30.10.14

Obradoiro radiofónico nº 1 - O GALEGO NA ONDA


O Galego na Onda....

Durante toda a tarde do mércores 29 de outubro, un grupo de alumnos/as do IES Perdouro recibiu un obradoiro de comunicación radiofónica impartida polo actor Rubén Riós e o técnico e produtor Andrés Rozados nos estudios de Radio Burela. A actividade está convocada pola Rede de Dinamización Lingüística con motivo da celebración das Letras Galegas. Macarena Ledo e Elena Valle, alumnas de 1º de bach, foron premiadas no certame O Galego na Onda, concurso de cuñas radiofónicas celebrado no galo do Día das Letras. Nesta primeira fase do certame, as gañadoras reciben unha xornada formativa onde o actor e comunicador Rubén Riós trata aspectos relacionados coa modulación da voz, a importancia da ambientación musical, así como doutros efectos sonoros. Tamén farán práctica de redacción e locución radiofónica, de producción, de estructura do guión e das capacidades a desenvolver para a locución na radio ( dicción, improvisación, vocalización...) de cara a gravar unha emisión especial para a segunda fase do concurso. Será o 12 de novembro cando os nosos alumnos fagan a súa proposta de programa para esta segunda fase. Desexámoslles moita sorte!!! Foi unha xornada de moito proveito!!!!!

Máis info...

e aínda máis aquí

Crónica da xornada "Construye tu carrera" Fundación Alcoa

José Ramón Leiva - Orientador

Voz de Galcia
A actividade na que participaron os nosos alumnos de 1º B de bacharelato, estivo enfocada a reflexionar sobre os factores que condicionan o éxito á hora de elixir os estudos superiores, unha vez finalizado o bacharelato.
Estivo máis centrada nas chamadas carreiras STEM, (science, technology, enginnering and mathematics).
A sesión dividiuse en tres seminarios nos que se abordaron distintas temáticas. A primeira foi a de abundantes oportunidades. Qué nos leva a inclinarnos por un campo de coñecemento determinado?
Pilar e Maribel (responsables do departamento de recursos humanos de Alcoa) falaron das súas experiencias. Unha é graduada en dereito e a outra graduada en psicoloxía. Pilar comentounos que cando estaba no instituto, a asignatura de Filosofía serviulle para despertar a súa curiosidade, estaban estudando as teorías da Gestalt (unha corriente que fala da percepción e como se organizan os estímulos en función de unidades de organización máis globais, mais ben que a través de  acumulación de percepcións illadas. Unha frase que a definiría sería “O todo é máis ca suma das súas partes”. A raíz diso, empezou a profundizar noutros procesos psicolóxicos como a linguaxe, os comportamentos grupais… E a partir dese momento descubriu que intereses tiña. Recalcou moito a idea de que á hora de elixir algo, se ese proceso ven dende o interese persoal, dende o cuestionamento interno, o proceso é máis doado. Maribel tamén falou da súa experiencia. A medida que avanzaba no coñecemento do dereito sentíase máis atraída hacia a súa futura especialización na xestión dos recursos humanos.
Os alumnos na 1ª sesión reflexionaron e fixeron traballos grupais acerca das numerosas opcións que se lles presentan á hora de elexir estudos: ramas de coñecemento, ciclos, graos, mestrados ou incluso doutoramentos.
Outro dos factores foron os intereses profesionais: convencional, artístico, social, innovador….
Resaltouse tamén a idea do ambiente de trabajo, se nos gustaría traballar como operarios nunha planta de manufactura, ou ben ao aire libre facendo traballos de campo, ou nun laboratorio….
Abordouse tamén o tema das disciplinas STEM. Como estas disciplinas, teñen un compoñente aplicado que nos pode levar dende aplicar coñecementos matemáticos para resolver problemas de análise de datos deportivos, ou crear aplicacións informáticas no campo da industria textil que permiten os clientes saber se unha prenda lles senta ben, sen necesidade de probala. Utilizando representacións tridimensionais dos clientes e conectándoas coas dimensións das prendas. 
No mundo da banca, desenvolvemento de software específico que posibilita os servizos de banca electrónica…Fíxose moito fincapé na idea de que as ciencias puras van por diante das outras disciplinas no que se refire a súa proxección na resolución e planificación de problemas plantexados nun escenario futuro. Levándoo a tal extremo que o director de Alcoa dicía sentirse máis feliz nunha ferretería que nunha librería – algo co que discreparan os profes de linguas que levan a biblioteca do noso centro-. Xa máis en serio o que si é unha realidade é que o 80% dos postos de traballo que ofertarán no futuro, estarán ligados as disciplinas STEM. E que o desenvolvemento tecnolóxico e industrial dun pais depende de técnicos de distintos niveis nestes campos. Países como Arabia Saudí están planificando o seu futuro sobre este campo, unha vez que esgoten os seus recursos naturais. A demanda de profesionais con estas cualificacións e cada vez máis grande, e proven de países como India ou China, onde os estudantes teñen unha preparación óptima en razoamento lóxico-matemático. Isto levounos a outra reflexión importante entre ciencias e letras. O alumnado de ciencias pode empregar dúas horas en resolver un problema matemático, mentres os de letras nese tempo poden memorizar ou adquirir coñecemento. Realmente iso pode levar a pensar que o tempo utilizado polos alumnos de ciencias e menos útil ou se lle quita menos proveito. Isto levounos outra vez a ligalo o tema das competencias. Todas son importantes, pero as destrezas no pensamento hipotético deductivo, son fundamentais para resolver problemas, e aplicar ese corpus de coñecemento o desenvolvemento das sociedades.
Isto levanos outra vez a importancia do coñecemento de idiomas nun mundo globalizado. Se podemos dominar a lingua inglesa, e  unha segunda, ou incluso terceira lingua estranxeira, abriránsenos moitas portas no eido do traballo.
Nunha segunda sesión analizamos os distintos aspectos de distintas profesións seguindo o guión de: tarefas diarias, ambiente de traballo, intereses e formación necesaria.
Os perfís foron distintos, pero todos relacionados coas carreiras STEM: diseñador de software informático, técnico de xestión de residuos urbanos ou astrofísico. 
A última sesión da mañá, foi organizar todos estos factores e condicionantes e crear un plan para tomar unha decisión con garantías. 
Para finalizar hai que agradecerlle a Fundación Alcoa e a proxectos como Junior Achievement a súa colaboración cos centros educativos para axudar os nosos estudantes a reflexionar sobre unha decisión que será importante non só dende a perspectiva do futuro persoal senón dende a perspectiva da organización e efectividade do noso sector produtivo.

