15.1.19

Relatos 25 N

Soa o timbre e levántome a abrirlle a porta a Elena que ten cita para as cinco.
Non a coñezo, é a súa primeira consulta.
Detrás da porta aparece unha rapaza duns 16 anos, coa faciana seria, triste... A súa imaxe é sobria: nin maquillaxe nin roupa chamativa, só uns vaqueiros e un suadoiro gris.
Saúdoa..., cústalle mirarme á cara, mira ao chan.
Invítoa a pasar e, mentres imos polo corredor camiño da miña consulta, pregúntome cal será o motivo polo que unha rapaza tan nova se ve arrastrada ao meu consultorio. É unha adolescente... quizais teña problemas cos seus pais ou mesmo nos estudos.
Sentamos. Vexo que ela loita por que as bágoas non corran polas súas meixelas...
Así comezou unha longa serie de citas nas que fun coñecendo a Elena.
Elena tíñao todo para ser feliz: uns pais que a querían, unha irmá pequena que a admiraba, uns amigos cos que saía a divertirse e que eran os seus confidentes...; nos estudos era unha rapaza aplicada, con boas notas...
Todo ía ben ata que Ricardo se cruzou na súa vida.
Ricardo era o noivo de Elena. Ao principio da súa relación todo funcionaba ben e Elena era feliz, pero co paso do tempo el empezou a amosarse posesivo, teimudo, celoso...
Elena era alegre, gustáballe ir guapa, peitearse e maquillarse; pero, incomprensiblemente, todo isto a Ricardo non lle parecía ben:
“para onde vas pintada coma unha porta?”
“non che parece que esa saia é moi curta?”
Ela estaba namorada e só quería agradar a Ricardo, así que deixou de coidar o seu aspecto físico para que el estivera contento con ela.
A Ricardo non lle parecía ben que Elena tivera amigos...
“ti con quen tes que estar é comigo!”
Así que, como Elena estaba namorada de Ricardo e el só quería o mellor para ela, Elena deixou os seus amigos.
A Ricardo non lle gustaba que Elena usara as redes sociais, nin que tivera conversas por whatsapp. Todos os días lle pedía o teléfono para revisarllo. Así que Elena usaba o móbil só para falar con Ricardo. Elena estaba namorada e Ricardo só quería o mellor para ela...
Elena sempre xustificaba o comportamento de Ricardo porque pensaba que todo o que facía era porque a quería moito.
Co paso do tempo, Elena foi perdendo a alegría, o amor propio e a autoestima... sempre pensando se cada cousa que facía podía enfadar a Ricardo.
Ata que un día Ricardo se enfadou tanto con ela por chegar tarde á súa cita que lle deu unha labazada.
Afortunadamente, aquela labazada foi a que fixo que Elena fora consciente de que non podía permitir que ninguén a anulara como muller, como persoa... e ese mesmo día acudiu á miña consulta de psicoloxía.
De todo isto xa hai moito tempo; foi un camiño duro, moitas bágoas, moitos medos e inseguridades... pero hoxe Elena mira aos ollos da xente, ri, viste a roupa que a ela lle gusta, sae cos amigos... e, sobre todo, é feliz.
Elena soubo saír do pozo onde a metera Ricardo, cortou o xugo con el.
Pero eu non podo evitar pensar que seguramente na vida de Ricardo haberá outra Elena sufrindo e xustificando o seu comportamento.
Por iso, non debemos esquecer:
QUEN BEN CHE QUERE, NON CHE FAI CHORAR.

Texto de MANUEL PAZ LESTEGÁS de 1º BACHARELATO A e lido no acto do 25 N no patio do IES Perdouro

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...