Mostrar mensagens com a etiqueta teatro. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta teatro. Mostrar todas as mensagens

5.3.24

Teatro clásico en Lugo

O mércores 28 de febreiro, o alumnado de Cultura Clásica e Latín de 3º e 4º ESO e o de Literatura Universal de 1º de BAC viaxou ata Lugo para asistir á representación de dúas obras de teatro clásico grecolatino.

Nada máis chegar a Lugo, realizaron unha visita a Porta Miñá, unha sala de exposicións do Lugo da época romana. Nesta sala, tiveron unha visita guiada durante a cal lles explicaron a orixe da muralla e da cidade de Lucus Augusti. Na exposición, atopáronse con recreacións da antiga cidade, reliquias da época, como pezas de cerámica e máscaras antigas, e viron un audiovisual sobre a xestación da citada cidade.

Posteriormente, os alumnos deron un breve paseo pola muralla, gozando das fermosas vistas de Lugo e mergullándose na cultura romana da cidade.

A primeira representación que os agardaba non tardou en chegar e marcharon para o Auditorio Gustavo Freire. A obra non era outra que "Medea", a coñecida traxedia grega de Eurípides. Esta foi interpretada polo famoso grupo teatral "Noite Bohemia", formado por alumnos dun IES de Coruña e xa coñecidos en Europa.

Despois de gozar da espléndida obra, o alumnado marchou para almorzar e desfrutar dun pouco de tempo libre.

Pola tarde regresaron ao Auditorio onde gozarían da representación de "Anfitrión", do autor latino Plauto, interpretada polo mesmo elenco de actores. Esta obra tiña unha temática totalmente oposta á anterior, xa que se trataba dunha comedia. É importante destacar a innovación de actualizar o humor da obra clásica cara a un humor máis moderno, o que provocou que o alumnado non puidera evitar amosar os seus mellores risos.

Desta forma, e con marabillosos recordos, o grupo regresou a Burela.

Para ver máis fotos prema aquí.

Lucas Casal - 1º Bacharelato A

20.2.24

Teatro, visita a El Progreso e ao Museo Provincial de Lugo

Este mércores, 17 de xaneiro, todo o alumnado de 3º ESO realizamos unha saída á capital da nosa provincia, Lugo. 

Primeiro asistimos ao auditorio Gustavo Freire, onde puidemos gozar da obra de teatro Entre pasos y zancadas interpretada pola produtora MIC producciones. Foi unha representación de tres obras do século XVI: dous pasos de Lope de Rueda (A terra de Jauja e As Olivas) e un entremés de Cervantes (O vello celoso). 

Tras o espectáculo puidemos interactuar cos actores e resolver as nosas dúbidas sobre a obra ou sobre a súa profesión. Máis tarde, fixemos outra parada no diario El Progreso onde nos explicaron o proceso de elaboración do periódico, dende a redacción ata a impresión do mesmo. Tamén nos falaron sobre a historia dos xornais. Posteriormente, fixemos un percorrido polas súas instalacións, onde puidemos ver toda a maquinaria que se emprega diariamente para a súa impresión. 

Tras facer unha breve parada para xantar nas Termas, continuamos a nosa viaxe cara ao Museo Provincial de Lugo. Alí explicáronnos datos sobre a Idade dos Metais, vimos algúns mosaicos e tamén entramos nunha sala dedicada a unha colección de torques atopados en Galicia, entre eles o de Burela. Finalmente, observamos unha colección de retratos e autorretratos. 

Ata aquí a nosa saída! 

Podedes ver máis imaxes AQUÍ.

Noa Burgos Pernas - 3º ESO A

26.3.23

27 de marzo: Día Mundial do Teatro

Para conmemorar o Día Mundial do Teatro, o alumnado de 1º de Bacharelato de Literatura Universal elaborou un par de libriños con títulos de obras teatrais. As palabras están representadas por emoticonas. A ver se as acertades!



26.5.21

Os celtas e a materia de Bretaña.

A mañá do 24 de maio, os alumnos de 2º da ESO, 3º da ESO e 1º de Bacharelato asistimos a unha representación levada a cabo por Suso Martínez e Daniel Linde. Quixéronnos explicar a historia dos celtas en Galicia e a importancia da lingua galego-portuguesa na Idade Media , e para facer a actividade máis dinámica, escenificáronnola en forma de obra de teatro. Para facela máis realista trouxeron roupa da época para poñernos en situación (por exemplo, unha saia de tea de tartán, capas da época ou unha réplica exacta duns zapatos da Idade de Bronce).