4º ESO - Visita a Lugo

O alumnado de 4º ESO viaxou ata  Lugo para visitar o casco histórico e aproveitou para acercarse ata a rotativa do xornal O Progreso. A actividade foi organizada conxuntamente polo departamento de Relixión e o ENDL

28.10.14

1º ESO - Charla de Astronomía

O pasado día 28 de outubro, veu Alfonso Piñeiro, director do IES Porta da Auga de Ribadeo, a darnos unha charla ao alumnado de 1º de ESO sobre astronomía.
Primeiro, falounos un pouco do sistema solar: onde está situado, que corpos o forman, tamaño dos mesmos, as súas órbitas, distancias, ....
Informounos tamén dos aparellos e vehículos espaciais que, na actualidade, están desenvolvendo estudos sobre o universo.
Dixo que se estaban enviando robots a Marte e que que querían que unha nave, Rossetta, se pousara nun cometa que se dirixe cara o sol.
A min a charla gustoume porque aprendimos cousas que non sabiamos e recordamos o que xa coñeciamos.

Crónica de Marta Lestao Fernández, alumna de 1º ESO A

25.10.14

1º Bach - Xornada formativa de orientación: JA Contruye tu carrera

O alumnado de 1º de Bac. Científico asistirá o vindeiro 29/10/14 a unha xornada formativa que leva por título JA CONSTRUYE TU CARRERA, actividade promovida pola Fundación Alcoa. O obxectivo é promover o coñecemento das carreiras profesionais relacionadas coa Ciencia, a Tecnoloxía, a Inxeñería e as Matemáticas (STEM) con alta demanda no mercado laboral.

