23.11.19

Crónica da actividade “O túnel do terror”

A mediados de setembro os alumnos de cuarto de ESO recibimos a petición de organizar a decoración do instituto para Samaín. A nosa resposta foi positiva mais sabiamos que tiñamos a posibilidade de facer algo máis especial aínda, unha actividade para que todo o alumnado puidese participar de forma interactiva. Rapidamente surxiu a idea de crear un percorrido ao máis puro estilo das casas encantadas, e puxémonos mans á obra para telo listo para este pasado mércores trinta de outubro.

O primeiro sería buscar un fío argumental, algo que unise as diferentes estancias entre si, e, aproveitando este tema tan de actualidade nas películas de medo, escollemos o do espiritismo e os seus “perigos”. Para isto ideamos tres seccións distintas, unha sala para contactar cos mortos, outra para traelos con nós e a última para que os espíritos fuxiran libres a atormentar aos mortais. A protagonista desta historia sería Amanda, unha rapaza que sufría unha vida chea de problemas e desilusións, o que a leva a suicidarse. O número de salas e o seu tamaño viña dado polo tamaño da aula, neste caso a de Música, pola que tivemos que barallar horarios de forma que interrompese o mínimo posible o ritmo de clases.

Para a primeira sala necesitabamos unha táboa de “ouija” que se fixo grazas á axuda dos alumnos que tamén asistían a Tecnoloxía; para a segunda, un ambiente de ritual cunha estrela “satánica” e un dos esqueletos de Bioloxía e, para a última, diversos actores para asustar as persoas que pasasen. Obviamente, tamén mercamos teas para separar os diferentes corredores do túnel. Sen a axuda dalgúns alumnos e departamentos (como o de Electrónica para iluminación, o de Música para o son e os grupos de FP de Imaxe Persoal para a maquillaxe dos actores) isto non sería posible.

O día da actuación todo o mundo se movía a gran velocidade, facendo malabarismos con maquillaxe, exames, ensaios e montaxe. Porén, conseguimos que todos os cursos da ESO (e algún que outro valente profesor) puidesen gozar da actividade, e todo aconteceu sen maiores incidentes. Aínda que non todo transcorreu como esperabamos, soubemos traballar baixo presión e solucionalo o máis rápido posible.

Ademais, xurdiu a idea de manter o percorrido ata pola noite, de 17:00 a 19:30, cobrando como entrada un prezo de dous euros por persoa, co obxectivo de destinalo a financiar a viaxe de fin de curso de 4º, decisión que foi ben acollida polos visitantes que ata alí se aproximaron.

En conclusión, o balance final poderiamos dicir que foi positivo, xa que aprendemos valores como traballar en equipo para acadar un obxectivo común, funcionar baixo presión, manexar o “papeleo burocrático” necesario para realizar este tipo de actividades e o valor do traballo duro. Na miña opinión, é importante potenciar este tipo de actividades multidisciplinares que enriquecen os nosos coñecementos fóra do ámbito estritamente estudantil.

Alba Geada Bernal - 4º ESO


Algunhas fotográfias aquí.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...