Mostrar mensagens com a etiqueta Medioambiente. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Medioambiente. Mostrar todas as mensagens

25.3.26

Limpeza de praias da Xeración Peixe coa Fundación Expomar e Gaia


O mércores 18 de marzo o alumnado de 2º de ESO participou nunha actividade que se enmarcou dentro da Semana do Benestar Emocional e a Convivencia e tamén dentro de Xeración Peixe, unha actuación da Fundación Expomar. 

En colaboración co Centro de Educación Medioambiental Gaia do concello de Burela, a Fundación Expomar organizou a recollida de lixo da praia do Perdouro e informou ao alumnado dos efectos que os residuos teñen sobre a auga do mar, sobre os areais e sobre a flora e a fauna mariña. 

Esta actuación pretende achegar o medio mariño a nenos e adolescentes, promover o seu coidado e fomentar o consumo de peixe entre os máis novos. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.

21.6.24

Patrullas informativas sobre reciclaxe e auditoría de residuos

O alumnado de Ciclo Básico de Servizos Administrativos percorreu as aulas, os talleres, os despachos e outras dependencias do centro para informar sobre a utilización das papeleiras e dos distintos colectores instalados no instituto para unha correcta reciclaxe. 

Despois dalgunhas roldas informativas, o mesmo alumnado levou a cabo unha auditoría dos residuos e informou a alumnado, profesorado e persoal non docente de se a reciclaxe fora realizada de xeito adecuado. 

Toda a comunidade educativa mellorou os seus coñecementos sobre a separación e a reciclaxe grazas a estas efectivas "patrullas informativas". 

Parabéns polo voso gran labor!


2.5.24

Limpeza da praia de Portelo

O martes pasado, era un día tristón con vento do Nordés, deses días que adoita haber no inverno en Burela. Como os de aquí xa estamos acostumados, pola tarde había unha actividade organizada polo instituto na praia; o plan invitaba a pasar frío. Con este panorama non apetecía saír, e menos á praia, pero ámbalas dúas xa tomaramos a decisión. 

Chegamos un chisco tarde. Había un intre que comezara a explicación. Temos tantas actividades que é case imposible cadrar as horas. Sentamos xuntas na clase, entón xa tiñamos acordado pola mañá o de quedar na praia, polo que nos foi imposible volvernos atrás. A actividade era de recollida e limpeza de refugallo. Supuxemos que se trataba de que nos sensibilicemos e nos decatemos do que pasa co medio ambiente. É unha magoa ver como moito do material de refugallo abandonado ou vertido acaba no mar. E témonos que dar conta de que o mar, como din os vellos, cospe outra vez todo para as praias e os cantís. No caso dos plásticos é peor, as ondas e o vento convértenos en cachiños diminutos que se chaman microplásticos e estes rematan na barriga dos peixes e ao final tamén na nosa. 

Voltando á saída, estivemos con Charo, a profe de Bioloxía, e o seu cadeliño “Rayo”. Recollemos durante aproximadamente corenta minutos todo tipo de lixo, clasificámolo en: plásticos, cabichas e produtos de hixiene. As cabichas, explicáronnos que eran moi prexudiciais para o medio ambiente. Por un lado, tardan en degradarse e, por outro, serven de alimento aos peixes que despois consumimos. 

Tamén nos fixemos conscientes de que temos que ter coidado co que tiramos polo wc ou polos sumidoiros. Debe ser por iso que en Burela hai moitos pintados con polbos e peixes para que pensemos neles. Todo acaba no mar, e puidémolo comprobar recollendo compresas, tampóns, plásticos varios... 

En xeral, podemos concluír, polo tanto, que foi unha saída positiva tanto polo que aprendemos como polo divertida que resultou a xuntanza. Pasámolo moi ben as dúas rindo e xogando cos dous canciños que tamén participaron. 

Sempre temos que pensar que cada un de nós ten o poder de cambiar as cousas cada día.

Accede ás fotografías aquí.

Carme Alonso e Karen da Costa – 3º ESO A

21.3.24

Remata o prazo da recollida de pilas para o concurso Pilabot. Traede todas as que poidades!

Mañá venres 22 de marzo acaba o prazo para a recollida de pilas. Traede todas as pilas e baterías de litio que poidades e vádeas depositando na caixa da aula ou botádeas directamente no colector de diante de conserxería. 

