Mostrar mensagens com a etiqueta Reciclaxe. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Reciclaxe. Mostrar todas as mensagens

21.6.24

Patrullas informativas sobre reciclaxe e auditoría de residuos

O alumnado de Ciclo Básico de Servizos Administrativos percorreu as aulas, os talleres, os despachos e outras dependencias do centro para informar sobre a utilización das papeleiras e dos distintos colectores instalados no instituto para unha correcta reciclaxe. 

Despois dalgunhas roldas informativas, o mesmo alumnado levou a cabo unha auditoría dos residuos e informou a alumnado, profesorado e persoal non docente de se a reciclaxe fora realizada de xeito adecuado. 

Toda a comunidade educativa mellorou os seus coñecementos sobre a separación e a reciclaxe grazas a estas efectivas "patrullas informativas". 

Parabéns polo voso gran labor!


21.3.24

Remata o prazo da recollida de pilas para o concurso Pilabot. Traede todas as que poidades!

Mañá venres 22 de marzo acaba o prazo para a recollida de pilas. Traede todas as pilas e baterías de litio que poidades e vádeas depositando na caixa da aula ou botádeas directamente no colector de diante de conserxería. 

O venres 22, titores ou delegados, como vós acordedes, debedes encargarvos de levar as pilas da aula á entrada do edificio 1, diante de conserxería. 

A organización do concurso pasará polos centros para pesalas como o curso pasado. 

Grazas pola vosa colaboración!


1.2.24

Eco-auditoría do lixo do IES Perdouro

O día 25 de xaneiro os alumnos e alumnas de 3º de ESO e 4º ESO tivemos unha charla sobre o medio ambiente que nos viñeron impartir dende a Universidade da Coruña.  

As relatoras comezaron explicándonos que había unha serie de accións básicas coas que poderiamos mellorar o medio ambiente, por exemplo: non empregar tanta auga nin enerxía, facer hortas urbanas, prestar bicis para utilizar menos medios de transporte contaminantes…  

A continuación, explicáronnos a xestión de residuos, xa que cada vez temos máis escaseza de materias primas como, por exemplo, de petróleo, e tamén que de media por persoa ao día se tira 1,2 kg de lixo e que cada vez esa cifra aumenta máis. Despois diso explicáronnos o tipo de colectores que existen: o xenérico, que é de cor verde escura; o de papel, azul; o de plástico, que é amarelo; o de vidro, dunha cor verde máis clara e, por último, o marrón. Este é un colector novo, que é para a materia orgánica. Tamén nos contou que hai outros medios de desfacerse dos produtos utilizados como pode ser a incineradora, que non é a mellor opción xa que expulsa uns gases prexudiciais para o ambiente.  

Outra cousa da que nos falou é de que todos e todas nas nosas vidas deberiamos facer compostaxe para favorecer o ciclo da materia e así ir recuperando os produtos, xa que ata agora só temos un 8% de economía circular no planeta. A compostaxe dános distintos beneficios: pechar o ciclo da materia, obter fertilizantes, ser xestores dos nosos residuos e tamén diminuír o gasto de tratamento dos residuos.  

Por último, nesta charla tamén tivemos unha parte práctica. Trouxéronnos unhas bolsas de lixo do noso instituto do día anterior para facer unha eco-auditoría, que consiste en clasificar os distintos residuos segundo o colector ao que deban de ir e analizar as conclusións. Para isto, necesitamos bolsas cheas de residuos, luvas que se son reutilizables (moito mellores para o medio ambiente); unhas caixas de plástico ou de papel para separar todos os residuos e unha báscula para saber que material consumimos máis.  

Ata aquí chega a nosa crónica e como conclusión dicirvos que todos deberiades animarvos a reciclar para vivir nun mundo mellor. 

Accede a reportaxe fotográfica AQUÍ.

Antía González Quelle - 3º ESO A

6.2.23

Traede todas as pilas que poidades. Remata o prazo do concurso Pilabot.

En todas as aulas debe haber unha caixa ou recipiente para depositar as pilas usadas. 

Durante esta semana recollede todas as pilas que poidades e vádeas depositando na caixa da aula. 

O venres 10 de febreiro, titores ou delegados, como vós acordedes, debedes encargarvos de levalas á entrada do edificio 1. A organización do concurso pasará polos centros para pesalas como o curso pasado. 


