20.12.19

Felices festas!!


Batalla dos MCs

Esta mañá tivo lugar uns duelos moi peculiares.
Para finalizar o trimestre, a aula de música acolleu unha exhibición de rap libre.  (Freestyle rap)
O campionato internacional da Batalla de los Gallos de Red Bull celebrouse o pasado 30 de novembro en Madrid e deunos pé a convocar o noso propio certame entre o alumnado.
Os participantes tiveron que demostrar a súa capacidade de improvisación verbal empregando as rimas e meténdose algo co contrincante da batalla, pero sen faltarlle ao respecto. 
Os compoñentes do xurado foron Dolores, profesora de música; Miruca, profesora de lingua galega, e Benxa, profesor de Educación física. 
En cada rolda íase eliminando un dos candidatos ata a rolda final. Hugo Soto fixo de speaker ou mestre de cerimonias e mantivo animado o público. Os finalistas foron Nicholas López e Christian Sleyther, ambos alumnos de FPB.
Felicitamos a Nicholas, gañador desta primeira batalla.

Se queres saber máis sobre o tema, podes ler estes artigos: https://elpais.com/noticias/batalla-gallos/

Premios Porta Especial Nadal

Logo de reunirse o xurado para deliberar o certame "Adornade a vosa porta de aula Especial Nadal", o resultado foi o seguinte:
Premio á porta máis riseira: 1º ESO A
Premio á porta máis invernal: 1º ESO B
Premio á porta máis mensaxeira: 1º ESO C
Premio á porta máis clásica: 2º ESO A
Premio á porta máis desexada: 2º ESO B
Premio á porta máis acolledora: 3º ESO A
Premio á porta máis retocada: 3º ESO B
Premio á porta máis colorida: 3º ESO PMAR
Premio á porta máis sinuosa: 4º ESO A
Premio á porta máis galega: 4º ESO B
Premio á porta máis inclusiva: AULA PT  David Pardo
Premio á porta máis aproveitada: 2º bach A
Premio á porta máis minimalista: 2º bach B
Premio á porta mellor xestionada: 1º CM Xestión Adm
Premio á porta máis electrificada : 1º CM IT
Premio á porta máis elegante: 2º CM  PECOCA
1º PREMIO 2º PREMIO 3º PREMIO
3º ESO A 1º ESO A 4º ESO B
Accede á reportaxe fotográfica das portas do certame aquí.

Queremos felicitar o traballo en equipo das clases e a paciencia de moitos profesores. Parabéns!!

17.12.19

Obradoiro de regueifa con Lupe Blanco

O venres 29 de novembro a regueifeira Lupe Blanco veu explicarnos como se facían as regueifas. Viña acompañada doutro regueifeiro chamado Óscar. Primeiro, crearon unha regueifa improvisada para presentarse. Cantaron cun bonito ritmo. Lupe Blanco explicounos que a regueifa podía ser unha danza ou un bolo que se repartía nas vodas. As xente xuntábase en grupos e cando un tiña pensada xa unha rima dicía: “Bomba!” e comezaba a meterse cos dos outros grupos. O outro grupo contestaba dicindo: “Bomba!”, cando tiña a reposta pensada.
Tamén nos contou que ela viña de Bergantiños. Seu bisavó tamén facía regueifas. Aínda que morreu hai máis de 30 anos. En Bergantiños tamén existe unha composicion chamada brindo, aínda que só hai un brindeiro que ten 93 anos. O número de regueifeiros é maior xa que quedan 11 ou 12.
Co paso do tempo, en vez dar un bolo daban bonecas. Algunhas delas tiñan cartos dentro. Despois, explicounos que as regueifas son coplas de catro versos nas que riman os versos pares. Normalmente as palabras máis importantes van na posición de rima.
A continuación, puxémonos en grupos e fixemos as nosas propias regueifas.
Pareceunos unha actividade moi divertida.

Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Carlos Martins Sanyang, Iago Losada Fernández e Denilson Tavares Barbosa - 1º ESO B

Escola Náutica de Ferrol

O pasado día 5 de decembro recibimos a visita de Sergio López, presidente da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, e de Enrique Cobelo, docente da Escola Náutica de Ferrol.


O acto, dirixido ao alumnado de 4º de ESO, comezou coa intervención de Sergio López, que nos resaltou a importancia do porto de Burela na frota pesqueira nacional xa que conta con 30 barcos de altura, antes de pasar a presentarnos a Enrique Cobelo, director da Escola Náutica de Ferrol e asiduo visitante do porto de Burela co alumnado do centro educativo.
O profesor convidado fíxonos unha breve presentación do centro que dirixe, no que se poden conseguir os títulos de grao medio de mecánica naval e patrón litoral; e os graos superiores de mecánica maior e patrón de altura.
Despois de nos contar que Galicia conta con centros con estas especialidades en Ferrol, Ribeira e Vigo, explicounos a obrigatoriedade de facer os cursos de seguridade e 42 días de prácticas antes de obter unha titulación que habilita para o mando nos buques de todo o mundo. Ademais, enfatizou a alegría pola incorporación das mulleres (na escola da Coruña contan cun 50% de cada xénero).
Sobre as condicións de vida no mar, díxonos que dependen de se as embarcacións son de altura ou de baixura. As primeiras poden estar fóra uns tres meses e as de baixura unhas catro horas. Tamén nos dixo que ultimamente hai tripulacións que alternan mareas de tres meses con outros tres meses na casa. Esta iniciativa favorece as incorporacións no oficio xa que así as tripulacións dispoñen de máis tempo do habitual para estaren coas familias.
Antes da despedida, o conferenciante recordounos a importancia do noso porto e insistiu en que lle gustaría vernos polos corredores da Escola Náutica para que sexamos continuadores da profesión mariñeira.

Noé Fernández Quelle – 4º ESO B

Accede a completa oferta educativa na web de InstitutosFP   

Nota de Prensa :
La Voz de Galicia 
 

I Congreso Infantil "Conservemos o noso mar".

Participamos no I Congreso Infantil "Conservemos o noso mar" celebrado en Burela o pasado 12 de decembro e promovido pola Fundación EXPOMAR.  
Un grupo de alumnos e alumnas de 4º de ESO expuxo as medidas convintes para protexer e conservar o noso mar. 
Ademais entregáronse diplomas aos participantes do concurso de fotografías.
Accede á reportaxe de fotografías aquí. 

