30.4.14

Alumnos en Londres

E aquí os alumnos de 4º de ESO disfrutando de 4 días en Londres con Toni Galdo, o seu profesor de Inglés.
Natural history museum

28.4.14

De Burela a Rianxo a través das ondas

PALABRAS DE SAÚDO DA EXPEDICIÓN DO IES FÉLIX MURIEL

Estamos encantados de estar hoxe en Burela e moi agradecidos do acollemento.
Desde o curso 2004-2005 levamos facendo intercambio co alumnado que é membro do ENDL. Esta actividade vén sendo un premio ao traballo de todo o curso para este alumnado pero tamén está concibida como unha actividade educativa e didáctica. Polo tanto vimos aprender hoxe de como se desenvolve o labor normalizador do centro de ensino de referencia, e non só no ensino é referencia o ENDL do IES Perdouro, senón no conxunto da sociedade. 
A verdade é que desde que soubemos o proxecto deste IES cando lle concederon o primeiro de múltiples premios de innovación, sempre quixemos vir coñecer o seu labor de primeira man, así que hoxe, que por fin estamos aquí, só podemos estar moi contentos.
Tiñamos ademais moito interese en ver como traballabades coa radio, por iso a visita está a ser do máis completa, polo que reitero o noso agradecemento.

Valentina Formoso (Coordinadora EDLG do IES Félix Muriel, Rianxo)

De Burela a Rianxo a través das ondas!

PALABRAS DE BENVIDA PARA A EXPEDICIÓN DO IES FÉLIX MURIEL

Ás veces pode ser cuestionada a necesidade dos ENDL ou dunhas xornadas de convivencia lingüística coma estas porque pode haber quen pense que isto non é preciso. Nós sabemos que si o é. E aprendemos o camiño da normalización xuntos. Porque é importante contar con axuda durante o percorrido para non sentir soidade e recibir ánimo dos compañeiros.
Vendo a páxina veb do voso centro e o voso blogue atopamos unha imaxe preciosa: a da pomba da paz, mais da paz lingüística.
Nós aprendemos de vós, do voso traballo constante, diario, inesgotable. Porque nós tamén queremos coma vós a paz lingüística e isto significa, efectivamente, o respecto e a convivencia en igualdade. E de momento, igualdade non temos. Entón, traballamos para que se respecte a nosa lingua, para non deixala morrer, para alcanzar logros que, coma nós, vós tamén pedides:
Nós tamén queremos ler as noticias do mundo na prensa diaria en galego,
queremos ver filmes no cinema en galego,
queremos que nos atendan en galego,
queremos que non pensen que somos brutos por falar en galego
queremos aprender calquera materia en galego,
queremos, en fin, alcanzar a paz lingüística, a convivencia en igualdade para as linguas e, para iso, cada día procuramos dinamizar e normalizar o uso do galego en todos os ámbitos: un traballo moi necesario.
O ENDL do IES Perdouro dávos a benvida e agradécevos a vosa disposición para traballar polo galego nun mundo cada vez máis globalizado e dixitalizado dun xeito interactivo e colaborativo. Cremos que ese é o mellor xeito de asegurar o presente e o futuro da nosa lingua.
Moitas, moitas grazas por vir.

Miruca Parga (Coordinadora do EDLG do IES Perdouro, Burela)

Intercambio dos Equipos de Dinamización Lingüística - IES Perdouro - IES Féliz Muriel de Rianxo

O IES Perdouro acolleu este luns 28 de abril unha delegación de 49 alumnos do IES Félix Muriel de Rianxo que forman parte do Equipo de Dinamización Lingüística no marco dun intercambio entre ambos EDL. Nesta 1ª xornada de conviviencia entre os alumnos dos dous centros educativos, tocoulle ao IES Perdouro facer de anfitrión. A 2ª xornada celebrarase en Rianxo o 7 de maio.