24.10.14

Crónica Conferencia "Ouro impuro" por José Fernández

Pola vida
              Por José Fernández López

Este xoves 23 asistimos a unha charla moi instrutiva impartida polo ecoloxista Moncho Varela. Nesta charla falounos sobre os problemas e vantaxes (vantaxes escasas) que suporía ter minas na nosa terra. 
Ás once da mañá comezamos coa charla “Ouro impuro: A loita por Corcoesto”. Na primeira parte mostrounos o fermosa que é a nosa terra, concretamente nunha rexión de Galiza coñecida como a Costa da Morte. Nas parroquias de Cangas hai unha gran industria láctea, gandeira, pesqueira e agrícola, que se ve afectada por estes proxectos de megaminería. Vimos tamén o percorrido entre certas parroquias que contan con vinte e catro antigos muíños. No municipio de Cabana de Bergantiños hai monumentos históricos como o dolme de Dombate, considerado a catedral do megalitismo, que contén gravados e diversas pinturas duns 6000 anos de antigüidade, castros, etc. Ademais, no Parque Nacional das Illas Atlánticas coexisten fauna e flora sen unha gran presenza humana. Sábese pola presenza de bioindicadores (animais aos que lles afectan os cambios ambientais de tal forma que falecen). Alí crecen, aliméntanse e reprodúcense especies asombrosas. Actualmente está en expansión o lobo ibérico, que dende a posguerra foi moi cazado pola súa abundancia e actualmente escasea.
A segunda parte trata sobre a febre do ouro. Dende épocas prerromanas, en Galicia aparece a explotación de ouro. Pódese ver unha exposición sobre isto no Museo Provincial de Pontevedra, que conta con pezas procedentes do castro de Santa Tegra como o casco de Leiro, un casco de ouro macizo con gravados. Despois da conquista romana, segundo textos de Plinio o Vello, entre Galicia, Asturias e Lusitania reuníanse 20.000 libras anuais de ouro, sobre todo das Médulas. Neste xacemento a extracción realizábase por decantación. A partir de 1492, co descubrimento de América, o Imperio Español, ademais de abrir outras rutas comerciais, interesouse polo ouro que se atopaba naqueles lares. O imperio español explotou o máximo posíbel as posibilidades auríferas de Sudamérica. A mediados do século XIX atravesouse un período chamado Febre do Ouro, durante o cal miles de persoas comezaron un éxodo masivo cara a lugares máis rurais para conseguir ouro con fins comerciais. Actualmente, existe un segundo período de Febre do Ouro, que comezou co inicio da crise e co ascenso do prezo do ouro. Realmente, pódese ver o auxe dese negocio porque antes da crise económica apenas existían tendas de “Compro Ouro”. O ouro sempre tivo un atractivo especial para o ser humano pero é incrible o prezo que alcanzou na actualidade.
Na terceira parte entendemos a relación de todo anterior co caso que nos viña presentar. A explotación de minas de ouro, na cal todo son problemas. Existen tres métodos para a separación de ouro. A gravitación (un sistema que non contamina pero que xa apenas se pode usar porque todo o ouro que había na superficie levárono os romanos); a flotación, que consiste no uso de escumas que separan compoñentes e a lixivitación, o máis contaminante e máis usado. Neste método emprégasase cianuro de sodio, mercurio, etc para poder separar a arsenopirita producindo residuos de cianuro, arsénico, etc, que se depositan en diques de cola que non son 100% infalibles, xa que poden romper. Por exemplo, este verán un dique de cola en Canadá rompeu e verteu todo os seus residuos aos ríos e solos. Ademais, neste tipo de accidentes medioambientais evapóranse residuos que producen enfermidades canceríxenas. Á parte disto, contamínanse toneladas de auga e úsanse explosivos tamén prexudiciais para o medio. Por sorte, no Parlamento europeo prohibiuse o uso de mercurio neste tipo de megaminería (5 de maio de 2010), pero existen multinacionais ás que lles sae máis rendible pagar a multa e saltar as normas.
Alguna destas multinacionais quería explotar un veta existente en Galicia, que vai desde Ferrol a Tui e o seu obxectivo era comezar en Corcoesto, onde se asenta un pequeno xacemento de ouro equivalente a un camión, deixando miles e miles de toneladas de residuos tóxicos. O Parlamento galego opúxose a este proxecto grazas a actuación de Change.org pero o problema continúa existindo en Asturias, onde Asturgold, Edgewater, etc queren perforar en Tapia de Casariego e para isto prometen 217 postos de traballo durante oito anos. Por todo o exposto anteriormente, decatámonos de que o prezo a pagar é demasiado elevado.  
Hai exemplos en Grecia, como a mina de Skouries, un sitio fermoso que foi destruído, arrasado e contaminado. Outro caso salientable é o da Baixa California (México), onde activistas ecoloxistas levan oito anos loitando por impedir que un destes proxectos saia adiante. 
Existen informes de que este proxecto en Tapia é inviable sen repercusións no medioambiente, para canto máis nunha zona onde abunda o sector primario. 217 mineiros non poden substituír a mariñeiros, gandeiros, marisqueiros, etc, ademais do abondoso turismo que está acollendo a zona durante estes últimos anos.
Na miña opinión, a explotación dunha mina de ouro é o peor que pode suceder no relativo á conservación do medio ambiente natural e do patrimonio cultural e humano. Os desastres ambientais acaecidos este verán en Canadá pola fuga dunha bolsa de contención, a explotación do ouro no río Amazonas con mercurio ou o Monte Furados, unha mina construída polos romanos que aínda contamina dende hai 2000 anos son exemplos das consecuencias negativas das minas. Aínda me asombra que a estas empresas só as multen economicamente cando usan produtos que son nocivos para todos. Se algún ricachón das empresas internacionais que quere construír esta mina di que isto que escribín é todo mentira que constrúa un chalé en primeira liña de mina. A ver se ten o que hai que ter para pisar ese chan, beber esa auga e respirar ese ar. Este artigo fágoo por min, pola Terra, por Galicia, por Asturias e pola vida. 