Comezaron falando de Andrade e Pardo de Cela, señores da Idade Media. Despois presentáronnos personaxes e sucesos importantes, como poden ser: a historia do Rei Artur e os cabaleiros da Táboa Redonda; a materia de Bretaña, na que mencionou que a xente importante adoitaba posuír o libro de Tristán; Breogán, a quen presentou como servidor e señor da Galicia, e Galahaat, quen fixo a busca do Graal no Cebreiro e despois non puido quedar con el. Fixo alusión tamén ao Libro das Invasións. Explicáronnos tamén que nos séculos XII e XIII a lingua galega era a lingua de trobadores, poetas, guerreiros e reis.

Máis adiante, fixeron referencia a Eduardo Pondal co seu himno “Os Pinos”, do que dixeron que era unha lenda fundacional da que nace a identidade de Galicia.

Outro autor coñecido do que falou foi Ramón Cabanillas. Estes dous autores viviron entre o S.XIX e o XX. Tamén escenificaron de xeito didáctico “Na Noite Estrelecida”, unha obra de Cabanillas que pon en contacto a literatura galega cunha ideoloxía conectada coa cultura celta.  

Esta actividade pareceume entretida e moi dinámica e grazas a ela puiden aprender máis sobre esta época e sobre a historia dos celtas en Galicia.

Accede ao álbum de fotos aquí.

Daniela Enríquez Canoura 1ºBAC-B

28.5.18

Leonardo e os fontaneiros, adaptación teatral

Entrevista a Ana Carreira de Ubú Teatro

Laura Rodríguez, Laura García, María Lestao e Irene Basanta
Transcrición de Yaiza Rivas, Andrea Santos e Laura Rodríguez

Ana Carreira é actriz e dramaturga e é unha das protagonistas na obra Leonardo e os fontaneiros, adaptación ao teatro da obra narrativa do mesmo nome de María Victoria Moreno.
O alumnado de 1º e 2º ESO asistiu á representación desta obra da Compañía Ubú Teatro e Laura Rodríguez, María Lestao e Irene Basanta, estudantes de 1º de ESO, aproveitaron para facerlle unha entrevista a Ana Carreira.

A idea desta obra era representar un pouco as trasnadas dos nenos, pero falando desde o futuro, porque vosoutros en realidade representades a Begoña e a Antón falando do que fixeron no pasado, cando eran nenos.
Pois si, moi ben visto. Nós facémolo así dende o principio porque, ao ser adultos, se nos vestísemos de nenos quedaría un pouco raro, non? Porque non parecemos nenos. Pero se nos presentamos así ao principio como Antón e Begoña no futuro, pois entón non pasa nada, basicamente xogamos a iso, a que imos cara adiante e cara atrás que é unha forma de facer teatro que está inventada hai moito tempo pero cun toque máis moderno. Non é tan lineal como outras formas de teatro e así tamén podemos utilizar outros recursos. Por exemplo, os bonecos que fixemos para que foran outros persoaxes, porque nos gustaría ter a toda a clase de Leonardo e os fontaneiros, pero era imposible.

Custouvos moito interpretar a obra?
Interpretala non tanto, decidir como facela moitisimo porque era moi difícil poñela en teatro, xa que hai moito monólogo. Eu, que fago moitas cousas destas, foi a obra que mais me custou facer. Eu sempre me encargo da dramaturxia e o meu compañeiro sempre se encarga da escenografía e foinos bastante complicado porque tampouco vos queriamos poñer bonequiños como se forades nenos pequenos. Entón tiñamos que xogar con outras cousas que se puideran mover porque nós imos por moitos sitios distintos de Galicia e era complicado.

Cantas representacións tedes que facer?
En total unhas 75.

Gústache moito o teu traballo?
Moitísimo. O que máis me gusta é escribir as obras aínda que interpretar tamén me gusta moito.

Desde onde vides? 
Nós somos de Lugo. Eu vivo en Lugo, normalmente, e el vive en Cangas do Morrazo. Eu nas épocas de xira ou estou en Lugo ou en Vigo ou onde lle cadra. Normalmente estamos pola zona do sur.