Foron os alumnos de 4º de ESO e 4º PDC os que se encargaron da acollida no centro educativo. O itinerario que lle tiña preparado o IES Perdouro pola Mariña aos alumnos de Rianxo empezou en Cervo visitando un empresario Modelo Burela, o alfareiro Estéfano Gudín. Fixeron unha parada ao complexo industrial de Sargadelos onde se lles falou de Isaac, Dieste e Seoane así como da historia do Marqués de Sargadelos.

A partir das 13:05 horas, emitiuse un programa especial e en directo "DE BURELA A RIANXO A TRAVÉS DAS ONDAS!"dende a biblioteca do IES Perdouro onde participaron os alumnos de ambos centros.
POR PRIMEIRA VEZ Proxecto Neo gravou un programa en directo realizado desde FÓRA DO ESTUDIO de Radio Burela, conducido polos presentadores do programa de radio educativa da Emisora do Corazón da Mariña: Maka Ledo, Simon Rodriguez Rouco e Sergio Rivas Baliña. DE BURELA A RIANXO A TRAVÉS DAS ONDAS! Foi a primeira vez que RadioBurela fixo unha experiencia destas.  


Ao medio día, houbo unha comida de confraternidade entre os participantes na área recreativa do Cantiño e logo uns xogos populares.

Pola tarde, de camiño a casa, os alumnos de Rianxo pararon en Mondoñedo para visitar no seu itinerario literario as tumbas de Cunqueiro,  Pascual Veiga e Leiras Pulpeiro.


25.4.14

A Mariña Emprende: visitando Industrial Recense - A Pontenova

Dentro do programa de actividades deseñado polo proxecto A Mariña Emprende, o alumnado de 4º de ESO, 4º PDC e PCPI viaxou o venres 25 de abril ata a Pontenova co obxetivo de sensibilizarse co espírito emprendedor como forma de favorecer a súa empregabilidade, responsabilidade e autonomía persoal. Visitaron empresas do sector do metal nas que puideron ver de primeira man cómo era a produción artesanal asi como a actual produción industrial automatizada.

Visitaron a empresa Industrial Recense que se dedica a sistemas de fixación a medida para a construcción e outros sectores. Entrevistáronse co seu patrón que lles explicou a historia da empresa, o número de empregados, as exportacións polo mundo e as cifras do negocio. Foron testemuña dun claro exemplo de emprendemento: o crecemento dun pequeno taller de artesanía a unha empresa competidora e líder a nivel internacional.

Ademais desprazaronse ata Riotorto para visitar o obradoiro do ferreiro MAF (Ferrería e mazo tradicional) que lle ensinou o proceso de fabricación cun coitelo, dende a forxa ata o mango. Un traballo artesán de moita dedicación....

Foi un grato descubrimento para o alumnado que puido acercarse ao mundo empresarial.

Agradecemos a excelente reportaxe gráfica realizada por Alberto Rivera Caboalles, profesor de informática dos alumnos de 4º!!!

Carteis Letras Galegas 2014 - Xosé Díaz Castro

Fanse públicos os carteis das Letras Galegas 2014 para primaria e secundaria. Felicitamos ao alumnado de 1º de Bach polo seu traballo así como o traballo de supervisión, correción, e maquetación da súa profesora, Miruca Parga.
Na web de Política lingüística, xa se poden descargar os carteis, a guía didáctica e o marcapáxina para secundaria así como acceder a unha chea de recursos elaborados polos centros de ensino de Galicia co fin de difundir a figura e o legado de Díaz Castro.

24.4.14

Estraviz

Artigo de Antón Niñe publicado na Mariña do Progreso (24/04/2014)  sobre a presentación do libro de Bernardo Penabade, Conversas com Issac Alonso Estraviz



