30.9.22

Volven as Aulas Limpas!



 
 En outubro comezamos de novo co concurso Aulas Limpas.

Cada grupo da ESO e de Bacharelato ten que encargarse de manter a súa aula limpa e ordenada. O profesorado titor nomeará encargados de vixiar os distintos aspectos que se revisarán na aula para conseguir o premio mensual e o grupo máis constante recibirá un premio especial a final de curso. 

Ao lado tedes a rúbrica. Fixádevos ben en todo o que se terá en conta para puntuar a limpeza e a orde na vosa aula

Sen previo aviso, profesorado, algún membro do equipo directivo e as limpadoras pasarán polas clases cada mes, normalmente despois de última hora, para comprobar que todo quede en orde. 

Ánimo e esperamos, cando menos, os mesmos resultados do curso pasado!!

26.9.22

Hora de ler 22-23


Iniciamos a Hora de ler na ESO a partir do luns 3 de outubro.

Preparade as vosas lecturas e non esquecede o libro.


Accede ao calendario aquí.

Accede ás normas aquí.

 

 

 

 

Mirade como de beneficioso é ler 20 minutos cada día:

18.9.22

Exposición sobre literatura infantil e xuvenil de Edicións do Castro

Desde o 16 ao 30 de setembro contamos no IES Perdouro cunha exposición na que se explica a aportación de Ediciós do Castro á historia da literatura galega infantil e xuvenil. 

Nos próximos días acompañaranos o fillo de Isaac Díaz Pardo, Camilo Díaz Arias, para falarnos desta exposición e da figura de seu pai, nesta ocasión, fundamentalmente no desenvolvemento editorial dentro da cultura galega. 

A exposición trata sobre a idea de crear unha editora dentro da empresa, o contexto cronolóxico no que medra esta proposta empresarial e cultural, os inicios da literatura infantil e xuvenil en galego, a importancia de Memorias dun neno labrego e doutras publicacións de Ediciós do Castro e a autoría das ilustracións e das obras que viron a luz con este selo editorial. 

A mostra está composta de 10 paneis que ata o día 30 de setembro podedes visitar na biblioteca co voso alumnado. 

Achégase o PDF da exposición por se queredes botarlle un vistazo para explicarlle algo ao alumnado de xeito previo á visita. 

16.9.22

Celebramos a Semana europea da mobilidade

Colaboramos co concello na Semana europea da mobilidade e o mércores 21 de setembro o alumnado de 1º ESO recibirá información sobre educación vial por parte dunha profesional da DXT. 

Ademais, se visitades un posto que estará situado en diferentes lugares de Burela baixo o lema "Eu na bici", as vosas profesoras de Educación Física valorarano positivamente. Iso si, tedes que visitar o posto polo menos catro veces e seguir estas pautas: 

1. Tedes que visitar o posto indo en bicicleta. 

2. Debedes achegarvos polo posto cando menos en catro días diferentes. 

3. Teñen que selarvos un documento de que estivestes alí que poña o voso nome e que estudades no IES Perdouro. 

4. Na última visita tedes que introducir o papel nunha urna. 

Ao mesmo tempo, participaredes nun sorteo organizado polo concello no que o premio é unha cea. As persoas que atenden o posto "Eu na bici" farannos chegar os documentos dos participantes do Perdouro para que as profes de Educación Física o teñan en conta. 

A participar!! Desde hoxe, venres 16, ata o xoves 22 de setembro. Aquí tedes o cartel para buscar o posto por Burela. 



15.9.22

Comeza a IIIª edición de "Generación ECO": empezan os retos!

Este curso continuaremos cos retos sostibles para reducir a pegada hídrica e de carbono. Recordade que o curso pasado alcanzamos o segundo posto a nivel nacional e recibimos unha importante dotación para ter o noso propio horto: mesas de cultivo, composteiro, regadeiras etc. 

Agardamos a mesma colaboración ca o curso pasado. Nesta ocasión, o primeiro reto centráse no vidro. Trátase de levar a cabo algunha actividade que investigue sobre: 

- como se xera o vidro, 

- que impacto ten no medio,

- e que múltiples usos pode ter este material dado o seu alto valor. 

Valorarase a creatividade, a orixinalidade, que dure no tempo, o número de alumnado involucarado e a transversalidade entre diferentes ámbitos. 

A partir do 30 de outubro hai que presentar as actividades. Charo, xefa do departamento de Bioloxía, coordinará unha vez máis os retos e debemos enviarlle a ela as nosas aportacións. 

Atención aos obxectivos. Comeza o reto 1!!




11.9.22

Visita á Pontenova de 3º ESO e FP Básica

A finais do curso pasado, o 13 de xuño de 2022, o alumnado de 3º ESO e FP Básica visitou A Pontenova. 

Fixeron unha ruta de senderismo, visitaron unha antiga mina e desfrutaron das actividades e xogos nos que participaron. Estiveron acompañados polos profesores Fernando Losada, Emérito Fernández e Toño Blanco. Este último brindounos un divertido vídeo da xornada. 