20.1.23

Necesitamos que recollades pilas de novo

Este mes de xaneiro comezou a IV edición da campaña escolar Pilabot. Temos seis semanas para recoller a máxima cantidade de kg de pilas!

Recórdovos que o curso pasado xa participamos e non estivo nada mal o posto que conseguimos na clasificación: 

- Nº 26 de 150 centros educativos de Galicia en kg recollidos: 493,25 kg

- Nº 38 de 150 centros educativos de Galicia en kg recollidos por alumno: 2,15 kg

O resultado da campaña foi un éxito e recolléronse case 54 toneladas de pilas. 

Unha vez máis podedes participar tamén no concurso #EuSonPilabot creando o voso propio cartel. 

E aquí tedes algúns recursos para traballar na aula a reciclaxe e animarvos a traer todas as pilas que poidades. 

Comeza a conta atrás!

8.11.22

Imos facer unha obra de arte colectiva e necesitamos tapóns de plástico

Precisamos tapóns de plástico de botellas ou outros recipientes para crear unha obra colaborativa. 

Colocaranse colectores na entrada do edificio 1 e 2. 

POR FAVOR, TRAEDE TODOS OS TAPÓNS QUE POIDADES. 

24.3.22

Receitas de aproveitamento culinario

Para colaborar co proxecto Generación ECO promovido por EcoVidrio, o alumnado de 1º de ESO, coa súa profesora Carmen Castro, elaborou unha guía cunhas receitas de aproveitamento culinario para así non ter que tirar nada ao lixo. 

Con esta actividade, conseguen reducir o impacto da pegada hídrica e de carbono e obter o nomeamento de "Responsable de sostibilidade na casa". A adquisición de hábitos sostibles vai moito máis alá do noso centro educativo. Tomar decisións e levar a cabo accións que teñan en conta o coidado do medio é o primeiro paso para levar un estilo de vida sostible, dentro e fóra da aula.

Probade a facelas! Están deliciosas!

6.2.22

Ecoauditoría ambiental da Oficina de Medio Ambiente de USC

O pasado 24 de xaneiro viñeron, dende a Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, Verónica e Martina, para facer unha Auditoría Ambiental no noso centro. Neste proxecto analizamos os restos do día anterior acumulados no noso instituto para ser conscientes do lixo que xeramos e valorar a posibilidade de separar os residuos segundo a porcentaxe de cada tipo de lixo previamente separado e calcular a porcentaxe de cada un.

Antes de nada, déronnos unha breve charla na que nos explicaron de onde veñen e as cousas que se fan no seu departamento. Faláronnos tamén sobre os residuos, a súa composición e a reciclaxe. A media galega de lixo xerada ao día por persoa é de 1,5 kg aproximadamente e vimos tamén a súa clasificación, os modelos de xestión de residuos, o ciclo da materia orgánica e os seus beneficios. 

Logo, fixemos a auditoría.  Primeiro dedicámonos á fase de diagnóstico para saber como está o noso centro. Para facelo, comezamos separando o lixo xerado no centro en plásticos, aluminio, papel, materia orgánica, vidro e restos. A continuación, pesamos cada unha das partes previamente clasificadas e finalmente apuntamos e interpretamos os resultados nunha táboa que nos deron. 

Pódese acceder ao resto das imaxes aquí

Dámari Carballo Dorado – 1° Bach A

18.1.22

Recolle pilas para participar en Pilabot

Pilabot é un concurso de recollida de pilas e acumuladores en centros educativos de Galicia que ten como obxectivo que se tome conciencia sobre a importancia da reciclaxe deste tipo de residuos. 

Comezou o 13 de xaneiro e finalizará o 31 de marzo de 2022. 

Considéranse pilas e acumuladores portátiles calquera pila, pila botón, acumulador ou batería que estea precintado, poida portarse coa man e non sexa industrial nin de automóbiles. 

Cada grupo irá traendo as pilas para o instituto nas caixiñas que se repartiron para iso, depositaraas na caixa da súa aula e logo irán a un gran colector que se colocará nun punto de fácil acceso no centro.

Recordade que a cantidade de pilas que cada mes teñades na aula tamén puntúa para o concurso Aulas Limpas. 

Moito ánimo! E cantas máis pilas recollamos mellor! Estes son os premios: 


Se queres máis información, podes procurala en pilabot.gal

26.10.16

Campaña escolar "Separemos ben, reciclemos mellor"


Co fin de promover unha conciencia de reciclaxe entre os rapaces, participamos na campaña “Oportunidades Galicia. Separemo ben, reciclaremos mellor” que ten como obxectivo facer partícipes da reciclaxe a alumnos, profesores e pais, e alcanzar así os seus beneficios ambientais, económicos e sociais.