Sensibilización medio ambiental, unha charla de Moncho Varela - Minas a ceo aberto

“OURO IMPURO: A LOITA POR CORCOESTO” 

O xornalista Moncho Varela, especialista en temas medioambientais, achegouse ao IES Perdouro o xoves 23 de outubro para impartir ao alumnado de 4º de ESO e os de 1º e 2º de Bacharelato unha conferencia de divulgación da actividade das megaminerías do ouro co obxectivo de sensibilizalos sobre as graves consecuencias medioambientais que conlevan os sistemas de extracción do ouro e os efectos sobre a saúde, os seres vivos e o entorno natural.


O xornalista empezou a súa exposición cunha viaxe pola comarca de Bergantiños na Costa da Morte, entre Ponteceso e Cabana, facendo especial fincapé na súa paisaxe natural (ríos, fervenzas, montes, ...), na biodiverdiade vegetal e animal, nas actividades económicas tradicionais (da terra: agricultura, gandería, muiños e do mar: marisqueo, carpintería de ribeira), nos valiosos vestixios arquitecturais (peculiar cruceiro de Borneiro, Mosteiro de San Martiño, Castro de Borneiro, o Dolmen de Dombate).

Logo de abraiarnos cos tesouros naturais, monumentais e sociais da súa comarca, continuou a súa conferencia facendo un breve repaso histórico da febre do ouro dende os romanos (un claro exemplo é a explotación das Médulas), na Idade Media co saqueo das Américas coa conquista, pasando pola época do far West ou en Alaska nos anos 20, para acabar actualmente no Amazona ou en Perú onde unha minería fluvial deixou un río sen vida de lodo con chumbo e mercurio. 

Unha vez expostos a riqueza da terra galega e a historia do ouro, Moncho Varela falounos moi persoalmente do caso da mutinacional Edgewater Exploration que pretendía abrir unha mina a ceo aberto no Monte Furado, preto da súa casa natal. Expuxo os métodos para extraer ouro. Un dos procesos moi contaminante é o proceso de lixiviado con cianuro para separar o ouro da pedra. 

