3.7.26

Maruxía 32 está a piques de ver a luz

O alumnado de 4º da ESO da materia de TIC, capitaneado por Cristovo Balseiro, estivo traballando intensamente nestes últimos días para rematar a maquetación da revista. 
 
O resultado está xa preparado, aínda que a súa presentación e entrega terán lugar á volta das vacacións.
 
Mentres agardamos ese momento, queremos desvelar a portada desta edición, unha magnífica creación de Uxía Oroza Combarro, alumna de 4º da ESO. Parabéns, Uxía, polo teu excelente traballo! 
 
Moi pronto poderedes descubrir todo o contido de Maruxía 32.

Proxecto Neo.15 - Fin do curso 25-26

Un curso de radio cheo de voces, aprendizaxes e experiencias compartidas 

Ao longo do curso 2025-2026, o programa de radio escolar consolidouse como un espazo de aprendizaxe, divulgación e encontro no que alumnado e profesorado tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a realidade que nos rodea a través de entrevistas, reportaxes e seccións elaboradas integramente polo alumnado. 

Desde outubro ata xuño emitíronse un total de 34 programas, nos que participaron máis de 77 persoas convidadas procedentes de ámbitos moi diversos. A lingua e a literatura galegas estiveron moi presentes con programas dedicados ao Día Europeo das Linguas, ao Día da Tradución, ao Día das Escritoras, aos neofalantes, ás Letras Galegas, á toponimia ou ao patrimonio da Mariña. Polos nosos micrófonos pasaron escritoras, investigadores, profesionais da tradución, docentes, representantes da Real Academia Galega e persoas comprometidas coa promoción da nosa lingua e cultura. 

A ciencia tamén ocupou un lugar destacado. Coñecemos o traballo de neurocientíficas, estatísticas, biólogas, investigadoras e divulgadoras. Radio Saúde Burela foi outro dos grandes eixes da tempada. Dedicamos numerosos espazos a promover hábitos de vida saudables e a resolver dúbidas sobre temas como a hixiene postural, a saúde afectivo-sexual, o coidado da pel, a saúde visual, as vacinas, as alerxias, o autismo ou a síndrome de Tourette, contando coa colaboración de médicos, enfermeiras, farmacéuticos, psicólogos, ópticos e outros profesionais sanitarios. 

Ao longo do curso tamén viaxamos a través da historia, da música, do cine, do patrimonio e das tradicións. Achegámonos á historia de Sargadelos, descubrimos Mondoñedo e o patrimonio da Mariña, celebramos os Premios Mestre Mateo, o Día do Libro e o aniversario de CUAC FM, coñecemos diferentes oficios tradicionais e entrevistamos persoas vinculadas ao ámbito educativo, artístico e cultural. 

Como é habitual, cada programa completouse con seccións fixas elaboradas polo alumnado, como A noticia do día, Pílulas das Ciencias, A palabra do mes, O corpo fala, Mulleres na historia, Micro Aberto e outras colaboracións especiais que enriqueceron cada emisión e permitiron ao alumnado desenvolver competencias comunicativas, dixitais e de traballo en equipo. 

O curso rematou cunha programación centrada na oferta educativa do centro, na celebración do 40 aniversario do Hospital Público da Mariña, na Revista Galega de Educación e nun emotivo programa dedicado á xubilación de Neves, poñendo o broche final a unha tempada intensa e chea de aprendizaxes. 

Neste curso, o equipo da radio escolar seguiu medrando coa incorporación de novo alumnado e profesorado. Nas sesións da tarde sumáronse estudantes de 1º e 2º da ESO: Xabi, Eloi, Eric, Eneko, Gael, Nadia, Carla, Dylan e Hugo, que participaron activamente na elaboración dos programas. 

Pola súa banda, nas gravacións das mañás colaborou alumnado de PDC, Oratoria, Anatomía Aplicada e dos ciclos de Formación Profesional Básica, de grao medio e de grao superior da familia profesional de Administración, contribuíndo especialmente á preparación e realización das entrevistas. 

O equipo docente tamén se ampliou coa incorporación de María, Yoni e Dani, cuxa participación reforzou a organización e o desenvolvemento do proxecto radiofónico ao longo do curso. 

Grazas ao compromiso do alumnado, do profesorado responsable, de Lucía Rivas, a nosa fotógrafa, e de todas as persoas convidadas que aceptaron compartir o seu tempo e os seus coñecementos cos nosos micrófonos, Proxecto Neo continúa consolidándose como un proxecto educativo de referencia, aberto á comunidade e comprometido coa nosa lingua, a divulgación, a cultura e a educación.

Karina Parga Chao

 

Rematamos a 15ª edición de Proxecto Neo cun xantar de confraternidade entre os integrantes de Masa Coral Modelo Burela. 

Aquí están as fotos da entrega de diplomas aos colaboradores de Proxecto Neo 25-26. (faltan o alumnado de Anatomía e dos ciclos)

Premio Aulas limpas: visita ás illas Cíes para o grupo gañador


O martes 30 de xuño o grupo de 3º ESO A visitou as illas Cíes como premio por gañar o concurso Aulas limpas, que se desenvolve durante todo o curso. 

A súa iniciativa de propoñer esta viaxe a un espazo protexido, como é un Parque Nacional, pareceunos moi axeitada e iniciamos os preparativos para a visita. Para entrar nas illas cómpre ter unha autorización da Xunta de Galicia, a cal é nomitativa, polo que teñen que constar, a nivel individual, os datos de cada persoa que quere ir ás Cíes. Sen estes permisos nin sequera se poden comprar os billetes do barco que realiza o transporte de viaxeiros. 

Chegar ao porto de Vigo leva 3 horas desde Burela. Cando chegamos alí, o tempo era espléndido, aínda que na Mariña, e en gran parte do traxecto, estivo nubrado. 

O percorrido no barco dura uns 45 minutos e, malia que non o parecía, ía vento e o catamarán movíase bastante sobre as ondas, xusto antes de chegar á illa. Desembarcamos e comezamos a nosa ruta guiados por Daniel Irimia, profesor de Bioloxía e Xeoloxía. O camiño iníciase na illa Norte ou de Monteagudo, que é a onde chega o barco de pasaxeiros e de aí partimos, pasando polo espigón, a lagoa e a praia para dirixirnos ao faro, xa na illa do Medio ou do Faro. Chegamos ata o Faro da Porta, pero como a mediodía as temperaturas xa eran moi altas, decidimos volver cara á praia de Rodas, tamén debido a que a marea xa estaba subindo e despois podía ser difícil atravesar o espigón e bordear a lagoa. 