Notas de prensa:
El Progreso 
Crónica 3

16.12.19

Arbores de Nadal

Como é habitual no Perdouro, temos reservada a entrada para a nosa grande árbore de Nadal, mostra do traballo en equipo ben feito.
Este ano o departamento de Tecnoloxía ideou unha árbore de Nadal en espiral aproveitando listóns de madeira que tiñan no taller. O alumnado de 4º de ESO de Tecnoloxía calculou a cantidade de listóns e o ángulo de colocación para montar unha árbore de casi 2 metros de alto. Pintaron de dourado os listóns. Cristian fixo a estrela final en 3D en branco e dourado, que foron as cores escollidas para este ano.
O alumnado de 1º de ESO coa axuda da súa profesora de Relixión colaborou nos adornos que consistían en pequenos paquetes atados cun lazo branco. Nun papel dourado, recortaron a plantilla e logo tiveron que doblar e pegar os bordes ata compoñer a caixiña. Tiveron que poñer a proba a súa habilidade motriz fina. Había 3 tamaños de caixas para ir adornando a árbore de máis grandes na base ata máis pequenas na punta. Logo había que atar a caixiña e facer un fermoso lazo. O Departamanto de Mecanizado fixo o mastil para armar a árbore.
Ademais, o alumnado de 2º de FP Básica fixo dúas árbores empregando tuberías de cobre. Unha delas tamén adoptaba a forma de espiral e a outra tiña forma cuadrada. 

Accede a reportaxe fotográfica aquí.

14.12.19

Unha reflexión 25 N

A violencia machista segue presente na sociedade actual. Pero, hoxe e aquí, queremos poñer a nosa énfase na situación de violencia que seguen vivindo as mulleres.
A violencia machista segue instalada na nosa sociedade e fai que millóns de mulleres vivan aterrorizadas na súa vida cotiá por unha soa razón: ser muller nun mundo dominado por homes.
Para moitas delas a tortura é parte da súa vida e en demasiadas ocasións tamén da súa morte, ou mellor dito, asasinato. Porque son asasinadas, non mortas. Porque quen ama non insulta, nin humilla, nin maltrata, nin viola, nin mata.
A violencia machista non só se dá na esfera da parella e da familia, senón que ten tamén outros contextos e outras manifestacións máis aló dos asasinatos.
O dereito a vivir unha vida libre de violencia machista é un dereito humano recollido tanto no ámbito internacional, a través de tratados, como no ámbito nacional a través das leis. Con todo, aínda temos un longo camiño por percorrer para que a igualdade formal se traduza nunha igualdade real onde as mulleres sexan quen de vivir unha vida libre de discriminacións e desigualdades por razón de xénero.
Estamos lonxe de erradicar a violencia contra as mulleres e temos a obriga de seguir traballando.
Por iso pedimos: 
- Que toda a sociedade, organizacións e institucións se comprometan nesta loita. 
- Que se destinen máis recursos para previr e combater todo tipo de violencia machista. 
- Que se desenvolva a educación neste ámbito en todos os centros e en todas as etapas educativas. 
En definitiva: Esiximos que desde todos os ámbitos se marquen como obxectivo prioritario unha sociedade máis xusta, onde se eduque os nenos e nenas no respecto e a tolerancia, onde as mulleres teñan as mesmas posibilidades ca os homes de poder vivir unha vida plena e feliz, onde non se permita que ser muller sexa un factor de risco.
Non máis violencia machista. Nin unha menos!

Andrés Pardo Parra, 1º Bach

Manifesto “Nada que celebrar”

Manifesto “Nada que celebrar” 

1. Nunca máis telexornais con noticias de maltrato machista ou violencia e si con experiencias de convivencia pacífica e de respecto.
2. Si queremos máis amor, con maiúscula, si queremos que se celebren aniversarios con felicidade e si queremos educar en valores éticos.
3. Para cando unha manifestación de igualdade sen odio onde ninguén se quede fora.
4. Camiñemos cara a un futuro de tolerancia, respecto e liberdade mediante a resiliencia sen días especiais de reivindicacións tristes e de sangue derramado.
5. Alcancemos ese día onde o pasado sexa historia e non teñamos nada que celebrar.
E isto é o comezo...

Álvaro Nogueira Fuertes, 1º BAC

Obradoiro de danza contemporánea - Programa IGUAL SON

O 29 de outubro Xiana Vilas Castro, bailarina profesional e profesora de danza, tivo un encontro cos alumnos de Música de 4º ESO para realizar un obradoiro de dúas horas en torno á danza e á igualdade.
A pesares de que a danza é un mundo maioritariamente feminino, antiguamente a dirección e a coreografía eran principalmente masculinas, o que facía que as coreografías creadas por mulleres non fosen visibles.
No século XX a danza contemporánea nace coma unha danza revolucionaria, da man de mulleres pioneiras e avanzadas ao seu tempo: Isadora Duncan, Loie Fuller, Marth a Graham....
Cada vez van aparecendo máis mulleres con gran influenza e capacidade de liderazgo: Alicia Alonso, creadora de escuela cubana, Twyla Tharp, importante coreógrafa de Broadway que tivo problemas con algúns bailaríns masculinos que non estaban afeitos a recibir ordes dunha muller, etc. A danza moderna e post moderna reflexa o pensamento feminista, a importancia do corpo. É un medio dominado por mulleres no que empezaron a entrar homes máis tarde. Aparece a mirada feminina, cunha apreciación nova das artistas.
Xiana é unha experta na materia e despois dunha clase teórica fixemos varios exercicios de coordinación e de confianza, como pechar os ollos e deixar que nos guiara un compañeiro. Practicamos unha coreografia por parellas e logo con ela, fixemos unha xeral, sempre buscando que estiveramos máis unidos entre nós, que confiaramos uns nos outros ao mesmo tempo que nos divertíamos.
Quizais en tan pouco tempo os resultados non foron os mellores posibles, pero sen dúbida foi unha experiencia ventaxosa para facernos abrir os ollos hacia unha igualdade baseada na confianza e a amizade.
A danza e a música pódenos ensinar a aceptar e a coñecer o noso corpo, a respectar aos demais e a confiar e relacionarnos dende un punto de igualdade que nos axude a avanzar cara a unha sociedade mellor.