Podedes velo AQUÍ


5.7.22

Xornadas técnicas de soldadura robotizada no IES Perdouro

Durante o 5 e o 6 de xullo desenvólvense no taller de Mecanizado do IES Perdouro, as Xornadas Técnicas de soldadura robotizada con Road Show de Binzel. 

A petición da empresa Ángel Vizoso S.L., Binzel presenta no IES Perdouro un robot de soldadura con visión artificial capaz de detectar as pezas que ten que soldar, corrixir a traxectoria se hai algún erro, limpar o cabezal para que o cordón de soldadura quede uniforme etc. O operario non ten máis que introducir no programa unha serie de parámentros e o robot fai o resto. 

Á parte disto, conta con aspiración, o que protexe a saúde do soldador e das persoas que poidan estar ao seu redor, algo que será obrigatorio en breve en calquera posto de traballo no que se precise soldar. 

Contan tamén con robots imantados que permiten soldar amplas superficies en barcos ou instalacións nas que teñan que traballar en paredes verticais. 

As empresas ou persoas interesadas poden inscribirse no seguinte enlace da páxina https://angelvizoso.com/. 

O horario das xornadas é de 9:00 a 19:00h durante o martes 5 e o mércores 6 de xullo. 



Viaxe de fin de curso ao norte de Portugal - 1º Bach.

22 alumnos/as de 1º de Bacharelato do IES Perdouro de Burela realizaron unha viaxe lingüística e cultural de tres días polo norte de Portugal. 

Día 1, 27/06/2022: Valença, Braga, Dume

A expedición saía de Burela ás 8h15 do luns 27 de xuño dirección Portugal. Nada máis pasar por encima do río Miño, puidemos ver as murallas da fortaleza de Valença do Minho de arquitectura militar gótica e barroca, a fortaleza máis importante do país. Aí fixemos a primeira das paradas. Paseamos e gravamos un pequeno directo onde Noa e Lin fixeron de cronistas. A cidade vella ten forma de estrela, unha dobre muralla de 5 quilómetros que se conserva practicamente intacta, baluartes, torres e catro portas.

A segunda das paradas foi para xantar no restaurante Tourigalo nas aforas de Braga en compañía de coñecidos nosos que fixeron de anfitrións. Ao rematar, collemos rumbo ao monumento máis emblemático de Braga, patrimonio mundial da humanidade, ao Santuario de Bom Jesus do Monte. Aí esperaba por nós, João Manuel Tinoco Ribeiro da Silva, Presidente da Junta de Freguesia, que ía realizar a visita guiada. Primeiro subimos ao santuario por un funicular. O guía explicounos como foi fabricado a partir dun modelo de elevador dos montes suízos e foi inaugurado o 25 de marzo de 1882. O elevador que celebrou o seu 140 aniversario é actualmente o máis antigo no mundo en utilizar o sistema de contrapeso de auga. Unha vez arriba e percorridos os 300 metros de pendente en 3 minutos aproximadamente, admiramos as vistas sobre Braga, entramos na basílica, un dos mellores exemplos da arte neoclásica portuguesa, e coñecemos a historia do conxunto relixioso. Logo, paseamos para refrescarnos polo parque do Bom Jesus entre as árbores centenarias e navegamos polo lago nas barcas que había para alugar. Finalmente, baixamos polas escaleiras monumentais barrocas, que salvan un desnivel de 116 metros e onde se desenvolve a Vía Sacra do Bom Jesus. Pasamos polas fontes dos sentidos. Despedímonos cunha pequena entrevista ao noso anfitrión nesta visita. 

A seguinte parada marcada no noso programa foi Dumio onde fomos acollidos polo enxeñeiro José Manuel Almeida. Explicounos que na Hispania visigoda a diocese de Dumio foi sé episcopal da igrexa católica, sufragánea da arquidiocese de Braga que comprendía a antiga provincia romana de Gallaecia na diocese de Hispania. San Martinho de Dumio está considerado como o apóstolo dos suevos, responsable maior da súa conversión do arianismo ao catolicismo.

Para finalizar o día, hospedámonos na Pousada de Espinho e ceamos pola vila costeira dos pescadores.

Día 2, 28/06/2022: Rumbo Porto 

Coincidimos con Alberto Mancebo Soto, reporteiro da RTVG na Avenida dos Aliados. Paseamos polos principais monumentos da vila: A Estação São Bento especialmente célebre polos seus máis de 20.000 "azulejos", o Mercado do Bolhão, o Café Majestic, a Sé do S. XII e o seu pelourinho, a Ponte Luis I de 1886, a Ribeira e o rabelo, embarcación que transportaba os bocois de viño, os restos da muralla Fernandina, declarada Patrimonio da Humanidade. Tamén puidemos visitar a Casa da música cunha arquitectura que semella a dun meteorito caído no medio de Porto. Fomos atendidos por un guía moi disposto. A Casa da Música foi proxectada polo arquitecto holandés Rem Koolhaas, transformándose inmediatamente nunha icona da cidade.

