22.6.13

1º ESO - Educación viaria e visita ao centro deportivo de Foz

Nos últimos días de curso, o alumnado de 1º de ESO desprazouse ata Foz para recibir formación en Educación Viaria da man do cabo da Policía Municipal de Foz, Jesus Amor Prieto. Durante a charla, o axente explicoulles as normas de circulación e como comportarse frente a accidentes. Despois da teoría, o alumnado puido poñer en práctica o aprendido no circuito subido aos carts, ás bicicletas e mesmos ás motocicletas. 


Na segunda parte da mañá, o alumnado foi recibido no Complexo deportivo de Foz para efectuar un itinerario polas súas instalacións deportivas. A rapazada visitou a sala de máquinas da piscina, fixo exercicios cardiovascular, de musculación e aeróbic sempre baixo a supervisión e asesoramento dos técnicos, para rematar cun chapuzón na piscina. 


21.6.13

Descoberta dos Ciclos Formativos do IES Perdouro - Portas Abertas 2013

As aulas dos Ciclos Formativos do IES Perdouro abriron as súas portas ao alumnado de 4º de ESO e 4º PDC para dar a coñecer a súa oferta educativa. Consistiu nunha visita guiada e práctica onde o profesorado de FP lles explicou a carga horaria dos módulos impartidos, as actividades prácticas realizadas, a FCT e as posibles saídas laborais dos ciclos formativos de grao medio e superior. 

20.6.13

Festival final de curso - EDNL

Miruca Parga, coordinadora do EDL, levou a cabo na biblioteca do centro e coa colaboración do alumnado de 3º de ESO un festival de recital e de espectáculo.

A actividade inicouse cun recital de video-poemas elaborados polos propios rapaces de 3º PDC sobre Rosalía de Castro co gallo de celebrar o 150 aniversario da publicación de "Cantares gallegos".

E a continuación, representaronse tres das obras de monicreques escritas e postas en escena polo alumnado de 3º ESO e 3º PDC coa axuda de Ton Arenas. A biblioteca estaba ao borde do colapso e puidemos retornar algúns de nós a tempos da nosa infancia. 

Grazas rapaces por este momento de risas e ilusión!!! Noraboa e seguide traballando con tanta imaxinación!!

Acto de presentación da revista escolar "Maruxía nº 19"

O pasado xoves 20 de xuño, na biblioteca do IES Perdouro, Xabier Mazaira, alumno de 1º de Bacharelato e no nome dos seus compañeiros de clase, foi o encargado de conducir o acto de presentación do número 19 da revista escolar Maruxía do IES Perdouro. Nesta edición, Miruca Parga, coordinadora do ENDL, contou coa colaboración do alumnado de 1º de bacharelato e do seu profesor TIC, José Luís Fernández, para a redacción e maquetación da revista que se publica anualmente no centro dende fai 19 anos. A publicación que recolle unha mostra das actividades e traballos realizados no centro durante o curso académico, está editada polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística e pola Asociación Cultural “Os Matos”.


Entrega de premios do VII Concurso de Relatos Curtos e Debuxo da Asociación Cultural Os Matos

"VII Concurso de Relatos Curtos e Debuxo" da As. Cultural Os Matos - Tema "Doce meses. Moitas paisaxes”


O pasado xoves 21 de xuño,  entregáronse no biblioteca do IES Perdouro os premios do VII Concurso de relatos curtos e debuxo convocado anualmente pola Asociación Cultural "Os Matos" cuxo lema foi “Doce meses, moitas paisaxes”. O presidente dos Matos, Antón Niñe, foi o encargado de felicitar aos premiados desta sétima edición do certame. Miruca Parga, coordinadora do EDL e Santiago Pérez, Director, entregaron aos premiados o seu diploma e uns agasallos. As obras gañadoras pódense ler no número da revista escolar “Maruxía” deste curso.