Dentro das obras que facedes, á parte do guión tedes partes inprovisadas?
Cando ensaiamos, improvisamos cousas para ensaiar pero despois aquí, as cousas falas mellor ou peor, pero en realidade aquí non improvisamos, eso da xente que di: “Eu improviso”. Non, a improvisación está ben para crear, antes dos ensaios ou para solucionar un problema, porque ás veces pasan cousas e para que vós non vos decatedes, temos que improvisar, pero polo xeral non está improvisado.

Que foi o que máis vos gustou da obra Leonardo e os fontaneiros? 
A min as trasnadas, eu era peor ca iso e non era moi traste. Pero así entre nós, as trasnadas foi o que máis nos gustou, e poder cambiar de personaxe. Ao facelo desta maneira: estar facendo agora un personaxe, despois outro e outro, é cansado pero é moi divertido. Pero sobre todo iso, as trasnadas.

Porque así resulta ademais máis divertido porque, efectivamente, algunhas partes do libro son tristes.
Claro, porque está a parte triste, pero está todo. A vida ten todo, tristeza e alegría. Eu prefiro quedarme coa alegría. 
Moi boas preguntas.

Moitas grazas

Accede ao albúm de fotos aquí.

12.4.18

Representación teatral Anágnorise (Letras Galegas)

O xoves 5 de abril acudimos á representación da obra teatral Anagnórise na Casa da Cultura do Concello de Burela. Ademais de nós, tamén estaban os alumnos de secundaria doutros institutos da zona.

A obra teatral está baseada no libro de María Victoria Moreno Márquez que nós limos na Semana Santa para facer un exame o día 3 de abril, polo que xa sabiamos a trama e o desenlace da historia.

O espectáculo, que foi interpretado por dous rapaces de Limiar Teatro, comeza co tema de David Bowie que tanto lle gusta a Nicolau, o protagonista da novela. A continuación, len o principio do libro e proxectan no teito do coche (que se supón que é o de Xulia, a outra personaxe da novela) unha introdución á obra mentras soa a banda sonora de Star Wars e fan un breve resumo do libro. Posteriormente, realizan unha especie de concurso chamado “Xuízo e prexuízo” no que Nicolau interactúa co público pedíndolle a un rapaz que chame a algúen para axudarlle a resolver unha pregunta (sobre unha das opinións que o protagonista verte no libro sobre as mulleres). Continúa a representación coa historia do mosteiro de San Cibrán, que  nós sabiamos moi ben porque foi unha das preguntas que nos puxo a profesora de galego no exame.

Despois, os actores “desprázanse” á festa de Castro de Uces e póñense a cantar unha canción contando a historia como se fosen os cantantes dunha orquestra da festa. Avanzan no tempo ata chegar á viaxe de volta en tren de Nicolau e despois, simulando un dos seus recordos, proxectan na porta do coche as caras do público que lles serven para ilustrar o bar do Coxo (amigo de Nico e onde se xuntaban todos os amigos para beber alcol). A continuación, cambian de ambiente e reflexionan sobre o parecido entre Xulia e a autora do libro. Por último, falan da estancia de Nicolau en Madrid nos anos 80 e len a carta que lle deixou Xulia a Nico na habitación antes de morrer. Como remate, volve a soar o tema preferido de Nico co que comezou a obra.

A miña opinión sobre esta actividade é moi positiva xa que me pareceu moi entretida e despois de ler o libro quedáronme as ideas moito máis claras. En canto á historia á que se refería, o final paréceme moi impactante pero polo medio non me agradou moito lela xa que se perdía o fío facilmente.

Ver a reportaxe fotográfica aquí.
LAURA PERNAS
4º ESO


19.12.17

"As aventuras de Gale" teatro de monicreques de A xanela do Maxín

Os rapaces de 1º de ESO de varios institutos da Mariña tiveron esta mañá unha cita no Auditorio de Burela cos monicreques de A Xanela do Maxín coa obra As aventuras de Gale.

Sinopse: 

Gale conducirá ás nenas e nenos a través da súa historia e traeraos ao presente mostrándolles a situación na que se atopa e a maneira na que poden axudarlle a repartir ese gran tesouro que protexe con tanto con mimo: palabras, expresións, dicires e unha maneira única de ser e de descubrir o mundo.