Ver a reportaxe fotográfica aqui.

Marta Rodríguez, 4º ESO

1.12.19

Visita ao tecido industrial

Visita Huevos Campomayor

O pasado xoves 7 de novembro os alumnos de 4º ESO saímos do IES Perdouro para dirixirnos a Huevos Campomayor en Palas de Rei. Durante a visita só puidemos ver a parte do empaquetado e un vídeo sobre a historia da fábrica. Non puidemos baixar á planta porque o xefe da mesma estaba de baixa por enfermidade.
Con respecto ao vídeo, explicaba que a empresa posuía tres núcleos de fábricas: un deles o histórico, outro no que estabamos e o outro en Arzúa.
Nestas instalacións, os ovos clasifícanse en 5 tamaños; XL, M, L, S e pequeno. A máquina que se encarga de clasificalos é a clasificadora que tamén comproba se teñen manchas ou se a casca non está en óptimas condicións. Prodúcense cerca de 15 millóns de ovos ao ano, 120000 ovos por hora e posúen 500000 galiñas.
A empresa vai pola cuarta xeración, a quinta está en camiño, e teñen persoal que leva traballando alí 35 anos.
Os produtos que venden son ovos de galiña, de codorniz e trufados. Tamén venden xema e clara líquida envasada e pasteurizada.
En canto ao control de calidade, dependendo de se a xema está máis xunta, redonda e alta, trátase dun ovo dunha galiña máis nova e é máis recente e, se o ovo está augado, é dunha galiña máis vella e está menos fresco.

Quescrem

Pola tarde, sobre as 16:30h, visitamos unha das factorías de Quescrem, en Ribeiras de Lea, no concello chairego de Castro de Rei.
Segundo chegamos, leváronnos ata unha das oficinas para comentarnos un pouco acerca do que era a empresa e o seu funcionamento. Despois, puxemos unhas batas, gorros e calzas por cuestións de hixiene para así poder proseguir a visita pola fábrica. Despois disto, baixamos á cadea de produción e embalaxe, onde nos mostraron que é preciso ter unha organización, debido a que distribúen a máis de 42 países.
Para finalizar a visita, subimos ata a oficina e alí preparáronnos unha degustación dalgúns dos produtos de Quescrem. Rematada a merenda, entregáronnos a cada un unha bolsa que contiña algúns dos seus tipos de queixos para levar para a nosa casa.

Ver a reportaxe fotográfica aqui.

Hugo Cobas Linares e Uxía Martínez Sestayo – 4º ESO

Ruta xeolóxica por Burela

Os pasados 11 e 12 de novembro, os alumnos de 4° ESO realizamos unha ruta por Burela na que aprendemos moitas cousas sobre a natureza xeolóxica da nosa vila, pero cun tempo adverso.
Saímos do IES Perdouro ás 8:30h e chegamos á antiga praia do Castrelo, onde nos ensinaron unha táboa cronoestratigráfica para ensinarnos as distintas etapas de formación e evolución do noso planeta. Fran Canosa, o noso guía explicounos tamén como subducían as placas. Tamén nos demostrou que as rochas van cambiando (cada vez son máis modernas) e vimos un mapa xeolóxico de Galicia, no que puidemos comprobar que, xusto naquel punto, Burela estaba dividida en dúas cores ou materiais.
A continuación, andamos un pouco ata ver uns pregos nunha cuarcita que recibira calor e sufrira presións que finalmente a deformaron. O guía falounos de anticlinais e sinclinais, de diferentes tipoloxías de rochas e do seu proceso de formación. Díxonos que Burela era un geosite a nivel científico (un espazo de interese xeológico a nivel internacional). Continuamos andando ata a praia na que se atopa a Igrexa do Coedo e vimos anticlinais, charnelas, flancos (onde se atopaban os materiais modernos e antigos) dos ripples (coas súas liñas paralelas e, no medio, cortantes).
Despois, fíxonos unha demostración co seixo e a cuarcita e a continuación tocaría ir andando ata a praia da Marosa, parando en diversos lugares como o Cabo Burela, onde nos ensinou a diferenciar os materiais do granito polas súas cores (seixo, feldespato e mica). A pesar da choiva, seguimos camiñando e, cando por fin chegamos á praia de Ril, observamos a evolución dun macizo granítico. Quedamos todos abraiados cando nos contou que algúns minerais se empregan na tecnoloxía.
Na última parada do día, xa na praia da Marosa, observamos o desprazamento das rochas, comparando este proceso cunha tableta de chocolate.
Na miña opinión, foi interesante aprender cousas sobre as rochas da miña vila, pero todos quedamos cansadísimos e empapados! 
Ver a reportaxe fotográfica aqui.

Paula Enríquez Barcia - 4°ESO A

Visita formativa do alumnado de Administración

O pasado 19 de novembro, os alumnos do Ciclo Medio de Xestión Administrativa e Ciclo Superior de Administración e Finanzas, saímos pola mañá cara a Narón. Iamos visitar a sede central de Pull and Bear. 

Cando chegamos, explicáronnos que alí se distribuía toda a roupa de muller para todo o mundo! O mesmo proceso da de home, faise desde a central de Madrid, pero que eles tamén recibían as devolucións, fosen de home ou de muller. Unha das partes que máis nos gustou foi ver como se organizaban e transportaban os paquetes mediante cintas transportadoras e como detectaban os posibles fallos que podían ter as caixas. Unha empregada explicounos o funcionamento dun robot que acababan de instalar e levounos a unha zona de almacén onde tiñan unha especie de guindastres que gardaban as caixas en estanterías enormes a unha velocidade incrible.
A mesma empregada explicounos como a empresa estaba concienciada coa reciclaxe e a Responsabilidade Social Corporativa.
Despois de ver o almacén, visitamos as oficinas centrais. Vimos toda a parte administrativa, modelos con roupa das futuras campañas, as salas de reunión que utilizan cos seus provedores... Visitamos tamén as áreas de descanso dos traballadores así como unha réplica da tenda de Pull and Bear a tamaño real, onde colocan os produtos de xeito adecuado para que despois en todas as tendas da cadea teñan a mesma imaxe corporativa.
Ao finalizar a visita, e despois de dedicarnos máis de dúas horas do seu tempo, fixéronnos un  obsequio que trouxemos encantados con nós.
Pola tarde, fomos cara a Santiago de Compostela, para ver a sede central do Parlamento de Galicia. Alí, despois de pasar un control como nos aeroportos, recibiunos a persoa encargada do noso grupo e foinos ensinando todo o Parlamento por dentro. A través dun par de vídeos, puidemos ver a construción e deseño do Parlamento. Visitamos tamén a súa biblioteca e vimos a cantidade de obras de arte que dentro están albergadas. Puidemos asistir desde a tribuna de público a unha sesión no hemiciclo, onde se discutía unha proposta de lei sobre a violencia de xénero e incluso o presidente do Parlamento, D. Miguel Santalices Vieira, saudou os alumnos do IES Perdouro. Foi moi interesante de ver xa que cousas que a diario vemos na televisión, ese día puidemos velas en directo.
Foi un día completo e ambas as dúas visitas foron de interese para a nosa formación.