A iniciativa, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, contando coa colaboración de Ecoembes e Sogama, e co apoio de distintos sistemas integrados de xestión (Ecovidrio, Ecopilas, Ecolec, ERP, Ecotic, Ecoraee, Ecoasimelec, Ecofimática, Tragamóvil, Ambilamp e Ecolum), adéntrase nas aulas co principal obxectivo de promover as boas prácticas ambientais no principio europeo dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe). 

Así pois, o martes 25 de outubro, o alumnado de 1º e 2º ESO recibíu unhas charlas informativas impartidas por un educador ambiental que lle explicou en que consiste unha xestión sostible do lixo, proporcionándolle ao alumnado as claves para reducir a xeración de refugallos, para alongar a vida útil dos produtos a través da reutilización e para facilitar a súa transformación en novos recursos mediante a recollida selectiva, depositando cada fracción no colector correspondente. Explicou a necesidade de contar coa participación de todos a través da práctica das tres erres "3R": Reducir as cantidades de lixo producidas, Reutilizar os produtos o maior número de veces posible ata esgotar a súa vida útil, e Reciclar separando as distintas fraccións que conforman o lixo.

1.7.16

Reinterpretando as pontes - 2º ESO

As pontes de tecnoloxía fixémolas utilizando cartón, papel e materiais de refugallo. Intentamos que foran o máis parecido ás pontes reais que cada equipo escollera. Tiñan que resistir os esforzos como o de flexión, tracción… como unha ponte de verdade. Para que resistira empregamos métodos de triangulación, así mezclamos a xeometría coa tecnoloxía.

23.5.16

Exposición de Alex Landim

O noso alumno de 4º ESO PDC, Álex Landim Correia, expón pezas de creación propia na mercearía “O ArMarinho da Fátima” en Burela. A mostra componse de obxectos artísticos realizados en papel e/ou cartulina.

Nacido na localidade da Calheta de São Miguel, na illa caboverdiana de Santiago, Álex Ladim Correia (31-08-1997) chegou a Burela no mes de setembro de 2014 e matriculouse no terceiro curso de ESO no IES Perdouro, desde onde iniciou un proceso de integración exemplar. Neste momento, ademais de traballar na súa propia obra de manualidades, combina os estudos do último curso de ESO coa dedicación á música, dentro da Banda Dambara de Burela, e ao deporte (está disputando a última fase da liga de ascenso á División de Honra coa S.D. Porto de Burela na liga de fútbol xuvenil).

A exposición estará aberta desde o 23 de maio ao día 10 de xuño e poderá ser visitada durante o horario comercial (de luns a venres, durante a mañá e a tarde; e os sábados só polas mañás).

15.6.15

Exposición de maquetas de pontes - 2º ESO

No segundo trimestre, os alumnos de 2º de ESO do IES Perdouro tivemos que construir unhas maquetas dunha ponte, como proxecto de tecnoloxías. A profesora decidiu que o mellor era ir por parexas que ela mesma elixía, e así fixemos.
Nosoutros elixíamos a ponte que queríamos e continuaríamos construíndoa. A dificultade do proxecto era que a ponte tiña que ter unas medidas límites, e tiña que estar deseñada e fabricada por nós mesmos, con material reciclado. O material non podía ser comprado, a non ser que nos existise un material reciclable que fixera a función que lle dábamos.
Tivemos unhas cantas clases desa materia para construir a ponte, e se non a rematábamos nese período de tempo, poderíamos rematala na casa.
Ao rematar a ponte, a profesora contounos que iban a estar expostas na entrada do instituto, no pabellón central, nunhas estanterías cubertas con cristáis. Pareceunos una boa idea.
Para o meu gusto, fabricar unha ponte non é moi doado, xa que hai que ter moita idea sobre os temas que dito traballo abarca. Aínda así, eu paseino moi ben nese período temporal no que estábamos traballando conxuntamente co noso compañeiro, xa que temos que saber colaborar todos para chegar a conseguir un reto conxunto. Parece doado,  pero non o é.

