17.11.22

Doa o que non uses os xoves no recreo

Os xoves 17 e 24 de novembro e 1 de decembro o alumnado de 4º B2 recollerá aquilo que non uses e que queiras doar: libros, xoguetes, bixutería (pulseiras, pendentes...), roupa ou outros obxectos. 

Desde a materia de Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial, coa axuda da súa profesora Mª Inés Pérez González, do departamento de Economía, os rapaces están a organizar un mercadiño de Nadal.  

Os obxectos doados venderanse nos recreos xusto antes das vacacións de Nadal e o que se recade coas vendas doarase á Cruz Vermella. Polo tanto, trae algo que penses que alguén queira comprar. 

Doa e dálle unha segunda vida ao que non uses!

16.11.22

Pílula sobre educación emocional: 4

Hoxe imos traballar a primeira das competencias emocionais, a conciencia emocional, e dentro dela, o vocabulario emocional.

Colle un bolígrafo, unha folla de papel e un cronómetro (podes usar o do teu móbil).
Marca tres minutos no teu cronómetro e durante ese tempo escribe no papel o nome de todas as emocións que coñeces. Pasados os tres minutos, fai o seguinte:
a) conta o número total de emocións escritas
b) conta cantas son positivas (fanme sentir ben) e cantas son negativas (fanme sentir mal)
Unha vez feito isto responde ás seguintes preguntas:
Escribiches moitas emocións ou poucas?
Escribiches máis positivas ou negativas? Por que pensas que foi así?
Canto vocabulario emocional usas no teu día a día?
Lembra que saber poñer nome exacto ao que sentes axudarache a xestionar de forma máis adecuada as túas emocións, cantos máis nomes de emocións coñezas e uses, máis conciencia emocional terás.

14.11.22

Ruta "Coñece a túa vila" con podcast incluído

O pasado venres día 4, o alumnado de 1º da ESO do IES Perdouro fomos de andaina por Burela. Saímos do instituto ás 9:20, acompañados polos profesores Fernando, Begoña, Eva e Carmen, ademais da profesora xubilada de Xeografía e Historia Maribel Crecente, que fixo de guía durante o camiño.

Primeiro, organizámonos en grupos de 5, nos que tiña que haber rapaces e rapazas, para responder ás preguntas que Maribel nos ía facendo en cada parada. Por cada acerto recibiamos unha bóliña e, ao final, o equipo que tivese máis boliñas gañaba unha bolsa de bombóns. Comezamos o paseo pola zona vella de Burela, a Vila do Medio, onde Maribel nos falou das primeiras capturas que se fixeron en Burela: balea, sardiña e bonito, nesa orde; ademais de falarnos do río de Burela, o Rodil. 

Continuamos camiñando ata que paramos a falar das illas que se ven dende Burela, os Farallóns, que son tres: Pé, Sombriza e Baixa, e que pertencen a Cervo. Aprendemos que Burela realmente non ten faro, senón unha baliza. No mesmo sitio, Fernando falounos da menta, unha planta que normalmente usamos para calmar a dor da picadura dunha ortiga. 

Continuamos camiñando ata a igrexa de Vila do Medio, onde sacamos unha foto grupal e Maribel nos convidou a entrar para explicarnos moitas cousas sobre a súa construción. Resulta que é a igrexa máis antiga de Burela, famosa polas pinturas das paredes, feitas para que a xente, como non sabía ler nin escribir, coñecese a vida de Cristo. Maribel falounos das partes dunha igrexa (naves, presbiterio, altar, ambón, púlpito, sacristía, retábulo, coro...) e da peste negra, unha enfermidade transmitida polas pulgas das ratas que fai que se che corrompa a pel. Contounos que a igrexa de Santa María (a outra igrexa de Burela) ten pinturas con medallas e pelo real, que os cidadáns depositaron como ofrendas á virxe. Aprendemos que o que fai que unha igrexa se considere catedral non é o tamaño, senón que un bispo sexa “o xefe superior”; e que as igrexas están orientadas de leste a oeste. 