Unha historia chea de aventuras e desventuras que nos axudarán a comprender as circunstancias que rodean a Gale no día de hoxe, pero tamén a gran riqueza que supón contar con música, poemas, libros e canta cultura se creou e creará en galego.

Nalgúns momentos Gale estivo moi enfermiña, case apagada, como pode ser nos Séculos Escuros, mentres que noutras etapas reluciu de esplendor. Actualmente non está no seu mellor momento e por iso mesmo precisa da nosa axuda.


Dirección, actriz e titiriteira: Celtia Figueiras
Guitarra e violín: Carlos G. Fandiño
Acordeón, frautas e voz: Sonsoles Penadique
Iluminación: Fernando Martínez de Vega
Espazo sonoro: Luis Vallecillo
Texto: Pepe Carreiro, Celtia Figueiras e Séchu Sende

21.11.17

Contacontos pola igualdade

Alumnado de 4º de ESO e 1º de Bach asistiron esta mañá no auditorio a un espectáculo "Contamos Todas" da compañía A Tropa de Trapo, actuación patrocinada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. 

Os contos empezaron coa historia das señoras de Torneiros e a súa iniciación a montar nunha bicicleta. O segundo conto relatou a historia de Liberia e de Ellen Johnson Sirleaf, actual presidenta do pais, Nobel da paz e primeira presidenta africana. Foron exemplos de vida, de mulleres que se enfrontaron a diversas situacións, historias para facer pensar, exemplos de empoderamento, rebeldía, equidade e superación.
Logo deuse paso a un debate participativo sobre igualdade, feminismo, machismo e violencia de xénero.

Accede ao noso albúm fotográfico aquí.

25.1.17

"Cousas" de Castelao por Os Quinquilláns

En colaboración coa Editorial Galaxia, a compañía teatral Os Quinquilláns estivo en Burela cunha proposta teatral e literaria destinada ao alumnado de 4º ESO e Bacharelato dos dous institutos de Burela, "Cousas" de Castelao.
O luns 23 de xaneiro, os equipos de normalización e dinamización lingüística dos institutos, quixeron achegar ao seu alumnado a obra dun creador clave na cultura galega promovendo a lingua e creando público para o teatro.
O libro homónimo de Castelao é a base dun texto no que Lucho Penabade e Tero Rodríguez recollen os grandes temas abordados polo autor rianxeiro, desde a soidade ao amor pasando pola amizade, a solidariedade, a emigración, a xustiza social ou a enfermidade.
O fío condutor do espectáculos de Os Quinquilláns son dous protagonistas: Teresa, servidora fiel, que coidou durante décadas a irmá máis nova de Daniel Castelao, é a última habitante do domicilio en Rianxo; e o veciño Xosé, mestre, historiador local, pintor e director da compañía de teatro de Rianxo onde Teresa traballa de actriz. Sobre eles gravita toda a trama. Tras o falecemento da última Castelao, vaise pechar a casa e ábrese un futuro incerto para todo o que alí se garda. Teresa a Xosé despídense das cousas lembrando os contos que naceron a carón delas.  Son membros do grupo de teatro local que transforma algúns dos contos da obra de Castelao en pezas breves a través de técnicas como teatro de actores, de máscaras, de títeres, de obxectos, de sombras ou narración oral... todo pensado para que se consiga un dos grandes obxectivos da proposta: a maxia da reinterpretación, das lecturas, da imaxinación...


3.3.16

Festival teatro clásico en Lugo

O pasado luns 29 de febreiro, alumnas e alumnos de 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato fomos a Lugo para asistir ao Festival grecolatino organizado por Prósopon.
Chegamos á capital da provincia logo dunha viaxe moi entretida e dirixímonos ao auditorio Gustavo Freire. Alí escoitamos con paixón "Medea", unha traxedia grega escrita por Eurípides, que mantivo en tensión ao respectable durante máis dunha hora.
Xa pola tarde, o ambiente no patio de butacas era distinto. O nó na gorxa da anterior historia deu paso a risos grazas á adaptación moderna de "Os Menecmos" (Os xemelgos), unha obra de Plauto pertencente á comedia latina.
Despois dun día de emocións voltamos a Burela cun resaibo doce por ter asistido a este evento, tanto polas obras que eran de grande interese como polo elenco actoral que estivo sublime. 

