Mostrar mensagens com a etiqueta olimpíada. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta olimpíada. Mostrar todas as mensagens

7.5.26

V Olimpíada de Robótica da EPEF

O pasado venres 17 de abril, os alumnos de 3º e 4º da ESO do IES Perdouro fomos á V Olimpíada de Robótica en Ferrol, unha competición organizada pola Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol (EPEF) xunto ao Campus Industrial da UDC, destinada a estudantes de ESO de toda Galicia. 

O obxectivo deste certame é fomentar vocacións científicas e tecnolóxicas, desenvolvendo o pensamento lóxico, a creatividade e a resolución de problemas mediante a robótica educativa. Cando chegamos ao polideportivo onde se ía celebrar a olimpíada déronnos unha tarxeta de acreditación aos líderes de cada grupo, xunto cun horario onde poñía a que hora ía ser cada reto e contra quen competiamos. Estivemos uns minutos probando e dándolle os últimos retoques a cada programa antes do comezo das probas para que saísen o mellor posible. 

O primeiro reto que realizamos foi a proba do "Varredor", a cal consistía en expulsar catro latas colocadas nunha plataforma circular elevada. Esta primeira proba non nos saíu moi ben en xeral, xa que foi a que menos tempo tivemos para practicar. 

A seguinte proba foi o "Segue-liñas", que consistía en que o robot seguise unha liña e esquivase unhas latas colocadas no medio do circuíto. Neste reto, a maioría dos grupos conseguimos bos resultados, aínda que non o suficientemente bos coma para conseguir un premio. 

Por último, realizamos unha quenda de roldas eliminatorias do reto do "Sumo", no cal tiñamos que expulsar o robot inimigo dun ring, conseguindo chegar un dos equipos a cuartos de final. 

Ao finalizar a competición, fomos ao auditorio da Escola Politécnica de Ferrol, onde nos deron a todos os participantes unha medalla e logo realizaron a entrega de premios por categorías. Recibíronnos o director do centro, Vicente Díaz Casás e Esteben Jove Pérez, quen conduciu o acto. 

Ao rematar a cerimonia, subimos ao bus camiño ao centro comercial Odeón para comer e ter tempo de lecer, aínda que algunhas tendas estaban pechadas por folga. Sobre as 16:30 h partimos de novo cara a Burela, a onde chegamos ás 18:30 h, facendo o traxecto pola estrada da costa. 

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ.

Iria Cortegaza, Diana Balsa e Sofía Ben - 4º ESO A e B

14.4.26

OLIMPÍADAS DE XEOLOXÍA 2025 E 2026

O martes 2 de setembro de 2025 recibimos ao noso recente campión olímpico, Hugo Gorgojo Basanta, que gañou 3 medallas na Fase Mundial da Olimpíada de Xeoloxía (IESO): prata en "International Field Team Investigation" e bronce en "Earth Science Project Category" e en "Individual Test Category". Hugo chegou á Fase Mundial despois de ser o 4º na Fase Nacional en Tremp (Lleida) e de sacar a mellor nota na sede de San Sadurniño (A Coruña), onde tamén formou parte dos premiados como o Mellor Grupo (xunto con David Baltar, Pablo Casas e Adrián Díaz). Nesa competición, o compañeiro Hugo Lorenzo gañou o Accésit de 4º ESO. 

O mércores 4 de febreiro de 2026, catro alumnos de 4º ESO e catro de 1º de Bacharelato participaron na primeira fase da XVII Olimpíada de Xeoloxía, que foi no noso centro debido a unha folga de autobuses que impediu viaxar a algúns participantes ao destino onde se ía celebrar. Comezaron ás 11:00 h., tendo uns minutos antes para repasar, poder comer algo e coñecer á supervisora, Laura Fernández López, grazas á cal puideron celebrar a olimpíada no IES Perdouro. 

A primeira proba foi a grupal, a xincana. Nela entregáronlles distintas preguntas con fotografías relacionadas para contestar entre todos os compoñentes dos dous grupos; tras moito debater as respostas, esgotaron o tempo e comezaron o seu descanso previo ao test individual. Neste test había moita variedade de preguntas, dende cortes xeolóxicos e sismoloxía, ata visu de rochas ou formacións xeolóxicas. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ e tamén AQUÍ.

