Mostrar mensagens com a etiqueta charla. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta charla. Mostrar todas as mensagens

12.3.25

Ecoauditoría de auga no IES Perdouro

O grupo de 2º de FPB de Servizos Administrativos fixo no curso 2023-2024 unha ecoauditoría de auga no IES Perdouro para reducir o consumo de auga. 

Ao participar no proxecto regaláronnos 15 cisternas de dobre botón e 7 perlizadores que, unha vez instalados, permitiunos aforrar auga. 

No curso 2024-2025, despois de verificarmos que o sistema tiña funcionado no centro, decidimos seguir traballando para reducir o consumo de auga tamén na casa. Preparamos unha presentación para ir dando información polas aulas do centro, isto ademais de permitirnos expor a información tamén nos permitiu aprender a falar en público. Ademais de darmos consellos sobre o aforro da auga como, por exemplo, mudar as cisternas dun botón a dobre botón, como se tiña feito no centro, tamén demos outros consellos para deixarmos de contaminar, como non tirar as cabichas ao chan, xa que tardan 12 anos en degradarse e cada cabicha tirada ao chan acaba no mar arrastrada polas augas pluviais, provocando a morte de moitos peixes e mariscos.

Alumnado de 2º de CB de Servizos Administrativos

3.3.25

Charla sobre doazón de órganos

O martes 25 de febreiro o alumnado de 1° de BAC do IES Perdouro tivemos a oportunidade de asistir a unha charla sobre un tema de gran importancia relacionado coa saúde: as doazóns de órganos. Algo que non moitas persoas se cuestionan pero quizais si deberían analizar. 

Na conferencia participaron dous homes de mediana idade. Un deles, Santi López Chao, era un receptor dun transplante de corazón levado a cabo nun hospital galego e o outro, Francisco Muñoz, é o médico responsable da Unidade de Transplantes no hospital de Burela. 

O afortunado en recibir o órgano amosounos o seu agradecemento ante este feito e tamén nos proporcionou datos sobre a súa historia. El tivo un accidente en moto que foi o detonante da necesidade dun novo corazón xa que estragou gran parte do seu. A pesar desta anécdota desfavorable, a súa paixón polas motos e o mundo do deporte sobre dúas rodas non se esvaeceu, servindo agora como un forte apoio e punto de visibilidade da experiencia que tivo que pasar. Unha historia de superación que hoxe en día serve de exemplo para moitos. 

Foi un inmeso pracer poder escoitar unha persoa que, tras vivir isto na súa propia pel, busca inspirar a outros para salvar vidas, así como fixeron coa súa. Esta foi a parte emotiva e experimental, mais en toda charla tamén hai unha parte técnica e profesional que neste caso nos proporcionou o médico presente nela. 

Francisco Muñoz comentounos a importancia de falar este tema nas casas para que as familias, en caso de desgraza, poidan actuar tendo en conta a nosa vontade. Tamén nos proporcionou datos sobre o sistema da Seguridade Social de España e a sorte que temos comparándonos con outros países, quizais máis desenvolvidos pero menos solidarios. 

Ao remate da conferencia déronnos a todos unha carpeta que contiña no seu interior varios folletos informativos sobre esta práctica e un pequeno libro onde estaban explicadas todas as dúbidas que a xente adoita ter ante as doazóns de órganos. 

Manter unha xuventude concienciada dos novos avances no ámbito da medicina e de como pode contribuír á salvación de vidas é un bo comezo para un futuro no que a mortaldade por falta de órganos diminúa substancialmente. 

Maia García Táboas e Uxía del Ángel Ramudo - 1º Bacharelato B

2.11.23

Lectura e familias: Ana Ojea achegounos ao colectivo LGBTQIA+

Ana Ojea Alonso é profesora lesbiana visible de Cultura Audiovisual en Bacharelato de Artes e responsable de Diversidade Sexual, de Identidade de Xénero e Familiar e Titora LGBTIQA+ no IES Politécnico de Vigo. Tamén é cofundadora, coordinadora e socia promotora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia. Ademais traballa como formadora de profesorado en diversidade sexual, de Identidade de Xénero e Familiar a través dos CFR/CAFI, colaboradora en diversas publicacións e na creación de recursos didácticos sobre diversidade sexual.

