1.6.21

Xeografías lectoras - Microrrede A Mariña

Hoxe, 1 de xuño, inaugúrase a exposición anual da Microrrede PLAMBE das bibliotecas escolares A Mariña mais, esta vez, dita exhibición dos traballos feitos nos centros escolares que integran a Microrrede estará na rede debido ás restricións sanitarias. No blogue da mesma iranse publicando dúas entradas diarias que recollen o labor realizado ao longo deste curso 20-21 dende os equipos de bibliotecas escolares.
 
Seguindo a proposta da Asesoría de Bibliotecas Escolares, a exposición leva por nome "Xeografías lectoras", xa que cada centro ubícase nun sitio distinto da Mariña, coas súas características ben diferenciadas e cada un cunha proposta distinta.

O cartel deste ano foi deseñado pola alumna Lidiana de Pina Sanches de 3º de ESO do IES Perdouro de Burela. 

No proxecto Xeografías lectoras participamos os centros educativos da zona da Mariña que se citan a continuación:

 


31.5.21

Obradorio “O Português Simples”

O mércores 19 de maio os alumnos e alumnas de 4º ESO tivemos unha charla/obradoiro sobre o portugués básico que se dividiu en tres unidades.  O obradoiro O Português Simples – OPS,  actividade formativa que ofrece Associaçom Galega da Língua AGAL, ten como obxectivo descubrir ao alumnado a vantaxe do galego para aprender portugués e acceder ao mundo que se expresa nesa lingua, a sexta do mundo en falantes.

Na primeira unidade nomeamos os lugares lusófonos e vimos algúns dos monumentos ou paisaxes máis coñecidas ou destacadas de cinco destes lugares.

Na segunda unidade vimos un pouco sobre a escrita e as súas variantes dende o galego ao portugués e fixemos práctica sobre isto.

Na terceira unidade fixemos unhas fichas; nunha delas escribimos algunhas palabras co aprendido na segunda unidade e despois escoitamos unha canción, a cal tiñamos que ir completando nos ocos en branco que aparecían. 

Ao saber galego, o obradoiro resultounos bastante fácil e, así, aprendimos un pouquiño máis sobre esta lingua irmá, o portugués, e déronnos unha introdución a aqueles que para o curso que vén colleran a materia de Portugués.

Podes acceder a algunhas fotos aquí.

Celia Leivas Martínez, 4º ESO-A1

29.5.21

Conferencia sobre enerxía mariña

O venres día 21 de maio o alumnado de 1º de Bacharelato e o de 4º da ESO tiveron unha charla sobre o emprego e as vantaxes da enerxía mariña. 

Esta charla foi impartida por Patxi G. Novo, que traballa en Nagasaki, unha cidade xaponesa historicamente portuaria. Explicou como do mar podemos obter varias enerxías renovables, como a solar e a eólica, non só a hidráulica (por exemplo, as placas solares e os eólicos no mar). Tamén falou sobre a enerxía maremotriz, que aproveita o movemento das mareas, e a undimotriz, que aproveita a enerxía das ondas e consiste en que, cando o nivel de auga sobe, o aire que contén a columna é forzado cara a arriba e fóra; a través dunha turbina que xira e impulsa o xenerador, ao volver a caer a onda, o aire é succionado de volta á atmosfera para encher o baleiro resultante e o turboxenerador é activado novamente. 

Outro apartado desenvolvido na charla foron as vantaxes de empregar este tipo de enerxía, xa que as mareas son constantes e pódese calcular canta enerxía se vai producir en cada momento; pola contra, non sabemos cando vai facer moito ou poco vento ou se vai ser un día nubrado ou solleiro. 

Ademais, explicou tamén as medidas que temos para almacenar enerxía cando se produce de máis, para poder utilizala nos días que non se produza a enerxía necesaria.

Ainhoa Mía Quiroz Huamán, 4º ESO B

Accede á entrevista que lle fixemos no noso programa de radio Proxecto Neo. (12/05/2021)




O mundo na túa cabeza

O venres 21 de abril o alumnado de 4º da ESO tivemos unha charla organizada pola Universidade da Coruña denominada “O mundo na túa cabeza” onde nos falaron sobre como funciona o noso cerebro.

Ao principio explicáronnos, como introdución, que son as neuronas e como funcionan. As neuronas son as células do noso corpo encargadas de percibir a información do exterior e procesala; son indispensables para o funcionamento do cerebro. Contáronnos que todos tiñamos un gran número delas e, salvo que se padeza unha enfermidade, é imposible quedarse sen elas. De feito canto máis maior sexa unha persoa menos neuronas vai ter, porque van morrendo ao longo do tempo. Polo tanto o importante non é o número senón as conexións que fan entre elas.

Logo pasaron a falarnos de como funciona o cerebro e de como se queda só coas cousas que lle parecen importantes. Para que isto nos quedara claro puxeron varios exemplos. Entre eles, dúas imaxes dunha mesma rúa nas que tiñamos que buscar as diferenzas. Só fomos capaces de notar que desaparecera un coche, porque as outras diferenzas, aínda que parecían evidentes, o noso cerebro non as detectaba. Isto pasaba porque as diferenzas consistían na desaparición de parte dos edificios e o cerebro non se fixa en que poida desaparecer parte dun edificio, xa que non é algo que ocorra na vida real. Sobre isto tamén nos puxeron unha imaxe onde aparecía xente repetida pero tampouco nos dabamos conta polo mesmo, porque na vida real non existe xente repetida.