Crónica de Maka Ledo Vázquez

23.2.16

Saída literaria de 3º de ESO: Quixote e Manuel María

Co galo do cuarto centenario da publicación da Segunda Parte do Quixote como do falecemento do Fénix das letras castelás, o alumnado de 3º de ESO viaxou o 22 de febreiro ata Santiago para asistir no teatro principal á representación das obras La española inglesa e Las dos doncellas das Novelas ejemplares de Miguel de Cervante, dúas historias protagonizadas por mulleres. As vivencias que Cervantes acumulou na súa vida reflíctense aquí nun despregue de localizacións e de belas historias relacionadas con elas. Guía didáctica.

Xa pola tarde, o alumnado foi visitar a Casa Museo de Manuel María, en Outeiro de Rei, para coñecer a vida e obra do autor homenaxeado das Letras Galegas deste ano.

A actividade foi organizada conxuntamente polo departamento de Lingua Castelá e Lingua Galega.

1.2.16

Viaxe a Ferrol

O mércores 27 de xaneiro, os alumnos de 1º Bacharelato asistiron pola mañá, acompañados das profesoras do Depatamento de Lingua castelá, á representación teatral La dama boba de Lope de Vega en Ferrol. Pola tarde, fixeron unha visita guiada polo historiador de Ferrol, Justino Fernández Negral, que lles explicou, de maneira amena e moi práctica, o urbanismo e o Modernismo da cidade de Ferrol.

22.5.15

Viaxe a Ferrol - 1º Bach + FP básica

Crónica de Aitor Eijo Oroza – 1º BAC

O pasado luns 27 de abril os alumnos de 1º de BAC e mais os de FP Básica fomos de viaxe de estudos a Ferrol.

Primeiro, fomos a un colexio da cidade ver unha función teatral na que se representaba unha adaptación do Quixote. A obra estivo interpretada por unha compañía de teatro de Hospitalet de Llobregat (Barcelona). A representación resultou moi entretida porque se escolleron os episodios máis divertidos do Quixote e os actores intentaron en todo momento darlle un toque humorístico. Con poucos elementos de ambientación escénica, transmitiron moi ben as aventuras de Don Quixote e Sancho Panza e a súa evolución ata chegar ao desenlace final, no que o cabaleiro andante é vencido e levado de volta ao seu fogar.

Ao redor das 12:30, e despois de ver a obra de teatro, fomos visitar Exponav, que é unha exposición onde se mostran as distintas etapas históricas da construcción naval. Explicáronnos o duro traballo dos homes que comezaron a construír grandes barcos en Ferrol, a minuciosidade das mulleres que, posteriormente, calcaban o planos, os primeiros ordenadores que se usaron no deseño das embarcacións etc. Tamén tivemos ocasión de participar nun breve taller no que nos ensinaron a facer algúns nós imprescindibles para os mariñeiros.

Despois, dirixímonos ao centro comercial “Odeón”, onde tivemos o noso tempo para xantar e facer algunhas compras.

Xa pola tarde os alumnos de 1º de BAC fomos ao museo de Historia Natural e os alumnos de FP Básica foron visitar Navantia.

En Navantia, varios profesionais mostráronnos o funcionamentos dos tornos, fresas etc que empregan para mecanizar as grandes pezas que se necesitan para construír embarcacións. Logo, percorremos en autobús distintos diques de construción e reparación. Explicáronnos como un barco se vai construíndo por compartimentos, como en grandes cubos, que se dedican a cociña, a camarotes, a comedor, etc e que se van colocando na embarcación no dique de construción. As instalacións de Navantia impresionan polo grandes que son e pola envergadura dos barcos que alí se fabrican.

Ao redor das 18:30 voltamos para Burela. Foi un gran día!

11.3.15

Festival Xuvenil Europeo de Teatro Grecolatino 2015 en Lugo

O pasado luns 2 de marzo, os alumnos de latín de 4º da ESO e as alumnas de 1º e 2º do Bacharelato humanístico fixemos unha viaxe a Lugo para ver dúas obras grecorromanas, no teatro Gustavo Freire.


Saímos a redor das dez da mañá, e chegamos a Lugo ás doce, xusto a tempo para ver a primeira obra: Edipo rey, de Sófocles; unha das traxedias gregas máis coñecidas.

