23.4.21

Visita virtual ao castro de San Cibrao de Las

“FACEMOS AS MALETAS” PARA VISITAR VIRTUALMENTE O CASTRO DE SAN CIBRAO DE LAS.

O día 13 de abril visitáronos dous técnicos do castro de San Cibrao de Las, Jota e Jorge,  e con eles fixemos o alumnado de 1º e 2º de ESO unha viaxe virtual.
San Cibrao de Las é un dos castros máis grandes de Galicia, de feito tamén se coñece como “ a cidade”, do cal só está escavado unha pequena parte.  Atópase na provincia de Ourense, entre os concellos de Punxín e San Amaro, no cume dunha montaña e próximo ao río Miño. Estivo ocupado arredor duns 400 anos, entre os séculos II a.c e II d.c. e nel  chegaron a vivir unhas 3.000 persoas.
Ao comezar a actividade puxéronos un vídeo, onde catro nenos e nenas ensinaban o castro. Despois o técnico foinos explicando con detalle cada parte. Vimos como era o sistema defensivo do castro, moi avanzado porque contaba con tres murallas, unha delas rematada en forma de pinzas de cangrexo. Tamén nos explicou como eran as casas, que tiñan unha cociña con forma circular na que había unha construción de pedra que era o forno,  e outras habitacións que servirían como dormitorios ou despensas.
O castro tiña catro entradas, seguindo os puntos cardinais, e as rúas principais estaban empedradas. Contaba con dous pozos, situados en distintos lugares, o que lles aseguraba o abastecemento de auga aínda que fosen atacados. No centro do poboado  atopábase un espazo baleiro que se cree que tiña funcións relixiosas.
Tamén nos explicaron como era a relixión dos castrexos e faláronos da deusa Navia, xa que no castro atopouse unha estela co seu nome.
Durante esta visita chamounos a atención o sistema defensivo do castro, as súas crenzas relixiosas, como facían o lume cunha peza de metal e unha pedra de sílex,  a súa forma de vida, como se vestían e adornaban ou o uso que lle daban ao tríscele para espantar os males das casas.
A visita fíxose moi amena porque Jota interactuaba continuamente con nosoutros e ademais trouxo figuras para explicarnos como eran os guerreiros, unha réplica dun puñal de antenas, un tríscele ou un chisqueiro co que fixo lume nun fungo.
Esta actividade pareceunos moi interesante porque descubrimos como era a vida nun castro, aínda que nos houbese gustado  máis visitalo en persoa. Oxalá poidamos facelo o próximo curso!

Alumnado de 1º ESO

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...