Daniel foinos explicando datos sobre a fauna e flora da illa. Desde o barco vimos golfiños e xa na illa observamos peixes besta ("ballesta"), badeixas, muxes...; distintos tipos de algas, plantas e aves. É incrible o atrevidas que son as gaivotas nas Cíes. Mentres estabamos na praia, foron capaces de abrir a cremalleira dalgunha mochila e sacar unha friameira con comida do seu interior. Ademais, atrevéronse con algunha prenda de roupa e algunha toalla. Está prohibido darlles de comer. Do contrario, collen aínda máis confianza e xa non as quitas de riba. Pero todo isto, ao final, fíxonos rir e foron anécdotas que levamos para contar. 

Chegou o momento da viaxe de volta, despois de coñecer un espazo protexido e dunha agradable tarde de praia. Embarcamos rumbo a Vigo, onde nos esperaba o noso querido condutor, José Luis, para coller o autobús. Aínda quedaban varias horas para chegar a Burela.

Desde a organización de Aulas limpas, estamos moi satisfeitos da constancia que demostrastes vós e todos os grupos que estiveron tamén a moi bo nivel para manter as aulas máis limpas e ordenadas. O instituto é, durante bastantes horas ao día, o lugar no que traballades e convivides e vós sodes quen o podedes facer un espazo agradable. A orde e a limpeza tamén axudan ao benestar. 

Moitos parabéns!

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.

Miruca Parga Valiña - Vicedirectora


13.6.26

Visita de AFAN ao CM de Peiteado e Cosmética Capilar

Grazas a AFAN (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Enfermidades Neurodexenerativas) pola vosa visita ao noso departamento de Imaxe persoal do IES Perdouro de Burela. Coma tódolos anos foi unha xornada chea de emocións sinceras, na que aprendemos que o coidado comeza sempre cun xesto pequeno: unha mirada atenta, unha palabra doce, unha caricia que respecta a dignidade. A vosa presenza converteu a aula nun espazo de encontro humano, onde o tempo se mide pola calidez do trato e non polo reloxo. 

Esta experiencia axuda a derrubar prexuízos e a desestigmatizar a enfermidade. Compartir xuntos peiteados, conversas e sorrisos fixo visible que, máis alá dos esquecementos, permanece a auténtica persoa, co seu mundo e a súa importante historia. Vémolo no brillo dos seus ollos, na confianza que nace cando hai agarimo e respecto. Aprendemos que a beleza tamén é acompañar, escoitar e dar seguridade. 

Para o noso alumnado, traballar neste contorno real convértese nunha lección inesquecible de educación e de vida. Practicaron técnicas, si, pero sobre todo practicaron valores: empatía, paciencia, responsabilidade, acompañamento, coidado e atención. Levamos connosco a certeza de que educar é, ao mesmo tempo, saber facer, ser e saber estar. Agardamos repetir moi pronto, seguirmos aprendendo xuntos e construír unha comunidade onde o cariño e a escoita sexa sempre o primeiro coidado que se lles ofrece ás persoas. 

É unha sorte contar con xente coma vós, persoas que decidiron unirse para crear algo tan importante: un lugar de apoio, comprensión e acompañamento para quen máis o necesita. Nun momento no que moitas persoas non poden pedir axuda por si mesmas, estades aí, ofrecendo o voso tempo para comprendelos aportando valores: cariño, paciencia e humanidade. 

O voso compromiso fai máis levadeiro un camiño moi difícil para moitas familias. Grazas por crear ese ambiente de proximidade e solidariedade, por non deixar a ninguén só e perdido no camiño da vida, facendo fronte ao “síndrome do coidador queimado”, dando espazo e pulmóns para un respiro familiar e por demostrar cada día que a empatía e os coidados poden cambiar e mellorar vidas, alongalas e dignificalas. 

Grazas de corazón por todo o ben que facedes. Queremos dedicar esta frase á vosa asociación, quen de conseguir transformar un sentimento colectivo nunha gran acción:

“Estou convencida de que os heroes máis grandes son aqueles que cumpren cos seus deberes diarios e os seus asuntos mentres o mundo xira ao seu redor. Creo que os sentimentos se perden nas palabras. Todos deberían ser transformados en accións, en accións que traian resultados”. — Florence Nightingale. (Nai da Enfermería) 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ

Javier Rouco Martínez - Xefe de departamento de Imaxe persoal

5.6.26

Resumo da V Feira TecnoCienciArte

Este curso a feira de tecnoloxía, ciencia e arte celebrouse o luns 1 de xuño e nela participaron 28 proxectos de diferentes departamentos. Nesta presentación expóñense a maior parte dos vosos traballos: 


4.6.26

Reflexión sobre os retos propostos en Sostenibilidade de 1º CS AF

O alumnado de 1º CS Administración e Finanzas estivemos traballando nun proxecto na materia de Sostenibilidade. Abarcamos dende o 2º trimestre ata agora, preto xa do final de curso. 

Organizados por grupos, debiamos darlle resposta a un reto. O mesmo podía ser escollido por nós, pasando diferentes fases: dende analizar a zona para avaliar cales son as necesidades principais do noso día a día, ata organizar chuvias de ideas para descubrir as solucións posíbeis. Todo isto é moito máis difícil do que parece. Escoller o reto xa non é tarefa fácil. Existen unha infinidade de temas que poderiamos abordar, mais foi iso mesmo o que nos levou a ter un total de tres retos completamente diferentes na nosa clase, para os que encontramos solucións creativas e viables. O proceso foi longo, pero divertido. Vivimos de preto o traballo en equipo, esencial dende o primeiro momento. Coñecer os compañeiros é importante para saber como funcionamos cada un no traballo. Saber adaptarse, ter empatía, escoitar ao do lado, saber comunicar a túa opinión... Todo iso foi o noso pan de cada luns pola tarde. O proxecto foi algo moi positivo. Posibilitou unha maneira de soltarnos, de coñecernos, de pensar con creatividade, de abrir a mente a novas ideas (incluso as que nos poderían parecer máis aloucadas). 

Persoalmente, a min encantoume o traballo. Ao principio estaba moi perdida. Moitas opcións, non sabes ben que escoller, non sabes como vas traballar co equipo... Mais todo despois flúe como debe. Segundo iamos tendo máis clara a idea, mellor o pasabamos investigando e propoñendo ideas. Riamos moito, dende o principio ata a fin. E considero que é unha das cousas máis relevantes para desfrutar o proceso: saber rir cos compañeiros, amenizar o ambiente. 

