24.3.23

Encontro con Antía Yáñez

Durante a cuarta sesión do venres 10 de marzo, tivemos un encontro literario coa escritora Antía Yáñez, a cal veu falarnos da súa novela Senlleiras. Publicada en 2018, non foi o primeiro libro desta escritora nada en Burela, pero si foi o primeiro dedicado á xuventude e, ao mesmo tempo, o máis lido. 

A autora falounos da súa etapa de estudante no noso instituto e de como aquí cursou o bacharelato tecnolóxico para poder, despois, facer a carreira de Enxeñaría de Camiños, aínda que de momento non a exerceu. 

Sempre lle gustou escribir e comezou a facelo presentándose a certames literarios a nivel autonómico e estatal. Posteriormente, falounos das motivacións que tivo para escribir o libro de Senlleiras. Comezou mencionándonos as visibles diferenzas entre xoguetes que a sociedade atribúe a nenos e nenas e a desigualdade que xa dende pequenos nos  inculcan. Xunto esas imaxes mostrounos outras de portadas de libros moi coñecidos e contounos as historias machistas escondidas entre as súas páxinas: o libro dos “Cinco” e a fraxilidade que se lle atribuía a unha das nenas e a masculinidade que se lle atribuía á outra; as novelas de “Jazmín”, que atopou un día na habitación da súa tía na casa dos avós e que todos clasificaban como literatura amorosa para mulleres; e, por último, falounos dos libros de Harry Potter, cuxa escritora J.K Rowling optou por asinar só coa súas iniciais para así poder ser lida tanto por nenos como por nenas sen prexuízos polo seu sexo.

A continuación, mostrounos titulares de noticias sobre asasinatos machistas e puidemos observar como os medios de comunicación intentaban quitarlles importancia aos asasinos e apoiarse nos actos feitos polas vítimas. Ao mesmo tempo vimos como, cando a asasina era unha muller, facíase máis fincapé na asasina que no propio asasinato. Falounos de como, anos atrás, este tipo de asasinatos eran nomeados como “parricidios”, que son os asasinatos entre membros dunha mesma familia. 

Para finalizar, falamos máis detalladamente do libro, os seus espazos e personaxes. Mostrounos imaxes dos lugares máis coñecidos da novela e como se atopaban a principios de século XX e agora. Tamén nos mostrou imaxes dalgúns personaxes reais, como a familia de Bernabé (na realidade composta só por dous fillos pero Antía decidiu inventar o terceiro, que sería Bernabé, para evitar conflitos coa família e o libro). Para o personaxe de Alda inspirouse nunha influencer inglesa, a cal tamén subiu ás redes unha fotografía cunha man pantasma na bañeira da súa casa; esta muller inglesa foi atopada tempo despois morta na súa casa e aínda hoxe non se sabe a razón da súa morte. 

Como punto final deste encontro, Antía Yáñez asinounos os libros de Senlleiras que traíamos cunhas bonitas e conmovedoras dedicatorias. 

Podes acceder ás fotos AQUÍ.

Noa Gudín González - 1º BAC C

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...