O 20 de decembro de 2018 o curso 4º ESO e 1º BACH B fomos de visita a Sargadelos e a San Cibrao.
Á chegada a Sargadelos, fomos aos restos da antiga fábrica de ferro. Alí encontrámonos co noso guía, Gregorio Campillo, antigo traballador na cerámica de Sargadelos. Contounos a historia do fundador, Antonio Raimundo Ibáñez, o cal foi asasinado o 2 de febreiro de 1809. Explicounos que ata o ano 1830 foron os altos fornos máis grandes de España e que no ano 1798 houbo un motín e a xente de alí destruíu a fábrica siderúrxica. Logo fomos ver a presa e díxonos que subministraba non só a fábrica, senón tamén o lugar. Regresamos e vimos de preto os antigos altos fornos e o antigo mesón. Logo visitamos o Museo Histórico de Sargadelos e alí estaba a nosa segunda guía, Elisa Pérez. Vimos antigos restos de utensilios de ferro e cerámicas e explicounos por que Sargadelos era o sitio perfecto para construír unha fábrica: Ibáñez necesitaba enerxía (que proviña da auga e do carbón), materias primas, comunicación e mans técnicas (viñeron ingleses e alemáns). Tamén dixo que, máis tarde, Sargadelos subministraba enerxía eléctrica para Burela. Ao acabar no museo, encontrámonos co terceiro guía, Manuel Miranda, e fomos ver as ruínas da antiga fábrica de cerámica. Máis tarde, xa marchamos cara a San Cibrao.
Á chegada a San Cibrao os profesores deixáronos tempo libre; logo fomos á praia do Torno e a Cubelas, onde o guía nos deu unha explicación sobre a caza de baleas e a industria da salazón de peixe en San Cibrao. Ao acabar, visitamos o faro e contemplamos as vistas no miradoiro de aves. Logo fomos baixando e vendo onde está o castro, aínda que se atopa soterrado baixo grava para que non se deteriore. Entón vimos o xardín dunha antiga casa, onde había restos arqueolóxicos, e contounos unha anécdota do descubrimento destes (estaban asfaltando a estrada cando o camión encallou; cando o conseguiron sacar, déronse de conta de que había restos arqueolóxicos dunha sauna).
Ao acabar en San Cibrao, marchamos cara ao autobús e saímos para Burela.
Accede à reportaxe fotográfica aquí.
Accede à reportaxe fotográfica aquí.
ADRIÁN FERNÁNDEZ CASAS
4º ESO
Sem comentários:
Enviar um comentário