Logo de recuperar forzas comendo xunto á igrexa, seguimos andando rumbo á zona da praia da Marosa. Fixemos varias paradas para falar sobre especies exóticas invasoras, unha delas, a cortadeira. Chamoume moito a atención porque non sabía que as súas follas poden cortar e son perigosas. Cando por fin chegamos á Marosa, percorremos todo o paseo marítimo e falamos sobre a unlla de gato, unha planta que se estende moi rápido cubrindo amplas superficies e que ten unha flor moi grande que resulta atractiva para as abellas, as cales deixan de ir coller pole a outras especies autóctonas. 

Tamén paramos en cabo Burela para falar sobre o torque de Burela, un colar de 2 kg que levaban os máis importantes da vila. Aprendemos que hai dúas montañas, as Tetas da Vinculeira, e que na zona de Castrelo atoparon unhas termas de orixe romana coñecidas como hipocausto. Nunhas rochas situadas do cabo podemos observar unha pía cadrada, un burato que servía para facer o sacrificio de animais e que tiña un conduto polo que baixaba o sangue. 

Como se nos fixo tarde, tivemos que apurar na volta ao instituto e chegamos ás 13:50. Como recompensa polo noso esforzo, Maribel deunos unhas chocolatinas e a directora entregounos unhas entradas para ir ver ao Burela F.S. xogar ese sábado. 

FOI UNHA VISITA MOI INTERESANTE!!!! 

Podedes acceder ao álbum AQUÍ

E temos unha novidade: as impresións sobre a ruta nun podcast emitido no programa Proxecto Neo de Radio Burela do mércores 9 de novembro. 

Sofía Ben Martínez, 1º ESO B

10.11.22

Obradoiro de poesía con Carlos Negro

Esta semana temos programado un obradoiro de poesía con Carlos Negro. Terá lugar na biblioteca do centro o vindeiro mércores 16 de novembro. A actividade que vai destinada ao alumnado de 3º ESO estimulará a escritura creativa. O poeta falaralles dos roles, dos estereotipos de xénero, de igualdade e das "novas" masculinidades. 
 
Se queres coñecer parte da súa obra, podes atopar os seguintes exemplares na biblioteca.

Poesía:
- Makinaria (2009). Xerais.
- Penúltimas tendencias (2014). Xerais.
- Masculino singular (2016) Xerais.
- Aplicación instantánea (2018), Xerais.

Narrativa:
- Non cantan paxaros neste bosque
(2021). Xerais.

EXCURSIÓN A SAMOS E AO CEBREIRO

Saímos do instituto sobre as 8:25h cara á abadía de Samos (igrexa de San Xillao e Santa Basilisa), na provincia de Lugo, a unhas dúas horas de Burela. O primeiro que fixemos ao chegar foi ir tomar a merenda de media mañá e logo fomos ata o mosteiro. Alí recibiunos un monxe e empezounos a explicar un pouco toda a historia da abadía, pero moi brevemente xa que só durou corenta minutos.

Contounos que o mosteiro era beneditino e que os monxes viven dentro e saen moi pouco. O estilo da fachada é fundamentalmente barroco. Ten columnas pareadas e simétricas e un óculo xusto encima de San Bieito (figura situada enriba, no medio da fachada). O fundador foi San Martiño de Dumio.  

O irmán Lorenzo, que así se chamaba a persoa que nos fixo de guía, explicounos por que partes estaba formado o edificio. Falounos dos dous claustros de estilo neoclásico, un deles cun perímetro de máis de 200 metros, é dos máis grandes de España. Ese claustro ten a figura do padre Feixoo no seu centro e o outro, de menor tamaño, ten unha fonte chamada Fonte das Nereidas, esculpida por un monxe que viviu no mosteiro e de temática profana porque nesa época estaba de moda ese tipo de motivos nas esculturas. De feito, a fonte ten catro nereidas co peito descuberto, o cal resulta estraño nun mosteiro.