No concurso de relato curto e debuxo convocado pola Asociación Cultural "Os Matos" resultaron gañadores os seguintes traballos:


Relato curto:

•    1º PREMIO CATEGORÍA 1º CICLO ESO:
"Ril e a súa balea" de Mirella Ramos Vázquez (1ºESO)

•    2º PREMIO CATEGORÍA 1º CICLO ESO:
"Un Nadal en Burela" de Leticia De Pedro Martínez (1ºESO)

•    1º PREMIO CATEGORÍA 2º CICLO ESO:
"Un día na invernal Rusia" de Víctor Cabarcos Val (3º ESO PDC)

•    2º PREMIO CATEGORÍA 2º CICLO ESO:
"Nacín unha noite de marzo" de Alejandro Ramil García (3º ESO PDC)

Debuxo:

•    1º PREMIO:
"Setembro" de Clara Iglesias Fernández (1º ESO)

•    2º PREMIO:
"Collage Mar e Faro de Burela" de Itziar García Cruz (1º ESO)


Estivemos na I Xuntanza pola Sostibilidade e a Paisaxe

Unha delegación de 10 alumnos de 1º de ESO viaxaron ata Pontevedra para participar na I Xuntanza Ibérica pola Sostibilidade e a Paisaxe. Foi unha xornada densa en actividades, Obradoiros, debates, retos, xogos, teatro, feria de mostra e exhibicións.
Mª José Andión foi quen coordinou o proxecto interdisciplinar  "Doce meses, moitas paisaxes" que resultou premiado polo Instituto de Estudos do Territorio (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas).
Un total de 200 alumnos e 30 profesores de primaria e secundaria de 41 centros educativos de Galicia, Canarias, A Rioxa, Cataluña, País Vasco e Albacete.

13.6.13

Obradoiro de espectáculos - sesión 6

Ultimando os ensaios da representación dos mini espectáculos elaborados polos alumnos de 3º de ESO e 3º PDC, estes días, Miruca, Bernardo e Ton Arenas andan a traballar a ambientación, a voz, os xestos dos pesonaxes, en resume a interpretación. Seguide traballando con tanto tesón que queremos velos!!

Charla sobre educación sexual co Dr. Cristobal R. Garfia

Cristobal Rodríguez Garfia, médico xinecólogo, estivo hoxe no instituto para impartir unha charla sobre saúde sexual ao alumnado de 1º de Bach


O alumnado de 1º de Bach do IES Perdouro de Burela, ampliou os seus coñecementos adquiridos en clase de Bioloxía grazas a intervención de Cristobal R. Garfia, recoñecido especialista, que sempre se ofrece a contribuír á educación afectivosexual do alumnado do instituto. Como cada ano, o xinecólogo incidiu nas boas prácticas sexuais e no repaso ás problemáticas que poden xurdir por mor do descoñecemento.

11.6.13

Delegación no I Encontro Ibérico de Xóvenes pola Sostibilidade e a Paisaxe.



A delegación formada por Alba Carreiras Cabarcos, Leticia de Pedro Martínez, Alejandro Esquerdeiro Cabarcos, Clara Iglesias Fernández, Ana Liñán Rabost, Jorge Méndez Insua, Iria Fernández Rubal, Antía López Galdo, Luis Miguel Nieto Fraga, Andrés Pernas Maseda e acompañada pola Vicedirectora, Karina Parga Chao, e pola profesora do Proxecto Interdisciplinar, Mª José Andión Fontela, representará o IES Perdouro o vindeiro día 19 de xuño en Pontevedra no I Encontro Ibérico de Xóvenes pola Sostibilidade e a Paisaxe.

10.6.13

I Encontro Ibérico de Xóvenes pola Sostibilidade e a Paisaxe

image
Traballo recompensado do alumnado de 1º de ESO. 

O IES Perdouro foi premiado cun dos mellores proxectos do Plan Proxecta, recoñecéndolle o seu bo facer e resultados acadados.

Estes premios, convocados conxuntamente polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) e pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, están orientados aos 82 centros escolares participantes nos programas “Axenda 21 Escolar de Galicia” , “Climántica” e “12 Meses 12 Paisaxes”.

No marco do seu proxecto "Doce Meses - Moitas Paisaxes", un grupo de 10 alumnos de 1º de ESO liderado pola súa profesora do Proxecto Interdisciplinar, Mª José Andión, representará o centro escolar  no I Encontro Ibérico de Xóvenes pola Sostibilidade e a Paisaxe, xuntanza que terá lugar o vindeiro mércores,  día 19 de xuño, en Pontevedra. Participarán 200 xóvenes de Galicia, Portugal e Outras Comunidades Autónomas que participan en ESenRED (Rede de Redes de Centros Educactivos pola Sostibilidade).

Dende Galicia participará alumnado dos mellores proxectos dos programas “12 Meses 12 Paisaxes”, “Climántica” e “Axenda 21 Escolar de Galicia” presentados ao concurso do Instituto de Estudos do Territorio.

Trátase dunha xornada de intercambio de experiencias e de elaboración de compromisos de retos e accións a realizar nas aulas durante un curso escolar. Reforzar a cultura de sostibilidade nos centros educativos é o principal motivo da xornada.

