27.4.22

Ruta xeolóxica por Burela

O 23 de marzo, o alumnado de 4° ESO e 1° de bacharelato fixemos un roteiro xeolóxico dirixido por Fran Canosa, un xeólogo galego. 

Ao comezo do roteiro, explicounos que, na nosa vila, hai unha Burela granítica e outra non granítica. Comezamos visitando a zona granítica. 

Fomos ata o paseo marítimo. Ao longo deste pódense apreciar diferentes tipos de rochas como o granito, a rocha propia desta zona. Déunos información sobre os seus materiais e ensinounos a distinguilos por cores na propia rocha tendo o cuarzo unha cor agrisada; o feldespato, cor branca e a mica, a súa usual cor negra. Tamén nos paramos a ver distintos modelados que teñen as rochas do paseo. Vimos que moitas delas presentaban pías e acanaladuras sendo estas modeladas pola acción da auga. As pías eran como unha especie de pozas onde se depositaba a auga e as acanaladuras, os desaugadoiros.

Ademais, pódense observar nunha zona do paseo unhas rochas cunha forma máis ou menos redonda que parece case perfecta, formadas no interior da Terra e que, posteriormente, saíron á superficie. Chámaselle Pena do Neno porque a rocha grande semella unha nai que está collendo a un neno, que é a rocha pequena que está enriba. 

Tamén nos atopamos con filóns e diques, que son corpos rochosos que cortan outras rochas nas que se encontran. Segundo a velocidade de arrefriamento dos minerais, poden ser aplitas ou pegmatitas. Preto destes corpos rochosos, atopamos unhas rochas cortadas dunha forma peculiar xa que semellaban unha tableta de chocolate ao estar cortadas en cadrados perfectos que semellaban onzas. 

Xa na Burela non granítica, atopámonos con outras estruturas xeolóxicas. Puidemos observar pregos antiformes (con forma de A) e sinformes (con forma de U); como estaban repregados sobre si mesmos, non puidemos saber cales eran sinclinais e cales eran anticlinais. É importante sinalar que os nosos pregos son un Global Geosite de España, o que quere dicir que é un dos lugares de interese xeolóxico internacional propostos como candidatos a representar o patrimonio xeolóxico. 

Por último, visitamos a praia do Perdouro e nela puidemos observar numerosos cantos rodados, que son fragmentos de rocha puídos e soltos, susceptibles de ser transportados por medios naturais, como as correntes de auga, os corrementos de terra etc. 

Tamén puidemos ver os arcos, que foron resultado das ondas que erosionaron selectivamente a rocha, gastando a maior velocidade a rocha fracturada máis branda e máis elevada. 

Foi unha ruta moi positiva, xa que nos serviu para coñecer máis sobre a xeoloxía presente na nosa vila, que descoñecíamos a pesar de vela case a diario. 

Podes acceder ao álbum das preciosas imaxes desta ruta AQUÍ

Dámari Carballo Dorado - 1º Bacharelato A

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...