O labor do tradutor

Dentro das actividades desenvolvidas en torno aos VI Encontros de Banda Deseñada na Mariña, a biblioteca do IES Perdouro de Burela contou coa visita de Isabel Soto e Xavier Senín, os tradutores ao galego da voz dos irredutibles galos Astérix e Obélix. O alumnado de francés de 3º, 4º de ESO e 1º de Bacharelato asistiu a unha charla que tivo por título "O labor do tradutor".
Isabel Soto iniciou a conferencia repasando a historia dos autores e personaxes da banda deseñada francesa así como das súas primeiras versións en galego e incidiu na importancia de traballar en equipo para os tradutores. Pola súa banda, Xavier Senín contounos as dificultades idiomáticas coas que se atopan para trasladar os textos ao galego. Ámbolos dous manifestaron que traballaron con gran secretismo para a estrea mundial -o pasado mes de outubro- do último número da BD, Astérix e os Pictos. Alén do labor de Isabel e Xavier, o equipo de Uderzo leva a cabo unha rigorosa supervisión de todas as traducións das súas obras.
Transmitiron con esta charla interesantísima a paixón polo sétimo arte e espertaron entre o alumnado o interese  pola profesión de tradutor, moitas veces esquecida.


Artigos de prensa relacionados coa saída da BD en galego: 

Entrevista a Xavier Senín en CRTVG:
A tradución ao galego. Entrevista a Xavier Senín

Cartel dos VI Encontros de Banda Deseñada na Mariña

Agradecemos a colaboración desinteresada do ilustrador Daniel Vilas por ceder unha das súas ilustracións para o cartel dos encontros deste ano. (Imaxe do personaxe Pingüino de Batman)

23.4.14

Día do Libro - maratón de lectura

O alumnado de 4º ESO e PDC acudiu ao chamamento do Colectivo Cultural Buril para conmemorar o día do libro participando no IV Maratón de Lectura de Burela, acto de tivo lugar no salón de plenos do Concello. A nosa selección literaria foi a obra Unha estrela no vento de Ledicia Costas, unha novela xuvenil de moito éxito. 

15.4.14

Mostra dos traballos de manicura das alumnas de 1º CM Perrucaría

As alumnas de 1º de Ciclo Medio de Peiteados e Cosmética Capilar, realizaron como traballo de final de trimestre para o módulo de estética de mans e pés unha mostra de unllas creativas que lles mandou a súa profesora, Mariser San Lorenzo.

A mostra dos traballos está actualmente exposta na vitrina da entrada do centro.

10.4.14

Visita TICS á Coruña e Guitiriz

O pasado luns 7 de abril os alumnos de TICs de 1º de Bacharelato visitaron a Universidade da Coruña. Alí dirixíronse en primeiro lugar ao Pavillón de Estudantes, desde onde os acompañaron á Facultade de Informática, onde foron recibidos polo decano que os acompañou en todo momento. 
A visita a esta facultade resultou moi interesante e amena. Nunha hora aproximadamente presentáronnos o quefacer dos alumnos que cursan estes estudos universitarios. Vimos o lugar común onde os estudantes poden realizar prácticas en equipo cos seus ordenadores ou simplemente charlar. Accedemos á sala onde se localizan os ordenadores centrais de toda a Universidade da Coruña, unha estancia ruidosa debido á necesaria ventilación e ateigada de torres de racks e cableado. Un lugar que realmente impresiona. 
Logo dirixímonos a un salón onde nos expuxeron as distintas especialidades do grao que se pode obter nesta facultade e as moitas saídas laborais. De feito, fomos informados de que non existe o desemprego para os informáticos. 
A continuación, visitamos distintos laboratorios onde se desenvolvían apaixonantes proxectos de investigación. No laboratorio de bioinformática traballaban con imaxes para indagar a relación dos cambios na pupila con determinadas enfermidades. Tamén nos mostraron proxectos relacionados coa robótica con aplicacións moi prácticas e útiles. 
A visita resultou moi amena e a quixeron mostrarnos que os informáticos deben ser persoas moi sociables e moi relacionadas con numerosos ámbitos do saber para posibilitar o entendemento e ofertar solucións axeitadas a calquera que precise do seu saber. 
Logo, achegámonos á Facultade de Economía. Para os alumnos que estaban interesados nalgún dos graos que oferta este centro universitario tamén resultou unha visita moi esclarecedora, pois explicáronnos pormenorizadamente en que consistía cada especialidade, as súas saídas profesionais e disiparon todas as dúbidas que lles expuxemos.
Mostramos o noso agradecemento aos responsables destas dúas facultades polo amable e atento trato recibido. 
Despois disto, comemos algo e pasamos algún tempo de lecer nun centro comercial para repoñer forzas e tomar o camiño de Guitiriz. 
Nesta vila recibiunos Alfonso Blanco Torrado, párroco, profesor de Relixión do instituto desta localidade, incansable dinamizador cultural e coordinador da Asociación Cultural Xermolos. Na sede desta asociación mostrounos manuscritos e fotos orixinais de Xosé María Díaz Castro, autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas de 2014. E a que iamos alí? Ao ser os gañadores do concurso de carteis na modalidade de Secundaria sobre Xosé María Díaz Castro interesábanos ver in situ a súa casa natal, os lugares que inspiraron os seus poemas e, por suposto, as súas composicións do seu puño e letra. 
Alfonso Blanco falounos do autor, pois foi amigo persoal seu, e acompoñounos a realizar un percorrido polo lugar natal de Díaz Castro e outras parroquias veciñas nas que se desenvolveu a vida do poeta. 
En fin, un día moi completo e un xeito de aprender distinto do cotián, coa realidade cara a cara.