O venres 22, titores ou delegados, como vós acordedes, debedes encargarvos de levar as pilas da aula á entrada do edificio 1, diante de conserxería. 

A organización do concurso pasará polos centros para pesalas como o curso pasado. 

Grazas pola vosa colaboración!


1.2.24

Eco-auditoría do lixo do IES Perdouro

O día 25 de xaneiro os alumnos e alumnas de 3º de ESO e 4º ESO tivemos unha charla sobre o medio ambiente que nos viñeron impartir dende a Universidade da Coruña.  

As relatoras comezaron explicándonos que había unha serie de accións básicas coas que poderiamos mellorar o medio ambiente, por exemplo: non empregar tanta auga nin enerxía, facer hortas urbanas, prestar bicis para utilizar menos medios de transporte contaminantes…  

A continuación, explicáronnos a xestión de residuos, xa que cada vez temos máis escaseza de materias primas como, por exemplo, de petróleo, e tamén que de media por persoa ao día se tira 1,2 kg de lixo e que cada vez esa cifra aumenta máis. Despois diso explicáronnos o tipo de colectores que existen: o xenérico, que é de cor verde escura; o de papel, azul; o de plástico, que é amarelo; o de vidro, dunha cor verde máis clara e, por último, o marrón. Este é un colector novo, que é para a materia orgánica. Tamén nos contou que hai outros medios de desfacerse dos produtos utilizados como pode ser a incineradora, que non é a mellor opción xa que expulsa uns gases prexudiciais para o ambiente.  

Outra cousa da que nos falou é de que todos e todas nas nosas vidas deberiamos facer compostaxe para favorecer o ciclo da materia e así ir recuperando os produtos, xa que ata agora só temos un 8% de economía circular no planeta. A compostaxe dános distintos beneficios: pechar o ciclo da materia, obter fertilizantes, ser xestores dos nosos residuos e tamén diminuír o gasto de tratamento dos residuos.  

Por último, nesta charla tamén tivemos unha parte práctica. Trouxéronnos unhas bolsas de lixo do noso instituto do día anterior para facer unha eco-auditoría, que consiste en clasificar os distintos residuos segundo o colector ao que deban de ir e analizar as conclusións. Para isto, necesitamos bolsas cheas de residuos, luvas que se son reutilizables (moito mellores para o medio ambiente); unhas caixas de plástico ou de papel para separar todos os residuos e unha báscula para saber que material consumimos máis.  

Ata aquí chega a nosa crónica e como conclusión dicirvos que todos deberiades animarvos a reciclar para vivir nun mundo mellor. 

Accede a reportaxe fotográfica AQUÍ.

Antía González Quelle - 3º ESO A

20.1.23

Necesitamos que recollades pilas de novo

Este mes de xaneiro comezou a IV edición da campaña escolar Pilabot. Temos seis semanas para recoller a máxima cantidade de kg de pilas!

Recórdovos que o curso pasado xa participamos e non estivo nada mal o posto que conseguimos na clasificación: 

- Nº 26 de 150 centros educativos de Galicia en kg recollidos: 493,25 kg

- Nº 38 de 150 centros educativos de Galicia en kg recollidos por alumno: 2,15 kg

O resultado da campaña foi un éxito e recolléronse case 54 toneladas de pilas. 

Unha vez máis podedes participar tamén no concurso #EuSonPilabot creando o voso propio cartel. 

E aquí tedes algúns recursos para traballar na aula a reciclaxe e animarvos a traer todas as pilas que poidades. 

Comeza a conta atrás!

22.11.22

Plantando árbores con pinceis: pintamos un mural e bolsas de tea

Este pasado martes 8 de novembro o alumnado de 3ºESO A, B e C estivemos traballando nun mural pintado no muro ao lado do edificio 2. O deseño deste mural estivo composto por elementos de ilustracións feitas por compañeiros de 4º ESO, que se ofreceron como voluntarios para a elaboración deste proxecto.

