31.1.15

Alcoa doa 650kg de aluminio para a formación do alumnado do Ciclo Medio de Mecanizado do IES Perdouro

Outro ano máis a factoría de Alcoa en San Cibrao fixo unha importante doazón de aluminio para que os alumnos do ciclo formativo de mecanizado e mais os da nova modalidade de formación chamada FP Básica realicen as prácticas de taller de torno e fresadora. Nesta ocasión, foron 650 kg de barra de aluminio enviadas desde o departamento de Fundición a través doutra empresa colaboradora habitual do centro, Talleres Garsán SA. 
Queremos agradecerlles en nome de toda a comunidade educativa do IES Perdouro esta aportación que tantos beneficios reporta na formación dos nosos alumnos.

Dpto. de Fabricación Mecánica.

30.1.15

Xornada técnica - Demostración práctica de abrasión por parte da empresa PFERD - Mecanizado

Marcos Prieto, técnico da empresa PFERD situada en Vitoria Gasteiz, a cal desenvolve, fabrica e comercializa ferramentas para o tratamento de superficies e corte de materiais, deu unha charla formativa aos alumnos do ciclo de mecanizado, consistente en información teórica e demostración práctica dos produtos que eles fabrican: ferramentas para limar, fresar, amolar, pulir e cortar. Esta práctica vén realizándose desde hai varios anos e resulta de gran interere tanto para alumnos como para profesores.

Despois dunha presentación técnica das ferramentas coas súas propiedades, características e modo de emprego na aula, pásase ao taller de mecanizado onde se realiza unha demostración práctica de mecanizado por abrasión en aceiro e aluminio, desde o material en bruto ata o acabado pulido brillante e pulido mate.

29.1.15

Visita a Coruña

O día 29 de xaneiro, os alumnos de 1º de Bacharelato viaxamos á Coruña para poder visitar o Campus Elviña da Universidade da Coruña e o Arquivo do Reino de Galicia.

Saímos de Burela ás oito e media da mañá aproximadamente, para chegar á Coruña un pouco antes das dez e media.

Alí dirixímonos directamente ao Pavillón de Estudantes, onde nos recibiron moi amablemente e nos deron unha bolsa con información básica e necesaria sobre a propia universidade.

A continuación dirixímonos á Facultade de Informática, onde unha vicedecana, xunto con algúns profesores, nos explicaron por encima aspectos importantes do Grao de Informática e tamén do edificio en cuestión. Logo recibimos unha visita guiada por varios profesores ao longo de toda a facultade e das salas máis importantes e destacadas dentro desta. Chegou un punto no que nos dividimos en dous grupos co obxectivo de entender e observar mellor todo o que nos contaron e ensinaron. Algúns alumnos e ex-alumnos da facultade puidéronnos explicar a súa propia experiencia e tamén nos amosaron os proxectos nos que estaban a traballar nese momento, algúns deles moi interesantes, aplicados á Óptica, á Bioloxía, á Lingüística... Crean aplicacións, por exemplo, para descubrir enfermidades a partir da medición do grosor dos vasos sanguíneos dos ollos ou da pupila para detectar o síndrome de sequedade ocular.

Rematada a visita da Facultade de Informática, dirixímonos á de Economía. Alí, un profesor serviunos como guía. Leváronnos a unha aula onde nos explicaron os graos e dobres graos que se podían cursar alí; entre eles Ciencias Empresarias, Economía e ADE. Ademais diso, recibimos moita información sobre o feito de poder cursar un ano no estranxeiro e as súas vantaxes. Dúas rapazas, alumnas de Economía, contáronnos como era estudar alí e esa experiencia tan diferente á do instituto. Tamén puidemos ver a biblioteca e a aula magna desta facultade antes de marchar.

Logo fomos ao centro comercial de Marineda City para xantar e poder pasar un bo rato de entretemento e ocio.

Xa pola tarde, visitamos o Arquivo Histórico do Reino de Galicia. Alí tamén nos dividiron en dous grupos: mentres uns viamos o laboratorio, outros recibían información básica sobre o Arquivo e puideron velo.

No laboratorio, a guía explicounos o básico sobre a restauración de papel. Contounos os distintos tipos de papeis que existen e as súas diferenzas, sobre todo de calidade. Tamén nos fixo demostracións sobre como o traballaban.

Despois disto, ensináronos diferentes documentos de distintos tipos, algúns relacionados con Burela e lugares próximos; aproveitaron isto para contarnos máis sobre a historia do Arquivo e outros datos interesantes. Por último, puidemos entrar na sala onde se atopan os vinte e un quilómetros de andeis do Arquivo.

Finalmente, voltamos ao autobús para iniciar a viaxe cara a Burela, chegando aproximadamente ás nove menos cuarto.

Penso que esta viaxe foi moi interesante para todos, xa que puidemos obter información sobre a universidade e sobre o Arquivo. 

Crónica de Mónica Palacios, 1º BAC A

28.1.15

Charla da Universidade da Coruña - 1º Bach

Hoxe, o alumnado de 1º de Bacharelato asistiu na biblioteca do centro a unha charla informativa sobre a UDC.
Preténdese que o futuro alumnado universitario coñeza os títulos de grao que se imparten na Universidade da Coruña.

26.1.15

Día escolar da paz - 30 de xaneiro

Celebrando o día escolar pola paz e da non violencia - 30 xaneiro


Á parte dos paneis colocados na entrada do centro, presentamos outras actividades para conmemorar esta data realizadas coa colaboración do Departamento de Orientación e do seu responsable, José Ramón Leiva. 

