29.9.25
Presentación de Curso de Especialización en Fabricación Aditiva
25.9.25
O IES Perdouro participou no II Congreso de educación inclusiva
Neste evento estiveron convidados expertos internacionais e nacionais que disertaron sobre a educación para a totalidade da poboación, a atención ás altas capacidades, as características dun docente que fomenta a inclusión, a atención a alumnado con TDAH, a abordaxe dos trastornos de conduta etc.
A primeira hora da tarde tivo lugar a participación de catro centros educativos galegos convidados polas súas boas prácticas en inclusión, entre eles o IES Perdouro, que estivo acompañado do IES Carlos Casares de Viana do Bolo e os CEIP Leirado de Salvaterra de Miño e Graxal de Cambre.
A gravación de practicamente todo o congreso pode consultarse neste enlace e a participación do IES Perdouro vai desde as 6h 33' ata as 6h 53'. Na súa intervención, Miruca Parga, a vicedirectora, explicou as especiais características multiculturais de Burela e a estrutura organizativa do centro para lograr atender o mellor posible a diversidade. Tamén reclamou máis recursos humanos para poder ocuparse de todas as necesidades do alumnado que recibe o centro cada curso.
Podedes acceder algunha nota de prensa e a máis imaxes AQUÍ.
4.9.25
Recibimos a Hugo Gorgojo despois da Olimpíada de Xeoloxía en China
Na competición participaron máis de 170 persoas de máis de 30 países. Por parte de España, ían dous galegos, un salmantino e un estremeño (e todos eles tiveron medallas). O noso alumno falounos da súa experiencia e dos distintos lugares que visitou: Jining (a cidade da sede, onde as probas sucederon na Confucius High School), Nanwang, Qufu e Nishan Sacred Land, as montañas Shimen e Fénix (onde foi o exame práctico) e o Gran Canal de China, entre outros lugares.
Para as probas prácticas, Hugo fixo equipo con representantes de Austria, Estonia, Australia, Malaisia e Paquistán. Hugo chegou á Fase Mundial despois de ser o 4º na Fase Nacional en Tremp (Lleida) e de sacar a mellor nota na sede de San Sadurniño (A Coruña), onde tamén formou parte dos premiados como o Mellor Grupo (xunto con David Baltar, Pablo Casas e Adrián Díaz). Nesa competición, o compañeiro Hugo Lorenzo gañou o Accésit de 4º ESO.
Na foto, cos seus preparadores para as distintas fases da olimpíada: Charo Fernández e Fernando Losada.
Fernando Losada Rodríguez - Profesor de Bioloxía e Xeoloxía
2.9.25
Presentacións do inicio de curso 25-26
Benvidos ao curso académico 25-26!
Agardamos que descansásedes moito e que tivésedes un verán extraordinario. Agora toca comezar un novo curso. Estaremos agardándovos para facer as presentacións o luns 8 e o martes 9 de setembro. O profesorado titor acompañaravos á vosa aula de referencia.
Os cursos que teñan a presentación o luns 8 comezarán as clases o martes 9 e os que teñan a presentación o martes comezarán as clases o mércores 10 de setembro.