Haberá unha programación en paralelo para alumnado de primaria, secundaria e profesorado. Realizarase no Pazo da Cultura de Pontevedra.

7.6.13

Celebramos a día mundial dos océanos

Para conmerorar o día mundial dos océanos, os rapaces de 4º de ESO coidaron da nosa ribeira. Adega convocou por segundo ano unha limpeza simultánea das praias de Galicia, inciativa a que nos sumamos. Acompañados por Begoña, Mª José, Basilio e Balbino, limparon un tramo da ribeira, dende o porto de Burela ata a igrexa de coedo.
Recolléuse un total de 13 bolsas de residuos variados e unha docena de neumáticos.
Resultados da limpeza simultánea segundo Adega.

6.6.13

Obradoiro de Saúde destinado ao alumnado de 3º ESO

Voluntarias da Cruz Vermella de Burela remataron de impartir uns obradoiros sobre Saúde

No marco do seu programa de educación para a saúde, voluntarias da Cruz Vermella de Burela remataron de impartir uns obradoiros sobre Saúde dirixidos aos estudantes de 3º de ESO. Foron cinco as sesións nas que Cruz Vermella sensibilizou aos mozos a todos aqueles problemas que máis lles afectan co obxetivo de fomentar o desenvolvemento de hábitos e condutas sás e equilibradas que melloren a calidade de vida dos rapaces, como parte do seu desenvolvemento integral, e estimular cambios atitudinais diante problemas de discriminación social.  Ademais nas intervencións traballouse sobre todo o concepto de saúde, o uso de métodos anticonceptivos, a adición ás drogas, os trastornos na conduta alimentaria e a autoestima.

5.6.13

2º ESO - Ruta da enerxía

Con galo do día do medioambiente, o alumnado de 2º de ESO participou na ruta da enerxía, actividade deseñada por Fausto, o seu profesor de Ciencias Naturais. Viaxaron primeiramente ata As Pontes para realizar unha visita guíada pola central térmica onde lles explicaron a seu funcionamento. E remataron a ruta da enerxía visitando a planta regasificadora de Reganosa de Mugardos.
Gozaron dun día moi completiño!


Alumnos de 1º de Bach nas Covas do Rei Cintolo de Mondoñedo

Expedición á cavidade cárstica máis importante de Galicia: as Covas do Rei Cintolo de Mondoñedo

Coincidindo co día mundial do medioambiente, un grupo de alumnos de 1º de Bacharelato do IES Perdouro de Burela acompañados por Monste Freire, a súa profesora de Bioloxía, desprázouse ata Mondoñedo co propósito de ampliar o seu coñecemento en materia de Xeoloxía na Cova do Rei Cintolo, o maoir complexo cárstico de Galicia, con máis de 6.500 metros de galerías. Alí realizaron un percorrido en forma de U sobre un tramo de uns 300 metros. Son dúas galerías paralelas e unha baixada pronunciada que leva á sala de choivas.

Da man de Abel Vigo, o arqueólogo municipal, o alumnado descubriu o encanto que encerra este tesouro da xeoloxía galega. O guía explicoulles o gran número de formacións cársticas que se ven dentro: estalactitas, estalagmitas, columnas, coladas, bandeiras, o ollo de fechadura entre outras asi como o seu lago.

Logo de dúas horas de exploración, os rapaces quedaron encantados coa visita que lles permitiu concienciarse do perigo que corre o deterioro do medio cárstico en Galicia e sensibilizarse pola conservación deste medio.


A cavidade é obxecto de distintas lendas como, por exemplo, a que lle da nome á cova. Esta lenda conta que o Rei Cintolo, dono e señor do Val de Brea, tiña unha fermosa filla chamada Xila, que estaba namorada dun conde. Pero un bruxo estaba celeso dese amor e sepultou o reino de Cintolo no interior da terra. Segundo a lenda, a fermosa princesa aínda espera que un cabaleiro valente a volva á vida.

Fotos da Cova por Pepa Losada.

4.6.13

Día das artes plásticas

Día 4 de xuño, celebramos o DÍA DAS ARTES PLÁSTICAS NA ESCOLA, iniciativa que veu a luz no CEIP de Cervo o ano pasado co galo do aniversario de Seoane.
Este ano sumámonos á iniciativa deseñando un itinerario artístico polo recinto escolar onde se pode apreciar obras realizadas polo alumnado do centro.
Como di María de Cervo, "estades todos convidados a celebrar con nós este gran día en apoio á arte galega!"

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...