O martes 31 de outubro acompañounos no IES Perdouro dentro do programa Lectura e familias e informou sobre a lexislación que ampara ao colectivo LGBTQIA+, sobre a diversidade que engloba o colectivo, sobre os prexuízos que teñen que sufrir e sobre o acompañamento do que debería gozar desde a nenez e a adolescencia calquera que se inclúa entre as persoas non heterosexuais ou non cisxénero. 

Recomendou ademais algunhas lecturas como os libros de Lucas Platero, Noemi Parra, Camino Baró etc. En BiblioPerdouro podedes atopar moitas obras interesantes sobre esta temática. Botade un vistazo aquí ou buscade a pegatina do arco da vella. 

Podedes acceder a máis imaxes do encontro con Ana Ojea AQUÍ

30.10.23

Conferencia do neurobiólogo Carlos Spuch sobre o Alzheimer e outras demencias

Na xornada do martes 17 de outubro o alumnado de 1º de Bacharelato e CM de Peiteado e Cosmética Capilar acudimos a unha charla sobre o alzhéimer, unha enfermidade que afecta actualmente en España ao redor de 70.000 persoas. Esta actividade foi organizada pola Fundación Barrié e por AFAN Burela. 

O neurobiólogo Carlos Spuch explicounos cales son as causas da enfermidade, os datos máis relevantes sobre ela e como podemos axudar ás persoas que a sofren. 

O alzhéimer non afecta a todo o cerebro, senón só a unha pequena parte, a correspondente á fala, toma de decisións, comportamento e pensamento, entre outras. Pola contra, non afecta nin á memoria musical nin ás emocións, polo que a musicoterapia é unha das formas de atrasar a aparición desta enfermidade; tamén axuda a isto algunha das medicinas descubertas e o adestramento do cerebro. Sabemos tamén que a memoria non se perde, senón que fallan os lóbulos sinápticos, é dicir, as redes que conectan as neuronas entre si. 

Unha das preguntas máis frecuentes sobre este mal é: o alzhéimer é xenético? A resposta é non: é unha enfermidade que se dá a causa do noso ambiente aínda que, raramente, tamén pode ser xenética. 

En conclusión, para axudar ás persoas afectadas, deberiamos escoitar e interpretar o que nos queren dicir. Outra opción sería falarlles e poñelas en contexto da situación na que se atopan, para que poidan así expresar as súas emocións. 

Para rematar a charla, Carlos Spuch nomeou tamén diferentes persoas que padecían esta enfermidade ou algún outro tipo de demencia, como Carmen Sevilla, unha actriz española, e unha veciña da localidade de Burela, a cal estivo presente no acto. 

Pódese acceder a máis imaxes da actividade AQUÍ.

 Laura Alonso Fernández - 1º BACB

6.10.23

Charla STOP accidentes

O martes 19 de setembro veunos dar información unha das responsables da asociación STOP Accidentes de Galicia, que axudan ás vítimas de tráfico, traballan en prevención fomentando a mobilidade sustentable, saudable e segura. 

Empezou presentándose e explicando a que se dedicaba a asociación. Despois falounos do perigoso que é ir rápido no coche porque podemos provocar accidentes ou mortes a nós mesmos e a outras persoas. Tamén nos contou que sempre debemos coller un taxi ou outro medio de transporte antes de ir cun amigo que acaba de sacar o carnet ou que vai ebrio. Tampouco debemos estragar unha vida por unha noite na que estás cos teus amigos consumindo alcohol ou outras substancias e decides coller o coche para volver á casa. 

Por último, comentounos que sempre hai que ir co cinturón posto porque se vas con máis xente e tes un accidente podes chocar contra os teus amigos ou saír despedido por algún lado. 

Para ver mais fotos preme AQUÍ

Avril Hermida e Uxía Del Ángel de 4º ESO B e PDC

5.10.23

Semana Europea da Mobilidade

O mércores día 20 de setembro o alumnado de 1º da ESO asistiu a unha charla de José Ramón López sobre Educación Vial. Este axente da garda civil de tráfico explicounos como temos que comportarnos como peóns, como condutores de bicicleta e como usuarios de patinete. 

Os peóns sempre teñen preferencia porque son os máis vulnerables. Sempre hai que cruzar polos pasos de peóns e mirar tres veces para os lados. Nunca se pode cruzar se non se ten visibilidade. 