Día 3, 29/06/2022: Espinho, Barcelos

Empezamos o día na praia dos pescadores de Espinho onde nos esperaban Anabela Riveiro, técnica de turismo do concello de Espinho, Abel Casal Riveira e unha alumna en práctica. A praia adquiriu este nome xustamente por situarse en fronte ao barrio de pescadores coa igrexa de San Pedro, patrón dos pescadores. Aí practícase unha arte de pesca tradicional, a Arte-Xávega e pódense ver as típicas embarcacións de pesca. Visitamos o museo municipal, antiga conserveira Brandão, Gomes & empresa da vila.

Xa pola tarde, Barcelos, orixe da lenda do galo de Barcelos, emblema do país. Fomos recibidos por unha guía na Torre porta nova ou Torre Barcelos do S. XV que é a única que sobrevive na cidade. Foi residencia do alcalde, utilizouse como prisión e museo arqueolóxico. Na actualidade alberga exposicións de artesanía. Subimos á azotea para contemplar as vistas, o xardín barroco do S. XVIII. Entramos na igrexa octogonal do Senhor Bom Jesus da Cruz (1710). Este curioso edificio barroco, de formas redondeadas, ten unha grande bóveda de granito de 10 metros de diámetro. No interior, podemos ver a talla do Señor da Cruz a tamaño natural, do S. XVI, e os paneis de azulejos do S. XVIII.

Accede aquí ao álbum de fotografías da expedición ao norte de Portugal.

Karina Parga Chao

30.6.22

Visita a Sargadelos

O venres 10 de xuño o alumnado de 4º da ESO e parte do alumnado de 1º de Bacharelato fixemos unha viaxe á antiga e á nova fábrica de Sargadelos. A nosa primeira parada foi no conxunto histórico-artístico de Sargadelos, onde se atopan os restos da antiga fábrica de Sargadelos, fundada por Antonio Raimundo Ibáñez. Ibáñez quería fundar unha fábrica siderúrxica, unha cerámica, unha téxtil e unha de vidro en Sargadelos, pero só levou a cabo as dúas primeiras. 

Logo, seguimos o curso do río ata parar na presa, que proporcionaba a suficiente enerxía hidráulica para facer que a fábrica funcionase. Logo de ir polo Paseo dos Namorados, fomos ata a Casa da Administración. Alí explicáronnos que diante desta encontrábanse uns talleres, que grazas á forza do río, podíase moldear de maneira sinxela o ferro. Na Casa da Administración era onde se encontraba a sede da fábrica. Esta fábrica tivo que cerrar en 1875 debido á incapacidade para adaptarse ós novos cambios tecnolóxicos. Uns anos más tarde, grazas ó río, tamén houbo alí unha fábrica hidroeléctrica, iniciada polo empresario burelense Cucurny. Dita fábrica administraba electricidade a todo Cervo.  

Tras a explicación, chegamos andando ata a fábrica de cerámica de Sargadelos. Alí, dividímonos en tres grupos para ver o museo e o proceso produtivo. No museo recibiunos unha guía que foi a encargada de explicarnos todo o que podiamos encontrar nas diferentes salas. Xusto ao entrar, explicáronnos un pouco a cronoloxía desta industria e puidemos apreciar diferentes tipos de cerámicas existentes na época e comparalas coa de Sargadelos. Despois dirixímonos á biblioteca, onde puidemos atopar un mapa xigante de Galicia trazado a man por Domingo Fontán ademais de diferentes libros dunha editorial propia. A visita continuou cunha explicación de todos os diferentes tipos de cerámica que se fixeron ao longo da historia en Sargadelos e finalmente puidemos entrar no que fora a habitación de Antonio Raimundo Ibáñez e observar os mobles conservados. 

Finalmente, e tras un breve descanso, fixemos unha visita guiada pola fábrica de cerámica de Sargadelos, onde puidemos ver e entender o proceso de fabricación destas pezas dende o comezo ata o resultado final. Explicáronnos algunhas das técnicas que empregan, así como as dificultades de incorporar a cor vermella á cerámica, necesitando una capa a maiores. Alí fabrican pezas de todos os tamaños e formas, cunhas cores e patróns que fan á cerámica de Sargadelos unha das máis singulares e recoñecidas a nivel mundial.

Irene Basanta, Noa Saa e Lin Vizoso - 1º Bacharelato

Pódese acceder ao álbum de imaxes AQUÍ

28.6.22

Celebramos o premio de Aulas Limpas nun parque de aventura

O luns 27 de xuño o alumnado de 2º ESO B puido desfrutar dun premio ben merecido despois de manter limpa e ordenada a súa aula durante todo o curso. 

Percorreron os circuítos do parque de aventuras localizado en San Roque, en Viveiro. Os máis rápidos e ousados foron quen de rematar os catro circuítos do parque cruzando complicadas pontes e deslizándose en divertidas tirolinas. 

Podedes ver as fotos AQUÍ

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...