Alumnado dos ciclos de Administración.

29.11.19

Día da ciencia en galego - SCAPE GAME - entrega de premio

Como foron capaces de salvarnos dun virus mortal, o alumnado de 3º ESO recibíu un pequeno premio: un cubo de rúbik que, ao noso parecer, representa a paciencia, o exenio, o razoamento e a lóxica que temos que ter na vida.

Logo de facer moitas probas e retos por todo o intituto, os equipos conseguiron xuntar todas as pistas, chaves, caixas, obxectos e coordenadas que souberon resolver para atopar o críptex. Mais aínda tiñan que atopar a palabra clave que serviría para abrir o críptex onde estaba agochado o antídoto.

O complexo críptex de 5 letras foi fabricado integramente no departamento de Mecanizado.




Aprender en equipo e ser capaces de aprender xogando, gústanos moito.

27.11.19

Día da ciencia en galego - Scape Game

O alumnado de 3º de ESO será o que teña que resolver uns cantos enigmas. Para iso temos preparados uns retos científicos en varios lugares co centro para intentar salvar o planeta dunha pandemia inminente.
Deixámosvos unha pista: Dimitri

25.11.19

Acto conmemorativo do día contra a violencia de xénero

Esta mañá tivo lugar no patio do instituto o noso acto conmemorativo do día contra a violencia de xénero.
Abriuse o acto cunha baile performance do alumnado de 3º de ESO sobre unha canción de Guadi Galego: Matriarca. 
Laura e Serxio conduciron o acto e deron paso ás lecturas de relatos escritos polos seus compañeiros de 1º de Bach: Katy, Álvaro, Cecilia, Andrés, Laura, Egoitze Serxio.
E finalmente un grupo de alumnos despidiu o acto cantando Aleuia.
Para terminar posamos para unha foto coa nosa pancarta : Perdouro Respecta.
Agradecemos o dpto de Electrónica por encargarse da megafonía.  
Accede ao álbum de fotos aquí.

Exposición Biblioteca : Día contra a violencia de xénero

Hoxe é 25 de novembro, Día interncional contra a violencia de xénero, e invadimos o hall de entrada do centro cunha exposición de fondos recomendados en torno á temática do 25.

24.11.19

Perdouro Respecta

Acto conmemorativo no día contra a violencia de xénero no IES Perdouro.
Sumámonos á compaña de sensibilización En Negro Contra as Violencias.
Será ás 11h no recreo. Abrirase o acto coa lectura duns textos redactados por un grupo de alumnos/as. A continuación alumnos/as de 3º ESO cantarán unha peza. Para clausurar o acto faremos unha foto de grupo coa máxima participación da comunidade educativa do centro. As cores negra e violeta serán a protagonista.

Obradoiro de Regueifa con Lupe Blanco

Temos programado na biblioteca do centro un obradoiro de regueifa a cargo de Lupe Blanco para o vindeiro venres, día 29. Está destinado ao alumnado de 1º de ESO. Haberá dous pases onde o alumnado poderá darlle a fondo á improvización.

Se queredes saber máis sobre Lupe Blanco de Bergantiños aquí vos deixamos unhas referencias:  

23.11.19

Crónica da actividade “O túnel do terror”

A mediados de setembro os alumnos de cuarto de ESO recibimos a petición de organizar a decoración do instituto para Samaín. A nosa resposta foi positiva mais sabiamos que tiñamos a posibilidade de facer algo máis especial aínda, unha actividade para que todo o alumnado puidese participar de forma interactiva. Rapidamente surxiu a idea de crear un percorrido ao máis puro estilo das casas encantadas, e puxémonos mans á obra para telo listo para este pasado mércores trinta de outubro.

O primeiro sería buscar un fío argumental, algo que unise as diferentes estancias entre si, e, aproveitando este tema tan de actualidade nas películas de medo, escollemos o do espiritismo e os seus “perigos”. Para isto ideamos tres seccións distintas, unha sala para contactar cos mortos, outra para traelos con nós e a última para que os espíritos fuxiran libres a atormentar aos mortais. A protagonista desta historia sería Amanda, unha rapaza que sufría unha vida chea de problemas e desilusións, o que a leva a suicidarse. O número de salas e o seu tamaño viña dado polo tamaño da aula, neste caso a de Música, pola que tivemos que barallar horarios de forma que interrompese o mínimo posible o ritmo de clases.

Para a primeira sala necesitabamos unha táboa de “ouija” que se fixo grazas á axuda dos alumnos que tamén asistían a Tecnoloxía; para a segunda, un ambiente de ritual cunha estrela “satánica” e un dos esqueletos de Bioloxía e, para a última, diversos actores para asustar as persoas que pasasen. Obviamente, tamén mercamos teas para separar os diferentes corredores do túnel. Sen a axuda dalgúns alumnos e departamentos (como o de Electrónica para iluminación, o de Música para o son e os grupos de FP de Imaxe Persoal para a maquillaxe dos actores) isto non sería posible.

O día da actuación todo o mundo se movía a gran velocidade, facendo malabarismos con maquillaxe, exames, ensaios e montaxe. Porén, conseguimos que todos os cursos da ESO (e algún que outro valente profesor) puidesen gozar da actividade, e todo aconteceu sen maiores incidentes. Aínda que non todo transcorreu como esperabamos, soubemos traballar baixo presión e solucionalo o máis rápido posible.

