24.11.25

Actos 25N: Lectura de manifesto e mural

Ás 10:55h, os grupos que non teñan exame dirixiranse ao patio para asistir á lectura do manifesto do 25N. Este curso o alumnado de 1º de Bacharelato fará especial fincapé na eliminación da violencia contra a muller na contorna dixital. 

Colocaremos o manifesto no mural elaborado polo alumnado da ESO e 2º ESO formará un NON para visibilizar a nosa firmeza á hora de acabar coa violencia de xénero. 

20.11.25

Día Mundial da Infancia: Pleno da infancia e da mocidade no Concello de Burela


Para conmemorar este día, o alumnado de Proxecto Competencial de 4º ESO preparou un texto para explicarnos os motivos da celebración desta data e o grupo de Oratorio deste mesmo curso preparou un kit de supervivencia para defender os dereitos das nenas e dos nenos na contorna dixital. Con este traballo participou hoxe no Pleno da infancia e da mocidade que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Burela hoxe mesmo. 

Día Mundial da Infancia - 4º ESO Proxecto Competencial: 

O 20 de novembro celébrase cada ano, dende o 1955, o Día Mundial da Infancia. Este día foi proclamado pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas co obxectivo de promover o benestar infantil e fomentar a fraternidade entre os nenos de todas as nacións. 

Celébrase este día en conmemoración de dous feitos importantes na protección dos dereitos infantís: a adopción da Declaración dos Dereitos do Neno e a aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno.

Aínda que se fala moito dos dereitos dos nenos, hoxe en día moitos deles seguen sen ser respectados en todo o mundo. Hai países onde os nenos viven rodeados de guerra, fame ou medo, e outros onde non poden ir á escola nin recibir atención médica cando a precisan. En lugares como Gaza, Sudán, Congo ou Haití, millóns de nenos tiveron que fuxir das súas casas por culpa da violencia. Moitos viven en campos de refuxiados, sen comida suficiente nin un lugar seguro onde durmir. Outros foron recrutados por grupos armados ou convertidos en vítimas de explotación e abusos. 

Tamén hai nenos que traballan desde moi pequenos porque as súas familias non teñen recursos, máis de cento trinta millóns de nenos seguen obrigados a traballar no mundo. 

Para cambiar isto, o importante é reivindicar que todos os nenos teñen dereito a vivir con dignidade, a ser escoitados e a ter un futuro. Á parte das organizacións internacionais que defenden estes dereitos, as familias, escolas e os propios nenos debemos defender estes dereitos para ter un mundo máis igualitario onde a infancia goce destes dereitos. 

Para máis información podedes entrar nestes enlaces: 

Nerea Fernández Larrea e Julia Rubio Geada - 4º ESO A

Pleno da Infancia e da Mocidade - 4º ESO Oratoria: 

Con esta ferramenta dirixida á xente nova para a prevención de riscos en Internet, o alumnado de 4º ESO de Oratoria súmase á celebración do Día Mundial da Infancia 

Ofrecer consellos para que a mocidade poida aproveitar as posibilidades de Internet dunha maneira segura e responsable. Este é o obxectivo do Kit de supervivencia dixital que o alumnado de Oratoria do IES Perdouro presentou hoxe no pleno infantil e da mocidade do Concello de Burela. 

Coincidindo co Día Mundial da Infancia, que se celebra o 20 de novembro, os alumnos de 4º ESO Asier Álvarez Maseda, Samuel Quiroga Díaz, Álvaro Veiga Rego e Sara Villarquide Fraga levaron a este pleno extraordinario dez consellos para axudar a reducir os riscos aos que se enfronta a xente nova no ámbito dixital. Para iso, expuxeron casos relacionados con diferentes problemáticas, como o ciberacoso, o sexting, o grooming, as apostas en liña ou a adicción aos videoxogos, e propuxeron medidas para evitalas. 

No pleno tamén participaron alumnas e alumnos do IES Monte Castelo e dos CEIP Virxe do Carme e Vista Alegre de Burela que, ademais de recordar os dereitos dos nenos e das nenas no mundo dixital, solicitaron o compromiso das persoas adultas e de institucións e entidades para darlles cumprimento. 



Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.

10.11.25

Saída micolóxica ás Lobeiras

O pasado 21 de outubro, o alumnado de 1º de Bacharelato A realizou unha viaxe ás Lobeiras para efectuar un percorrido micolóxico e así poder coñecer máis sobre os fungos da nosa zona. 

Ao chegar ao noso destino, a nosa guía, Cristina, amablemente comezou unha explicación sobre estes seres vivos, achegándonos información como as súas características (teñen quitina, poden ter varias formas de vida, son heterótrofos...), os tipos (zigomicetos, ascomicetos e basidiomicetos -estes últimos son os máis característicos na natureza, xa que son os coñecidos cogomelos), as partes (hifas, micelio, as basidioesporas...) e máis datos interesantes. Ademais de explicarnos o básico, ensinounos diversos tipos que recollera (como a Russula nigricans, Amanita citrina...) e que veriamos durante a nosa saída, xa que é importante saber distinguilos para non sufrir ningunha intoxicación. Algúns son tóxicos ou velenosos e polo seu aspecto pódense parecer a outros que comemos nesta época do ano. 