Laura Eijo Docampo - 1º Bacharelato A.

23.3.26

XVII Olimpíada de Xeoloxía

O mércores 4 de febreiro, catro alumnos de 4ºESO e catro de 1º de Bacharelato participamos na primeira fase da XVII Olimpíada de Xeoloxía, na cal concursamos dende o noso Centro debido a unha folga de autobuses que lles impediu viaxar a algúns participantes ao destino onde se ía celebrar. 

Comezamos ás 11:00 h., tendo uns minutos antes para repasar, poder comer algo e coñecer a nosa supervisora, Laura Fernández López, grazas á cal puidemos celebrar a Olimpíada no IES Perdouro. 

A primeira proba foi a grupal, a Xincana. Nela entregáronnos distintas preguntas con fotografías relacionadas para contestar entre todos os compoñentes dos dous grupos; tras moito debater as respostas, esgotamos o tempo e comezamos o noso descanso previo ao test individual. Neste test había moita variedade de preguntas, dende cortes xeolóxicos e sismoloxía, ata VISU de rochas ou formacións xeolóxicas. 

Pasámolo moi ben realizando todas as probas e aprendemos algúns conceptos novos moi interesantes; porén, o máis triste foi non poder facer o roteiro guiado con Fran Canosa, un recoñecido xeólogo do que xa desfrutamos en anteriores ocasións e co que aprendemos moito dunha maneira distinta ao realizarse fóra da aula. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.

Laura Eijo Docampo - 1º Bacharelato A

4.9.25

Recibimos a Hugo Gorgojo despois da Olimpíada de Xeoloxía en China

O martes 2 de setembro de 2025 recibimos ao noso recente campión olímpico, Hugo Gorgojo Basanta, que gañou 3 medallas na Fase Mundial da Olimpíada de Xeoloxía (IESO): prata en "International Field Team Investigation" e bronce en "Earth Science Project Category" e en "Individual Test Category". 

Na competición participaron máis de 170 persoas de máis de 30 países. Por parte de España, ían dous galegos, un salmantino e un estremeño (e todos eles tiveron medallas). O noso alumno falounos da súa experiencia e dos distintos lugares que visitou: Jining (a cidade da sede, onde as probas sucederon na Confucius High School), Nanwang, Qufu e Nishan Sacred Land, as montañas Shimen e Fénix (onde foi o exame práctico) e o Gran Canal de China, entre outros lugares. 

Para as probas prácticas, Hugo fixo equipo con representantes de Austria, Estonia, Australia, Malaisia e Paquistán. Hugo chegou á Fase Mundial despois de ser o 4º na Fase Nacional en Tremp (Lleida) e de sacar a mellor nota na sede de San Sadurniño (A Coruña), onde tamén formou parte dos premiados como o Mellor Grupo (xunto con David Baltar, Pablo Casas e Adrián Díaz). Nesa competición, o compañeiro Hugo Lorenzo gañou o Accésit de 4º ESO. 

Na foto, cos seus preparadores para as distintas fases da olimpíada: Charo Fernández e Fernando Losada. 

Fernando Losada Rodríguez - Profesor de Bioloxía e Xeoloxía


19.8.25

Hugo Gorgojo gaña tres medallas na Olimpíada Internacional de Xeoloxía en China

Desde o 7 ao 17 de agosto, celebrouse na cidade chinesa de Jining a International Earth Science Olympiad, é dicir, a Olimpíada Internacional de Xeoloxía.

O noso alumno Hugo Gorgojo Basanta xa alcanzara o 1º posto na subsede galega de San Sadurniño na fase autonómica galega e foi 4º na fase nacional en Tremp (Lleida), así que viaxou a China con outros 3 representantes españois. 