O alumnado de 4º ESO B traballou durante varias sesións de titoría sobre o tema da paz. O orientador presentoulles diversos conflitos bélicos que teñen lugar en distintos lugares do mundo na actualidade, entre eles, o do Congo. 

Con este motivo, os rapaces crearon nubes de palabras con termos relacionados coa situación do Congo, como a de Andrés Quiroga Rivas: 


Ou outras con vocábulos que nos recordan os aspectos positivos de vivir en paz, coma a de Ivandro De Brito Soares de Carvalho: 


 Ou a de Javier Villarquide Pérez: 


Deixámosvos tamén algunhas reflexións sobre as consecuencias das guerras e as aportacións escollidas polo alumnado de 4º B para buscar solucións á súa problemática: 

- "Os conflitos bélicos están presentes na Humanidade dende que esta se organizou en distintos grupos sociais, pero está unicamente nas nosas mans cambiar isto".- Ainoa López Abad. 

- "O conflito do Congo é un entre moitos problemas que se crean na Humanidade en forma de guerra, na que millóns de persoas se ven obrigadas a refuxiarse e desprazarse fóra das súas fronteiras".- Noa Vizoso López. 

- "Consideramos o desprazamento das persoas como o resultado da violencia causada polos conflitos; intentemos que isto desapareza".- Enya Riveira López. 

- "O conflito non é a solución aos problemas. Ante todo, diálogo e respecto".- Artur Penabade Cociña.

24.1.15

Outro premio para Maka!!

Macarena Ledo, a nosa alumna de 1º de bach, recolleu este pasado venres, no acto de entrega do certame de poesía infantil de Nadal convocado pola Biblioteca Municipal de Burela, o 2º premio!!!! Parabéns Maka!!!!!

23.1.15

San Xoán Bosco - Fase da competición: Puzzle, Damas e Xadrez

Co galo da celebración do San Xoán Bosco, o alumnado de 1º e 2º de ESO está a competir en varias modalidades de xogos de mesa (Puzzle, Damas e Xadrez) e de equipos (fubol) ao longo deste mes de xaneiro. As actividades que organiza a Asociación Cultural Os Matos culminarán nunha final e entrega de premios programada para o vindeiro luns 2 de febreiro de 16h00 a 17h40.

22.1.15

Alumnos do C.S. Mantemento Electrónico facendo prácticas

Hoxe tivo lugar unha inspección reglamentaria da instalación eléctrica do centro realizada pola compañía ATISAE.
O alumnado de 2º do Ciclo Superior de Mantemento Electrónico aproveito a ocasión para realizar unha práctica en situación real acompañado o técnico e reforzando os seus coñecementos adquiridos nas clases.

20.1.15

Vanesa, Recanteira do Luar, entrevistada pola prensa escrita.

Vanesa Míguez Ramos, Recanteira do Luar e alumna de Imaxe Persoal do IES Perdouro, foi entrevistada pola prensa escrita. 
Aquí tedes o artigo publicado na Voz da Mariña de hoxe. (Artigo do 20/01/15 na Voz de Galicia en PDF.)

Lembrade, despois de conseguir o pasado 2 de xaneiro pasar á 3ª fase do concurso, o vindeiro venres 20 de febreiro actuará de novo no Luar.

Noraboa Vanesa!!!!

Eres a nosa recanteira favorita!!!!!

19.1.15

Charla da Universidade de Santiago de Compostela para 2º de Bach.

Francisco Javier López Gónzalez, profesor da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo e coordinador do programa "A Ponte", estivo na biblioteca do centro presentando aos alumnos de 2º de Bach, a oferta educativa da USC e explicoulles os trámites das Probas de Acceso á Universidade.

Obradoiro de Saúde destinado ao alumnado de 3º ESO

Voluntarias da Cruz Vermella de Burela imparten uns obradoiros sobre Saúde 

No marco do seu programa de educación para a saúde, voluntarias da Cruz Vermella de Burela están impartindo uns obradoiros sobre Saúde dirixidos aos estudantes de 3º de ESO. Serán cinco as sesións nas que Cruz Vermella sensibilizará aos mozos a todos aqueles problemas que máis lles afectan co obxetivo de fomentar o desenvolvemento de hábitos e condutas sas e equilibradas que melloren a calidade de vida dos rapaces, como parte do seu desenvolvemento integral, e estimular cambios atitudinais diante problemas de discriminación social. Esta semana, toca o segundo obradoiro dos cinco programados donde se fala da nutrición, da alimentación sá e equilibrada e dos trastornos na conduta alimentaria.

15.1.15

Marta Porto pasará un ano académico en USA

Marta Porto Rodríguez, alumna de 4º de ESO do IES Perdouro de Burela, recibe unha bolsa High School da Fundación Amancio Ortega e da Fundación Barrié para cursar o primeiro curso de Bacharelato nos Estados Unidos para o próximo ano. 

Marta estará acollida por unha familia americanas co obxecto de que o proceso de integración e aprendizaxe da lingua inglesa sexa o máis completo posible.

A dotación de cada beca supón o 100 % do curso académico, así como o apoio continuado durante a estancia, a organización das viaxes, aloxamento e manutención durante o curso, así como o correspondiente seguro médico e de accidente. 

14.1.15

Novidades na biblioteca

Entren e vexán as últimas adquisicións na biblioteca. Velaquí un adianto: lectuas para adultos, literatura xuvenil, banda deseñada e álbum ilustrado.


10.1.15

Proposta de Lecturas do Dpto. de Xeografía e Historia

O Dpto. de Xeografía e Historia fai a seguinte aportación o Plan Lector - lecturas recomendadas para todas as idades. Pasádevos pola biblioteca a botarlles unha ollada!!!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...