Ademais, xurdiu a idea de manter o percorrido ata pola noite, de 17:00 a 19:30, cobrando como entrada un prezo de dous euros por persoa, co obxectivo de destinalo a financiar a viaxe de fin de curso de 4º, decisión que foi ben acollida polos visitantes que ata alí se aproximaron.

En conclusión, o balance final poderiamos dicir que foi positivo, xa que aprendemos valores como traballar en equipo para acadar un obxectivo común, funcionar baixo presión, manexar o “papeleo burocrático” necesario para realizar este tipo de actividades e o valor do traballo duro. Na miña opinión, é importante potenciar este tipo de actividades multidisciplinares que enriquecen os nosos coñecementos fóra do ámbito estritamente estudantil.

Alba Geada Bernal - 4º ESO


Algunhas fotográfias aquí.

19.11.19

Visita e ruta pola Pontenova

VISITA CONXUNTO ETNOGRÁFICO MINEIRO E INDUSTRIAL
PRAZA DOS FORNOS 07/11/2019

Hora de saída: 08.30h
Hora de chegada: 10.00h
En canto chegamos á Pontenova, sobre as 10.00h, o primeiro que fixemos foi poñernos a cuberto porque chovía e tivemos que cambiar os tenis. Xa nos dixeran que tiñamos que levar dous pares, posto que iamos facer una ruta en que os iamos manchar. En canto nos cambiamos tivemos que entrar nunha sala onde nos estaba esperando o noso guía quen nos explicou un pouco o máis destacado da Pontenova e da Praza dos Fornos.
Explicounos que a Pontenova está íntimamente ligada á mina. A sociedade mineira fundouse no ano 1900 e aí comezou a explotación das minas de ferro.
Dos fornos sacábanse dúas clases de ferro, un grupo pertencía aos hidróxidos e outro aos carbonatos. Os fornos estaban valados pola parte de arriba. Neles había unha plataforma que comunicaba  co muro traseiro, entón os obreiros chegaban cos carbonatos e cargaban os fornos por arriba e ían alternando capas. Cada tonelada de carbonato poñían 30kg de carbón mineral e encendíase durante 20-24h aproximadamente, chegando a alcanzar unha temperatura de entre  850 e 900º C.
Con iso conseguían eliminar o fósforo e, por outro lado, durante ese proceso de calcinación liberábase vapor de auga que en contacto co aire facía oxidar o carbonato. Este deixábase arrefriar nunha plataforma e unha vez frío, cargábase no tren que partía cara a Ribadeo; dende alí era transportado en barcos.
Esta sociedade mineira foi unha das primeiras en entrar no mercado internacional de ferro, mandando o ferro a Alemaña, Inglaterra e Escocia, principalmente.
Despois de explicarnos todo isto, demos comezo á ruta que era bastante complicada. Tiña unha duración de dúas horas, aproximadamente, e tiña tramos moi inclinados e con bastante pendente, así como enlamados. Tamén entramos nunha especie de cova bastante grande e explicounos que o mofo que había alí, se o tocabas, cambiaba a súa reacción e ao final desaparecía.
Cando rematamos a ruta estabamos todos bastante cansos e todos cheos de lama, tanto polos tenis como polo pantalón.
Antes de voltar para Burela deixáronos estar un anaco nun bar para poder comer algo e descansar.
A continuación voltamos para Burela, chegamos ás 14.00h.
Foi una bonita e entretida experiencia.

Accede á reportaxe fotográficas aquí.

Ainoa Rey Piñeiro, 3º ESO B

9.11.19

Os nove anos de Fraguas en Lugo

O 7 de outubro, coincidindo coa celebración do 41° aniversario do IES Perdouro, Antón Niñe, ex-profesor do instituto, e Xulio Xiz, ex-alumno de Antón Fraguas, viñeron presentarnos unha exposición sobre os nove anos que o escritor homenaxeado traballou en Lugo.
Ese mesmo día tamén había 30 anos que se celebrara en Lugo unha xuntanza entre Fraguas e os seus alumnos. Todos eles asistiron a un xantar e puxéronlle o seu nome a unha rúa. Fraguas fora profesor no instituto masculino (IES Lucus Augusti) e deixara un gran recordo xa que era moi bo profesor. Chamábanlle Santo Antonio ou San Fraguas.
Antón Fraguas foi o fundador do Museo do Pobo Galego, ao cal, tras a súa morte, lle foi entregada a súa biblioteca persoal. Foi tamén membro da Real Academia Galega substituíndo a Castelao na súa cátedra.
Antón Fraguas defendía as ideas galeguistas polo cal tivo moitos problemas nos anos máis duros da ditadura. Estivo opositando para mestre e por culpa destes ideais ata os anos 50 da ditadura non conseguiu a súa praza.
Despois de ter as oposicións non podía dar clase en galego; só daba clase en castelán, máis por medo ás represalias que por outra cousa. Aínda así era un profesor que rompía os esquemas tradicionais pois sempre tentaba facer as clases o máis amenas posibles e organizaba saídas fóra dos horarios lectivos para que os seus alumnos comprenderan mellor certas cousas.
En definitiva, Antón Fraguas Fraguas era bo profesor e mellor persoa e que non se esquenzao que el sempre dicía: "Quixen que os meus alumnos aprendesen a aprender".

Accede á reportaxe fotográficas aquí.
Cristian Gómez Mesa - 4 ESO B

David Val Pena fálanos da súa viaxe en bicicleta

O martes 8 de outubro David Val Pena, locutor en Radio Foz, veunos contar ao alumnado de 3º e 4º de ESO a súa impresionante viaxe polo mundo que narrou no libro Un nómada en bicicleta. Pedaleando alrededor del mundo (LAR Libros. Serie Vivencias. Viveiro 2018), unha vaixe duns 19.000 kilómetros por 20 países en 13 meses.

