26.2.17

Arranca o IIIº torneo de xadrez do IES Perdouro

Para todos/as aqueles/as que queirades medir as vosas destrezas e habililades mentais, faise saber que comeza o IIIº Torneo de Xadrez do IES Perdouro. 

Tedes ata o 8 de marzo para inscribirvos. 

As normas do xogo son as de sempre salvo que esta vez seguirase o sistema suizo de competición (5 roldas) e darase a coñecer entre os inscritos o calendario da competición.

O luns 20 de marzo comezará o torneo. Boa sorte e gozade co xadrez!!!!

24.2.17

Rosalía de Castro

O alumnado inmigrante recén chegado leu a Rosalía e fixo un videopeoma coa axuda de Virxinia e Daniel.

19.2.17

Día da Paz - traballos de 3º ESO

Traballos feito no marco do Plan Proxecta Quérote máis para celebrar o día escolar da non-violenica e da paz.
Nas titorías de xaneiro e co gallo do día da paz, o alumnado de 3º de ESO contribuíu facendo uns carteis pegados por todo o instituto co obxectivo de concienciar pola igualdade e pola paz.

Lendo a Agustín Fernández Paz

Lendo a Agustín Fernández Paz é unha iniciativa de difusión da obra deste grande escritor dentro da actividade de dinamización 21 Días co Galego do IES da Pobra do Caramiñal.
As alumnas de 2º de Bach de Literatura Galega do século XX colaboraron lendo O Segredo da illa negra. Unha fermosa reseña. Parabéns rapazas!!!
Para ver como se fixo, pica aquí.

16.2.17

Citas a cegas

Na nosa biblioteca, demostraron que o amor non é só cousa das parellas. Tamén se pode amar a lectura. Para celebrar o día de San Valentín, tivo lugar na biblioteca a actividade “Cita a cegas cun libro”. Esta consistiu en que o alumnado que así o quixera pasaba pola biblioteca, na cal podía recoller algún dos libros envoltos en papel de agasallo. Estes estaban divididos en dúas seccións: amantes primeirizos e amantes expertos. Elixida a obra, había que anotarse na lista que tiñan preparada e levala para a casa para lela. Ao rematar a lectura, no momento da devolución, haberá que cubrir unha breve ficha expresando a opinión sobre o libro e, deste xeito, saber se o frechazo se converteu nunha fermosa historia de amor. 

Aquí podes acceder o noso albúm de fotos.  

Andrea Santos, Maruxía. 
3º PMAR



13.2.17

Cita a cegas cun libro

Inspiramonos da iniciativa da libroteca El Gato de Cheshire coa súa campaña para o día dos namorados "Cita a cega cun libro". Se te animas e queres ter unha cita a cega cun libro, temos preparados dúas seccións: amantes primeirizos e amantes expertos. Pasa pola biblioteca e faite cun destes libros empaquetados para a ocasión. Lévao á casa e ábreo. Ponte no teu lugar favorito para ler e a gozar!!!!!

6.2.17

“Antonina Semedo, matriarca da paz”

Para clausurar os actos de conmemoración do día escolar da paz, Loly Chas, orientadora do IES Perdouro, promoveu na mañá do luns 6 de febreiro un encontro intercultural destinado ao alumnado de 1º e 2º de ESO que levou por título “Antonina Semedo, matriarca da paz”.

Coa finalidade de promover a interculturalidade como eixo integrador de paz entre o alumnado do IES Perdouro e sendo Burela un concello con máis de 40 nacionalidades representadas, celebrouse na biblioteca do centro escolar unha mesa redonda que moderarán alumnos de 2º de ESO, futuros xornalistas da radio escolar, para coñecer as vivencias da inmigración. Nesta ocasión a convidada foi Antonina Semedo, unha das primeiras inmigrantes que acolleu a Mariña, claro exemplo de muller traballadora, loitadora e impulsora da convivencia galeico-caboverdiana ademais de integrante do grupo musical Batuka Tabanka e presidenta de Cultura Tabanka.

Para introducir o acto, Virginia Lama, PT e profesora de inclusión educativa, preparou cos seus alumnos e alumnas recen chegados de Cabo Verde, Brasil e Portugal, unha presentación audiovisual desta convidada de excepción. Logo da posta en situación, a entrevista foi conducida por futuros xornalistas da radio escolar. A emigración, a inclusión ou a situación da muller son algunhas das preguntas que lle teñen preparadas un grupiño de rapaces de 2º de ESO á convidada de orixe caboverdiana.

Co propósito de achegarse a realidade dos migrantes, escoitamos de primeira man o que supón abandoalo todo para buscar un futuro mellor moi lonxe da súa familia e da túa cultura.

Ver a reportaxe fotográfica aquí. 