Na bicicleta é obrigatorio o uso do casco se es menor de 16 anos. No caso de que non o leves, a sanción é de 200 € ou 100 € se o pagas pronto. Débense sinalizar as manobras co brazo. Debemos circular sempre moi pegados á dereita. Non se poden levar acompañantes na bicicleta a non ser que se trate de menores de sete anos e nun asento homologado. 

As bicicletas deben levar unha luz branca diante e unha vermella detrás cando non haxa visibilidade e o condutor debe levar un chaleco reflectante. Os usuarios de bicicleta teñen que dar 0,00 nos controis de alcoholemia e circular pola calzada. Se se soben á beirarrúa, convértense en peóns e teñen que ir baixados da bicicleta. 

O axente da garda civil tamén nos falou dos distintos tipos de patinetes aos que denominou Vehículos de Mobilidade Persoal. A súa velocidade máxima é 25 Km/h. Os que circulen a máis velocidade son ilegais sen permiso de condución de ciclomotores. Todos os patinetes eléctricos teñen unha placa lateral que indica a súa velocidade máxima. Nos vehículos de mobilidade persoal tamén é obrigatorio o casco e non poden saír das vías interurbanas. 

Isto foi o que aprendemos na Semana Europea da Mobilidade. 

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ

Equipo de redacción: Reforzo 1º ESO AB e Aleixo Fernández Maseda - 3º ESO A

22.4.22

Combater as noticias falsas

Esta mañá, Ángel Vizoso, investigador da Facultade de Ciencias da Comunicación, impartiu unha conferencia sobre noticias falsas. O alumnado de 1º de bacharelato aprendeu a desconfiar das noticias e de aprender a contrastar sempre as fonte da información. O xornalista explicou os intereses que existen destras da desinformación e dos bulos que circulan polas redes sociais con fins ideolóxicos e económicos.
En definitiva, temos que ser escépticos constantemente, ter moita cautela coas fontes descoñecidas ou anónimas e non participar da difusión das noticias falsas.

Accede ao álbum de fotografías AQUÍ.

Entrevista a Angel Vizoso na Voz de Galicia (16/05/20)

16.2.22

Obradoiro Linguaxe de signos

O pasado venres 11 de febreiro a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) impartiu un obradoiro de dúas horas de aproximación á linguaxe de signos destinado ao alumnado de 2º CM de Xestión Administrativa e 1º CS de Administración e finanzas. Informaron sobre o traballo que realizan e concienciaron aos asistentes sobre os problemas que sofren as persoas xordas e como a lingua de signos é unha ferramenta fundamental para superar barreiras comunicativas e sociais do día a día.
Nunha primeira parte máis teórica, Xavier Sánchez Álvarez, logopeda, ofreceu un panorama amplo respecto ao que significa ser unha persoa xorda: tipos de xordeira, detección, modos de actuación (familia, colexio, médicos), principais barreiras ás que se enfrontan e alternativas para solucionar ou adaptarse a esta discapacidade. Ademais, explicou cales son os servizos que ofrece a fundación e en que provincias se encontra.
Na segunda parte máis práctica,  Isabel Pardo Sampayo, persoa xorda, fixo unha breve introdución á linguaxe de signos española e púxoo en práctica. Non todo se comunica co abecedario, utilízanse expresións, movementos, xestos e sobre todo coas mans. Ensinoulles desde adxectivos, días do ano, días da semana, sentimentos e todo con moito humor e alegría que os cativou a todos.
Accede AQUÍ á reportaxe fotográfica.

Aurora e Nenúfar, 1º CS de Administración e finanzas

3.1.22

Charla do Plan Director sobre adicción aos videoxogos

O xoves 2 de decembro veu un garda civil chamado Ramón Peña a falarnos sobre os videoxogos e demais aspectos relacionados con eles. Falounos mentres ía pasando unha presentación con diferentes vídeos e fotos tratando o tema. Primeiro, presentouse coma un garda civil ao que lle gustaban moito os videoxogos, ensinounos as súas contas dalgúns videoxogos e mais o seu ordenador, moi potente, para xogar. Todo isto, eu penso que para ir pouco a pouco chamando a nosa atención e introducíndonos no tema do que estaba a falar. 