Levamos a cabo dende cuestionarios nos que participaron algúns dos nosos compañeiros dos ciclos administrativos básico e medio, ata un vídeo chamado “elevator pitch” co que non o puidemos pasar mellor. Foi toda unha aventura. O día que o gravamos non tivemos máis opción que quitar a vergoña. Falar á cámara non é doado, e moito menos con xente ao redor, xa que nós situámolo na estación de buses de Burela. 

O noso reto consistiu en darlle resposta a unha necesidade moi presente na comarca: a pouca flexibilidade de medios e horarios de transporte que existen na Mariña. Pasamos por moitas opcións, a cada cal máis divertida, como instalar “tuc-tucs” como medio de transporte habitual. Mais a mellor idea á que chegamos foi a creación dunha páxina web, onde os usuarios encontraran toda a información de forma rápida e sinxela sobre os horarios de bus e tren, anuncios de bla-bla car, información sobre puntos de aluguer de bicicletas, etc. 

O vídeo enfocámolo dende unha perspectiva dinámica e comercial. O proceso foi moi gracioso porque algunhas escenas foron difíciles de gravar (con numerosos ataques de risa), pero tamén vivimos a maxia do directo, podendo subirnos a un autobús grazas á amabilidade dun dos condutores que alí aparcaban. Sen dúbida, foi unha experiencia que nos uniu máis como grupo. 

Deste proxecto levo os recordos e as anécdotas. Ao final, non deixa de ser unha práctica para o noso futuro laboral. É esencial saber traballar en equipo, saber falar en público e defender a nosa idea, ademais de pensar con creatividade, sen medo a comunicar a nosa opinión. Pero tamén é importante respectar as ideas dos demais, escoitar ao próximo, decidir en consenso co grupo. Aprendes a adaptarte á situación, a ter actitude, a propoñer e levar a cabo ideas (a base de proba-error, vendo cales funcionan e cales non) e, sobre todo, a desfrutar o proceso de aprendizaxe, que é o motor principal dunha boa educación. 

Podedes ver algúns dos "elevator pitch" neste reel e tamén neste

Lucía López López - 1º CS AF

29.5.26

O IES Perdouro participa no programa Quérote +

Un ano máis, o Instituto de Ensino Secundario Perdouro de Burela participa no programa Quérote +. O profesor Daniel Irimia desenvolveu as oito fichas nos grupos 3º ESO A e B e a profesora Susi Balseiro fixo o propio en 3º ESO PDC. 

Quérote + é un programa que trata da sexualidade, a diversidade LGBTIQ+, benestar emocional, promoción do bo trato, prevención de ITS e embarazos non planificados. Inclúe un consultorio anónimo sobre dúbidas (respondido por expertos/as); aclaracións sobre as diferenzas entre sexo, sexualidade e erótica; identidade vs orientación; promoción de relacións afectivas sas; os perigos da tecnoloxía nas relacións; o consentimento e os anticonceptivos como método de previr embarazos non planificados (e algúns, tamén as ITS). 

Estes contidos, que están no currículo das materias de Bioloxía e Xeoloxía, e no Ámbito Científico-Tecnolóxico, son moi necesarios para a correcta formación da mocidade. 

Podes consultar algunhas fotos realizadas durante o programa Quérote + AQUÍ.

Fernando Losada Rodríguez - xefe do dpto. de Bioloxía e Xeoloxía

Presentación da Revista Galega de Educación con Proxecto Neo

Este luns 25 de maio tivo lugar no salón de plenos do Concello de Burela a presentación do n.º 93 da Revista Galega de Educación. Esta edición é un monográfico sobre a radio, un medio de comunicación moi efectivo como ferramenta educativa e cun gran potencial transformador no proceso de aprendizaxe.

Participaron no acto Rita Gradaílle Pernas, profesora titular de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, e Bernardo Penabade Rei, dinamizador sociocultural, defensor da inclusión e da multiculturalidade e profesor de lingua galega. Por parte do IES Perdouro, asistiron á presentación Miruca Parga, coordinadora da radio do centro; Karina Parga, directora técnica, e María García Jartín e Javier Mogo Torrado, profesores do departamento de Administrativo e colaboradores na produción e asesoramento do alumnado no estudio de radio. 

Foron os estudantes os que dinamizaron a presentación entrevistando a Rita Gradaílle e a Bernardo Penabade. Do Ciclo Superior de Administrativo participaron Adela Castiñeira, Lucía López e Carla L. Martins. De 4º ESO, os entrevistadores foron Sara Villarquide e Hugo Fernández. 

Rita Gradaílle destacou o papel da radio como recurso didáctico e puxo en valor as experiencias de diferentes centros educativos de Galicia, publicadas neste n.º 93 da revista. Salientou tamén o papel da lectura para conseguir fluidez á hora de expresarse oralmente, mais tamén á hora de redactar e de enriquecer o vocabulario. 

Bernardo Penabade afirmou que a radio non serve só para mellorar a competencia lingüística e comunicativa, senón tamén para acrecentar a responsabilidade e dotar de madurez ao alumnado. Tamén manifestou a dificultade de levar adiante proxectos deste tipo, que reciben moitos apoios mentres son teóricos, mais que se atopan con considerables atrancos cando se poñen en práctica. 

A conclusión de todos os docentes foi que a radio, como ferramenta didáctica, produce resultados moi satisfactorios e, en moitas ocasións, marca o futuro académico e profesional dos estudantes que participan nela. 

Asemade, o medio radiofónico debe estenderse fóra das paredes das aulas e manter a interacción necesaria coa sociedade. Neste sentido, Miruca Parga, presentadora do acto, subliñou a colaboración mutua entre o IES Perdouro e o concello de Burela, representado polo tenente da alcaldesa, Mario Pillado. 

Proxecto Neo, un programa con 15 anos de vida 

A Revista Galega de Educación editada polo Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega destacou a traxectoria de Proxecto Neo, o programa de radio escolar do IES Perdouro que naceu en 2012 co obxectivo de poñer en valor os neofalantes. 

Este proxecto comezou en Radio Burela, emisora municipal desaparecida hai tres anos. Actualmente, o estudio de gravación deste programa de periodicidade semanal está situado no IES Perdouro e o equipo de radio está formado por nove docentes do centro e máis de sesenta estudantes que participan de forma habitual, á parte doutros compañeiros que o fan de modo puntual. A responsable das reportaxes gráficas é a fotógrafa Lucía Rivas. 

