Os pasados xoves e venres 18 e 19 de novembro, o alumnado de 3º ESO do IES Perdouro participamos nun obradoiro chamado “Luz, Cor e Ciencia”, para celebrar o mes da Ciencia en galego no noso centro. Esta actividade estaba organizada polos departamentos de Instalación de Telecomunicacións e o Departamento de Educación Plástica e Visual. Foron as profesoras Marga López Periago e Ruth Adrio Monterroso as que nos impartiron este luminoso e colorido obradoiro.
Comezamos repasando os conceptos básicos sobre as cores pigmento (maxenta, cian e amarelo) e as cores luz (vermello, verde e azul), a dispersión da luz branca cun prisma de cristal feito por Isaac Newton, a percepción das cores e as súas mesturas. E para continuar fixemos unha serie de experiencias prácticas:
• Experiencia 1: Observación dos píxeles (RGB) da pantalla do ordenador cun microscopio e a cuatricromía (CMYK) nun libro e nun xornal.
• Experiencia 2: Creación de diferentes cores, cunha tira de neopíxeles de 144 leds (1 metro) controlada por un programa chamado Arduino. Os valores RGB van de 0 a 255 variando estes números obtemos unha cor diferente.
• Experiencia 3: Dispersión da luz branca cun CD.
• Experiencia 4: Descubrimos a cor das sombras. Cando proxectamos unha sombra cun foco de cor vermella e verde ou azul por separado a súa cor é negra e se proxectamos os tres focos ao mesmo tempo as sombras son das cores das luces e a súa mestura dá o negro. Tamén estivemos analizando a cor dunha bolsa vermella. Baixo un foco azul non podiamos ver a súa cor real pola ausencia da cor vermella na luz proxectada.
• Experiencia 5: Con luces led das cores RGB e diferentes formas de cartolinas estivemos xogando coas mesturas das cores e as sombras en grupos de tres.
• Última experiencia: Cunha tira de neopíxeles introducida nun bote con pelotas de pimpón que axudaban a amplificar a cor e controlada por unha app dun móbil puidemos manipular o tempo, o parpadeo e as cores producindo diferentes efectos. Este foi un obradoiro do máis entretido e aos que nos gustan os videoxogos e os ordenadores puidemos comprender un montón de conceptos. Como broche final sacamos unhas fotos do grupo de clase moi divertidas para o recordo.
Se queredes ver máis imaxes, podedes acceder ao álbum AQUÍ.
Iago Ramos García – 3º ESO A
Sem comentários:
Enviar um comentário