Despois, ensinounos un vídeo de Elxokas, un streamer galego bastante coñecido pola xente nova, que trataba o tema do xogo competitivo e a súa comparación cos deportes. Chegamos á conclusión de que non é o mesmo un deporte onde fas exercicio físico ca xogar diante do ordenador. Iso, en realidade, non se pode considerar deporte. Tamén nos puxo de exemplo a Elxokas, explicándonos que, a pesar de ser streamer, el ten uns estudos detrás diso e se lle vai mal na súa carreira como streamer podería dedicarse a traballar como enxeñeiro, que foi para o que el estudou. 

Falounos tamén sobre os diferentes tipos de negocio dos videoxogos, que son: 

• Os de pago por licencia, nos que ti pagas por ter o xogo, xa sexa por disco, por tarxeta ou dixital; 

• os gratuítos, pero con anuncios; 

• os de suscrición, nos que, con esa suscrición, tes unha variedade de xogos 

• e os máis importantes, os xogos Freemium, onde hai micropagos e o resto é totalmente gratis e de fácil acceso. Obteñen beneficio a partir da xente que gasta neses micropagos que soen dar vantaxes dentro do xogo. Ata hai psicólogos dentro das empresas creadoras deses xogos que estudan como manipularnos para gastar diñeiro no seu xogo. Normalmente, neses xogos hai moedas propias que podes comprar co teu diñeiro real. 

O que nos veu dicir Ramón é que xogar moito ten consecuencias negativas e que os videoxogos están feitos para producir adicción e para que as empresas que os crean gañen diñeiro. 

Podedes ver imaxes da charla AQUÍ

Mateo Docal Sampayo – 2º ESO C

14.3.21

Prevención de riscos laborais

O pasado mércores 10 de marzo, organizouse no centro unha xornada de Prevención de riscos laborais para segundo de Ciclo medio de Xestión Administrativa e segundo de Ciclo Superior de Administración e Finanzas. A entidade que impartiu dita xornada foi o ISSGA (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia).  Interviron catro relatores cos seguintes puntos de interese:
  • Dª María Pilar Rodríguez González, Técnico superior de Seguridade e Saúde laboral do centro ISSGA de Lugo, fixo unha pequena introdución á Prevención de Rocha
  • O Xefe do centro D. Manuel Gasalla Regueiro explicounos o marco normativo onde se regula todo. 
  • Dª María García Díaz, Técnico de saúde laboral, explicounos os riscos ergonómicos no posto de traballo, concretamente nos postos administrativos.
  • Dª Mª Paz Eyre Vázquez Xefe de área Técnica de medicina do traballo e ergonomía e psicosocioloxía do centro ISSGA de Lugo falounos de todo o relativo ós nosos ciclos, en canto a riscos máis relacionados co clima laboral, burnout … 
Segundo a crónica realizada polos nosos alumnos: Alex Gómez Lago, Yago Montenegro González e Ismael Prieto Méndez, dita actividade é de agradecer xa que se trataron temas relacionados coa vida laboral, tendo en conta o pouco tempo que lles queda para facer a FCT (Formación en Centros de Traballo). 
Ao finalizar a xornada o alumnado asistente recibíu un título acreditativo da formación.

9.2.21

Obradoiro de linguaxe de signos

Unha actividade esencial e informativa:  Charla da Federación de Asociación de Persoas Xordas de Galicia

O pasado 29 de xaneiro de 2021 tivemos a gran oportunidade de ter no noso instituto a Xavier Sánchez Álvarez xunto con María Isabel Pardo Sampayo. Esta charla educativa trataba sobre as dificultades que sofre unha persoa xorda na actualidade.
A primeira parte da charla foi teórica, nela Xavier Sánchez Álvarez explicounos  os tipos de discapacidades auditivas que existen, a linguaxe de signos e as dificultades educativas e sociais que sofren estas persoas. Nesta parte o conferenciante tratou de concienciar ao alumnado e profesorado sobre estas dificultades. A intención foi empatizar e intentar comprender estas dificultades.  Cambiando tanto o modelo educativo como o sanitario poderíase axudar a estas persoas que sofren unha discapacidade para que o seu día a día fose máis fácil.
Na segunda parte da charla interveu María Isabel Pardo Sampayo. Explicounos as dificultades que tivo ao longo da súa vida por sufrir xordeira, tanto no instituto como na súa vida cotiá. Tras esta breve presentación, Isabel ensinou de forma práctica a todos os presentes a comunicar coa linguaxe de signos, algo moi útil  para poder atender no futuro a unha persoa xorda.
Na miña opinión esta charla foi moi agradable xa que nela fomos capaces de ver de cerca as dificultades que sofre moita xente con esta discapacidade ou con outras. Por este motivo penso que a clave está no feito  de empatizar con todas esas persoas e que cada un de nós aporte o seu gran de area para facilitarlles a vida aos que nos rodean.