Para comezar, púxolle nome á súa bicicleta. Chamoulle Quiscolina, porque levaba a casa nela, co cal só podía levar o importante e imprescindible. David marcouse esa ruta porque leu un libro de Xurxo Mariño e decidiu facela. Fíxoo sen adestrar, só cunha boa bicicleta e boas rodas e en toda a viaxe só tivo que poñer un parche. El, ademais, non ten coche polo que anda en bici habitualmente. A bicicleta baleira pesaba 20 kg e coas cousas pesaba 147 kg. De Foz a Francia xa adelgazou 6 kg, polo que foi deixando pertenzas polo camiño, porque se deu conta de que non podía transportar tanto peso. Tamén influíu a dificultade do camiño. Por exemplo, tivo que baixar 1200 chanzos coa bicicleta.
Comezou en Foz, sen moitos cartos, porque el nesta aventura quería demostar que se podía vivir con poucos cartos. Para non gastar demasiado, só estivo 4 noites en hoteis dos 395 días que durou o seu periplo. Fixo a viaxe para coñecerse e coñecer mundo. Saíu en San Xoán de 2016. As súas aventuras plasmábaas nun diario, escribía moi pequeno e, ás veces, nin el mesmo é capaz de entendelo. 
Comezou a súa expedición saíndo de España polo Sur de Francia e dirixiuse cara ós Balcáns, Turquía… Alí viu que moitos nenos non tiñan escola. Na India comprobou que eran os nenos maiores os encargados de coidar dos seus irmáns pequenos e son eles tamén quen vai buscar a auga que carrexan cada día para a casa. Nunca compraba auga e un día foi a unha gasolineira e, de repente, tiña catro cans ao seu redor ladrando. El, como puido, sen mirar para os cans, foi escapando. Cando saíu desta, sentiuse aínda máis vivo. Dixo que tivera sempre moita sorte e que se sentía protexido e bendecido. Tamén se viu na obriga de comprar un móbil novo porque o que tiña rompeulle. 
David transmitiunos que o importante non é alcanzar o éxito senón ser feliz, estar a gusto con un mesmo. Se consegues isto, podes encontrar a felicidade en calquera parte do mundo. De feito a el dálle igual estar en Foz ca noutro lado. 
En Malasia, cando acabou a viaxe, decidiu escribir o libro que nos veu presentar.

Pedímoslle a David que escollera cinco palabras para falar desta experiencia social á vez que proba física, e pensou en: HOSPITALIDADE, EMPATÍA, AVENTURA, FELICIDADE, LIBERDADE.

Accede á reportaxe fotográfica aquí. 
Crónica Celia Leivas Martínez, 3º ESO A 

Máis información:

31.10.19

Un conto de terror na biblioteca - Samaín 2019

Este curso o alumnado de 3º ESO PMAR quixo repetir a experiencia e organizou un pase na biblioteca para asistir á representación dunha historia terrorífica propia para celebrar o Samaín. Unha vez perfilada a narración da historia houbo que darlle uns xiros e asignar os cargos de técnico imaxe e son (Rafa), de voz en off (Andrea), e o reparto (Isaura, Érica e Bruna) así como a ambientación decorativa da biblioteca. Finalmente logo duns poucos ensaios, chegou o día. 
O público achegouse masivamente á biblioteca durante o recreo do pasado mércores 30 de outubro. Non só asistíu o alumnado de 1º de ESO, senón que tamén viñeron moitos outros. Mergullado nunha atmósfera de manicomio, o público foi sorprendido por unha nai en busca da súa filla e outras almas perdidas devoradoras que desatou a histeria total entre o público. 
Felicitamos o traballo en equipo e o seu bo resultado destes alumnos así como da súa profesora, Sandra, esperando que volvan outro día a sorprendernos na biblioteca. Parabéns !!!
Accede á reportaxe fotográfica aquí. 

28.10.19

Samaín 2019

Convite destinado ao alumnado de 1º de ESO


24 de outubro, día das Bibliotecas Escolares

Celebramos o día das Bibliotecas Escolares alabando os libros e a lectura con unhas pequenas frases alusivas e un toque de creatividade. Para ver o resultado só tes que pasarte polo hall de entrada e verás o mural especial Día das Bibliotecas Escolares


(Un traballo dos alumnos/as de 3º ESO A, 2º ESO B e 1º ESO A)

Accede a reportaxe fotográfica aquí.

27.10.19

O Camiño de Santiago: Samos e O Cebreiro

O venres 11 de outubro, os alumnos de 3º ESO fomos a Samos e ao Cebreiro. En Samos, visitamos o Mosteiro de San Xillao.
Este mosteiro fundouse no século X. Alí viviron importantes autores galegos como o padre Feixoo e Ramón Cabanillas.
No mosteiro, vive unha comunidade de monxes beneditinos. Estes fan traballos artesanais e realizan oracións. O seu lema é : “ORA ET LABORA” (reza e traballa).
Na fachada principal do edificio podemos observar que no medio está a escultura de San Bieito e a ambos lados están San Xulián e Basilisa, un matrimonio de santos. As escaleiras desta fachada imitan as da Praza do Obradoiro, de Santiago de Compostela.
O mosteiro de San Xulián de Samos conta con dous claustros no seu interior. No primeiro andar, estaba a hospedaría, onde tamén se quedaban os novicios; na segunda planta, encóntrase o internado, onde se hospedaban os monxes, que agora está pechado; na planta alta, non queda nada, xa que en 1951 houbo un incendio que queimou parte do mosteiro, pois por dentro estaba construído fundamentalmente de madeira. Nun dos claustros, hai unha gran fonte chamada “Fonte das Nereidas”, que nos chamou moito a atención xa que nos dixeron que era un dos poucos mosteiros que tiñan unhas esculturas dunhas mulleres espidas da cintura para arriba. No outro claustro había unha estatua de padre Feixoo e tamén recrearon unha botica neste mesmo edificio.
Na primeira planta, creáronse unhas importantes pinturas de distintas pasaxes relixiosas perspectiva cónica, que parecía que se movían.
Un detalle que tamén chamou a nosa atención foi que no teito do corredor que rodea o claustro principal hai unha inscrición que pon: “Que miras, bobo”. Preto está a porta da biblioteca, e por riba dela tamén se observa unha inscrición que di: “Un claustro sen libros é coma un castelo sen armamento”. Esta segunda frase está escrita en latín.
Finalmente, visitamos a igrexa do mosteiro. Era do século XVIII (Época Neoclásica). Un dos escultores máis importantes dos retablos deste templo é Francisco de Moure. O que máis nos impactou na igrexa foi que a guía nos comentara que roubaran algúns dos tubos do seu gran órgano.