Despois explicáronnos como nos pode chegar a enganar o noso cerebro se o poñemos ao límite. Para explicar isto mostraron varios exemplos con imaxes nas que aparecían dúas cores iguais, pero nós pensabamos que non eran iguais. Isto sucedía porque nunha había unha sombra, noutra raias de cores por encima... confundindo así o noso cerebro. 

Para acabar contáronnos que cada un percibe a realidade de forma diferente, poñendo o mítico exemplo do vestido, o cal unhas persoas o ven branco e dourado e outras azul e negro, pero en realidade son as mesmas cores e o mesmo vestido. 

Antón Expósito Campo, 4º ESO B

26.5.21

Os celtas e a materia de Bretaña.

A mañá do 24 de maio, os alumnos de 2º da ESO, 3º da ESO e 1º de Bacharelato asistimos a unha representación levada a cabo por Suso Martínez e Daniel Linde. Quixéronnos explicar a historia dos celtas en Galicia e a importancia da lingua galego-portuguesa na Idade Media , e para facer a actividade máis dinámica, escenificáronnola en forma de obra de teatro. Para facela máis realista trouxeron roupa da época para poñernos en situación (por exemplo, unha saia de tea de tartán, capas da época ou unha réplica exacta duns zapatos da Idade de Bronce).

Comezaron falando de Andrade e Pardo de Cela, señores da Idade Media. Despois presentáronnos personaxes e sucesos importantes, como poden ser: a historia do Rei Artur e os cabaleiros da Táboa Redonda; a materia de Bretaña, na que mencionou que a xente importante adoitaba posuír o libro de Tristán; Breogán, a quen presentou como servidor e señor da Galicia, e Galahaat, quen fixo a busca do Graal no Cebreiro e despois non puido quedar con el. Fixo alusión tamén ao Libro das Invasións. Explicáronnos tamén que nos séculos XII e XIII a lingua galega era a lingua de trobadores, poetas, guerreiros e reis.

Máis adiante, fixeron referencia a Eduardo Pondal co seu himno “Os Pinos”, do que dixeron que era unha lenda fundacional da que nace a identidade de Galicia.

Outro autor coñecido do que falou foi Ramón Cabanillas. Estes dous autores viviron entre o S.XIX e o XX. Tamén escenificaron de xeito didáctico “Na Noite Estrelecida”, unha obra de Cabanillas que pon en contacto a literatura galega cunha ideoloxía conectada coa cultura celta.  

Esta actividade pareceume entretida e moi dinámica e grazas a ela puiden aprender máis sobre esta época e sobre a historia dos celtas en Galicia.

Accede ao álbum de fotos aquí.

Daniela Enríquez Canoura 1ºBAC-B

21.5.21

Gañamos a fase autonómica da II Olimpíada Científica Xuvenil Española

II Olimpíada Científica Xuvenil Española, unha apaixoante competición onde desmostrar habilidades de razoamento e resolución de problemas do ámbito científico.

Na fase autonómica da II Olimpíada Científica Xuvenil Española que se celebrou entre os días 6 e 7 de maio de 2021 de forma telemática, participaron 3 equipos do IES Perdouro. A proba telemática consistiu nun único exame de 45 preguntas a resolver en equipos de 3 alumnos. As preguntas requirían coñecementos de matemáticas, física, química, bioloxía e xeoloxía; dun nivel correspondente a un 3.º da ESO «avanzado».

O equipo formado por Paula López Martínez, Nerea Francos Cornide e Raúl Cayón Fernández de 3º da ESO resultou gañador da fase autonómica.

Sendo o mellor equipo de Galicia, participarán na final nacional da Olimpíada Científica Xuvenil Española, que se celebrará en Oviedo a principios de setembro. Aí competirán xunto a outros 17 equipos por representar a España na fase internacional.

https://quintescience.es/ijso

14.5.21

Xela Arias , quen eres?

A escritora Yolanda Castaño, autora da biografía Xela quixo ser ela fálanos de Xela Arias.

 

A Real Academia Galega publica uns documentais sobre Xela Arias. 

A Palabra esgazada -  Día das Letras Galegas 2021

 

A Real Academia Galega puxo en marcha no mes de marzo unha nova edición do proxecto Primavera das Letras, dedicado a protagonista do Día das Letras Galegas 2021.

Na web do Seminario Galán pódese atopar información da autora en papel, online, fotografías, obras e unha estupenda cronoloxía.

No PORTAL DAS PALABRAS, hai unha morea de información sobre a vida e obra de Xela en diferentes formatos: impresos descargables, vídeos, actividades interactivas,... 

O centro de documentación da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) tamén ides poder atopar moi información sobre biografía, obra, fotos e outros documentos relacionadas coa autora homenaxeada neste 2021.

Completa liña de tempo da vida de Xela Arias.

Sala de fuga - Os segredos de Xela

Sala de fuga - Os segredos de Xela


Letras Galegas 2021 - Xela Arias

Carteis especiais Letras galegas sobre a vida e obra de Xela Arias, figura das letras homenaxeada deste ano. 

O alumnado de 4º de ESO investigou e deseñou os carteis coa axuda das súas profesoras Neves Cando e Natalia Irimia. 

Xela Arias é a quinta muller en 58 anos en formar parte deste elenco. 

Antes ca ela foron :

  • 1963 - Rosalía de Castro
  • 1987 - Francisca Herrera Garrido
  • 2007 - María Mariño 
  • 2018 - María Victoria Moreno 

Se queres saber máis sobre a XELA, só tes que ver estes carteis informativos.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...