Accede AQUÍ á reportaxe fotográfica.

Yahya Aazzaoui, 1º CS Administración e Finanzas

8.2.21

Visita virtual á Casa das Ciencias - A Coruña : Exposición «Puro Swing»

O pasado venres 5 de febreiro, na clase de Física e Química, os alumnos/as de 1° de Bacharelato A asistimos a unha visita virtual á Casa das Ciencias (A Coruña). 

Exposición «Puro Swing»: unha visita para asistir ás máis sorprendentes demostracións sobre o movemento dos péndulos, comprender o segredo do botafumeiro, mirar como a gravidade fai debuxos xeométricos ou descubrir como funcionaban os reloxos antes de que houbese pilas.

Nela, Maite e Lola fixeron de guías e explicáronnos diversos datos interesantes sobre o movemento do péndulo.
Ó principio desta visita, que foi diferente pero entretida, medimos entre todo o alumnado o período do péndulo cun cronómetro para despois comparar as nosas medidas coas de Lola. Fixéronnos, ademais, demostracións variadas nas que podiamos observar cómo variaba segundo os factores modificados, entre eles, o unir dous péndulos (feito que tamén demostraron unindo dúas randeeiras) e a diferenza no seu movemento notable debida á lonxitude do fío. Xa rematando, vimos un efecto óptico no que os diferentes periodos dos péndulos semellaban serpes e quedamos impresionados.
Sen dúbida, as nosas guías estiveron marabillosas á hora de explicarnos e penso que valeu a pena pois foi unha experiencia amena na que aprendemos algo novo e diferente. Encantoume!

Accede AQUI á reportaxe fotográfica que fixo o noso compañeiro Anxo Díaz.

Paula Enríquez Barcia, 1º de Bach.


18.1.21

Charlas Covid para 4º ESO e 1º Bach.

O día 22 de decembro, os alumnos e alumnas de 4º ESO e 1º de BAC tivemos unha charla sobre normas básicas para non contaxiarnos do Covid-19, que foi impartida por Teresa Meitín Canoura, unha enfermeira do Hospital da nosa vila.

Entre estas normas estaba o lavado correcto das mans xa que moitas veces esquecémonos de lavar ben as uñllas e os pulsos; tamén é moi importante lavar as mans con auga e xabón (é preferible ao xel hidroalchólico).

Hai que ter moito coidado tamén coas máscaras porque é onde quedan gran parte dos xermes: para retiralas hai que collelas polos cordóns e non tocar a tea. A máscara é o elemento de protección que se elixiu contra este virus porque nos protexe das gotículas que expulsan as persoas infectadas; para isto a nosa máscara ten que estar perfectamente axustada. É moi importante o seu correcto uso xa que as gotas grandes de saliva poden chegar ata dous metros de distancia e canto máis alto se fala máis gotas se expulsan.

Dentro das máscaras hai tres tipos: as de tea, que son para estar en contacto con xente sá; as cirúrxicas, que se utilizan para protexer o resto da xente (a ti non te protexen pero por iso é importante que todos as levemos) e as EPI, que son as máis seguras porque te protexen a ti máis ao resto.

Tamén se falou dos pros e contras que o alumnado lles viamos ás medidas contra o virus; entre os contras, o máis habitual son os contaxios, as mortes e todas as restrincións que tiñamos para relacionarnos coa xente; e entre os pros estarían a diminución de enfermidades como a gripe, a posibilidade do teletraballo e ter a materia escolar máis accesible en todo momento e unha mellora xeral da hixiene.