Este mural foi pintado cunhas pinturas especiais chamadas pinturas fotocatalíticas que desempeñan a función de absorber dióxido de carbono e axudar fronte ao quentamento global. Cando nós chegamos á cuarta hora, xa había un bosquexo para guiar por onde tiñamos que pintar. Tamén se presentou ante nós o muralista. Chamábase David, aínda que o seu nome artístico era Doctoy. El explicounos que estaban organizando un proxecto en 50 centros educativos para pintar murais con estas pinturas e así axudar á loita contra o quecemento global. Tamén organizou grupos nos que nos dividiriamos para pintar cada un unha cor específica do mural.

Na cuarta hora coincidimos cos alumnos de 3º C e pintamos os dous grupos xuntos. Á seguinte hora, os compañeiros de 3º B remataron o noso traballo e, por último, Doctoy retocou os últimos detalles.

Ao mesmo tempo, o alumnado de 1º ESO decorou bolsas de tea con pintura ECO na biblioteca. Dirixíronos na actividade Marta Gefaell, de Fundación Abanca, e persoal da asociación Vella Escola.

Foron actividades moi entretidas.

Podedes acceder aos álbums de imaxes do mural AQUÍ e ao das bolsas de tea AQUÍ.

Mateo Docal Sampayo - 3º ESO A

                                                                                                              

17.11.22

Continúan as actividades de EcoPerdouro

O alumnado de 4º ESO está facendo a súa plantación de outono nas mesas de cultivo. 

A ver que rica colleita temos en poucos meses no horto escolar!

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ. 


15.9.22

Comeza a IIIª edición de "Generación ECO": empezan os retos!

Este curso continuaremos cos retos sostibles para reducir a pegada hídrica e de carbono. Recordade que o curso pasado alcanzamos o segundo posto a nivel nacional e recibimos unha importante dotación para ter o noso propio horto: mesas de cultivo, composteiro, regadeiras etc. 

Agardamos a mesma colaboración ca o curso pasado. Nesta ocasión, o primeiro reto centráse no vidro. Trátase de levar a cabo algunha actividade que investigue sobre: 

- como se xera o vidro, 

- que impacto ten no medio,

- e que múltiples usos pode ter este material dado o seu alto valor. 

Valorarase a creatividade, a orixinalidade, que dure no tempo, o número de alumnado involucarado e a transversalidade entre diferentes ámbitos. 

A partir do 30 de outubro hai que presentar as actividades. Charo, xefa do departamento de Bioloxía, coordinará unha vez máis os retos e debemos enviarlle a ela as nosas aportacións. 

Atención aos obxectivos. Comeza o reto 1!!




21.6.22

Presentación dos resultados do programa "Educando na sostibilidade" da UDC e Fundación Alcoa

Onte, luns 20 de xuño de 2022, presentáronse no centro os resulados do programa "Educando para a Sostibilidade’ que a Vicerrectoría de Infraestruturas e Sustentabilidade da Universidade da Coruña (UDC) desenvolveu este curso 2021-22 co patrocinio de Fundación Alcoa, ampliando a súa cobertura a centros educativos da Mariña lucense. 

No acto, ao que asistiron alumnos e persoal docente, interviñeron o director da Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, Manuel Soto Castiñeira; o director da planta de aluminio de San Ciprián, Manuel Fernández Alonso en representación de Alcoa e Fundación Alcoa, e a directora do IES, María José Pardiñas. 

Durante o curso 2021-2022, o programa ‘Educando para a sostibilidade’ excedeu os límites do campus universitario coa organización de 15 novos talleres en 6 centros educativos no marco do proxecto 'Mariña Ambiental UDC - Fundación Alcoa'. Grazas a unha dotación económica de Fundación Alcoa de 49.800 dólares, os ciclos contaron con máis de 400 beneficiarios directos dos centros CEIP Castro de Ouro (Alfoz), CEIP Cervo (Cervo), CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo), CPR Plurilingüe Martínez Otero (Foz), IES Enrique Murais (A Pontenova) e IES Perdouro (Burela). 

Os talleres, eminentemente prácticos, baseáronse nun triplo eixo estratéxico para a xestión sostible dos residuos, a auga e a enerxía. Ademais, o asesoramento científico e técnico do programa, así como o apoio económico, permitiron a implicación especial de tres centros: o IES Enrique Muruais, que instalará un sistema de recollida selectiva de residuos intracentro; o CPR Plurilingüe Martínez Otero, que mellorará unha zona de compostaxe e un proxecto sobre eficiencia enerxética preexistentes; e o IES Perdouro, que implantará unha zona de compostaxe xunto a equipos complementarios para que toda a comunidade educativa poida practicar a recollida selectiva de residuos orgánicos e producir un abono de alta calidade. 