Unha ducia de rapaces son os locutores máis asiduos que, de xeito voluntario, acoden os mércores de 17:00 a 18:00h para gravar os guións dos programas semanais e as entrevistas telefónicas presenciais e telefónicas. As seccións fixas do programa, con forma de podcast, soen elaborarse en horario de mañá.

Ademais disto, mensualmente emítese un espazo dedicado á saúde en colaboración coa Estratexia de Promoción da Saúde e de Prevención do concello.

Podes acceder a máis imaxes AQUÍ

25.5.26

Visita de Antón Mazaira

O día 21 de abril visitounos, na clase de Métodos Estatísticos e Numéricos de 2º BAC, Antón Mazaira, un antigo alumno do Centro.  

Antón estudou o Grao de Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela e opositou, logo de cursar un máster, para o Instituto Nacional de Estatística (INE), onde traballa en Madrid. 

Neste encontro falounos dos motivos que o levaron a realizar os estudos de Matemáticas e de como viviu o tempo que pasou na facultade. Tamén nos comentou o traballo que realiza no INE, así como diversos aspectos relacionados con este organismo. A través dunha charla agradable e amena, aprendimos moito e gozamos da experiencia de falar con Antón que, ademais, ten un perfil premiado de Tiktok e Instagram, que leva o nome de antontisimo, onde trata contidos de temática variada.

Presentación pública do novo Espazo de tecnoloxía aplicada do departamento de Imaxe persoal

No IES Perdouro de Burela estreamos unha nova aula de Estética de mans e pés, un espazo moderno e equipado coa última tecnoloxía. 

Este proxecto foi seleccionado na Resolución do 24 de xuño de 2025 da Dirección Xeral de Formación Profesional pola que se resolve a convocatoria do programa Espazos de tecnoloxía aplicada na Formación Profesional no ano 2025, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. 

No IES Perdouro seguimos innovando para preparar o futuro do noso alumnado.

Presentación do nº 93 da Revista Galega de Educación con Proxecto Neo

A Revista Galega de Educación continúa a súa xeira de presentacións arredor do número 93, dedicado á radio escolar, cunha programación que levará o proxecto a diferentes puntos do país nas vindeiras semanas. 

O luns 25 de maio, ás 17:00 h, o Salón de Plenos do Concello de Burela acollerá a presentación baixo o lema “A radio escolar”, coa participación de integrantes do Proxecto Neo, representantes do Consello Editorial e alumnado do IES Perdouro, que será tamén o encargado de moderar e dinamizar o acto.

17.5.26

Día das Letras galegas 2026: Begoña Caamaño

 Este ano a autora homenaxeada no Día das Letras é Begoña Caamaño, xornalista, escritora e activista comprometida co galego, co feminismo e con moitas causas que apoiou con firmeza e convicción. 

Deixounos programas de radio nos que fomentou o coñecemento e a defensa da cultura galega; legounos novelas como Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, nas que revisou personaxes femininos míticos e literarios dándolles unha proxección innovadora e, sobre todo, herdamos reflexións que continúan estando de actualidade. 

Esta exposición foi elaborada polo alumnado de 3º ESO PDC coa colaboración de César Veiga, coordinador do EDLG, que realizou unha escolma con reflexións extraídas de entrevistas que lle realizaron a Begoña Caamaño en distintos medios. Dar a coñecer o seu pensamento é a nosa pequena homenaxe. 


15.5.26

Intercambio de lingua galega: Burela - Vila de Cruces


INTERCAMBIO EN BURELA

O 5 de maio do 2026, os nosos compañeiros e compañeiras do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces chegaron ao noso instituo e foron recibidos na biblioteca. Logo diso, aí ás 11:30h, baixamos todos xuntos ata o porto de Burela, un lugar moi especial e importante da nosa vila. 

Dividímonos en varios grupos e visitamos algunhas zonas como a Moncloa, o barco-museo e contamos con algunha charla como a dunha redeira que nos explicou en que consiste o seu traballo. Tamén escoitamos a algúns mariñeiros xa retirados. 

Antes de finalizar a visita comemos todos xuntos na praza, xogamos, socializamos e levamos moi bos recordos. 

Alba Doñate Trigo – 2º ESO D

 INTERCAMBIO EN GRES - VILA DE CRUCES

Nós, o alumnado de 2º da ESO, tivemos unha excursión a unha preciosa aldea chea de cultura e historia chamada Gres, en Vila de Cruces. Os alumnos do instituto da vila mencionada antes e nós fixemos un intercambio. O martes 5 de maio viñeron os alumnos de Vila de Cruces a ver e aprender sobre Burela e o luns 11, fomos nós. 

14.5.26

Graduación de 2º de Bacharelato 2026


O noso alumnado de 2º de Bacharelato remata a súa etapa de Educación Secundaria. Para moitos deles foron seis anos nas aulas do IES Perdouro nos que compartiron estudos, charlas, obradoiros, viaxes...

Onte celebraron a súa graduación nunha cea agradable na que coidaron os preparativos. Todos tiñamos un sobre con propostas para facer retos e xogar en grupo. Escoitamos discursos sinceros e emotivos que nos chegaron ao corazón. Ademais disto, repartiron diplomas personalizados a todo o profesorado usando a ironía. Aos profes fíxolles moita ilusión. 

Despois da cea, celebramos a graduación con música e baile e hoxe pola mañá estaban puntualmente a primeira hora para dar recibimento aos compañeiros e docentes que intentaban esquivar as súas bromas como podían. 

Aínda nos imos ver nestes días, ata que chegue a PAU, pero que saibades que estas portas sempre seguirán abertas para vós, para que veñades contarnos como vos vai, porque nos gustará saber que ides cumprindo os vosos soños. 

Moitos parabéns por rematar esta etapa e moita sorte para o futuro!

AQUÍ tedes algunhas imaxes da xornada de onte. 

11.5.26

Encontro literario con Aitana Castaño

O venres 8 de maio o alumnado de 1º Bacharelato tivo a sorte de poder asistir a un encontro literario con Aitana Castaño, unha famosa escritora licenciada en xornalismo orixinaria da cunca mineira de Asturias, cuxa traxectoria profesional é apaixonante. Escribiu varios libros que acadaron gran recoñecemento, ademais de colaborar en xornais como La Nueva España ou La Voz de Asturias

Tras ler a súa última obra Las Madrinas, foi un pracer poder coñecer de onde sacou a inspiración e o sentido da súa elección de temática e personaxes. 

