Mostrar mensagens com a etiqueta Alimentación. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Alimentación. Mostrar todas as mensagens

19.4.24

Obradoiro de gominolas saudables

O día 3 de abril, María José e Begoña -integrantes de Gaia- viñeron ensinarnos como facer larpeiradas sen azucre. Comezaron presentándose e de seguido ensináronnos unhas breves e importantes informacións sobre os ingredientes malos das lambetadas. Cando remataron de explicar, fixemos un divertido taller de como preparar as nosas propias lambetadas de maneira saudable. 

O taller comezou coa explicación dos ingredientes das larpeiradas: neste caso en concreto usamos a mandarina e unha xelatina chamada agar-agar. De seguido, explicáronnos o proceso de elaboración que iamos seguir. Os pasos foron moi sinxelos: primeiro de todo había que espremer a mandarina e despois escoala. Cando xa a tíñamos líquida, puxémola ao lume coa xelatina. Unha vez feito isto, baleiramos o contido nuns moldes con formas e deixámolos arrefriar ao redor duns vinte minutos. Como último paso, deleitámonos con elas. 

Podedes acceder as fotos aquí.

Antía Domínguez Piñeiroa - 1º ESO AB

6.7.23

Fin de curso: obradoiro de batidos e petiscos saudables para 1º ESO

O mércores 21 de xuño o alumnado de 1º ESO participou nun obradoiro de batidos e petiscos saudables. 

Andrea e Rocío, responsables da Asociación Española contra o cáncer de Burela, viñeron ao IES Perdouro para informar sobre hábitos alimentarios saudables. O seu obxectivo é  que a rapazada deixe de comer bolos industriais e de tomar bebidas a base de ingredientes artificiais con aparencia de zumes naturais. 

Ensinaron ao alumnado de 1º ESO a elaborar batidos con froitos vermellos (amorodos, arandos, framboesas), iogur natural sen azucre e un pouco de leite. 

Os petiscos estaban elaborados con pan integral, queixo ou manteiga de cacahuete, sementes de liño dourado, froitos secos (améndoas, abelás, noces...) e froita fresca (amorodos e arandos). 

Practicamente acabáronse as existencias de comida e bebida e todo o alumnado tanto da ESO como de Bacharelato que pasou polo patio e presenciou o obradoiro estaba interesado en probar os batidos e os petiscos. Haberá que repetir a experiencia!

Podes acceder a máis fotos AQUÍ


8.3.23

Alimentación e saúde

SOBRE SAÚDE, DIETAS E AZUCRES 

O día 17 de xaneiro o alumnado de 3º ESO asistimos a unha actividade organizada polos alumnos e alumnas de 1º de bacharelato.

A actividade levouse a cabo na biblioteca do instituto. A primeira parte da presentación trataba sobre a dieta saudable e mais as consecuencias que ten a alimentación na saúde.

Unha dieta saudable é aquela na que se consome a cantidade correcta de alimentos na proporción adecuada, obtendo deste modo os nutrientes que o corpo necesita. Ademais, unha alimentación sa reduce o risco de sufrir diabetes, hipertensión e incluso cancro.

De seguido, pasaron a falar dos azucres. A OMS (Organización Mundial da Saúde) recomenda consumir 25 gramos de azucre ao día. Porén, isto é practicamente imposible, polo que se establece como cantidade máxima uns 60 gramos en adultos e 40 gramos nos nenos. 

Para representar a cantidade de azucre que teñen os alimentos que consumimos habitualmente amosáronnos un taboleiro onde colocaron os envoltorios de cada un dos produtos xunto cunhas bolsas onde estaba a cantidade de azucre correspondente a 100 gramos do alimento en cuestión. Sorprendeume que alimentos tan comúns coma o Cola Cao, que moitos dos meus compañeiros e compañeiras declararon consumir para almorzar, puidesen conter tanto azucre.

A segunda metade da presentación tratou sobre os diferentes trastornos alimentarios. Falaron de algúns coma a vigorexia, a anorexia, a bulimia, a obesidade ou o sobrepeso e explicaron as diferenzas entre eles. Despois de recibir información sobre todas elas, eu destacaría o rol que teñen as redes sociais e a publicidade como causas de moitos dos trastornos. No que atinxe á obesidade e ao sobrepeso, falaron do IMC (índice de masa corporal), que serve para clasificar o tipo de obesidade segundo o resultado dunha operación matemática.

Pareceume interesante a mención ás diferentes aplicacións que existen hoxe en día para coñecer o valor nutricional dos produtos dun supermercado, pois eu descoñecía que puidesen chegar a xerar adicción nos seus usuarios e, moito menos, a afectarlles aos seus hábitos alimentarios. A parte referente ás dietas milagre foi moi interesante, pois a pesar de oír falar delas nunca fora consciente das consecuencias que poden traer a quen as realiza.

Como conclusión, pareceume unha actividade moi interesante pero, sobre todo, diferente. Hoxe en día as conferencias sobre nutrición son habituais á miña idade, e adoitan dicir o mesmo cunhas ou outras palabras. Como en tantas outras cousas, a xente non dá datos reais, e iso quítalles veracidade. Non obstante, nesta actividade achegáronse datos obxectivos, ademais doutros aspectos importantes coma as causas e as consecuencias dos diversos trastornos. En definitiva, foi unha experiencia que creo que nos axudou a concienciarnos sobre a relevancia que ten, a curto e longo prazo, unha alimentación sa.

Podes acceder ás fotos AQUÍ.

Ana Lestao Ben - 3º ESO B



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...