Pódese acceder ao álbum de imaxes AQUÍ. 

11.6.22

Parabéns polo segundo premio en Generación ECO

O IES Perdouro é merecedor do segundo premio de Generación ECO de Galicia, tras responder aos nove retos que a entidade sen ánimo de lucro Ecovidrio colgou na súa páxina web. Segundo os seus datos, o IES Perdouro é un 74,46 % eficiente, fomos quen de evitar a emisión de 7529,16 Kg de CO2 e aforramos 2629,91 litros de auga, o que permitiu ese segundo posto con 395 puntos. Este premio foi posible grazas á implicación de todo o instituto, xa que os diferentes Departamentos e o alumnado de ESO, Bach, FP Básica e Ciclos puxeron o seu gran de area de moi diversas maneiras: 
• O noso alumnado de 4º ESO fixo murais con materiais reciclados para concienciar sobre a crecente ameaza dos microplásticos. 
• Demos instrucións ao alumnado para evitar o emprego de materias que xeren microplásticos para a celebración do Samaín. 
• Realizamos diversas gravacións de audios co alumnado de 4º ESO e 2º Bach para o programa Proxecto Neo (de Radio Burela); unha delas, por exemplo, foron as propostas medioambientais para os gobernos local, autonómico e estatal. 
• Estas propostas continuaron coa posterior visita ao noso centro de Alfredo Llano, Alcalde de Burela, ao que o noso alumnado de 3º ESO solicitou a creación dun carril-bici. 
• Colaboramos como centro educativo na recollida de roupa e xoguetes para os nenos e nenas de Cabo Verde. 
• O alumnado de FPBásica de Fabricación e Montaxe e o Ciclo Medio de Mecanizado deseñaron unha Árbore do Nadal, que foi cuberta con adornos feitos polo alumnado de 2º ESO de Relixión, 3º ESO de Matemáticas, 4º ESO de EPeV e 4º ESO de Tecnoloxía; e meses despois, démoslle un novo uso, como Árbore da Diversidade no Día Mundial contra a LGTBIfobia. 
• Organizamos un Concurso de Decoración das portas do Nadal (con materiais reciclables), outro de Aulas Limpas. 
• Participamos no Concurso Pilabot, no que recollimos arredor de media tonelada de pilas. Tamén no certame artístico #EuSonPilabot, con moi bo resultado. • Xa aparecemos como punto de recollida de material de escritura usado. 
• A Oficina de Medio Ambiente da UDC realizou co noso alumnado de 1º ESO un Obradoiro de Compostaxe, e co de 1º Bach, unha Auditoría Ambiental dos residuos do noso centro. 
• O alumnado de FPBásica elaborou etiquetas que permiten identificar que restos van nos distintos colectores para as súas casas. 
• Potenciamos a diminución do emprego dos coches, e animamos ao emprego de bicicletas ou mesmo a camiñar para vir ao instituto, a toda a comunidade educativa. Nunha das iniciativas, o alumnado de FPBásica de Administrativo dunhas fichas para compartir coche de xeito gratuito. 
• Implicamos ao noso alumnado de diferentes cursos para a medición de parámetros do noso acuario (pH, nitratos, fosfatos), para medir a calidade da auga. 
• O alumnado de 1º ESO elaborou unha guía de receitas de aproveitamento culinario para reducir os residuos. • O alumnado de 2º PMAR realizou un lapbook de 7 árbores do noso patio, para describir a súa evolución ao longo do ano. Paralelamente, o de 4º ESO realizou un álbum botánico dalgunhas das plantas do instituto. 
• Para traballo sobre o vídeo de QuantumFracture sobre o Compromiso2030, tivemos a participación de alumnado de 4º ESO e 3º PMAR. 
• Pasamos enquisas sobre diversos parámetros medioambientais. 
• Finalmente, o inicio dunha horta escolar, que foi aproveitado de diversas formas: 
◦ As plantas aromáticas foron aproveitadas no Ciclo de Peiteado e Cosmética Capilar; e polo alumnado de 2º PMAR, que fixeron un glosario.
◦ O Departamento de Mecanizado instalou un depósito conectado ao canalón máis próximo á nosa horta, para aproveitar o auga da chuvia.