7.4.14

Parabéns Mafalda!!!!! - VI Encontros de BD 2014

Mafalda está de noraboa!!! Festexa este ano o seu 50 aniversairo.

Esta nena a quen non lle gusta a sopa creada por Quino ten 6 aniños, é de clase media arxentina, é posue unha actitude comprometida ante o mundo, preocupada pola humanidade e a paz mundial.

Dentro das actividades dos VI Encontros de BD, os alumnados de 1º ESO do proxecto interdisciplinar quixeron implicarse e coñecer de cerca esta figura do mundo da historieta de fama internacional facendo un mural conmemorativo do seu 50 aniversario.

3.4.14

Viaxe histórico-cultural pola Mariña central - 2º ESO

54 alumnos de 2º de E.S.O. fixeron un percorrido histórico-cultural pola Mariña Central, actividade programada polos departamentos de Ciencias Sociais e Relixión Católica.

O primeiro lugar visitado foi o Castro de Fazouro, onde o alumnado puido comprobar o estado en que se encontra este castro romanizado. Tamén no concello de Foz, visitaron a Basílica de San Martiño de Mondoñedo, lugar no que se detiveron a estudar a arte románica coas explicacións correspondentes do profesorado en canto a arquitectura, escultura e pintura. 
Antes de xantar, o grupo viaxou ata Mondoñedo, visitaron a Catedral, centrándose na beleza do Altar Maior, nas pinturas góticas, no fermoso rosetón e na variedade de estilos da fachada deste Monumento Nacional. 
Pola tarde, achegáronse ata o recén inaugurado Pazo de Tovar, no concello de Lourenzá, sendo o primeiro centro educativo que visita esta construción medieval despois da súa restauración.   

Recorte de Prensa - Obradoiro de Primitivo Marcos - Encontros de Banda Deseñada




2.4.14

Obradoiro de BD por Primitivo Marcos - sesión 1

O debuxante e guionista lucense, Primitivo Marcos, impartiu este mércores 2 de abril a primeira parte dun obradoiro de Banda Deseñada no I.E.S. Perdouro.

Dentro dos VI Encontros de BD na Mariña, esta actividade dirixíase, neste caso, ó alumnado de 1º de ESO que tivo a oportunidade de coñecer en persoa o autor de recoñecidas publicacións de BD como O Mariscal Pardo de Cela, María Castaña, Aventura no Camiño de Santiago I (actualmente está a traballar na segunda parte), ou Os Fernández (na revista Golfiño), entre outras moitas.

Primitivo Marcos iniciou o alumnado no mundo da viñeta e amosoulles como dar os primeiros pasos para crear unha BD sen desesperarse por mor de que o debuxo e a historia se resistan a saír da imaxinación. E púxolles un reto: crear as primeiras personaxes dunha breve historieta. Conseguírano?
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...