28.11.17

Viaxe a Asturias de 3º de ESO

O mércores oito de novembro os alumnos e alumnas de 3º da ESO realizamos unha viaxe a Asturias, actividade programada entre o Dpto. de Tecnoloxía e o de Física-Química co obxectivo de ver os mecanismos de control e os automatismos de seguridade dun proceso de fabricacióntamén chamado automatización industrial.


Primeiro fomos visitar a fábrica da Granda de "Central Lechera Asturiana", onde nos dividiron en dous grupos para ir explicándonos os procesos polos que pasa o leite ata chegar aos supermercados, é dicir dende a recepción do leite á fábrica ata o seu envasado. Ao comezo, déronnos uns traxes para conservar a hixiene e a continuación comezaron coa explicación. Despois tivemos que camiñar un pouco ata o edificio onde se leva a cabo o proceso de embalaxe do leite.

Despois de rematar esta visita fomos a un centro comercial de Oviedo para xantar e facer unhas compras se queriamos.
Xa pola tarde, dirixímonos ao Museo da Minería de Fontao. Primeiro fixemos unha visita por unha mina para poñernos no lugar dun mineiro e concienciarnos dos perigos que supón este traballo. E despois subímonos nun tren que facilita a mobilidade dentra da mina. Tras voltar desta visita estivemos contemplando os aparellos e obxectos que se atopan no Museo.
NOAH POSADA
3º ESO
Accede ao albúm de fotos aquí.

27.11.17

Exposición Biblioteca Día contra a violencia de xénero

Chegou o mes de novembro e con el a exposición de libros e cine temáticos sobre muller para conmemorar o día internacional contra a violencia de xénero. Ver aquí a exposición. 


24.11.17

Carta a mamá, Leticia de Pedro Martínez - 2º Bach.

Mamá, teño medo. Son muller, mamá, e por iso teño medo. Sinto dor, tristeza, rabia e impotencia; porque son muller. Estou farta, mamá, farta de todo o que nos está a pasar, a min e a todas as nosas irmás. Estou farta de que nos fagan sentir inferiores, prescindibles e mesmo utilizables. Estou farta da sensación de noxo e sucidade que me percorre o corpo cada vez que saio á rúa e un, dous o un grupo de homes que se fan chamar persoas me comen cos ollos, me sexualizan e se cren co dereito a opinar sobre o meu corpo. Estou farta do medo a ir soa pola noite. Estou farta da necesidade que sinto de dicirlles a todas as miñas amigas, “avísame cando chegues”, por ser mulleres. Estou farta de que me asignen unha saia rosa e unha cociña e non un balón ou uns pantalóns azuis. Estou farta de que me digan: “ti, perruqueira; el, enxeñeiro”. Estou farta, así comeza todo.

Mamá, teño que contarche algo. Recordas ese rapaz que a miña amiga coñeceu con só dezaseis anos? Si, ese que non che gustaba e que me dixeches que non lle conviña. Seino, non che fixo caso, pero sabes? Di que todo vai ben. Di que a trata ben e que a quere, aínda que ás veces se enfade con ela; que son parvadas, cousas que ela fai mal, que é culpa súa. Cando me fala del queda embobada, di que lle gusta todo del, aínda que lle conteste mal cando a ve con outros homes. O outro día mesmo a empuxou. Ela di que só son celos, que significa que lle importa.

Mamá, estou preocupada. Onte chamoume chorando, dixo que lle pegara unha labazada por levar un vestido curto e que se fora da casa; despois mandoume unha mensaxe dicindo que todo estaba ben, que volvera arrepentido, ela perdoouno.

Agora di que todo está ben, que volveu ser o bo home do principio, que só foi un mal momento, que el tivo moitos problemas de neno. Non sei que pensar, fai semanas que non a vexo, el non lle deixa quedar comigo, di que é só para el.

Mamá, sabes que? Van ter un neno. Ela non estaba segura, ó principio non quería, pero el insistiu. Dixo que era o mellor para a parella. Isto non está ben, estou asustada, confesoume que ese día ela nin sequera quería manter relacións; obrigouna.

Mamá, a cousa empeorou, deulle unha paliza. Mamá… matouna.

Mamá, estou farta, farta disto. Farta de ver como me quedo sen irmás. Farta de que se abuse de nós en todos os sentidos. Farta de que non se nos escoite. Estamos loitando, estamos berrando, queremos ser libres, queremos vivir.

Farta, doída, mais sempre loitadora, de ter que ser eu, quen hoxe fala por ela e por todas as demais que, por ser mulleres, xa non teñen voz. 

Leticia de Pedro Martínez - 2º Bach. 


25 N - Perdouro en Negro

Este ano, sumámonos á compaña de sensibilización En Negro Contra as Violencias.