Noutra parte do edificio, vimos unha estancia reformada hai pouco, a botica, que se utilizaba para gardar as menciñas, como unha farmacia.

No primeiro andar do mosteiro había un montón de pinturas nas paredes, todas feitas nos anos sesenta menos unhas que son do cincuenta e dous. Todas representaban pasaxes da vida de San Bieito. Logo, entramos na sancristía, unha sala na que había unha mesa barroca. A parte de abaixo era de madeira e a de arriba de mármore e había unha figura de San Miguel enriba. Detrás hai un relicario con ósos, en horizontal (o fémur de San Bieito).

Ao saír da sancristía, dirixímonos á igrexa do mosteiro. Ten un retablo no que aparece San Xillao, centrado, e á esquerda a súa muller. En fronte, no fondo da igrexa, na parte de arriba, está o órgano, un dos máis importantes de Galicia.

Contounos tamén cousas sobre San Bieito, que vivía cun corvo que lle traía comida e que morreu no ano 547.

As profesoras que nos acompañaron nesta viaxe dixéronnos que o lema dos beneditinos era: “ora et labora”, e tamén que tiñan horarios fixos para orar como ás seis da mañá e ás doce do mediodía.

Cando acabamos no mosteiro fomos á capela do Ciprés. Alí puidemos ver un ciprés xusto ao lado dunha capela, que era o lugar onde estaban os monxes antes de se crear o mosteiro. Tanto o ciprés como a capela teñen ao redor de 1000 anos. A capela é de influencia mozárabe; así se chamaban os cristiáns que vivían en territorio musulmán. En canto ao ciprés, contáronnos que é unha das árbores máis notables de España.

Despois fomos comer, ata as 14:45 horas, a un restaurante que había alí cerca. Cando nos reunimos todos, fomos camiño do Cebreiro. Debeunos levar sobre unha hora.

O primeiro que fixemos no Cebreiro foi ir ao albergue no que nos contaron a historia de por que no Camiño de Santiago hai frechas amarelas. É porque un cura chamado Elías Valiña foi marcando todo o camiño francés. Tamén nos contaron por que os peregrinos levaban cabazas e cunchas no seu pau e é porque nas cabazas levaban a auga e as cunchas usábanse como recipientes para coller auga das fontes. 

Os albergues inicialmente eran hospitais para peregrinos. O párroco da igrexa de Santa María a Real do Cebreiro explicounos que hospital significaba lugar onde se practica a hospitalidade, porque alí cerca hai un sitio que recibe ese nome. 

A igrexa é prerrománica. Pódese comprobar polas súas figuras inexpresivas e tamén pola época, xa que foi fundada no século IX. Dentro hai un grial que se di que del bebeu Xesús na Última Cea, unha pía bautismal bastante grande xusto á esquerda segundo entras e, á dereita, uns andeis con biblias en diferentes idiomas, incluso en braille e en cherokee. A pía é así de grande porque se bautizaba por inmersión. Unha cousa que me chamou moita a atención é que o cáliz que aparece na bandeira de Galicia é o cáliz do Cebreiro.

Vimos que no Cebreiro a edificación tradicional era a palloza, unha vivenda que compartían persoas e animais. Son redondas e a súa cobertura é vexetal (palla) para que esvare a neve e para resgardarse do frío.

Cando rematamos a visita ao Cebreiro, percorremos un tramo do Camiño de Santiago, aproximadamente dun quilómetro. Chegamos á fronteira coa provincia de León e, polo tanto, coa comunidade autónoma de Castela-León. Ía moi bo día e a paisaxe era preciosa. Non atopamos moitos peregrinos porque cando vai tanta calor non é o mellor momento para andar longas distancias.

Despois, para terminar, fomos ata as Termas, que quedaba a unha hora máis ou menos de distancia. Estivemos alí unhos corenta minutos e ás 19:00h fómonos de volta ao instituto.

Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ.

