15.4.21

Obradoiro de educación emocional

O martes 23 de marzo, os alumnos e alumnas de 2º e 4º da ESO tivemos unha charla sobre as emocións impartida por Antía Colorado.
Os nosos “defectos” e as nosas virtudes, as etiquetas que se nos impoñen e as opinións alleas son os principais factores que inflúen nas emocións e pensamentos da mocidade. Estes tres temas foron os que tratamos na charla con Antía, a cal tamén nos falou do fracaso escolar e do crecemento como persoas, dende a experiencia propia.
Para empezar, a primeira actividade consistía en presentarnos cunha bóla de lá nas mans e dicindo algo que se nos dera mal; unha vez feito isto, lanzabamos a bóla entre nós e, así, formouse un labirinto de lá e problemas que a simple vista non parecían ter remedio ningún. Pero sempre hai unha solución para cada mal, sobre todo se buscas apoio na xente que te quere e te rodea. Así que continuamos as presentacións dicindo agora algo bo sobre nós mesmos e devolvéndolle a bóla ao compañeiro ou compañeira que nola lanzara; este comentaba en que lle podiamos axudar coa nosa virtude e tamén dicía algo que se lle dera ben, conseguindo así desfacer ese gran enredo.
A segunda actividade foi escribir nun papel un ou dous adxectivos positivos sobre os compañeiros e compañeiras da clase, repartilos entre nós e lelos con tranquilidade.
Cada quen decidía que cualidade o describía e cal non, porque o que diga o resto non debería de influír nos nosos actos, pensamentos ou decisións: a nosa vida é só nosa e ninguén debería poñernos ningunha etiqueta co obxectivo de impedir que gocemos da vida.
Por último, limos varios textos sobre un día na vida dun personaxe chamado Miguel dende o punto de vista das persoas que se atoparan con el; cada fragmento daba unha idea diferente sobre o protagonista e, cando escoitamos a historia dende o seu propio punto de vista, esas ideas non concordaban co que realmente sucedera: as persoas xulgábano só polas súas accións sen coñecer realmente a súa vida. Por iso non debemos xulgar ou criticar a alguén nada máis velo, nunca sabemos que lle sucede nese momento nin todo o que ten detrás.

Laura Rodríguez e Álvaro Mesa - 4º ESO


Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...