A autora narra como, desde hai anos, a cunca mineira se caracteriza polo traballo na explotación de minerais, especialmente o seu lugar natal, Langreo, que conta cuns 200 habitantes. A maioría dos homes, mesmo seu pai e os pais das súas amizades, eran empregados das minas. Era o destino de todos os estudantes tras rematar a ensinanza obrigatoria. Porén, cando ela estaba cursando o que hoxe é Bacharelato, as minas comezaron a pechar, polo que deixou de ser o traballo que moitos esperaban. Iso significou unha traxedia para os residentes da comarca. “Ellos yeren la primera xeneración con un futuru diferente”, asegura con certa morriña a autora. Agora é posíbel a visita destes pozos públicos, podendo baixar centos de metros ao interior nunha gaiola e percorrer algunha galería dentro da terra.

7.5.26

V Olimpíada de Robótica da EPEF

O pasado venres 17 de abril, os alumnos de 3º e 4º da ESO do IES Perdouro fomos á V Olimpíada de Robótica en Ferrol, unha competición organizada pola Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol (EPEF) xunto ao Campus Industrial da UDC, destinada a estudantes de ESO de toda Galicia. 

O obxectivo deste certame é fomentar vocacións científicas e tecnolóxicas, desenvolvendo o pensamento lóxico, a creatividade e a resolución de problemas mediante a robótica educativa. Cando chegamos ao polideportivo onde se ía celebrar a olimpíada déronnos unha tarxeta de acreditación aos líderes de cada grupo, xunto cun horario onde poñía a que hora ía ser cada reto e contra quen competiamos. Estivemos uns minutos probando e dándolle os últimos retoques a cada programa antes do comezo das probas para que saísen o mellor posible. 

O primeiro reto que realizamos foi a proba do "Varredor", a cal consistía en expulsar catro latas colocadas nunha plataforma circular elevada. Esta primeira proba non nos saíu moi ben en xeral, xa que foi a que menos tempo tivemos para practicar. 

A seguinte proba foi o "Segue-liñas", que consistía en que o robot seguise unha liña e esquivase unhas latas colocadas no medio do circuíto. Neste reto, a maioría dos grupos conseguimos bos resultados, aínda que non o suficientemente bos coma para conseguir un premio. 

Por último, realizamos unha quenda de roldas eliminatorias do reto do "Sumo", no cal tiñamos que expulsar o robot inimigo dun ring, conseguindo chegar un dos equipos a cuartos de final. 

Ao finalizar a competición, fomos ao auditorio da Escola Politécnica de Ferrol, onde nos deron a todos os participantes unha medalla e logo realizaron a entrega de premios por categorías. Recibíronnos o director do centro, Vicente Díaz Casás e Esteben Jove Pérez, quen conduciu o acto. 

Ao rematar a cerimonia, subimos ao bus camiño ao centro comercial Odeón para comer e ter tempo de lecer, aínda que algunhas tendas estaban pechadas por folga. Sobre as 16:30 h partimos de novo cara a Burela, a onde chegamos ás 18:30 h, facendo o traxecto pola estrada da costa. 

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ.

Iria Cortegaza, Diana Balsa e Sofía Ben - 4º ESO A e B

14.4.26

OLIMPÍADAS DE XEOLOXÍA 2025 E 2026

O martes 2 de setembro de 2025 recibimos ao noso recente campión olímpico, Hugo Gorgojo Basanta, que gañou 3 medallas na Fase Mundial da Olimpíada de Xeoloxía (IESO): prata en "International Field Team Investigation" e bronce en "Earth Science Project Category" e en "Individual Test Category". Hugo chegou á Fase Mundial despois de ser o 4º na Fase Nacional en Tremp (Lleida) e de sacar a mellor nota na sede de San Sadurniño (A Coruña), onde tamén formou parte dos premiados como o Mellor Grupo (xunto con David Baltar, Pablo Casas e Adrián Díaz). Nesa competición, o compañeiro Hugo Lorenzo gañou o Accésit de 4º ESO. 

O mércores 4 de febreiro de 2026, catro alumnos de 4º ESO e catro de 1º de Bacharelato participaron na primeira fase da XVII Olimpíada de Xeoloxía, que foi no noso centro debido a unha folga de autobuses que impediu viaxar a algúns participantes ao destino onde se ía celebrar. Comezaron ás 11:00 h., tendo uns minutos antes para repasar, poder comer algo e coñecer á supervisora, Laura Fernández López, grazas á cal puideron celebrar a olimpíada no IES Perdouro. 

A primeira proba foi a grupal, a xincana. Nela entregáronlles distintas preguntas con fotografías relacionadas para contestar entre todos os compoñentes dos dous grupos; tras moito debater as respostas, esgotaron o tempo e comezaron o seu descanso previo ao test individual. Neste test había moita variedade de preguntas, dende cortes xeolóxicos e sismoloxía, ata visu de rochas ou formacións xeolóxicas. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ e tamén AQUÍ.

Laura Eijo Docampo - 1º Bacharelato A.

1.4.26

Vídeo resumo da III Semana do Benestar emocional e da convivencia

 O 16, 17 e 18 de marzo celebramos a III Semana do Benestar emocional e da convivencia. 

Todas as actividades intentaron proporcionarvos momentos agradables cos compañeiros e docentes do centro. Estas actuacións pretenden contribuír a mellorar o voso benestar dentro e fóra do IES Perdouro. Convivir co resto de estudantes e docentes fóra da aula habitual aporta un coñecemento diferente das persoas que enriquece a convivencia e fortalece os lazos de amizade. 

Neste vídeo preséntanse algúns dos momentos vividos estes días: 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.

25.3.26

Limpeza de praias da Xeración Peixe coa Fundación Expomar e Gaia


O mércores 18 de marzo o alumnado de 2º de ESO participou nunha actividade que se enmarcou dentro da Semana do Benestar Emocional e a Convivencia e tamén dentro de Xeración Peixe, unha actuación da Fundación Expomar. 

En colaboración co Centro de Educación Medioambiental Gaia do concello de Burela, a Fundación Expomar organizou a recollida de lixo da praia do Perdouro e informou ao alumnado dos efectos que os residuos teñen sobre a auga do mar, sobre os areais e sobre a flora e a fauna mariña. 

