30.6.23

O invernadoiro do IES Perdouro

Durante os dous últimos trimestres do curso 2022-23 construímos un invernadorio no IES Perdouro. Empregamos a biblioteca do centro como nexo de unión, coa participación da materia de Tecnoloxía co alumnado de 4º da ESO e as materias de Lingua Galega e Literatura (4º ESO), Inglés (4º ESO), 2ª Lingua estranxeira: Francés (3º ESO), Bioloxía e Xeoloxía (4º ESO – FPBásica), Matemáticas (2º e 4º ESO), TIC (4º ESO), EPeV (1º ESO), 1º CM de Mecanizado, CM de Peiteado e Cosmética Capilar, o departamento de orientación e o EDLG. Participaron tamén as familias do alumnado, sobre todo avós e avoas, que aportaron coñecemento e compartiron información de xeito interxeracional, engadindo unha importante dose de educación emocional. 

A finalidade do proxecto foi a elaboración dun invernadoiro para o centro. Realizouse dun modo DIY (Do It Yourself – Faino ti mesmo), para que o proceso fora exportable e cadaquén puidese construílo na súa casa. Instalóuselle tamén a infraestrutura necesaria (sensores de temperatura, humidade etc) para realizar unha plantación de vexetais totalmente ecolóxica, aprendendo sobre os mesmos no relativo á data de plantación, coidados, recolección, usos e incluso análise da súa forma. 

Para todo isto empregouse un sistema de traballo que combina a busca e tratamento da información, o método científico e a aprendizaxe baseada en proxectos, de xeito que o alumnado, ao ir superando os distintos obxectivos do currículo, observaba unha finalidade no seu proceso de ensino-aprendizaxe, traballando distintos temas transversais e adquirindo as correspondentes competencias curriculares. 

Este proxecto, que comezou coa idea de construír un invernadoiro, foise desenvolvendo de xeito que se acadaron moitos outros fins, por iso recibiu o nome de: Construímos unha estrutura xeodésica e plantamos un fractal? – Construímos un invernadoiro e plantamos unha coliflor?

Podes acceder a máis fotos do invernadoiro AQUÍ

24.6.23

IIª Feira Tecnocienciarte: un percorrido polos vosos traballos


O luns 19 e o martes 20 de xuño celebrouse a IIª feira Tecnocienciarte, onde tivo cabida a tecnoloxía, a ciencia, as artes e, por suposto, as linguas. 

O percorrido constaba de 17 postos nos que o alumnado mostraba os resultados do seu traballo durante o curso:  

  1. Bingo da francofonía: 1º Bacharelato
  2. Unha viaxe por Francia: 3º ESO
  3. Ciclo Medio de Instalación de telecomunicacións: froitas musicais, carreiras de leds, instalación eléctrica dunha vivenda etc.
  4. Ciclo Medio de Peiteados e Cosmética Capilar: peiteados pin-up, coloración capilar, creacións de uñas pin-up e peiteados masculinos dos anos 50.
  5. Barco solar e coche solar de Tecnoloxía e Enxeñería de 1º de Bacharelato e App's xeniais con App Inventor de Educación Dixital de 3º ESO.
  6. Rampa de bólas, xogo de operación, estruturas de papel e videoxogos de Scratch de Tecnoloxía de 1º ESO. 
  7. "Océano", escultura en suspensión de Tecnoloxía de 1º ESO. 
  8. Competición de cubos de Rubik
  9. Proxectos de Tecnoloxía de 2º ESO: estruturas con variñas de papel, ábacos etc. 
  10. Trituradora de tapóns e extrusadora de plástico do Ciclo Superior de Mecatrónica Industrial. 
  11. Maquetas sobre a Prehistoria de 1º ESO
  12. Audioguía multilingüe de Lisboa de Lingua castelá e Xeografía e Historia de 4º ESO B2
  13. Esculturas na contorna de Ed. Plástica de 4º ESO e instrumentos musicais elaborados con plásticos de Música de 3º ESO.
  14. Cristalización do bismuto de Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias Ambientais de 1º de Bacharelato.
  15. Mesas de cultivo, composteiros e aproveitamento das augas pluviais de Ciclo Básico de Fabricación e Montaxe. 
  16. Invernadoiro construído cunha estrutura geodésica e obradoiro de fractais de Tecnoloxía e Matemáticas de 4º ESO. 
  17. Recital en hologramas de Tecnoloxías da Información e a Comunciación e Literatura galega do século XX e XXI de 2º de Bacharelato.
A feira estivo moi concorrida xa que foi visitada por todo o alumnado, profesorado e persoal non docente do centro, polo alumando de 6º de Ed. Primaria do CEIP Virxe do Carme e polas familias. 

Podedes acceder ao álbum de imaxes AQUÍ

23.6.23

O mural "A mellor escola" do IES Perdouro: un polo creativo na natureza

Durante os últimos días do curso 2022-23 o alumnado de Ed. Plástica de 4º ESO, o seu profesor Jose Díaz Moscoso e o deseñador Pepe Blanco estivo elaborando un precioso mural, moi  representativo da escola que queremos facer e moi significativo para toda a comunidade do IES Perdouro. 

A mensaxe que trasmite esta gran traballo está reflectida neste vídeo. Esperamos que vos guste. 