4.2.17

Alex Landim, compañeiro exemplar


O pasado día 24 de xaneiro celebrouse no IES Perdouro un acto dedicado ao exalumno Álex Landim. Grazas ao seu esforzo e dedicación, a Xunta de Galicia outorgoulle un premio en forma de compensación económica.
Álex chegou a Burela no ano 2014. Pouco a pouco, foi conseguindo os obxectivos marcados e hoxe por hoxe está loitando por consolidarse no bacharelato de Artes.
No acto falaron, entre outras persoas: María Xosé Andión, a xefa de estudos do centro; Silvera Vicente de Oliveira, amiga e compañeira de promoción de Álex; e Antonina Semedo, unha das primeiras caboverdianas en chegar á nosa terra.
Eu tamén participei. Para min Álex foi un piar importante cando cheguei ao centro. El encargouse de que non estivese só; acompañoume nos recreos foime presentando moitos compañeiros e compañeiras para que me fose relacionando con máis xente. Desde que o coñecín, nunca máis pasei un recreo só ao lado dunha columna.
O Goberno Galego fíxolle a Álex o recoñecemento de alumno exemplar e estas miñas palabras queren ser tamén outro recoñecemento, neste caso ao de compañeiro exemplar. Creo que Álex debería ser un referente para todos e todas, non só para aqueles caboverdianos que chegaron hai pouco tempo á Mariña. 

3.2.17

Castelo de Pambre

Unha das últimas viaxes culturais do IES Perdouro levounos, percorrendo o Camiño de Santiago, a Palas de Rei, a visitar o castelo de Pambre, do século XIV. Trátase do monumento militar galego mellor conservado. 
Foi construído por Gonzalo Ozores de Ulloa ao lado do río Pambre. No século XV este castelo foise ampliando e no ano 1484 pasou de ser propiedade dos Ulloa a pertencer aos condes de Monterrei. Logo foi pasando por distintos propietarios e caendo case no abandono ata que a Xunta de Galicia o comprou no 2011. 
A entrada principal ao castelo é un arco de medio punto, onde se pode apreciar o escudo de armas dos Ulloa, o escudo é o que se denomina un axedrezado, alternando as ordes e os cadros. Organizados en fiadas de 3 por 5, componse de cadrados en ouro e en gules. Esa é a denominación heráldica das cores: amarelo, cor asociada, entre outros trazos, á constancia, á perfección, ao poder e á cabaleiría, por unha banda; e o vermello, cor que representa a nobreza, a audacia, a honra e a xustiza, por outra banda. 
O castelo consta de 4 torres mais unha central, a torre da Homenaxe, que conta con tres andares. As catro torres exteriores están unidas por un muro de entre 2 e 2,5 m de espesor, que chega aos 5 m na zona da porta. 
Nos muros do castelo hai como unha especie de letras e números que servían de referencia por se se quería aumentar o castelo ou por se este era derruído, para saber como volver a colocar as pedras para construílo. Tamén se gravaban eses números e letras na pedra cando morría alguén importante na vida do castelo. 
Xunto á entrada encóntrase a capela de San Pedro, construída a finais do século XII, e dentro do recinto do castelo tamén se levanta un gran hórreo. 
O Castelo de Pambre é unha das fortalezas galegas que resistiu indemne ao envite dos irmandiños na confrontación xeral de 1466-69. 
Foi unha viaxe moi entretida, aínda que aquel día de decembro ía moito frío. Gustaríame moito repetila.

Yaiza Rivas Rivas
3º ESO-IES Perdouro (Burela)


2.2.17

Visita a Domus do Mitreo

A fnais de novembro, o alumnado de 3º ESO do IES Perdouro fomos de viaxe de estudos a Lugo. Visitamos moitos lugares interesantes, pero a min o que máis me gustou foi a Domus do Mitreo.
Os arqueólogos levaron a cabo unha serie de escavacións e agora pódense visitar os restos da domus (vivenda) dun patricio romano do século I d. C. e dun mitreo (templo dedicado ao deus do sol Mitra) do século III d. C. .
Cando entramos, o primeiro que fixemos foi ver un breve vídeo que nos explicaba de forma resumida como era a vida na época dos romanos. Cando rematou o vídeo, puidemos contemplar unha pequena parte da estrutura da casa, é dicir, puidemos ver parte das paredes e do solo e incluso puidemos constatar que xa naquela época facían casas de dous pisos, que posuían pequenas escaleiras para poder acceder á zona superior da vivenda. Estas casas non as construían moi altas debido a que eles eran máis ben baixos e así tamén era máis difícil que as casas se derrubaran. Tamén nos ensinaron as pedras e as pinturas das paredes que se conservaron durante tantos séculos.
Explícaronnos ademais que, antigamente, a muralla de Lugo medía máis de 20 metros de altura e tiña moitas ventás.
Na actualidade, a pedra coa que se construíu está á vista pero, cando se rematou, era de cor branca debido á capa de cal coa que estaba cuberta. Deste xeito, evítabase asemade que os inimigos puideran escalar por ela e que a maleza e deteriorase a construcción.
Yaiza Rivas Rivas, 3º ESO
IES Perdouro
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...