31.10.13

Crónica de Aitor López Anello do documental "Shoots from Abyssinia"

Algunhas veces teño pensado: Se estamos entre os países máis desenvolvidos, cales son as nosas responsabilidades con respecto ao resto do mundo? Cal é o futuro que espera a África? Hai esperanza para África, a pesar dos intereses económicos dos usureiros?

Moitas das respostas a estas preguntas atopeinas este luns pola mañá na biblioteca do Perdouro. Parece incrible, mais é certo: asistín á proxección dun dos mellores e máis humanos documentais que vin na miña vida e despois puiden participar nunha charla-coloquio que me resultou moi instructiva e gratificante.

Moitas veces cando un pensa en África ten a idea da fame, a pobreza extrema, a corrupción… Mais África non é só iso. Esa é unha das mensaxes do Documental “Shoots from Abyssinia”, que nos mostrou que aquel continente ten esperanza, que en África hai xente que vale e que a mellor das actuacións responsables de occidente é deixalos en paz. Porque, cada vez que se nos ocorre unha brillante idea “para o seu propio ben”, acabamos desfacéndolles medio país.

O documental está feito por Ovidio Fernández, un galego de Navia de Suarna. Este cámara de TVE en Galicia un bo día decidiu adoptar un rapaz etíope. Cando foi alá para ver o rapaz por primeira vez, quedou prendado do país e da xente. Catro anos despois, pensaron en retornar a Etiopía para que o rapaz coñecese a súa cultura. O pai adoptivo púxose á frente da expedición e levou un dos seus bens mais prezado, a cámara de vídeo.

“Shoots from Abyssinia” conta como Abdul retorna ao seu país, como se reencontra coa súa xente e como coñece todo o norte de Etiopía. A viaxe comeza na capital, Addis Abeba, onde Abdul se reencontra cos amigos da infancia nun centro para nenas e nenos orfos. Despois, seguindo a folla de ruta do explorador portugués Pedro Páez continúa a viaxar polo norte do país e a coñecer a historias do mesmo.

O documentario mostra un Estado que en oito anos pasou de estar na pobreza extrema a ter un futuro francamente esperanzador. Etiopía pode parecernos un estado pobre, sen recursos, un estado de fame, mais é unha nación que comeza a levantarse, un país en que os nenos e nenas comezan a ir en masa á escola. Iso chamoume moito a atención, porque eu penso que a base dun país non está nin na economía nin na sanidade, senón na educación. Polo que se ve no vídeo, Etiopía e un país onde comeza a nacer unha clase media acomodada, un país onde comezan a existir boas redes de comunicacións (estradas, liñas de teléfono…). Tamén é certo que o documento nos mostra a outra prespectiva: a do país subdesenvolvido, con moita pobreza, sobre todo no campo.

De todo o que escoitei nesta magnífica conferencia, quédome cunha frase clave: “o único que Etiopía (e África en xeral) piden ao mundo desenvolvido é que este deixe de meter a gadoupa ”. Tárdame que se edite a segunda parte, que nos anunciou o director. Mentres tanto, moitas grazas Ovidio!

Aitor López Anello. 1º Bach A. Opinión publicada na prensa dixital  Crónica3 o 31/10/2013.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...