MANUEL REY, 1º BAC - B

16.1.21

Charlas Covid

O 14 de outubro tivemos unha charla sobre a COVID-19* impartida por Manuela, profesora do centro que antes traballou como enfermeira. Como é importante ter claro de onde provén este virus que nos comezou a afectar no 2020, ela explicounos que o virus constaba de dúas ou máis cepas que, dependendo de cada persoa e tempo do brote, sería máis agresiva e duraría máis tempo no organismo.
Para protexernos de todo isto, Manuela ensinounos a diferenza entre as máscaras cirúrxicas, as hixiénicas, as caseiras de tea, as de tipo FFP2 e, por último, as de válvula. Estas últimas son as únicas que non se poden levar a centros educativos xa que a protección que garanten é mínima e o risco de contaxiarse é maior debido ao CO2 que expulsamos pola válvula. En cambio, todas duran entre 4 e 8 horas diarias, aínda que no caso das de tea habería que lavalas a diario.
Outra das medidas importantes é a hixiene de mans, que xunto á anterior, son as máis efectivas. Cada vez que queremos tocar a cara, o pelo ou deixarlle algo a alguén, o lavado de mans e o xel hidroalcohólico son cousas indispensables, igual que a distancia de seguridade de dous metros ou metro e medio que debemos manter tanto na rúa como nos hospitais, centros educativos, etc.
En canto á vacina, Manuela non confía en que se desenvolva para este ano, pero para o seguinte si. Primeiro vacinaríase o persoal sanitario, logo as persoas maiores con máis risco de ser contaxiadas e, por último, a xuventude, os nenos e os adultos.
Ata a chegada da vacina, debemos seguir facéndoo o mellor posible coas medidas explicadas anteriormente, porque cada xesto individual significa unha gran axuda a nivel colectivo.

Xoel Iglesias Fernández – 1º BAC A

*Esta charla foi dada a todos os grupos do centro para concienciar a todo o alumnado de respectar rigurosamante as normas de hixiene e distanciamento.

14.1.21

Charla "StopAccidentes"

O martes 15 de decembro o alumnado de 4º da ESO asistimos a unha charla organizada pola asociación "StopAccidentes" para concienciarnos do importante que é actuar con responsabilidade na rúa.
Nesta charla, a organizadora fíxonos varias preguntas sobre as nosas experiencias, ou as dos nosos coñecidos, nos accidentes de tráfico e tamén nos explicou a historia da súa familia. Falounos sobre os sucesos que lles aconteceron a unhas cantas persoas que foron pedir axuda a esta asociación e ensinounos varios vídeos relacionados coa seguridade viaria.
Finalmente,deunos uns folletos de información e unhas pulseiras reflectantes.
Accede ao albúm de fotos aquí.

Irene Basanta Díaz , 4º ESO B

13.1.21

"Tódalas mulleres que coñezo"

CINEFÓRUM FEMINISMO

O mércores 16 de decembro tivemos, o alumnado de 4º de ESO, unha actividade moi interesante sobre o feminismo: o visionado da película Tódalas mulleres que coñezo da directora Xiana do Teixeiro.

Esta película trata sobre vivencias e experiencias contadas por mulleres nas que se sentiron incómodas por culpa do machismo. Contan experiencias moi fortes que seguen pasando cada día e reivindican o pouco que se fala de todo o que lle pode pasar a unha muller, só polo feito de ser muller. A película desenvólvese en tres escenarios distintos que están enlazados: o primeiro é un grupo de amigas, o segundo é como unha asociación onde tamén hai mulleres de máis idade e o terceiro é unha aula dun instituto.

Cando acabamos de ver a película puidemos conectarnos por videoconferencia coa directora, Xiana do Teixeiro. Ela explicounos que se lle ocorreu a idea de facer a película ao decatarse de que non se falaba nada de todas estas situacións que seguen sendo tan frecuentes. Tamén nos explicou a idea que quería transmitir e ensinar e deunos pé a debater sobre en cal dos tres escenarios que se mostran nos sería máis fácil falar e expresar as nosas ideas e por que.

 Accede ao álbum de fotos aquí.

Antón Expósito Campo - 4º ESO B

4.12.20

Charla de ciberseguranza

O día 26 de novembro, Óscar e Antonio déronnos unha charla sobre ciberseguranza. Durante a charla explicáronnos as diferenzas entre hacker e cyber delincuente e a importancia de manter segura a nosa identidade dixital.

