O mércores 11 de maio o alumnado de 1º ESO fomos de excursión para visitar varios lugares da Terra Chá, concretamente o castro de Viladonga, a lagoa de Cospeito e a área recreativa da Madalena en Vilalba. Nesta saída acompañáronos tres profesoras: María (de Bioloxía), Carmen Sampedro (de Educación Física) e Carmen Castro ( de Xeografía e Historia).
Saímos do instituto arredor das nove da mañá e durante a nosa viaxe puidemos ver paisaxes fermosas, como as do val de Lourenzá. Tamén vimos un fenómeno meteorolóxico curioso: a inversión térmica.
Despois dunha hora e media de viaxe chegamos ao castro de Viladonga, onde nos esperaban dúas guías que nos conduciron ao interior do museo, onde vimos en primeiro lugar un vídeo explicativo do castro e a historia da súa escavación. Unha vez rematado, dividíronnos en dous grupos para visitar mellor o castro e o museo.
No museo explicáronnos como se facían as escavacións e tamén nos falaron dos diversos obxectos que se atoparon neste castro, como puñais, sachos, ósos de animais, diversos tipos de cerámica, utensilios para cociñar e incluso un xogo que garda certo parecido co xadrez. Vimos tamén unha maqueta do castro e unha infografía na que aparecían, entre outras cousas, un ferreiro e un home sacando a graxa da pel dun animal.
No castro ensináronnos os diversos tipos de vivendas (circulares e rectangulares), o alxibe onde gardaban a auga, a muralla (á que nos deixaron subir), e unha cova misteriosa da que non saben moi ben a súa función, pero que garda no seu interior un estraño musgo que brilla na escuridade. A guía tamén nos explicou outras cousas moi curiosas, como por exemplo que o castro se empezou a escavar a raíz da aparición dun torque, que se enganchou no corno dunha vaca coa que araban a terra, xa que o lugar do castro eran terras de labor.
Rematada a visita ao castro de Viladonga subimos ao autobús e puxemos rumbo á lagoa de Cospeito, onde María, a nosa profesora de Bioloxía, fíxonos de guía. Aquí, ao principio do paseo, vimos uns carteis que informaban da fauna que se atopa neste lugar como raposos, tritóns, ras, peixes ou diferentes tipos de aves.
Na nosa ruta atopamos unhas cabanas altas de madeira, que son observatorios para ver as aves. De cinco en cinco subimos a un deles, dende onde puidemos ver unha vista espectacular da lagoa.
María tamén nos explicou que a lagoa é un lugar pouco contaminado e por iso medran liques nos troncos das árbores. Repasamos con ela cousas que deramos na clase, como a polinización anemófila, as plantas anxiospermas ou os liques, xa que de todo isto tiñamos exemplos á beira do camiño polo que iamos. Ademais logramos ver algunha ra e tamén un niño moi grande dunha cegoña.
A ruta pola lagoa de Cospeito foi moi interesante, pero chegamos cansados ao autobús porque tivemos un día de moita calor.
Dende Cospeito saímos en dirección cara á área recreativa da Madalena, en Vilalba, onde comemos á sombra das árbores que hai neste lugar.
Despois de xantar, tivemos tempo para descansar e as profesoras deixáronnos comprar xeados nunha cafetería.
Para finalizar a xornada, a profesora Carmen Sampedro organizou uns xogos moi divertidos, nos que participou case toda a xente. Dividímonos en grupos de catro ou cinco persoas e, no primeiro xogo, cada un de nos tiña que tirar para un lado e lograr coller un obxecto. No segundo xogo, tiñamos que facer una liña, o máis longa posible, coas cousas que levabamos postas (camisetas, calcetíns, zapatillas...). Rimos moito facendo estes xogos!
Arredor das catro e media, e despois de sacar unha foto de recordo en grupo, saímos de Vilalba cara a Burela, a onde chegamos ás cinco e media.
Foi un día moi especial para nós, xa que despois de dous anos por fin saïamos todos xuntos nunha excursión en autobús. Pasámolo moi ben e oxalá poidamos facer máis saídas deste tipo o próximo curso.
Podedes ver o álbum de fotos AQUÍ.
Alumnado de 1º ESO
Sem comentários:
Enviar um comentário