O premio que gañamos consiste precisamente en materiais para un horto educativo (mesas de cultivo de madeira tratada. substrato ecolóxico, regadeiras, palas, xogo de ferramentas, canas de bambú, anciño, sementes, compostadora e aireador de compost). Non temos dúbida de que esta mellora do horto servirá para poñer en práctica nos vindeiros cursos moitos outros proxectos educativos. Finalmente, queremos enviar dúas felicitacións: 

• Primeiro, á TODA a nosa comunidade educativa, pola participación como equipo para a consecución destes retos, dos que nos estivo informando a nosa profesora de Bioloxía e Xeoloxía Charo Fernández. 

• Segundo, a todos os centros educativos participantes, non só aos outros gañadores galegos, o do primeiro premio, o IES Xograr Afonso Gómez (Sarria); e o do terceiro, o CPI Arquitecto Palacios (Nigrán), senón a todos os centros participantes nos concursos de Galicia, Andalucía e a Comunidade de Madrid, porque estes retos contribúen a crear nas futuras xeracións unha conciencia ecolóxica máis que necesaria. 

Deixamos aquí a ligazón aos nosos 9 retos:


Podes acceder a algunhas das fotos AQUÍ. 

28.4.22

Día da Terra

Para conmemorar o 22 de abril, Día da Terra, o alumnado de 2º de ESO de Reforzo estivo preparando o rosco "Non pases do planeta" e convídannos a xogar e a resolver as 22 definicións escollidas por eles.  A ver se sodes quen de atopar todas as respostas!


23.3.22

Petición ao alcalde: mellora do transporte público e carril bici

O pasado luns María, Álvaro e Henar, alumnos de 3º de ESO, fixeron entrega ao alcalde de Burela dunha carta cunha petición ben clara: a de protexer o medio ambiente reducindo as emisións de CO2 dos vehículos, favorecendo a circulación en bicicleta por Burela ou vindo ao instituto andando.

Excelentísimo Sr. Alfredo Llano: 

Escribímoslle en nome do alumnado do IES Perdouro para que vostede fose tan amable de escoitar unhas cantas propostas en canto á melloría do transporte público e a construción de carrís de bicicletas polo centro urbano de Burela para poder chegar ata diferentes lugares do pobo. Estas propostas están relacionadas co propósito de poder mellorar a nosa posición fronte á contaminación do medio ambiente. Ademais, así teriamos unha mellor mobilidade pola nosa vila, á par de máis medios de transporte para moverse pola Mariña Lucense. 

1. Todo o alumnado está a favor da melloría do transporte público pola Mariña Lucense. Sabemos que isto non depende só do Concello, pero sería interesante preguntar e intentar buscar unha solución acorde a este problema. Sería un gran avance para o noso pobo, unha gran axuda para a xente con necesidade de trasladarse dun sitio a outro. Ademais, sería unha modesta pero influente fonte de ingresos.
Para a mellora disto, expoñemos os seguintes puntos: 

- O aumento de viaxes por día, para poder reunir máis persoas e así difundir o bo funcionamento do transporte público. 

- Máis variedade de destinos; deste xeito habería máis lugares aos que viaxar, polo que máis persoas estarían interesadas.

2. En canto aos carrís de bicicletas, pensamos que isto podía incrementar a actividade física entre a xuventude, ao igual que a da xente que para desprazarse dun lugar a outro de Burela vai sempre en coche. Con estes carrís, incitariámolos a cambiar este hábito tan contaminante para o noso ambiente. Sabemos que sería algo custoso, pero tamén sabemos que á larga, terá resultados moi positivos para todos. 

En resumo, sabemos que o que estamos a pedir é complicado, que estas medidas non se poden levar a cabo dun día para outro. Sabemos que supón un gasto económico considerable. Pero temos claro que, se estas peticións dan froito, seriamos un pouco máis solidarios co medio ambiente e así mesmo, estariamos a mellorar o funcionamento dun servizo como o transporte público. 

