igrexa da Vila do Medio, muito  mellor. As súas pinturas góticas merece a pena velas e estudialas. A pena é que esta testimuña da nosa historia non sexa o suficientemente recoñecido e que esta igrexa, recuperada polo pobo, non se lle saque o proveito que todos os veciños queren.

4.4.16

Mes do libro: novidades na biblioteca

E aquí as últimas novidades en literatura xuvenil, banda deseñada e outras obras de interese científico para todo tipo de público. Moitas son recomendacións vosas. Moitas grazas! Esperta a túa curiosidade e boa lectura!

3.4.16

Recoñecemento internacional para o Modelo Burela.

UNHA FONTE DE LUZ DESDE O CANTÁBRICO GALEGO

RECOÑECEMENTO INTERNACIONAL PARA O "MODELO BURELA"

O "Modelo Burela" entre as oito boas prácticas galegas escollidas polo comité científico do proxecto Hitzargiak 

A intervención educativa "Modelo Burela" do IES Perdouro de Burela acaba de recibir un novo recoñecemento, desta vez con carácter internacional. A Fundación Donostia / San Sebastián Capital Europea da Cultura 2016, que ten como obxectivo a creación dun novo modelo de convivencia nas relacións entre cidadáns, propúxose superar unha serie de retos e investigar novos modos de convivencia e de relación, e seleccionou a experiencia de Burela como modelo de boas prácticas. 

O proxecto Hitzargiak (Linguas que se iluminan mutuamente) é un proxecto que favorece a diversidade lingüística europea e que creará novas relacións entre as comunidades de idiomas e de falantes que están xa inmersos en procesos de revitalización. 
O eixo do proxecto fórmano as experiencias que utilizaron as comunidades de falantes, unhas experiencias "innovadoras, adecuadas, exitosas ou exemplares, tanto para a comunidade que os creou como para moitas outras comunidades lingüísticas", segundo as palabras da propia organización. 
A Fundación Donostia, Capital Europea da Cultura considera que o coñecemento público das boas prácticas poderá ter efectos multiplicadores. "Compartir experiencias, aprender dos demais, alimentarse mutuamente e colaborar nas iniciativas pode reforzar o éxito e, ademais de axuntar o enfoque global e o local, fortalecerá o movemento internacional", aseguran. 

Unha fonte de luz que ilumina desde o Cantábrico galego 
A meta do proxecto Hitzargiak é recompilar boas prácticas e mostralas na web, así como poñer en contacto organismos que están traballando na revitalización de idiomas. Eses son o seu punto de mira e o seu obxectivo. As boas prácticas reflectíronse nun mapa como unha luz situada no ámbito de influencia do idioma correspondente. 

Iniciativa premiada en numerosas ocasións 
Ademais de numerosos premios outorgados pola administración educativa, a intervención educativa "Modelo Burela" xa recibira en 2010 o premio da Fundación Peña Novo, recollido o 30 de xuño daquel ano no Castelo de Soutomaior por unha ampla delegación veciñal á fronte da cal estiveron o alcalde Alfredo Llano e a artista caboverdiana Antonina Semedo. 
Máis recentemente, hai agora un ano, outra iniciativa Modelo Burela conseguiu facerse en Barcelona co premio convocado por Educo-Educación sen Fronteiras para impulsar experiencias educativas integradoras en base ao recoñecemento da interculturalidade. 

Repercusión extraescolar 
Esta iniciativa educativa en aplicación desde 2004 foi no seu día tomada como base para a elaboración do Proxecto de planificación lingüística municipal, que foi aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas no Concello de Burela no mes de abril de 2008; e que foi aplicado pola primeira institución local entre esa data e o final da lexislatura en 2011. 


"Di K Non" Obradoiros para a prevención do consumo de drogas en adolescentes.

Participamos por primeira vez no programa "Di K Non" en colaboración coa Fundación Barrié - Obradoiros para a prevención do consumo de drogas en adolescentes. 
Di-K-Non é unha experiencia educativa para previr o consumo de drogas en adolescentes, na que os internos da UTE (Unidade Terapéutica Educativa) do Centro Penitenciario de Teixeiro comparten as súas experiencias con escolares galegos coa finalidade de previr os adolescentes sobre o consumo de drogas.
Resultado de imaxes para di k nonDi K Non diríxese especialmente a alumnos de educación secundaria, bacharelato e ciclos formativos por ser un grupo de risco e a idade de inicio do consumo de drogas.
Algunhas das persoas que están na UTE de Teixeiro comezaron, nesta idade, a delinquir como consecuencia do consumo de drogas e, agora, logo dun proceso de rehabilitación, queren transmitir a súa experiencia e información aos adolescentes para sensibilizalos/as e proporcionarlles instrumentos para evitar situacións de risco e consumo.
O obradoiro desenvólvese en dúas partes: 
  • visita dos internos no IES Perdouro destinada ao alumnado de 4º de ESO e 1º de Bach.  
  • visita dos alumnos de 4º de ESO e 1º de FP Básica ao centro penitenciario de Teixeiro
O obradoiro desenvólvese dun modo bidireccional: os internos teñen a oportunidade de contribuír á prevención dun problema que teñen padecido e á comunidade educativa ofréceselle un proxecto innovador apoiado polos profesionais do equipo multidisciplinar da UTE Teixeiro.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...