Premio Aulas Limpas: Maio-xuño e Aula Magnífica

Rematamos o curso co premio de Aulas Limpas para os mellores grupos de maio-xuño e para o máis constante durante todo o curso. 

Parabéns para o alumnado de 4º ESO A e 4º ESO B2, que foron os mellores grupos no mes de maio e xuño.

E moitos parabéns para os máis constantes á hora de manter limpa e ordenada a súa aula: o grupo de 3º PDC, que foi o mellor, e 2º ESO A, que tamén destacou pola limpeza e soubo conservar a orde na clase. O premio para as aulas magníficas é unha viaxe a Cerceda o próximo luns 26 de xuño.

Agardamos continuar o próximo curso e que cada ano o fagades mellor!


21.6.23

Pílula sobre Educación Emocional nº 31

Hoxe remata un curso intenso e cheo de emocións tanto positivas como negativas; pero, recordade, todas elas necesarias e útiles. Dende o IES Perdouro e dende “os mércores de emocións” desexámosvos: 

  • Que sexades vós mesmos/as. 
  • Que fracasedes, aprendades e vos ergades de novo. 
  • Que elixades o voso camiño profesional e tamén o cambiedes cando queirades. 
  • Que vos defendades cando alguén vos ataque.
  • Que saibades buscar axuda se non sabedes defendervos sós. 
  • Que vos fagades respectar. 
  • Que elixades as vosas parellas. 
  • Que terminedes as relacións cando estas non funcionen. 
  • Que saibades que ninguén é mellor nin peor que vosoutros/as. 
  • Que tedes dereito a todo na vida, que non renunciedes a nada. 
  • Que sexades responsables dos vosos actos e decisións, pero sen culpas. 
  • Que aprendades a aceptar as cousas como veñen en lugar de resignarvos ou resistirvos. 
  • E por último…. que teñades un BO VERÁN!!!!!

Acto de presentación da revista escolar da A. C. Os Matos - Maruxía nº 29

A asociación cultural Os Matos do IES Perdouro presentou o nº 29 da publicación Maruxía en colaboración co Equipo de Dinamización e coa Biblioteca.

Hoxe, 21 de xuño, estamos de triple celebración: celebramos o día da música, a nosa festa anual das letras: a presentación da revista escolar Maruxía e o final de curso. Aroa e Noel, alumnos de 4º ESO TIC, conduciron o acto e encargáronse de explicar como tiveron que traballar en equipo para poder sacar adiante unha nova edición da revista. Nela recóllense unha mostra das actividades e traballos realizados polos reporteiros do Perdouro así como os premios do XVI Concurso de relato curto e poesía e do XIVConcurso de imaxe convocados anualmente pola Asociación Cultural "Os Matos".

Asistiron ao acto Mª José Pardiñas, directora do centro educativo; Karina Parga, Presidenta da A.C. Os Matos e Natalia Irimia, coordinadora do EDLG. 
 
Felicitamos ás gañadoras do concurso de portada de Maruxía: Shiva Eliska Alinda Nurhakim de 4º de ESO (portada) e Ana Lestao Ben de 3º ESO (contraportada)

Tamén fixemos entrega dos diplomas aos gañadores do concurso de cubos de Rubik realizado durante a segunda edición da feria TecnoCienciArte.

Accede á completa reportaxe fotográfica realizada por Lucía Rivas, a nosa fotógrafa oficial de Proxecto Neo, AQUÍ.

19.6.23

Acto de presentación Maruxía nº 29

Adiantámosvos o horario previsto para presentar a revista Maruxía nº 29.
Será o mércores 21/06 ás 12h20 na biblioteca e asistirán ao acto a Directora do centro, a Coordinadora de EDLG, e presidenta da Asociación Os Matos.

Por cuestión de aforo, a presentación está destinada ao alumnado de 4º de ESO.

Ademais farase entrega dos premios dos concursos literario e imaxe da A. C. Os Matos coa temática deste ano "Unha vida de emocións".

IIª edición de Tecnocienciarte

O luns 19 e o martes 20 de xuño celebramos a segunda edición de Tecnocienciarte, a feira de tecnoloxía, ciencia e artes, na que están incluídas por suposto as linguas, como vehículo de comunicación e como materia prima das artes. 

Durante estes dous días o alumnado do IES Perdouro, as familias e o alumnado do CEIP  Virxe do Carme poden visitar 17 postos nos que se mostrarán traballos, proxectos, experimentos... de Lingua francesa, Electrónica, Tecnoloxía, Mecatrónica, Xeografía e Historia, Lingua castelá, Plástica, Música, Bioloxía e Xeoloxía, Matemáticas, Tecnoloxías da Información e a Comunicación, Lingua galega etc. 

Fixádevos ben para saber cando vos toca visitala e tamén cando vos tedes que dirixir á biblioteca para asistir ao recital. 





Peiteadores en galego: análise capilar

Dentro dun proxecto de innovación en normalización lingüística, o departamento de Imaxe persoal elaborou uns vídeos co seu alumnado para explicar en galego, neste caso, as principais alteracións capilares. 



14.6.23

Peiteadores en galego: hixiene e acondicionamento capilar

O departamento de Imaxe Persoal, dentro dun proxecto de innovación e en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, elaborou vídeos nos que explica algún dos protocolos que se insiren no currículo do CM de Peiteado e Cosmética Capilar. 

Este é o vídeo que elaboraron para explicar en galego como se realiza un corte compacto:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...