Esta actuación pretende achegar o medio mariño a nenos e adolescentes, promover o seu coidado e fomentar o consumo de peixe entre os máis novos. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.

23.3.26

Teatro grecolatino en Lugo

O alumnado de 1º de Bacharelato de Ciencias Sociais e 4º da ESO de Latín tivemos a oportunidade de asistir a unha actividade extraescolar en Lugo o martes 3 de marzo. 

A nosa primeira parada xa en Lugo foi o Museo Porta Miñá, onde puidemos coñecer mellor a historia da cidade e o seu pasado romano. A visita foi moi interesante xa que tivemos a oportunidade de que a guía do museo nolo explicase todo e nos ensinase os restos da gran cloaca feita polos romanos que atravesa a cidade. 

Despois, entrando pola porta situada fronte á catedral, demos un paseo pola Muralla Romana de Lugo, onde aproveitamos para sacarnos fotos todos xuntos e para desfrutar do bo día que tiñamos. Cando baixamos da Muralla, demos unha volta polo centro de Lugo: vimos as estatuas dos escritores Ánxel Fole e Castelao (esta última está situada enfronte do hotel onde se celebrou a 1ª Asemblea Nacionalista en 1918) e a Casa dos Mosaicos. A media mañá fixemos unha pequena pausa para comer e descansar antes de continuar coa xornada e asistir á primeira representación das Xornadas de Teatro Grecolatino. 

Collimos o autobús para ir á primeira obra, unha traxedia titulada Medea cuxo autor é Eurípides. 

Ao rematar, dirixímonos ao centro comercial As Termas, onde tivemos tempo libre para comer con tranquilidade e facer algunhas compras. 

Ás 16:15 h. volvemos subir ao autobús para asistir á segunda obra; nesta ocasión tratábase dunha comedia titulada Cásina de Plauto: rimos moito e tamén nos entretemos. Ao finalizar a función, subimos ao autobús e puxemos rumbo a Burela. 

Foi un día diferente e moi divertido. Ademais de aprender cousas novas, pasámolo moi ben todos xuntos e desfrutamos moito da experiencia. 

Claudia Romo Leivas - 1º Bacharelato B

XVII Olimpíada de Xeoloxía

O mércores 4 de febreiro, catro alumnos de 4ºESO e catro de 1º de Bacharelato participamos na primeira fase da XVII Olimpíada de Xeoloxía, na cal concursamos dende o noso Centro debido a unha folga de autobuses que lles impediu viaxar a algúns participantes ao destino onde se ía celebrar. 

Comezamos ás 11:00 h., tendo uns minutos antes para repasar, poder comer algo e coñecer a nosa supervisora, Laura Fernández López, grazas á cal puidemos celebrar a Olimpíada no IES Perdouro. 

A primeira proba foi a grupal, a Xincana. Nela entregáronnos distintas preguntas con fotografías relacionadas para contestar entre todos os compoñentes dos dous grupos; tras moito debater as respostas, esgotamos o tempo e comezamos o noso descanso previo ao test individual. Neste test había moita variedade de preguntas, dende cortes xeolóxicos e sismoloxía, ata VISU de rochas ou formacións xeolóxicas. 

Pasámolo moi ben realizando todas as probas e aprendemos algúns conceptos novos moi interesantes; porén, o máis triste foi non poder facer o roteiro guiado con Fran Canosa, un recoñecido xeólogo do que xa desfrutamos en anteriores ocasións e co que aprendemos moito dunha maneira distinta ao realizarse fóra da aula. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.

Laura Eijo Docampo - 1º Bacharelato A

21.3.26

Menores conectados: obradoiro informativo da APA do IES Perdouro

O luns 23 de marzo ás 18:00h esperámosvos na biblioteca do IES Perdouro. 

Convidámosvos a un obradoiro formativo dirixido ás familias co fin de proporcionarlles ferramentas e coñecementos que lles permitan acompañar e orientar aos seus fillos no uso seguro, responsable e proveitoso das tecnoloxías no ámbito familiar e lúdico.

13.3.26

III Semana do Benestar Emocional e a Convivencia

Dende o curso 2023/2024 no IES Perdouro celebramos a Semana de Benestar Emocional e a Convivencia. Esta semana naceu como un espazo temporal para que o alumnado do centro puidese descubrir ferramentas que lles axuden a xestionar emocións e que lles permitan desfrutar de momentos de benestar emocional lonxe dos teléfonos e potenciando as relacions sociais reais. 

Este ano chegamos á terceira edición e queremos que toda a comunidade educativa coñeza a existencia desta Semana da que o centro está moi orgulloso. 

En edicións pasadas puidemos gozar de obradoiros de ioga, baile, malabares, teatro, imaxe persoal, charlas de resiliencia e moitas actividades máis. Esta terceira edición será un pouco máis reducida (16, 17 e 18 de marzo) porque este ano os recursos económicos son inferiores e o tempo tamén se nos fai máis limitado no medio da voráxine do curso, pero iso non significa que vaia ser "peor" ou que o alumnado que asista non poida descubrir e desfrutar como nas edicións anteriores. 

Desexamos que estes días vos proporcionen momentos de convivencia e lembranzas agradables no paso de todos vós polo IES Perdouro.

11.3.26

Visita a Lugo: teatro, Domus do Mitreo e arte urbana

O pasado martes 10 de febreiro de 2026, o alumnado de 3º da ESO realizou unha saída cultural a Lugo, promovida polos departamentos de Lingua Castelá e Literatura e de Xeografía e Historia, na que se realizaron diversas actividades. 

Ao chegarmos, ás 10:00h, asistimos no Auditorio Municipal Gustavo Freire á unha adaptación teatral do Lazarillo de Tormes, que se iniciou sobre 10:30h e rematou ás 12:00h, cunha duración de hora e media. Esta obra representa a historia contada na novela dende unha perspectiva actual, introducindo, ao principio, noticias da actualidade en conexión co traballo Lázaro como pregoeiro do viño do último dos seus amos. A representación é bastante abstracta, xa que, sen necesidade de usar obxectos, os actores conseguiron que o público comprendera perfectamente o que estaban a interpretar. 