Esperamos que as nosas peticións sexan recollidas con gusto por vostede. E tamén sirvan para mellorar e axudar en algo. 

Grazas pola súa atención.

Alumnado do IES Perdouro.

Accede ao álbum de fotos AQUÍ.

22.3.22

Axuda ao medio ambiente e hoxe non uses o coche

Onte celebrouse o Día Internacional dos bosques e para contribuír a non contaminación e preservación dos mesmos, o alumnado de 3º ESO proponnos ir camiñando a todas partes dentro da nosa vila. 

Hoxe moitos compañeiros viñeron andando ao instituto, outros compartiron coche ou deixaron o coche máis lonxe para vir andando máis tempo e dese xeito contaminar menos. 

Esperamos que a xornada sexa un éxito e que nos deixe moitas imaxes dos vosos percorridos a pé no día de hoxe. 

6.2.22

Ecoauditoría ambiental da Oficina de Medio Ambiente de USC

O pasado 24 de xaneiro viñeron, dende a Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, Verónica e Martina, para facer unha Auditoría Ambiental no noso centro. Neste proxecto analizamos os restos do día anterior acumulados no noso instituto para ser conscientes do lixo que xeramos e valorar a posibilidade de separar os residuos segundo a porcentaxe de cada tipo de lixo previamente separado e calcular a porcentaxe de cada un.

Antes de nada, déronnos unha breve charla na que nos explicaron de onde veñen e as cousas que se fan no seu departamento. Faláronnos tamén sobre os residuos, a súa composición e a reciclaxe. A media galega de lixo xerada ao día por persoa é de 1,5 kg aproximadamente e vimos tamén a súa clasificación, os modelos de xestión de residuos, o ciclo da materia orgánica e os seus beneficios. 

Logo, fixemos a auditoría.  Primeiro dedicámonos á fase de diagnóstico para saber como está o noso centro. Para facelo, comezamos separando o lixo xerado no centro en plásticos, aluminio, papel, materia orgánica, vidro e restos. A continuación, pesamos cada unha das partes previamente clasificadas e finalmente apuntamos e interpretamos os resultados nunha táboa que nos deron. 

Pódese acceder ao resto das imaxes aquí. 

Dámari Carballo Dorado – 1° Bach A

18.1.22

Recolle pilas para participar en Pilabot

Pilabot é un concurso de recollida de pilas e acumuladores en centros educativos de Galicia que ten como obxectivo que se tome conciencia sobre a importancia da reciclaxe deste tipo de residuos. 

Comezou o 13 de xaneiro e finalizará o 31 de marzo de 2022. 

Considéranse pilas e acumuladores portátiles calquera pila, pila botón, acumulador ou batería que estea precintado, poida portarse coa man e non sexa industrial nin de automóbiles. 

Cada grupo irá traendo as pilas para o instituto nas caixiñas que se repartiron para iso, depositaraas na caixa da súa aula e logo irán a un gran colector que se colocará nun punto de fácil acceso no centro.

Recordade que a cantidade de pilas que cada mes teñades na aula tamén puntúa para o concurso Aulas Limpas. 

Moito ánimo! E cantas máis pilas recollamos mellor! Estes son os premios: 


Se queres máis información, podes procurala en pilabot.gal

17.12.19

I Congreso Infantil "Conservemos o noso mar".

Participamos no I Congreso Infantil "Conservemos o noso mar" celebrado en Burela o pasado 12 de decembro e promovido pola Fundación EXPOMAR.  
Un grupo de alumnos e alumnas de 4º de ESO expuxo as medidas convintes para protexer e conservar o noso mar. 
Ademais entregáronse diplomas aos participantes do concurso de fotografías.
Accede á reportaxe de fotografías aquí. 

Notas de prensa:
El Progreso 
Crónica 3

17.6.19

Tarefa de limpeza da ribeira - Día dos océanos - 4º ESO

Para conmerorar o día mundial dos océanos, os rapaces de 4º de ESO foron coidar da nosa ribeira o pasado venres 14 de xuño.
Un ano máis sumámonos a esta cita mundial da limpeza simultánea das praias e este ano facémolo da man da campaña “Libera, unidos contra la basuraleza”, que ten coma obxectivo concienciar e mobilizar á veciñanza para manter os espazos naturais libres de lixo. O devandito proxecto naceu no ano 2017 para frear as consecuencias do lixo abandonado nos espazos naturais. Foi creado pola ONG SEO/BirdLife, en alianza con Ecoembes.
Acompañados por Mª José Cao, monitora de Gaia, o alumnado limpou a praia de Ril e recollou microplásticos esencialmente.  