Leticia de Pedro Martínez, alumna de 2º de Bacharelato, abriu o acto conmemorativo do 25 N no IES Perdouro. O seu manifesto titúlase Carta a Mamá, e narra a historia dura, como a vida mesma, dunha irmá farta, moi farta. Mentres Leti lía o seu texto coa voz encollida, unhas gotas moi gordas de auga caeron do ceo como se foran lágrimas, mais non impediron a participación masiva da comunidade educativa. Para clausurar o acto, o conxunto do alumnado alí presente versionou ao unísono a canción do grupo Máis Boas Cás Patacas, "Son muller", canto de alento feminista.

Agradecemos o traballo do alumnado do Ciclo Medio de Instalacións en Telecomunicación por encargarse da megafonía do acto; o de Antonio, profe de debuxo, por encargarse do trazado do lazo lila no chan; o do alumnado de 1º de ESO e 1º Bach por facer a pancarta; o de Dolores, Neves, Miruca e Karina por ensaiar a canción nos días anteriores; o de María G.J., María José e Yaiza por sacar fotos do acto. Grazas, Leti!!!!! Grazas rapaces por sumarvos á causa, #BurelaEnNegro!

Grazas a todas/os pola participación, polo compromiso amosado no manifesto e pola ilusión coa que entoastes a canción. Grazas a todas e a todos por converternos e convertervos en cidadáns comprometidos coas causas xustas. (Miruca Parga)
 
Así se fixo: ver o álbum de fotos 

23.11.17

22.11.17

Charla taller de Scratch con Luis Hervella

O pasado xoves 9 de novembro os alumno de 2º de ESO tivemos unha charla sobre a importancia que vai ter no noso futuro laboral a programación, impartida polo mismísimo decano da Facultade de Informática da Coruña, Luis Hervella Nieto.

A linguaxe de ordenador é o novo inglés segundo o noso orador. Ademáis, afirma que é unha ferramenta a disposición de calquera e que non só se pode aplicar á informática, senón que tamén resulta útil para a resolución de problemas e desenvolvemento da creatividade.
Nestes días, adquirir coñecementos de programación está ao alcance de calquera, e máis cunha aplicación como SCRATCH, que nos foi presentada. Esta App está inspirada no funcionamento dos bloques de construcción de LEGO e permítenos traballar con programas previamente tratados que nos permiten fabricar todo o que podamos imaxinar.

ALBA GEADA, 2º ESO A

Perdouro en negro - Stop Violencia de Xénero.

Acto conmemorativo do día contra a violencia de xénero no IES Perdouro. Sumámonos á compaña de sensibilización En Negro Contra as Violencias.

Será o venres 24 ás 11h. no recreo. Darase inicio do acto coa lectura do manifesto redactado pola nosa alumna de 2º de Bacharelato, Leticia de Pedro. A continuación un grupo de alumnos cantaran a canción "Son muller" do grupo de rapazas de Teo Máis Boas Cás Patacas, gañadoras da segunda edición do "Quero Cantar". Se te animas, podes unirte a cantar o retrouso do tema. Para clausurar o acto faremos unha foto de grupo coa máxima participación da comunidade educativa do centro. A cor negra será a protagonista.

Vémonos o 24 ás 11h vestid@s de negro.

#BurelaEnNegro #PerdouroEnNegro #ContraAsViolencias

21.11.17

Fondos sobre igualdade recomendados polo CIM

 
Esta mañá, a Concelleira de Educación, Patricia Otero, xunto a psicóloga do CIM (Centro de Información da Muller), Cristina Cayón, entregaron un lote de libros para dotar as bibliotecas escolares do municipio de libros sobre igualdade. Unha moi boa selección que incorporamos de inmediato ao noso fondo de biblioteca.

Contacontos pola igualdade

Alumnado de 4º de ESO e 1º de Bach asistiron esta mañá no auditorio a un espectáculo "Contamos Todas" da compañía A Tropa de Trapo, actuación patrocinada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. 

Os contos empezaron coa historia das señoras de Torneiros e a súa iniciación a montar nunha bicicleta. O segundo conto relatou a historia de Liberia e de Ellen Johnson Sirleaf, actual presidenta do pais, Nobel da paz e primeira presidenta africana. Foron exemplos de vida, de mulleres que se enfrontaron a diversas situacións, historias para facer pensar, exemplos de empoderamento, rebeldía, equidade e superación.
Logo deuse paso a un debate participativo sobre igualdade, feminismo, machismo e violencia de xénero.

Accede ao noso albúm fotográfico aquí.

20.11.17

Roteiro xeolóxico por Burela

O alumnado de 2º de BAC e de 4º da ESO de Bioloxía participou esta mañá nunha xeoruta polo litoral burelés, desde A Marosa ata O Perdouro guiados polo xeológo Francisco Canosa e patrocinado polo Concello de Burela.  

Fran foi o responsable de guiar ao grupo por esta zona de grande valor xeolóxico, aportando todas as explicacións oportunas para que o alumnado comprendese cómo se formaron esas estruturas tan fermosas. Ademais repartíronse unhas unidades didácticas sobre a xeoloxía de Burela de grande axuda para favorecer a aprendizaxe.
Accede a reportaxe fotográfica aquí.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...