 

Accede ao albúm de fotos aquí.
María Lestao e Laura García - 3º ESO A

Relatos de terror

Pasádevos polo corredor a ler os microrrelatos que redactou o alumnado de 2° ESO en lingua castelá. Hainos moi divertidos á vez que terroríficos. Pica aquí

Mulleres negras na ciencia

O día 27 de setembro de 2019 visitounos Zinthia Álvarez Palomino. Os alumnos/as de 1º e 2º de ESO acudimos á biblioteca para que nos falara do seu libro titulado Mujeres negras en la ciencia dentro dunha iniciativa chamada Mujeres negras que cambiaron el mundo, un proxecto para dar visibilidade a mulleres negras e afrodescendentes.


No libro aparecen 12 microbiografías de mulleres afrodescendentes que fixeron historia na ciencia xa que as súas aportacións cambiaron o mundo.
Estas mulleres revolucionaron a Historia grazas á súa determinación, esforzo e valentía pero aínda hoxe non son coñecidas por unha inmensa maioría da poboación.
Algunhas destas mulleres eran astronautas, químicas, enxeñeiras ou inventoras.
Só cinco delas seguen vivas na actualidade. 
Accede ao albúm de fotos aquí.
Unai García – 1º ESO B

24.10.19

Día das Bibliotecas Escolares

Hoxe é o día das bibliotecas escolares. Para celebralo o alumnado fixo uns lemas dando riendas soltas á súa imaxinación e creatividade. 

30.9.19

Carnés da biblioteca

Hoxe os embaixadores da biblioteca estiveron entregando os carnés dos novos socios da biblioteca. 

27.9.19

Premios Mil Primaveras para o Modelo Burela

O Modelo Burela recoñecido como mellor proxecto estabilizado nos Premios Mil Primaveras convocados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua.


Os Premios Mil Primaveras nacen para recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que procuren pór en valor e fomentar a lingua e incrementar o seu uso e prestixio.

Con eles a CTNL pretende valorar e proxectar o gran labor que se desenvolve no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poidan servir como modelo e inspiración para mellorar o traballo en normalización da lingua.

Entre os 47 proxectos presentados na convocatoria desta 1ª edición dos Premios Mil Primaveras, o Modelo Burela do IES Perdouro resultou estar entre os seis premiados.

Como mellor proxecto estabilizado recoñeceuse o Modelo Burela (IES Perdouro), por ser un proxecto de planificación lingüística que aborda a acollida lingüística como estratexia de integración social e implica a sociedade e o ámbito educativo nun labor conxunto de promoción da diversidade cultural, nomeadamente no marco da lusofonía. Hoxe as actividades máis significativas do Modelo Burela son o Proxecto Neo, un programa de radio para dar a coñecer a incorporación á lingua galega de persoas que non a tiveron como primeiro idioma, ou Grandes Voces do Noso Mundo, unha emisión para tender pontes a través da música co noso mundo lingüístico. O proxecto tamén inclúe outras accións como intercambios educativos con centros con realidades lingüísticas semellantes, programas de atención á diversidade ou intervencións destinadas á cidadanía.

O pasado sábado 21, unha comitiva do IES Perdouro desprazouse ata Pontevedra para recoller o premio da man de Ana Iglesias, integrante do xurado.  Karina Parga, en reperesentación do IES Perdouro, compartíu palabras de agradecemento e felicitou os outros cinco proxectos premiados: Desafío 48 do IES María Casares de Oleiros,  Falemos de ti e de min do IES de Soutomaior, Eu presumo de Galego do IES de Melide, o proxecto Youtubeiras e Youtubeiros e GCiencia Industrias Creativas. 


Accede ao albúm de fotografías aquí.

13.9.19

Premios Mil Primaveras

Fomos seleccionados na categoría de proxecto estabilizado e resultou gañador dos Premios #MilPrimaveras o noso  Modelo Burela xunto ás emisións radiofónicas Proxecto Neo e Grandes Vozes do Nosso Mundo.
O vindeiro 21 de setembro viaxaremos ata Pontevedra para estar na entrega dos Premios Mil Primaveras* que se celebrara no Pazo da Cultura a partir das 11h30.

Máis información na páxina do CTNL
https://milprimaveras.gal/proxecto-premiado/gl/66

*Os Premios Mil Primaveras son responsabilidade da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, que os crea co fin de recoñecer e difundir proxectos, accións e campañas modélicas para o traballo en normalización lingüística.

5.7.19

Acto de recoñecemento ao mellor alumnado 2019 USC

4 alumnos do IES Perdouro de Burela recoñecidos entre os mellores expedientes académicos nas probas de acceso á universidade de Galicia.


Antón Mazaira López, Teresa Crego Deán, Angel Cayón Fernández e María Basanta Rañón,  foron os 4 alumnos de 2º de Bacharelato do IES Perdouro de Burela que superaron a media dun nove nas probas de acceso á universidade deste ano. Os futuros universitarios recolleron nun acto celebrado en Santiago o pasado 4 de xullo o diploma acreditativo do froito do seu esforzo nos estudos.
Mediante este acto de recoñecemento a Universidade de Santiago felicitou aqueles estudantes galegos que acadaron a puntuación de 9 ou máis entre o Bacharelato e a fase xeral da proba de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU).
Entre os 719 estudantes pertencentes a 212 centros de toda Galicia (258 rapaces e 461 rapazas), 4 son do IES Perdouro de Burela!!!!!

O director do centro, Santiago Pérez, comprácese deste recoñecemento ao que se suma toda a comunidade educativa e atribuíu este éxito o esforzo do alumnado ao longo destes últimos dous anos e do bo facer do profesorado do centro.

Parabéns rapaces!!!!

3.7.19

Nova sección de literatura africana na biblioteca

A Presidencia da República de Cabo Verde acaba de enviarnos un lote de libros. Antes mesmo de que a profesora Karina Parga supervise o rexistro e a localización definitiva, os libros xa comezaron a facer novas amizades.


Recital poético Especial Paco Rivas

O pasado luns 17 de maio tivo lugar no auditorio da Casa da Cultura de Burela un acto poético adicado á poesía de Paco Rivas.

