20.1.22

Coñecemos a nosa vila

O martes 14 de decembro o alumnado de 1º ESO tivemos unha saída para coñecer mellor o noso pobo. Os nosos guías nesta visita foron Antón Niñe e Maribel Crecente, antigos profesores do IES Perdouro.

A reunión comezou no aparcamento do instituto. Alí o profesor Niñe contounos que o noso centro foi inaugurado no ano 1978, que nos seus comezos só había cinco profesores e que máis tarde foron construídos o instituto Monte Castelo e tamén o pavillón Vista Alegre. 

Antes de iniciarmos o paseo, organizámonos en grupos de cinco persoas para preparar as respostas a un cuestionario, sabendo xa que o equipo gañador tería un agasallo. De seguido, dirixímonos ao barrio de Torrentes, onde nos falaron da historia de Burela. Destacáronnos que estivo habitada desde a Prehistoria, que agora pertence á Mariña Central, que é o concello número 314 de Galicia -despois de segregarse no ano 1995 do concello de Cervo- e que na actualidade conta con 9.498 habitantes e a súa actividade máis importante é a pesca. Tamén nos falaron dunha empresa que tivo gran importancia na vila, a fábrica de ECESA, máis coñecida como a fábrica de caolín e que hoxe en día permanece pechada. Como curiosidade, aprendemos que no cabo Burela hai unha rosa dos ventos coas coordenadas da vila, que o torque de Burela pesa 1874 gramos, que hai restos arqueolóxicos romanos na zona dos Castros ou que os barrios máis antigos son Vila do Medio e a rúa Pascual Veiga. 

Despois dunha boa andaina, chegamos á igrexa de Vila do Medio, unha das catro coas que conta Burela. Deste edificio contáronnos moitas cousas, como que se construíu no século XII e que no século XVII sufriu un incendio. Tamén que entre os séculos XIV e XV se realizaron nela unhas importantes pinturas de estilo gótico onde se recollía en imaxes a vida de Xesús para explicar esta historia á xente que non sabía ler. Estas pinturas foron recubertas con cal no século XVI, cando a igrexa acolleu persoas afectadas pola peste. Tamén nos dixeron que o templo estivo aberto ata o ano 1962, data en que este se pechou e se inaugurou o de nova construción. Con este cambio, a igrexa de Vila do Medio caeu no abandono e pasou a ser utilizada como almacén para gardar os carros e a palla, ata que a principios dos anos noventa se restaurou e volveuse a abrir no ano 1994. 

Ademais de aprendermos historia, tamén vimos un Belén moi bonito e soubemos que é colocado polos veciños e veciñas durante tres días de traballo. 

No camiño de volta ao instituto, os nosos guías aínda nos falaron do faro de Burela, que é realmente unha baliza, e explicáronos o que é unha rasa continental como a que vai de Burela a Asturias. En pouco tempo, aprendemos moitas cousas sobre o noso pobo. 

Se queres ver as imaxes do itinerario, mira o vídeo ou preme aquí.

Ángel Blanco, Hugo Domínguez e Sara Rodil - 1º ESO

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...