Practicamente, todo o mundo posúe algún coñecemento deste famoso mito: Edipo asesina a seu pai e casa con súa nai, descoñecendo o parentesco que os une.

Esta obra preséntanos a relación que existe entre a dor e o destino. Edipo, ademais, móstranos unha das paradoxas máis estrañas: o feito de que quen intenta escapar do seu destino non fai outra cousa que cumprilo, aínda que sexa por camiños inesperados.

Por iso, ao final da obra, Iocasta, a muller e nai de Edipo suicídase e o protagonista destérrase a sí mesmo, despois de arrancarse os ollos.

Ao finalizar a obra, dirixímonos ao centro comercial As Termas para comer e pasar unhas horas ata que comezara a outra obra ás catro e media.

Como o teatro e o centro comercial non estaban lonxe, puidemos pasar bastante tempo alí: comendo e pasando un cacho entretido. 

Despois de comer, voltamos ao teatro Gustavo Freire de Lugo para poder ver a comedia que tería lugar pola tarde, a Cistellaria, ou a cestita.

Esta foi a primeira comedia do autor Plauto, estreada arredor do ano 203 antes da nosa era.

Nela, a protagonista Selenia, abandonada ao nacer e recollida por unha meretriz, namórase dun rapaz de boa familia, chamado Alcesimarco. O amor que senten os dous é interrompido polo pai del, que pretende casar ao seu fillo cunha muller da súa mesma clase social.

Así, as ideas dos dous enfróntanse aos plans dos adultos, facendo que o amor e a conveniencia se convertan nos temas principais da obra. Finalmente, Selenia reúnese cos seus pais biolóxicos e o verdadeiro amor acaba por triunfar nesta comedia de Plauto.

Ao rematar a obra, dirixímonos xa ao autobús para voltar a Burela, chegando arredor das oito menos cuarto.

Ambas cremos que esta viaxe foi moi interesante para todos nós, estudantes de latín e de grego, xa que puidemos aprender e ao mesmo tempo disfrutar da sesión de teatro.

Mónica Palacios e Inés Pardo, 1º BAC A.

17.12.12

O Teatro na Mariña

A ASOCIACIÓN CULTURAL “OS MATOS” ORGANIZA UNHA CONFERENCIA SOBRE O TEATRO NA MARIÑA

O relator foi Francisco Piñeiro, ensaísta, dramaturgo e director de grupos teatrais en Cervo e Foz.

Cada ano a Asociación Cultural “Os Matos” realiza diversas actividades de divulgación das diferentes artes tanto literarias como escénicas ou musicais. Baixo a súa organización, estiveron na Mariña escritores como Xosé Neira Vilas, músicos como Mini e Mero ou ensaístas das máis diversas especialidades.

Na presente ocasión, o convidado foi unha persoa “da casa”. Trátouse do profesor Francisco Piñeiro -docente no Instituto Monte Castelo-, que compareceu en calidade de ensaísta, dramaturgo e director de grupos teatrais afeccionados. O evento celebrouse ás 10 da mañá do luns, día 17 de decembro, na biblioteca do Instituto Perdouro, e estivo dirixido a alumnado dos dous cursos de Bacharelato.

Con esta actividade, a asociación organizadora pretende mostrar a evolución da arte teatral desde a Escola Rexional de Declamación (1903) até chegar á profesionalización do sector (con Manuel Lourenzo e o grupo de Ribadavia). Para iso convidou o profesor Francisco Piñeiro González, que é autor da recentemente publicada Historia do teatro afeccionado na Mariña Lucense (obra editada polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo) e que ten elaborado un traballo pedagóxico apoiado en numerosas imaxes e música co que transmite tamén unha panorámica das representacións dramáticas no ámbito territorial da Mariña.

Escritor de recoñecido prestixio en todos os xéneros literarios (Premio Lourenzo Varela, de xornalismo; Daniel Cortezón, de teatro; e Manuel Orestes Rodríguez, de narrativa e poesía), Francisco Piñeiro combina a docencia de Bioloxía e Matemáticas coa escritura e a dirección dos grupos teatrais “O Bordelo”, de Cervo; “A Adala”, de Fazouro; e “O Batán”, de Cangas.

O desenvolvemento do acto foi conducido polo profesor Antón Niñe, presidente da Asociación Cultural “Os Matos”, quen se ocupou da presentación do convidado así como da moderación do posterior coloquio.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...