Durante a fase internacional da olimpíada, algúns dos paraxes que visitaron foron o monte Fénix, a montaña Shimen, o lago Taibai en Jininng (o maior do norte de China), o xeoparque Yangshang etc. Nestes lugares de relevancia xeolóxica participaron en varias probas teóricas e prácticas nas que realizaron proxectos e traballo de campo. 

Hugo Gorgojo conseguiu os seguintes recoñecementos: 
  • Bronce en "Earth Science Project Category" 
  • Prata en "International Field Team Investigation" 
  • Bronce en "Individual Test Category" 
Os outros 3 representantes españois, de Santiago de Compostela, Salamanca e Badaxoz, tamén obtiveron bos resultados na clasificación desta fase internacional da Olimpíada de Xeoloxía.

6.8.25

Comeza a Fase Mundial da Olimpíada de Xeoloxía!

O noso alumno de 2º Bach, Hugo Gorgojo Basanta, xa está en Jining para participar na Fase Mundial da 16ª Olimpíada de Xeoloxía. Xunto a el, viaxaron os outros tres representantes españois: o tamén galego Santiago Otero (do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela), Fernando Juez (do IES Rodríguez Moñino de Badaxoz) e Samuel Martín (do IES Venancio Blanco de Salamanca). 

Esta competición para amosar os coñecementos das Ciencias da Terra leva organizándose desde 2007 e participan nela máis de 30 países. O IES Perdouro optou por levar en marzo a 8 alumnos á sede de San Sadurniño onde acadamos tres premios: o Accésit de 4º ESO, o Mellor Grupo e o 1º Clasificado (Hugo Gorgojo), que foi en maio á Fase Nacional en Tremp (Lleida). Os catro mellores clasificados viaxaron á China para participar na Fase Mundial desde o 7 ao 17 de agosto. 

Desde o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía (os profesores Sol Galdo, Charo Fernández e Fernando Losada) e todo o equipo docente desexamos a todos os participantes unha moi boa experiencia e ao noso alumno Hugo Gorgojo, a mellor das sortes. 

Fernando Losada Rodríguez - Profesor de Bioloxía e Xeoloxía

27.4.25

O IES Perdouro vencedor da IV Olimpíada de Robótica da Universidade da Coruña

O pasado 4 de abril celebrouse no Campus de Ferrol a IV Olimpíada de Robótica, organizada pola Escola Politécnica de Enxeñaría da Universidade da Coruña (UDC). No evento participaron arredor de cincuenta equipos, repartidos entre as categorías Promesas e Elite.

O alumnado do IES Perdouro competiu cunha actuación moi meritoria, logrando catro dos sete premios posibles, entre eles o do equipo vencedor absoluto na categoría Elite.

Había tres tipos de probas, nas que levabamos varias semanas traballando e preparando. A primeira era un segueliñas, que consistía en que o robot debía seguir unha liña marcada no chan e sortear os obstáculos. A segunda proba era o varredor, que consistía en localizar e expulsar catro latas de refresco nun ring circular sen saírse del. E a última proba era a de sumo, que consistía en expulsar ao opoñente do ring e que o teu robot permanecera nel.

Despois de cinco horas de competición con pequenas pausas para comer e descansar, remataron as probas e os máis de 200 estudantes que competimos dirixímonos ao salón de actos do campus, onde nos recibiron varias autoridades e profesorado da Universidade da Coruña. Despois de varias intervencións nas que felicitaron a todo o alumnado participante e falaron da Olimpíada e da Escola de Enxeñaría, continuaron coa entrega de premios.

O equipo Burela-bot, de 4º de ESO, proclamouse vencedor absoluto da Olimpíada, obtendo o premio Todoterreo (premio ao equipo máis regular). Ademais, o equipo Torques-bot quedou primeiro nas probas de sumo (premio Titán de Ouro) e de segueliñas (premio Correcamiños de Ouro). Nesta última proba, o equipo Reliño-bot quedou en segundo lugar (premio Correcamiños de Prata).

Despois de recibir os premios e de facer unhas fotos de grupo, fomos comer ao centro comercial Odeón e logo regresamos a Burela.

Podedes ver máis imaxes AQUÍ.

Antía Rodríguez Mon - 4º de ESO B

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...