Ao acabarmos, dirixímonos ao centro de Lugo e separámonos en dous grupos. Os alumnos de 3ºA acudiron á Domus do Mitreo, para participar nunha actividade na que realizaron unha escavación en grupo, onde cada estudante desenvolveu un rol: escavadores, axudantes, debuxantes, directores de escavación e persoal de laboratorio. Mentres, o alumnado de 3ºB, fixo unha visita guiada, na que Guido Guía lles ensinou os lugares emblemáticos da cidade de Lugo, ademais de murais artísticos que se realizaron recentemente na cidade. Cando os grupos remataron as súas respectivas actividades, intercambiáronse. Estas actividades concluíron as 14:00h. 

Posteriormente, foron xantar ao centro comercial As Termas e remataron ás 16.00h, hora na que saíron de Lugo en dirección a Burela. 

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.

Daniela Trebolle Basanta e Mateo Corral Caamaño - 3º de ESO A

6.3.26

Revista do 8M: Perdouro on top

Para conmemorar o 8M, Día da Muller, o alumnado de Proxecto Competencial de 4º ESO B e PDC elaborou unha xeitosa revistiña con datos de utilidade sobre esta data. 

Podedes botarlle unha ollada: 


2.3.26

Unha xornada de aprendizaxe e emoción compartida no Ciclo Medio de Peiteado e Cosmética Capilar

O pasado martes día 24 de febreiro de 2026 tivemos o privilexio de recibir no noso centro a visita dun grupo de usuarios da residencia de maiores da nosa contorna, DOMUSVI de Viveiro, que se achegaron ás instalacións do Ciclo Medio de Peiteado e Cosmética Capilar do IES Perdouro para participar nunha xornada moi especial. 

Durante a mañá, o alumnado puxo en práctica as súas competencias profesionais realizando diferentes servizos de imaxe persoal: peiteados adaptados aos gustos e estilos de cada visitante, estética de mans e pés, corte de cabelo, así como arranxo de barba e bigote e afeitado clásico. Cada intervención foi planificada e executada co máximo coidado, aplicando os protocolos de hixiene, seguridade e atención personalizada que forman parte esencial da súa formación. 

Máis alá do traballo técnico, a aula converteuse nun espazo de encontro interxeracional cheo de conversas, sorrisos e complicidade. O ambiente foi cálido e distendido, no que o respecto, a escoita activa e a empatía estiveron presentes en cada momento. O alumnado non só perfeccionou destrezas profesionais, senón que tamén desenvolveu habilidades sociais fundamentais no ámbito da imaxe persoal: a atención ao cliente, a sensibilidade ante as necesidades individuais e o valor do trato humano. As persoas visitantes amosaron a súa satisfacción cos resultados e agradeceron a dedicación recibida, mentres que nós quedamos fondamente agradecidos pola súa confianza, pola súa actitude próxima e polo exemplo de vitalidade que compartiron connosco. 

Este tipo de iniciativas reforzan o noso compromiso cunha formación integral, na que a calidade técnica vai da man dos valores humanos. Sen dúbida, foi unha experiencia enriquecedora que deixou pegada tanto no alumnado como no profesorado e que agardamos poder repetir moi pronto. 

Grazas amigos e amigas pola visita e por converter unha xornada lectiva nun recordo tan especial. 

Agardamos vernos de novo en breve. 

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ.

Javier Rouco Martínez - Xefe de departamento de Imaxe persoal

27.2.26

Traballos realizados para o proxecto de innovación: útiles para a mellora de actividades cotiás de persoas con NNEE

Estes son algúns dos traballos realizados polo noso alumnado do Ciclo de Especialización en Fabricación aditiva. Trátase de útiles para que as persoas con necesidades especiais poidan mellorar a realización de actividades cotiás. 

Grazas á Fundación Pere Mitjans de Barcelona, á Fundación Síndrome de Down e á ONCE, puidéronse identificar as súas necesidades e a partir de aí, deseñar e fabricar os útiles. 

Son moitos os obxectivos que se conseguiron con este proxecto: a transferencia de coñecementos entre empresa e centros de formación, o desenvolvemento de competencias profesionais vencelladas á dixitalización, o deseño e testeo de retos e o desenvolvemento dun ecosistema de innovación estable que permitiu levar a cabo un gran labor social. 

Parabéns para o alumnado e profesorado do noso CE en Fabricación aditiva!

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ



15.2.26

Festival de Entroido 2026

Aquí tedes as fotos do festival de Entroido que celebramos o venres 13 de febreiro. 

A organización do festival foi un gran traballo de equipo, xa que este ano, debido á chuvia, tivemos que ir ao pavillón. Cada grupo puxo da súa parte: o Ciclo Básico de Fabricación e Montaxe, o CM de Instalacións de Telecomunicacións e o de Mecanizado, o CE en Fabricación Aditiva... Todos axudaron na montaxe, na xestión do son, na elaboración dos trofeos etc. 

Grazas aos titores polo traballo cos seus grupos e ao todo o profesorado que colaborou para que o festival sairá adiante, grazas ao noso flamante xurado: Javier Rouco, Belen García e Ana Patricia Anaya, grazas a Neves por facer de cámara para que poidamos desfrutar destes vídeos e a Daniel Irimia, que tomou fotografías. 

Parabéns a todos os grupos pola vosa dedicación! Conseguistes que o festival de Entroido fora un éxito!

Grazas polo voso humor e creatividade!

Podedes ver as imaxes AQUÍ e estes foron os grupos e participantes individuais que conseguiron premio: 

14.2.26

Vídeos Entroido 2026

 O venres 13 de febreiro celebramos o Entroido. 

Aquí tedes os vídeos das entretidas actuacións que preparastes. 

Parabéns a todos os grupos pola vosa dedicación! Conseguistes que o festival de Entroido fora un éxito!

Grazas polo voso humor e creatividade!

E grazas tamén a Neves por facer de cámara para que todos poidamos desfrutar destes vídeos.

9.2.26

Día dos afectos igualitarios

AVISO ESPECIAL: Ábrese o servizo postal para enviar cartas de agarimo a quen queiras, compañeirxs, noivxs, profesores, persoal non docente. 

O servizo de mensaxería estará operativo ata o venres 13 de febreiro, 11h.

Adícalle á persoa que aprecias uns dos teus mellores versos. Deixa a túa carta na caixa instalada no hall de entrada. Non esquezas indicar o nome completo do/a destinatario/a e o seu curso e envíao nun sobre aberto.

Poderanse dirixir as cartas a calquera membro da comunidade educativa, sempre e cando estean escritas dende o respecto.

Tes ata o día 13 para mandar versos afectuosos a quen queiras.