Explicáronnos que era un ataque de forza bruta e, mediante unha histoira, o importante que é manter a nosa identidade dixital segura. Tamén nos ensinaron como podemos crear contrasinais máis seguras e como mantelas en segredo. Mostráronnos o que era o ciber bullying e como mantelo a raia e o máis importante: se vos chega a pasar algo por internet, podedes chamar ao 017.

Iria Jacomé Martínez - 1º ESO C

Accede ao albúm de fotos aquí.

12.2.20

"Isto é pop" de Javier Becerra

A historia do pop 

Javier Becerra iniciouse no periodismo musical nos primeiros noventa editando o fanzine Feedback e foi colaborador das revistas Ruta 66, Sónica e Vibraciones Pop, entre outras. No 2001 foi un dos dos impulsores de www.feedback-zine.com, un dos primeiros portales web dedicados á cultura pop de España.
Desde o 2007 traballa en La Voz de Galicia. É redactor da sección de “Sociedad y Cultura”. Tamén é sinatura habitual no suplemento Fugas e comentarista musical en Radio Voz e VTelevisión.
No 2014 publicou o libro “Los Skizos, electricidad a contracorriente”, biografía do grupo coruñés de garage-rock. No 2017 coordinou a colección de CD-libros “Pop Rock en Galicia” de La Voz de Galicia.
Ademais, foi discjockey e coordina na Coruña o ciclo Los conciertos de Retroalimentación, programando mensualmente dende o 2012 concertos de bandas do ámbito independente galego no circuito de salas na cidade.
En xuño de 2019 editou “¡Esto es pop!”, un libro para nenos no que se repasa a historia da música popular desde Elvis Presley ata Beyoncé e que foi presentado nos principais festivais galegos.
O pasado día  21 de xaneiro, estivo na biblioteca do IES Perdouro para falar do seu libro e da súa selección de música pop.

A HISTORIA DO POP por Javier Becerra 

Antes de que surxira a música pop, ó redor do anos 50, había un estilo de música diferente, e cantantes destacados como Frank Sinatra ou estilos como o jazz. Mais a xuventude quería un cambio no estilo de música, aínda que a xente maior tivera medo ós cambios.
Entón, nos anos 50 é cando aparece o rock and roll. Unha das figuras máis destacables foi Elvis Presley, o rei do rock and roll. O seu movemento de pernas era moi provocativo. Frank Sinatra dicía que a súa popularidade duraría 3 meses.
En Inglaterra aparecen Os Beatles. Ensínanlle a berrar ó seu público. As mulleres entraban nunha situación de histeria colectiva. O grupo transmitía alegría, sensación de liberdade e pensaban que todo se podía solucionar con amor.
Outro grupo importante foron os Rolling Stones, cuxo cantante é Mick Jagger. Un dos seus míticos temas foi “Satisfaction”. Este grupo fala da sensación de sentirse mal sen saber o porqué.
Nese momento, comezou a 2ª Guerra Mundial, o que supuxo unha ruptura total de xeración. E apareceron grupos como os Who, que pensaban que preferían morrer antes de envellecer. Acostumaban a romper a guitarra ó final dos concertos, simbolizando a autodestrución.
Nos EEUU destaca James Brown. É fundamental para os movementos civís. Canta con alma e baila moi ben, pero foi Aretha Franklin, unha marabillosa voz da música pop quen marcou un fito cantando “Respect”: foi unha reivindicación feminista cando aínda existía segregación racial.
Tamén nesa época nace a psicodelia cos seus efectos estraños.
Outro cantante que aparece nos 60 foi David Bowie. Crea o glam rock. Non se sabe se é home, muller ou extraterrestre. Era como un camaleón tendo diversas facetas. Faleceu hai 4 anos e fans de todas as idades fixéronlle unha homenaxe saindo á rúa cantar os seus temas. Outros grupos que destacaron foron AC/DC, Queen...
Tamén nace o pop electrónico con Kraftwerk que canta “We are a robot”, vestidos de robots e logo xa son directamente uns robots os que saen ao escenario nos concertos e moven as súas bocas como se cantaran mentres que o grupo pon a súa voz.
Coa grande crise sufrida en Inglaterra nace o punk. Querían ser feos e desagradar a todo o mundo. Cantaban como se emitiran ruxidos. O grupo Sex Pistols, por exemplo, foi cantar enfronte dunha festa que daba a raíña de Inglaterra meténdose coa monarquía.
Influenciado por James Brown, aparece Michael Jackson. Nese momento converteuse no rei do pop. Con “Thriller” asombrou ao mundo enteiro e tamén coa súa forma de bailar, destacando o seu paso no que se desliza cara atrás, o “moonwalk”. Era sobre o ano 1983 e converteuse nun dos cantantes máis famosos da historia. Millóns de persoas de todo o mundo viron abraiadas o seu videoclip na televisión ese Nadal.
Madonna tamén causou moito impacto. Mostraba unha actitude de que facía o que lle daba a gana, segura de si mesma e moi inspiradora.
Como figuras femininas destacan actualmente Beyoncé e Adèle. Beyoncé é unha das mulleres máis poderosas dentro da música actual. Un dato curioso por novidoso é que na edición dos Grammy na que estas dúas mulleres se disputaban o premio, Adèle foi a gañadora e dedicou practicamente todo o seu discurso a eloxiar a Beyoncé, algo inaudito ata o momento.