Tania Valiña Eijo, 2º ESO B

25.3.14

Plan Acción da Fundación Alcoa no IES Perdouro

A Fundación Alcoa concedeu un plan ACCIÓN ao departamento de Mecanizado. Forman parte do proxecto cinco profesore, os alumnos de 1º,  e os de PCPI, na modalidade de fabricación mecánica.  
A finalidade do proyecto é concienciar e impulsar o reciclaxe como unha alternativa viable, seguindo a liña de compromiso de ALCOA de protección medioambiental en beneficio da comunidade
Os obxectivos deste plan son dous:
     1. Facer un convenio de colaboración cos talleres mecánicos navais de Burela para recoller materiais metálicos inservibles de amaños feitos nos barcos para a súa reciclaxe.
    2.  A utilización deses materiais para os traballos de prácticas dos alumnos do ciclo de mecanizado e de fabricación mecánica de PCPI.

Nestas fotografías móstranse parte dos materiais retirados para unha posterior utilización nos traballos que os alumnos van realizar.

11.12.13

A nosa particular árbore de Nadal 2013

Este curso, como actividade do proxecto interdisciplinar BurelaXogaRecíclase, Mª Xosé Andión ideou facer unha árbore de nadal con OVEIRAS !!! Con oveiras si !!! Unha loucura me diredes!! Pois si.

Aí nos puxemos a recolectar caixas de ovos de todos os tamaños por todas as casas. Logo sacámoslles as etiquetas unha a unha e pintámolas con moito esmero. Mais quedaba a parte máis dificil: a ensamblaxe. Fixemos unhas probas de montaxe, Mª Xosé e mais eu, que non nos convencían demasiado. Pero contamos con moita axuda. Xa veredes cantos participamos nesta obra que naceu sendo unha actividade de clase e acabou sendo unha actividade de unión entre todos, alumnos e profesores. Todos aportamos o noso gran de area:
  • José Luís calculando a altura e circunferencia; 
  • José, o noso arquitecto, propuxo desestruturar a árbore en 4 tramos, 
  • Karina preocupouse do paralelismo das caixas, 
  • Montse e familia pegaron e recortaron oveiras por decenas, 
  • as monitoras de Gaia pintáronas cos seus nenos da gardería, 
  • Tania e Elena retocaron a pintura, 
  • Fran axudounos a encontrar o punto de gravidade da árbore, 
  • Cristina foi mercar un sedal máis resistente que puidera co peso da nosa árbore, 
  • Javier, o noso xardineiro, tensou o sedal baixo o mando de José, 
  • E todo o alumnado de 1º e 2º de ESO e 1º BAC (de Grego) pintaron e pintaron oveiras e prepararon as bases circulares de cada tramo da árbore. 
E, finalmente, Mª Xosé puido ver convertida en realidade a súa proposta de Nadal reciclado.

14.11.13

Campaña escolar "Separemos ben, reciclemos mellor"

A campaña educativa "Separemos ben, reciclaremos mellor", promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama, contando coa implicación de Ecoembes e os Sistemas Integrados de Xestión de Pilas, ten como obxetivo o de  informar acerca das ventaxas, tanto ambientais como económicas, da colaboración ciudadana no ámbito da recollida selectiva, garantizando con esto o posterior reciclado dos refugallos producidos. 
Así pois, o xoves 14 de novembro coincidindo coa semana internacional da Reciclaxe,  todo o alumnado de ESO e PCPI asistiu ás charlas informativas impartidas por educadores ambientais que lle explicaron en que consiste unha xestión sostible do lixo, proporcionándolle ao alumnado as boas prácticas coas que facer efectiva a súa participación: desde o consumo responsable e a prevención de residuos, ata a reutilización e adecuada segregación dos mesmos. Explicaron a necesidade de contar coa participación de todos a través da práctica das Tres erres "3R": Reducir as cantidades de lixo producidas, Reutilizar os produtos o maior número de veces posible ata esgotar a súa vida útil, e Reciclar separando as distintas fraccións que conforman o lixo. Ao remate da actividade entregáronse a cada alumno un folleto informativo de axuda para identificar os distintos residuos así como o colector correspondente.

28.10.13

Samaín - facendo ambiente

O alumnado de 1º de ESO estivo encargado de ambientar o centro co propósito de celebrar Samaín, o aninovo celta. A súa tarefa consistía en reciclar e reutilizar os resíduos para idear un conxunto de decoracións. Botes de iogures, de leite, latas, tubos de papel convertéronse en morcegos, arañas, caveiras, esqueleto, cabazas, pantasmas e lámpadas.

Mirade que creativos foron!!!!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...