 

Entrega de premios Torneos San Xoán Bosco 2026

Xa coñecemos os campións e subcampións dos Torneos San Xoán Bosco!

Durante os recreos, a biblioteca e o pavillón convertéronse en espazos de competición, convivencia e xogo grazas á implicación do equipo de biblioteca e á supervisión de Rodrigo Pinto Casas. Estes son os resultados:

♟ Damas

  • 🥇 Campión: Eder Casas Rodríguez – 4º ESO A
  • 🥈 Subcampioa: Yasmine Oubella – 1º ESO A

♞ Xadrez

  • 🥇 Campión: David Baltar Pernas – 2º Bacharelato A
  • 🥈 Subcampión: Subaru Kato García – 2º FPB FM

🧩 Crebacabezas

  • 🥇 Campións: Sofía Ben Martínez e Eder Casas Rodríguez – 4º ESO A
  • 🥈 Subcampións: Breogán Fernández Bouza e Víctor López Pérez – 4º ESO B/A

⚽ Fútbol

  • 🥇 Campión: 2º ESO B
  • 🥈 Subcampión: 4º ESO A

🏀 Baloncesto

  • 🥇 Campión: 4º ESO B
  • 🥈 Subcampión: 3º ESO B

👏 Moitos parabéns aos gañadores e gañadoras, e tamén a todas as persoas participantes por facer do deporte e do xogo unha parte esencial dos nosos recreos activos.

🏆 Queremos destacar tamén o excelente traballo do Departamento de Fabricación Aditiva, responsable do deseño e impresión dos magníficos trofeos.

📸 Podes acceder ao álbum de fotos AQUÍ.

4.2.26

Finais do Torneo San Xoán Bosco de fútbol sala e baloncesto.

O luns 9 de febreiro terán lugar pola tarde as finais do Torneo San Xoán Bosco de fútbol sala e baloncesto.

 Celebraranse no pavillón de 16:00h a 17:40h. 

Competirán 2º ESO B e 4º ESO A en fútbol sala e 3º ESO B e 4º ESO B en baloncesto. 

Poderán asistir ao partido o luns pola tarde estes grupos ao completo. 

Que gañen os mellores! 🏆

30.1.26

Visita a Inditex

O día 28 de xaneiro, o alumnado de primeiro e segundo curso do ciclo superior de Administración e Finanzas realizamos unha visita a Arteixo, concretamente ás oficinas centrais dunha importante empresa situada nesta localidade: Inditex. Dende o primeiro momento, a experiencia resultou moi interesante e enriquecedora, xa que nos permitiu coñecer de primeira man o funcionamento interno dunha gran compañía. 

Nada máis chegar, impresionounos de maneira positiva a nave na que se atopan situadas as oficinas, xa que é de dimensións xigantescas. Durante a explicación, informáronnos de que nestas instalacións traballan arredor de 5.000 empregados, o que nos permitiu facernos unha idea da magnitude da empresa. A visita foi guiada por unha muller que se encargou de ensinarnos as instalacións e explicarnos todo o relacionado coa área de vendas. 

Nesta parte, puidemos observar distintos paneis dixitais de control. Nun deles amosábanse en tempo real os datos de vendas de máis de 5.500 tendas repartidas por todo o mundo, o que permitía coñecer de forma inmediata o rendemento de cada mercado. Noutro panel diferente reflectíase a actividade dos usuarios na aplicación de Zara, onde se podía ver cantas persoas estaban a realizar un pedido nese mesmo momento, cantas se atopaban simplemente navegando pola aplicación e cales eran as prendas máis visitadas, ordenadas de maior a menor segundo o interese dos clientes. 

Ademais, tivemos a oportunidade de visitar a zona dos talleres de patronaxe, que foi realmente impresionante, xa que nela se elaboran e axustan os patróns das prendas. Tamén nos ensinaron o ximnasio do que poden facer uso os empregados, así como o gran auditorio, que se utiliza habitualmente para celebracións e eventos importantes. Do mesmo xeito, puidemos ver o comedor, onde comen diariamente os traballadores da empresa. 

Un dos momentos máis destacados da visita foi cando accedemos ás tendas piloto, que son espazos de simulación onde se perfecciona a exposición da roupa, o escaparatismo e a distribución das prendas antes do seu envío ás tendas de todo o mundo. Sen dúbida, foi a parte que máis me sorprendeu, xa que estas tendas eran idénticas ás que atopamos nos centros comerciais e nas rúas. 

Por último, tamén puidemos acceder á zona onde os modelos se cambian de roupa para as sesións fotográficas da páxina web, e observar como os fotógrafos realizaban as imaxes que posteriormente se publican na tenda en liña. 

Para finalizar a visita, decidimos desprazarnos ao centro comercial Marineda City, onde aproveitamos para comer. Despois desta parada, continuamos a nosa viaxe de regreso á casa, dando por concluída unha experiencia moi interesante e formativa.

Ana Díaz Rey - 2º CS Administración e Finanzas

25.1.26

Festival de Entroido 2026

O venres 13 de febreiro celebrarase o festival de Entroido. 

Será a partir das 11:15h no patio central do IES Perdouro.

O profesorado titor deberá entregar esta ficha co alumnado participante do seu grupo en Vicedirección.

Facede a inscrición para poder participar e pasalo ben!



12.1.26

Mellor grupo do mes de novembro en Aulas Limpas: 2º Bacharelato B

Parabéns para 2º Bacharelato B por ser a mellor aula do mes de novembro! 

Foi a aula máis limpa e ordenada, seguida moi de preto por 2º Bacharelato A. En terceiro lugar, está a aula de 3º ESO A. 

No mes de novembro as puntuacións subiron con respecto a outubro, o cal quere dicir que a limpeza e a orde melloraron. Anímamosvos a seguir traballando. 





9.1.26

Novo calendario 2026: homenaxe a Sargadelos

Xa chegou o calendario do 2026! 

Foi elaborado polo alumnado de 4° ESO de Ed. Plástica dirixido pola súa profesora Andrea Mariz e coa colaboración de Pepe Blanco, artista mariñán que traballou como deseñador en Sargadelos. 

Cada mes vai acompañado dunha ilustración arredor dunha peza de cerámica de Sargadelos e leva tamén unha breve explicación da orixe do deseño que aparece na imaxe. 

Trátase dunha homenaxe a unha cerámica que forma parte do patrimonio cultural galego e que asemade contribúe ao seu coñecemento. Esperamos que vos agrade.

Podedes ver o resto dos meses AQUÍ

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...