Paco Rivas vive moi preto de Burela, na parroquia de Nois, no concello de Foz. El é poeta, pero tamén narrador, lexicógrafo, docente, locutor... 

A nosa profesora Miruca Parga contounos que o escoitara en varias presentacións dos seus libros, pero que foi na Feira do Libro de Foz, cando comprou a escolma que logo nós lemos. Ela vainos explicar por que esta tarde nos acompaña Paco Rivas. 

Foi efectivamente na Feira do Libro de Foz onde comprei esta escolma na que se fusionan cinco poemarios do autor que nos acompaña. E alí o escoitei recitar. E que ben recita Paco!!

Cando a súa intervención rematou, como amante da poesía, sentinme verdadeiramente en débeda con el. Parecíame que debiamos aproveitar a posibilidade de coñecer máis en profundidade a obra dun poeta que tiñamos tan preto. Lin con moitas ganas a súa obra e pareceume tan próxima a nós e tan directa ao corazón, falando do mar, da paisaxe, do amor… que quixen que os rapaces tamén a coñeceran.

Hoxe, Paco, queremos saldar esa débeda contigo e non queremos só escoitarte a ti, senón que desexamos que escoites a túa poesía na nosa voz. Queremos, deste xeito, renderche unha pequena homenaxe, porque aos grandes poetas, é a nosa obriga homenaxealos en vida e non esperar a que morran para loar a súa grandiosa obra e o súa polifacética traxectoria vital. Espero que che agrade este sinxelo acto e que despois poidas compartir con nós uns momentos de charla.

O recital compoñíase de 13 poemas que eliximos de entre os do libro "Escolma poética" do autor.Esta selección trata temas como o mar, o noso mar; o amor, identificado como un afecto sincero, a natureza, representada pola paisaxe propia de Galicia; a vida, marcada polo paso do tempo, e, por último, tamén escribe para os nenos a quen lles dedica arrolos e aloumiños.

Podería dicirse que en todas as pezas se fala de amor: de amor ao mar, de amor á namorada, de amor á paisaxe, de amor á vida e de delicado e tenro amor cara aos nenos.

O alumnado de 4º e 2º de ESO preparamos a declamación dos poemas non só coa voz, senón tamén con imaxes e música.

Os nosos compañeiros de 4º de ESO ocupáronse de elaborar un vídeo composto de imaxes acompañadas dunha melodía. Cada un dos vídeos foi elaborado para que se axuste a cada unha das composicións.

E nós, as alumnas e alumnos de 2º, puxemos voz viva no acto ás 13 poesías que eliximos.

Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Vídeo do acto:



Saray Barro e Alejandro Fernaández, 2º ESO

2.7.19

Lapbook - Todos migramos para buscar unha vida mellor

Baixo o título TODOS MIGRAMOS PARA BUSCAR UNHA VIDA MELLOR, o alumnado de 1º de ESO de Reforzo de Lingua plasmou un traballo colaborativo e de investigación nuns lapbooks interactivos segundo as orixes de cada un deles. Trazaron a súa viaxe dende a orixe ata o destino final, Burela.

Son vivencias persoais recompiladas nestres libros despregables en tres categorías:
  1. do mundo rural ao mundo urbano, 
  2. dentro dun país
  3. dun continente ao outro.
Con mapas, liñas do tempo, fichas e versos, cada alumno explicou a súa viaxe así como os seus sentimentos a través da súa propia historia vivida.
Magnífico traballo de creatividade, contruíndo a aprendizaxe coas mans!!!!

Podedes ver o vídeo a continuación:



                                                               


1.7.19

Iniciación ao surf - 1º ESO

Agora tocóullle ao alumnado de 1° ESO despedirse ao grande da materia de Educación Física. O xove 20 de xuño viaxaron ata Esteiro para asistir a unha clase de iniciación ao surf da man dos monitores da escola de Surf de Viveiro.
Pasáronno moi moi ben salvo Raúl ao que lle picou unha faneca.
Accede a reportaxe fotográfica aquí.

28.6.19

Viaxe a Portugal

31 alumnos/as de 1º de Bach do IES Perdouro de Burela realizaron unha viaxe lingüística e cultural de cinco días por Portugal. 

O primeiro destino foi Porto. Alí tiveron unha visita guiada á casa da Música, un dos auditorios coa mellora acústica do mundo, obra de arquitetura que foi concebida para o evento Capital Europea da Cultura 2001, da autoría do arquitecto Rem Koolhaas e aclamada internacionalmente. Visitaron outros lugares de interese turístico como a Ribeira, a Sé Catedral, a Torre dos Clérigos, a Avenida dos Aliados, o mercado do Bolhão, o café Majestic, a Estación São Bento (sendo especialmente célebre polos seus paneis de azulexo), a librería Lello (coñecida grazas a rodaxe de Harry Potter). Pasaron a Vila Nova de Gaia pola Ponte Don Luis I e por encima do río Douro para chegar ao mirador do Morro.

Tamén tiveron a oportuniade de visitar unha das oito salinas da cidade de Aveiro, coñecida como a pequena Venecia de Portugal. Aí o guía explicoulle o proceso de elaboración do sal mariño. 

Xa en Nazaré estiveron no Miradouro do Suberco e no faro onde se rexistraron as ondas máis grandes do mundo e onde se celebra un campionato de surf a nivel mundial.

En Lisboa visitaron dúas xoias consideradas monumentos da humanidade o Mosteiro dos Xerónimos e o seu magnífico claustro de arquitectura manuelina, a Torre de Belém (S. XVI). Estiveron en Cascais para coñecer unha das cidades balnearias máis recoñecidas de Portugal e foron ata os vertixinosos acantilados da Boca do Inferno. Outro día, no parque das Nacións, visitaron o Oceonário de Lisboa considerado o segundo acuário máis grande de Europa e despediron a cidade percorrendo as rúas e prazas do centro histórico: a do Comercio, a do Rossio, a da Figueira, e os barrios: a Baixa, o Chiado, a Alfama, e os monumentos: as Ruinas do Carmo, o Elevador de Santa Justa, o Castelo de São Jorge, a Sé de Lisboa, a Casa dos Bicos (Fundação José Saramago). 
Tamén houbo tempo para a diversión nocturna para coñecer o ambiente lisboeta.

Accede á pequena reportaxe fotográfica aquí.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...