Alba Fernández Quelle - 3º ESO A

9.11.22

Pílula sobre educación emocional: 3

As emocións básicas son emocións universais xa que están presentes dende o nacemento e existen en todas as culturas; son comúns ao conxunto da poboación.

As emocións básicas son:
a) a ledicia
b) a tristeza
c) o medo
d) o noxo
e) a ira

A maioría dos autores inclúe tamén a sorpresa.

Das seis emocións básicas catro son negativas (xeran malestar) e son o medo, o noxo, a tristeza e a ira; unha é positiva (xera benestar) e é a ledicia; e unha, a sorpresa, é ambivalente, e dicir, pode ser positiva ou negativa.

Todas as emocións son lexítimas e necesarias; así que, aquí che deixo unhas preguntas que che farán e axudarán a pensar.

Por que pensas que é útil a ledicia?

Por que pensas que é útil a tristeza?

Por que pensas que é útil a ira?

Por que pensas que é útil o noxo?

Por que pensas que é útil o medo?

8.11.22

Imos facer unha obra de arte colectiva e necesitamos tapóns de plástico

Precisamos tapóns de plástico de botellas ou outros recipientes para crear unha obra colaborativa. 

Colocaranse colectores na entrada do edificio 1 e 2. 

POR FAVOR, TRAEDE TODOS OS TAPÓNS QUE POIDADES. 

7.11.22

Comeza o mes da ciencia en galego

Novembro é o mes da ciencia en galego. 

Desde Igaciencia ofrécennos unha serie de videoconferencias: 

      • O verán do 2022, extremos climáticos sen control? "De como as ciencias básicas poden axudar a predicir o clima" Francisco Díaz-Fierros Viqueira, catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, da RAGC. Día 4 de novembro, ás 12 horas.
      • Mergullámonos no óceano do futuro? Emilio Fernández Suárez, catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo. Día 21 de novembro, ás 12 h.
      • A pegada do home e os seus efectos na xeomorfoloxía de Galicia. Dr. Fran Canosa, divulgador da Xeoloxía de Galicia. Día 25 de novembro, ás 12 h. 
      • Cambio climático e sistema alimentario. Por Dr. Luís Díaz Allegue, investigador. Día 28 de novembro, ás 12 horas.

A primeira é xustamente o venres 4 de novembro, Día da Ciencia en galego. 

Este é o ENLACE para conectarvos a un directo de YouTube no que poderedes acceder á videoconferencia "O verán de 2022, extremos climáticos sen control? De como as ciencias básicas poden axudar a predicir o clima". 

A partir das 12:00h o profesorado que estea interesado pode acceder á videoconferencia na súa aula. 

2.11.22

Pílula sobre educación emocional: 2


As competencias emocionais son un conxunto de coñecementos e actitudes necesarios para comprender, expresar e regular de forma axeitada as emocións que sentimos.

a) A conciencia emocional permite tomar conciencia das propias emocións.

b) A regulación emocional e a capacidade de manexar as emocións de forma axeitada e autoxerar emocións positivas.

c) A autonomía emocional refírese á autoxestión persoal.

d) As competencias sociais axudan a manter boas relacións con outras persoas.

e) As habilidades de vida e benestar axudan a afrontar os desafíos propios e situacións excepcionais.

Saímos na prensa pola intervención educativa Modelo Burela

Falan de nós na prensa porque nestes días tan sinalados para recordar os familiares falecidos, profesorado e alumnado do IES Perdouro participou nun acto que tivo lugar no cemiterio parroquial de Burela. 

Durante os 20 anos de existencia da intervención educativa Modelo Burela lévase estudando a normalización da lingua galega en distintos ámbitos, un deles o das lápidas funerarias. En 1997 colocouse a primeira inscrición funeraria en galego e desde aquela data xa son moitas as lápidas que se foron colocando nas rúas dos dous cemiterios. 

Modelo Burela quere poñer en valor o emprego do galego neste ámbito e destacar que cando algo se sente moi profundamente, cada un quere expresalo na lingua que ten no seu interior. 

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...