IAGO MON. 2º ESO B

28.1.20

Proxecto Fundación Expomar : charla Mariñeiros da Moncloa e obradoiro de nós Mariñeiros (15/11/19)

O día 15 de novembro os alumnos e alumnas de 4º ESO do IES Perdouro tivemos unha charla na biblioteca do centro que organizaba a Fundación Expomar, na que membros da Asociación de Mariñeiros Xubilados A Moncloa viñeron contarnos as súas vivencias, respostarnos todas as nosas preguntas e ensinarnos nós mariñeiros.
Na primeira parte da charla, contáronnos algunhas experiencias, como era a súa xornada de traballo e o día a día no barco. Despois, algúns dos alumnos formularon preguntas que tiñan preparadas.
Na última parte, dividíronnos en grupos e en cada un deles un ex-mariñeiro ensinounos a facer algún dos nós máis coñecidos e tamén nos explicaron cales eran os máis usados e por que.
Foi unha charla interesante na que nos achegamos algo máis ao mundo do mar tan presente na nosa vila. 
Accede à reportaxe fotográfica aquí.
Martín González Cabanas – 4º ESO B

9.11.19

Os nove anos de Fraguas en Lugo

O 7 de outubro, coincidindo coa celebración do 41° aniversario do IES Perdouro, Antón Niñe, ex-profesor do instituto, e Xulio Xiz, ex-alumno de Antón Fraguas, viñeron presentarnos unha exposición sobre os nove anos que o escritor homenaxeado traballou en Lugo.
Ese mesmo día tamén había 30 anos que se celebrara en Lugo unha xuntanza entre Fraguas e os seus alumnos. Todos eles asistiron a un xantar e puxéronlle o seu nome a unha rúa. Fraguas fora profesor no instituto masculino (IES Lucus Augusti) e deixara un gran recordo xa que era moi bo profesor. Chamábanlle Santo Antonio ou San Fraguas.
Antón Fraguas foi o fundador do Museo do Pobo Galego, ao cal, tras a súa morte, lle foi entregada a súa biblioteca persoal. Foi tamén membro da Real Academia Galega substituíndo a Castelao na súa cátedra.
Antón Fraguas defendía as ideas galeguistas polo cal tivo moitos problemas nos anos máis duros da ditadura. Estivo opositando para mestre e por culpa destes ideais ata os anos 50 da ditadura non conseguiu a súa praza.
Despois de ter as oposicións non podía dar clase en galego; só daba clase en castelán, máis por medo ás represalias que por outra cousa. Aínda así era un profesor que rompía os esquemas tradicionais pois sempre tentaba facer as clases o máis amenas posibles e organizaba saídas fóra dos horarios lectivos para que os seus alumnos comprenderan mellor certas cousas.
En definitiva, Antón Fraguas Fraguas era bo profesor e mellor persoa e que non se esquenzao que el sempre dicía: "Quixen que os meus alumnos aprendesen a aprender".

Accede á reportaxe fotográficas aquí.
Cristian Gómez Mesa - 4 ESO B
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...