O conferenciante comprometido pola loita social contra as minas levantou a toma de conciencia entre o público con moitísimos exemplos dos impactos que suporía semellante explotación: un impacto ambiental descomunal que leva a morte, un coste da extracción exaxeradamente elevado, o uso ínfimo industrial do ouro, precariedade laboral a longo prazo, moita especulación. 

En definitiva nesta sesión especial de educación medioambiental, Moncho Varela quixo espertar a conciencia crítica do alumnado plasmada nun problema local galego achegándose non só o aspecto científico do tema, senón tamén o social e as repercusións nas localidades próximas á mina con mobilizacións de parte da poboación debido á preocupación creada.

É un deber de todos defender o noso patrimonio natural, cultural, social e non os intereses económicos e políticos para o enriquecemento dunha multinacional. A mobilización e a loita é posible xa que o 15 de outubro de 2013 a Xunta tivo que cancelar dito proxecto de Corcoesto pola forte presión social.

É obriga de todos evitar que un desenvolvemento económico non sostible remate con boa parte do planeta e da súa calidade de vida.

19.10.14

Viaxe ao Camiño de Santiago

O xoves 16 de outubro os alumnos de Relixión de 3º ESO e os de 3º PDC viaxaron a Samos e ao Cebreiro para coñecer in situ algún tramo do Camiño de Santiago.

A primeira parada foi no Mosteiro de Samos. Alí os rapaces visitaron os claustros, a igrexa, a sancristía, a antiga botica, os corredores das celas dos hóspedes etc. Recibiron abundante información sobre a historia do Mosteiro e a súa relevancia no Camiño a Santiago. Tamén constataron a súa aportación á literatura galega a través, por exemplo, do Padre Feixoo ou de Ramón Cabanillas.
Cómpre salientar as interesantes explicacións que recibiron de dous monxes residentes no Mosteiro, o padre Gregorio e o padre Leandro, que expuxeron a súa traxectoria vital e profesional e as razóns que os levaron a elixir a vida monástica.
Pola tarde, as actividades continuaron coa visita á igrexa de Santa María do Cebreiro. Este templo prerrománico dá entrada ao Camiño de Santiago en Galicia. A copiosa chuvia impediu que se puidese realizar o traxecto de 1100 m que separa a igrexa da fronteira coa provincia de León.
Por último, os rapaces tiveron un pouco de tempo de lecer na parada realizada en Lugo e a chegada a Burela tivo lugar sobre as oito da tarde.
Unha mágoa que chovera e que non puidésemos gozar de máis tempo ao aire libre!

15.10.14

Documental Muller (es) Muller - 4º ESO e 1º Bach

O pasado 14 de outubro, os alumnos/as de 4º de ESO e 1º de Bach. asistiron a proxección da longametraxe Muller(es)Muller, da produtora galega SocialDocs e realizado coa colaboración do Instituto da Muller. A actividade programada polo CIM pretende “promover a igualdade de oportunidades entre mozos e mozas, así coma a prevención da violencia de xénero”.

Segundo indica Diana Durán, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, quen abriu a xornada, “a cinta busca dar luz sobre o papel das mulleres na sociedade e na transmisión de valores e os cambios que se producen dunha xeración a outra”.

O papel das mulleres na sociedade transformouse, pero máis aló de datos estatísticos que o confirmen, a realidade sempre funciona como un potente indicador. Tres xeracións de mulleres, tres mundos, tres vidas coas súas coincidencias e discrepancias, permítennos submerxirnos nesa realidade multiforme e cambiante do que significa ser muller.

O proxecto, que requiriu case dous anos de traballo e a participación dunha vintena de profesionais, recolle a realidade de dezanove mulleres de diferentes xeracións, cunha particularidade: trátase, en cada caso, de tres xeracións da mesma familia. Seis familias de tres mulleres (catro, nun dos casos) que mostran sen tapuxos á cámara as súas visións do que é ser Muller.

O documental conta tamén coa participación de diversas escritoras, como Yolanda Castaño, Olga Novo, Marilar Aleixandre, Chus Pato, Carmen Blanco e María Reimondez.  

Nova recollida en Crónica3: clica aquí.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...