Non podemos consentir que algúns convirtan a nosa ribeira nun vertedoiro salvaxe!!!! Temos que contribiur ao coidado do noso medio natural.
Acceda á reportaxe fotográfica aquí.

1.5.19

Parque da Vida en Luarca

PARQUE DA VIDA: O PLANETARIO

    O  pasado xoves 21 de marzo, os alumnos de 2º ESO participamos nunha excursión a Luarca, acompañados polos profesores Pablo, Miruca, Ana Vázquez e Karina, na que puidemos visitar o Parque da Vida. Fomos recibidos por Luis Laria,  presidente da Coordinadora para o Estudo e a Protección das Especies Mariñas (Cepesma). O parque tiña numerosas partes e entre elas encontrábase o planetario, unha sala redonda na que había asentos arredor e, no medio, a máquina proxectora. Dende o noso lugar, puidemos observar  moitas cousas incribles, á vez que un monitor nos ía explicando. Entre as numerosas cousas que nos contou, aprendemos que o planeta Marte podería ter unha parte habitada, xa que nos polos a calor non sería tan desmesurada. Falounos dos satélites que teñen algúns planetas (recomendounos ata como aprender a memorizalos) ou das numerosas constelacións que podemos ver a simple vista ou con telescopio: como identificalas, os seus nomes, como saber onde se sitúan encontrando outras que brillen máis, etc.

Lucía Ciria Cao – 2º ESO B

PARQUE DA VIDA: SALA DA HISTORIA DO PLANETA TERRA

    Nesta sala, Luis Laria comezou por explicarnos que se poden dar condicións para a vida noutros planetas. A certa altura, pegada nas paredes da sala, había unha cinta métrica. Cada milímetro representaba un millón de anos na vida da Terra.  Houbo un momento en que o planeta tiña arredor de 5000/6000 volcáns. Ao arrefiar, eses volcáns foron desaparecendo.

    A Terra formouse hai 4.5 millóns de anos. Segundo se formou, tamén se podería destruír porque, por exemplo, se se producise unha deflagración solar, isto é, unha tormenta solar impredecible, o planeta podería desintegrarse en menos de 14 horas.

    Na cinta métrica, tamén había unha parte sinalada que destacaba o tempo de existencia do Homo Sapiens. Era doado darse conta de que se comparásemos o tempo de existencia do ser humano co da existencia da Terra, a nosa é unha insignificancia ao lado do tempo que leva existindo o planeta.

    Luis Laria explicounos que en España, en distintas escavacións, apareceron esponxas tropicais, o que quere dicir que o eixe gravitatorio da Terra tiña unha inclinación distinta da que ten agora e España situábase noutra zona climática. Antes só había un único continente ao que se lle chamaba Panxea. Dentro dun tempo, dise que vai volver a suceder iso e o único continente chamarase Nova Panxea.

    Despois falounos de seres vivos acuáticos que son fósiles viventes. Por exemplo, os cefalópodos antes tiñan todos cunchas, que eran como a súa casa. Agora non todos a menteñen. Os nautilus son os amonites actuais. Os cefalópodos cando querían subir á superficie botaban gases dentro da cuncha e así podían flotar e cando querían baixar botaban os gases para fóra. Esta mesma estratexia utilizouse nos submarinos. Luis Laria tamén destacou a importancia de que o primeiro submarino foi ideado por un español, Isaac Peral.

Mateo Balseiro Santos – 2º ESO B

PARQUE DA VIDA: SALA DA LURA XIGANTE

Dentro do Parque da Vida, unha das salas máis curiosas era a sala da lura xigante, onde nos falaron de moitas cousas.

Entre elas, o que máis destacaba, e que por iso lle daba o nome á sala, era unha lura xigante. Esta atopábase nunha vitrina longa e estreita cunha substancia líquida que facía que se conservase. Tamén nos contaron que hai luras con pelos que serven para axudar ao ser vivo a alimentarse xa que este come todo o que se fixa ao seu corpo como, por exemplo, o placto.