A continuación, comezamos a camiñar polo monte para intentar visualizar algunha especie pola nosa conta, mentres gozabamos dun tranquilo paseo. Atopamos os coñecidos “Peidos de Lobo” (Lycoperdon perlatum) e algún tipo máis. Despois, tivemos que eliminar unha zona do noso itinerario xa que non estaba o suficientemente húmido para ver os cogomelos que buscabamos; non obstante, deixáronnos máis tempo para buscar máis fungos libremente. Como estabamos tan ilusionados, atopamos máis tipos coma a Laccaria Laccata (que solta látex se se corta) ou o Paxillus involutus, un fungo tóxico; tamén vimos unha ra. 

Finalmente, o noso tempo esgotouse e tivemos que volver ao instituto dando por finalizada esta divertida saída. O tempo pasou voando! 

Podes acceder ás imaxes AQUÍ.

Laura Eijo Docampo - 1º Bacharelato A

7.11.25

San Xoán Bosco - Aberto o prazo para anotarse

Atención!

Queda aberto o prazo de inscrición para participar nos campionatos de San Xoán Bosco nas modalidades:

individual de Damas, Rubik e Xadrez e 

por parellas de crebacabezas.

Tes ata o 20 de novembro para anotarte na biblioteca.

Non perdas a oportunidade de demostrar o teu talento e pasalo ben!

Xogaremos nos recreos a partir de decembro. Atento/a ao calendario das eliminatorias.

Anímate e participa!


3.11.25

Visita ao 8º Campionato Galego de FP - Galicia Skills 2025


Este ano, o alumnado de Formación Profesional (en adiante, FP) do IES Perdouro tivemos a oportunidade de visitar o 8º Campionato Galego de Formación Profesional – GaliciaSkills 2025, que se celebrou nun pavillón do recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda (Pontevedra). A visita tivo lugar o pasado 29 de outubro. No noso caso, era a segunda vez que estiveramos nun evento con tanta xente nova demostrando o seu saber facer, xa que a primeira vez fora en FP Innnova. 

O denominado “Galicia Skills” é un concurso cheo de esmero e entusiasmo que fai que os visitantes adquiramos moitas ideas do que poder estudar e traballar nun futuro. O pavillón estaba dividido en diversas zonas onde o estudantado de FP competía amosando as súas habilidades. Nada máis entrar, había que atravesar un túnel que nos daba a benvida. A entrada foi moi emocionante, pero ver toda a variedade de ciclos formativos que había dentro alucinounos. Estaban as especialidades de Carpintería, Ebanistería, Soldadura, Fontanería e Calefacción, Instalacións Eléctricas, Control Industrial, Fresado, Refrixeración e Aire Acondicionado, Tecnoloxía de Vehículos Pesados, Pintura de Automóbil e Preparación de Carrocería. Nesa parte todo soaba a metal e máquinas e cheiraba a madeira recentemente cortada; ese olor é tan marabilloso… 

Logo fomos á zona máis creativa (Xardinería Paisaxista, Viveirismo, Escaparatismo...). A quen non lle gusta que lle regalen un ramo de flores? Na zona de floraría podíanse ver de todo tipo e de todas as cores. Aquilo parecía un mundo cheo de alegría, un paraíso onde os soños eran espectaculares e o olor das flores parte dos seus cumpridos. 

Se es máis de “poñerte as botas”, que mellor que ver concursar ao alumnado dos ciclos de Panadaría coas súas incribles obras mestras de pan. E os de cociña? Ai!, os de cociña, xa nos gustaría a todo o público que estabamos alí poder comer os manxares tan exquisitos que estaban facendo…. 

Idaira Fernández Fernández e Yanira López Basanta - 2º curso do CB de Servizos Administrativos

Outro momento especial foi ao chegar ao stand de Instalacións Eléctricas, onde estaba competindo un alumno do noso centro, Izan Domínguez Soto, que cursara o curso do mesmo nome e que dito sexa de paso, tamén foi un dos grandes motivos polos que se levou a cabo a saída didáctica. O ambiente, pese a ser unha competición, era moi san, e puidemos apreciar que é unha experiencia moi boa e enriquecedora; aínda que tamén moi demandada, xa que el traballaba moitas horas seguidas con poucos descansos para comer. Dende aquí felicitámolo por todo o traballo que fixo e por representar ao noso instituto neste campionato rexional.

No regreso a Burela, o ambiente no autobús era algo máis tranquilo. Moitos iamos cansos, pero tamén satisfeitos por todo o que aprenderamos. Esta saída permitiunos ver que o que estudamos ten unha aplicación real e que existen máis oportunidades profesionais das que pensamos. Aínda que, se tivésemos que mellorar algo, sería o tempo para poder estar alí. Como Silleda queda algo lonxe da nosa vila, é difícil botar moito tempo, pero quizais se podería valorar a opción de ir algo máis cedo. Para finalizar, nós, o alumnado de Administración e Finanzas, propoñemos que se midan as nosas “skills” a través do programa “Mecanet”, onde poderiamos competir con outros institutos ou centros por ver quen escribe máis rápido e máis correcto o mesmo texto nun límite de tempo. Ou tamén, poderiamos participar na categoría de “Demostracións”, simplemente traballando no noso stand e resolvendo dúbidas da xente que estea interesada no noso ciclo. É algo positivo que teñamos tamén representación neste campionato, como o resto de familias profesionais, para darnos a coñecer. 

Agradecemos ter vivido esta experiencia e agardamos outras igual de proveitosas!

Podedes acceder ao álbum de fotos AQUÍ.

Lucía López López e Raúl Fernández Barrera - 1º CS Administración e Finanzas
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...