22.1.22

A violencia de xénero no novo contexto dixital

O martes 23 de novembro, no marco do Plan Proxecta Por 365 días de respecto e igualdade, o alumnado dos cursos de 1º de CM e CS de Administración tivemos a oportunidade de acudir a unha charla sobre violencia de xénero no contexto dixital da man de Haizea Álvarez que forma parte da organización PantallasAmigas

Comezamos falando sobre cales criamos que eran os beneficios e inconvenientes das redes sociais que teñen tanto uso hoxe en día. Por desgraza, a maioría deles eran aspectos negativos e estes axudan a que a ciberviolencia sexa máis sinxela para os agresores. Algúns dos moitos factores que inflúen na violencia dixital son a permanencia que temos nas redes sociais, a inmediatez que nos axuda a ter ou a exposición da nosa intimidade cada vez que subimos algo ás redes, entre outros. 

Chamounos a atención a definición que ten a ONU sobre a violencia de xénero, que é a seguinte: “Todo acto que resulte, ou poida ter como resultado, un dano físico, sexual ou psicolóxico para a muller, inclusive as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria de liberdade, tanto se se producen na vida pública como na privada”. Respecto disto, nas leis, esta só se concibe cando sucede no ámbito de parella ou exparella nas relacións heterosexuais mentres que, nas homosexuais ou outro tipo de relacións, non se concibe este termo. 

Hai moitos tipos de violencia de xénero como os seguintes: física, psicolóxica, sexual, económica, simbólica, patrimonial, vicaria (fai dano a xente querida para a vítima) e social. Podemos considerar que a violencia simbólica e social favorecen, co paso dos anos, o desenvolvemento das demais. Así, nestas relacións de violencia, vanse subindo distintos chanzos que levan a estados máis elevados de gravidade. A violencia coñecida como online grooming sucede cando a xente maior se fai pasar por adolescentes para conseguir coñecer outros mozos ou conseguir contido sexual como fotos e vídeos destes. Ao explicarnos este concepto, a relatora, mostrounos un vídeo que o representa moi ben. 

A indución de condutas daniñas tamén é moi frecuente. Sobre todo, nas redes sociais, moitas contas contribúen a que xurdan os TCAs (Trastornos de Conduta Alimenticia) ao publicitar o perder peso no canto de expor como podemos ter unha alimentación saudable. Ademais, adóitanse vender corpos perfectos e ficticios que axudan a diminuír a autoestima de quen o ve ao igual có uso abusivo de filtros. 

O triángulo da violencia mostra as partes que conlevan a ela ou, polo contrario, axudan á vítima a sobrevivir. Con respecto a iso, Haizea Álvarez comentounos que prefire referirse ás vítimas de violencia como sobreviventes xa que se trata dun concepto máis positivo, respectuoso e esperanzador. 

Que podemos facer se somos vítimas de violencia de xénero ou se somos testemuñas? No caso de sufrila, debemos saber que o único culpable disto é a persoa que a exerce e non nós mesmos, que todos somos libres e temos o dereito de utilizar as redes sociais sen medo a sufrir violencia de xénero e buscar axuda e apoiarnos noutras persoas para afrontalo e non sentirnos soas. En cambio, se somos testemuñas non deberiamos nunca xulgar a persoa que sofre estes abusos senón acompañala e apoiala neste duro momento, conscientes de que se pode saír adiante. 

Aínda que esta charla se enmarcou nas actividades para conmemorar o Día contra a violencia de xénero, o cal ten lugar o 25 de novembro, os consellos recibidos nela debemos telos en conta a diario, porque salvan vidas.

Damaris Gabriela Popovici - 1º CM Xestión Administrativa

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...