Existen varios tipos de luras. Unha delas, da que tamén nos falaron, foi o Vulcanotopus Hydrothermalis. Esta, tiña un ollo grande e un pequeno. O pequeno sempre se atopaba mirando cara á superficie.

Posteriormente, xa referíndose ao medio acuático, explicáronnos que por cada 10 metros de profundidade na auga, estariamos a unha atmosfera máis de presión. Tamén engadiron que a partir dos 87 metros de profundidade, xa se pode ver a luz dende a auga.
Nesa mesma sala, amosáronos tamén algúns peixes que posuían dimorfismo sexual. Neste caso, as femias tiñan un tamaño moito maior ca os machos.

Noa Saá del Río – 2º ESO B

Acceda ao albúm de fotos aquí. 

2.2.19

Obradoiro de papel

Nesta actividade que tivemos os alumnos e alumnas de 3º ESO o venres 11 de xaneiro, contamos con dúas monitoras: Cristina Fernández Sáinz de la Maza, a mestra papeleira, que estudou con Juan Barbé, e Begoña Romo Conde, monitora de Educación Ambiental do Concello de Burela.
A propia Cristina, ao comezo, falounos dos diferentes tipos de papel: de algodón (faise con algodón, fibra de liño e millo; deste último úsase a folla, na cal está a fibra e a celulosa), de esparto e de palla. Para o papel que fai ela tanto emprega folla de millo coma de porro.
Para o secado das follas de papel precísanse dúas ou tres semanas e, para conseguir que este saia branco, hai que eliminar a lignina, que é o que escurece o papel co paso do tempo. O papel feito con algodón non leva lignina, por iso é tan branco.
Para eliminar a lignina pódese utilizar cloro (o que fan nas papeleiras) ou sosa caústica. Ela prefire a sosa caústica porque se neutraliza con vinagre e, ao eliminalo, non dana o medio ambiente. O proceso consiste en lavados continuos ata que a auga saia completamente limpa. Este proceso é contaminante xa que se emprega auga, cloro e sosa cáustica, que é un ácido clorhídrico. Pero a unión do vinagre xunto coa sosa cáustica fai que a sosa xa non sexa contaminante, xa que o resultado é biodegradable.
Á parte dos papeis nomeados e máis importantes, tamén nomeou o papel chartier; é un tipo de papel que absorbe todo o que teñamos nas mans; é un papel feito con roupa e pódese facer sempre que a roupa sexa de algodón. A mestra papeleira tamén nos contou que a folla do tabaco tamén permite facer papel.
Despois, comezamos as prácticas do obradoiro dividíndonos en dous grupos: en cada un deles había tipos distintos de fibra. No meu grupo, tivemos fibra de liño, o cal é máis groso e forte que o de algodón. Cortamos as fibras en anacos pequenos e botámolos nunha tina. Mentres, as monitoras colgaron un cordel dunha punta á outra da aula. Cando rematamos, tivemos que encher a tina de auga ata case enriba de todo (isto faise para hidratar a polpa). Cun batedor remeximos todo e despois metimos os dous bastidores (marcos de madeira, un con malla e outro sen ela) na tina e sacámolos ao momento se tiñan a mestura sobre eles; a continuación, colocámolos sobre a fliserina.
Ao rematarmos coa práctica, engadimos sementes de lavanda na tina para facer papel plantable.
Logo prensamos o papel para sacarlle o máximo de auga posible antes de colgalo no tendal para o seu secado.

ZAIRA MORANDEIRA3º ESO
As principais plantas das que procede o papel son: o algodón, o liño, as follas do millo (secadas, primeiro, entre dúas ou tres semanas) e tamén as follas do porro e o talo da palla.
Pasos:
1-Facer anacos o material.
2-Engadir auga.
3-Cocer/cociñar. Como resultado disto, o papel queda branqueado e a celulosa separada. Antigamente, podíase separar con cinza e, ao cocerse, engadíaselle sosa cáustica (para que non contamine ao ir polo vertedoiro, engádese vinagre).

MARTA RODRÍGUEZ 3º ESO 

Accede á reportaxe fotográfica aquí.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...