Mostrar mensagens com a etiqueta roteiro. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta roteiro. Mostrar todas as mensagens

10.4.18

Roteiro pola Mariña - 2º ESO

O pasado venres 23 de marzo os alumnos e alumnas de 2º de ESO participamos nun roteiro pola Mariña Central. A primeira das nosas paradas foi en Fazouro para admirar o castro que alí se ergue. Unha parada especialmente interesante, non só pola súa historia, senón tamén pola influenza romana coa que foron construidos. Lugar de especial interese pola existencia de edificacións de forma redondeada, desvío de augas suxas das casas ó exterior e vivendas de dous pisos.
Máis tarde tomamos direción oeste para visitar a capela do Bispo Santo. Alí o exprofesor Antón Niñe tomou as rendas da explicación para contarnos a lenda que reside na construción desta capela.
Continuamos en autobús ata chegar a un dos pratos fortes da excursión, a basílica de San Martiño. Detivémonos para observar os elementos arquitectónicos deste monumento, cunha explicación histórica por parte de Antón e unha física por parte da profesora Maribel. Xa no interior, repasamos a súa historia e, por grupos, fixemos unha ficha coa información dada.
A última parada do día foi a catedral de Mondoñedo. Trala historia e os elementos arquitectónicos a destacar da igrexa, entramos na parte máis práctica da ruta. De catro en catro tíñamos que atopar dous lugares de interese xa dados e fotografiarnos diante deles, ademais de completar unha pequena ficha.
Foi unha experiencia nova e sorprendente que na miña opinión dalle á ensinanza de hoxe en día un toque máis refrescante. Penso que é un roteiro moi recomendable.

Accede a completísima reportaxe fotográfica aquí.

Cróncia de Alba Geada de 2º ESO A

16.5.17

Roteiro arqueolóxico por Burela

O pasado 30 de marzo, unha parte do alumnado de 3º ESO e todos os de 1º de FP básica participaron nun roteiro arqueolóxico local promovido polo Concello de Burela e guiado por Manuel Miranda, presidente da Asociación Mariña Patrimonio. O percorrido iniciouse no hipocausto, restos dun sistema de calefacción dunha casa romana, recentemente escavado e posto en valor, así como o castro situado na mesma zona do Castrelo.
De seguido, o grupo achegouse ao Cabo Burela, onde poideron coñecer a ubicación dos dous castros que hai nesa zona: o máis grande, os dos Castros, do que xa non se aprecian vestixios a simple vista debido ás edificacións levantados sobre el;  e o máis pequeno, situado na punta do cabo, onde pode aínda apreciarse os posibles torreóns de entrada, coñecidos popularmente como “Tetas da Vinculeira”, así como unha curiosa pía rectángular que se pode atopar nos penedos graníticos que hai xunto ao paseo marítimo.
A xornada rematou dentro deste castro, con algúns alumnos vestidos ao xeito castrexo, con reproducións do torques, puñais de antenas e panos prendidos con fíbulas.

Antonio Blanco - profesor de Xeografía e Historia

Accede ás fotografías no noso albúm.

7.3.15

Lembramos a figura de Leiras Pulpeiro a través dun roteiro por Mondoñedo

O venres, día 6 de marzo, os alumnos de 3º PDC estiveron en Mondoñedo na Xornada de Lembranza sobre Leiras Pulpeiro. Estes mozos e mozas do Modelo de Nación do Século XXI participaron no acto de inauguración do Roteiro Literario dedicado a Manuel Leiras Pulpeiro.
Na campa do cemiterio civil tivemos o privilexio de escoitar o discurso didáctico de Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo). O emblemático poema "Roseiras de rosas roxas" desta vez foi magnificamente recitado por nenos e nenas do IES Monte Castelo de Burela.

O Cronista oficial de Mondoñedo escribe en facebook o seguinte:

"Hoxe, varias ducias de rapaces e rapazas de Burela e Mondoñedo seguísmolle as pegadas a M. Manuel Leiras Pulpeiro por Mondoñedo. Falamos, recitamos, camiñamos, rimos ...sudamos!
Desde o IES San Rosendo ata o castro da Recadieira hai varios quilómetros de memoria que xa van camiñar canda nós de por vida. Na compaña de mozas e mozos dos IES Perdouro de Burela, do CEIP Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo, do IES Monte Castelo de Burela e do IES San Rosendo de Mondoñedo, coa colaboración do Casino de Mondoñedo, ACIA Mondoñedo, Asociación Abrindo Camiño, As. Amigos de Mondoñedo, Concello de Mondoñedo e Deputación de Lugo, coa impagable colaboración dun día luminoso."

Ver video da Fundación TIC


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...