Saímos do instituto ás oito e media. O primeiro sitio que visitamos foi a Frouxeira, a antiga fortaleza do mariscal Pardo de Cela da que agora só quedan algunhas pedras e as ruínas do que fora o alxibe que proporcionaba auga á fortaleza. Como ben nos explicou o guía, a fortaleza estaba situada nun lugar estratéxico que lles permitía aos seus habitantes defenderse dos inimigos, e o acceso ás ruínas aínda é difícil hoxe en día, para canto máis naquela época cando non había un camiño de subida.
Despois de saír da Frouxeira emprendemos o camiño cara á Basílica de San Martiño de Mondoñedo, que realmente pertence agora ao concello de Foz. A orixe deste nome é que antes ese sitio era coñecido como Mondoñedo, pero ao cambiar a sé diocesana a outro sitio, este pasou a coñecerse como Mondoñedo. O guía explicounos algunhas curiosidades sobre a edificación, como as esculturas que a igrexa presenta na parte que une o tellado e a parede, que simbolizaban a relación dos humanos entre eles, cos animais e coas plantas, e o crismón, símbolo presente no lintel da portada que simboliza que Deus é o comezo e a fin do mundo. Dentro da igrexa puidemos ver as esculturas dos capiteis, que se consideran moi importantes. Nunha época onde a poboación era maioritariamente analfabeta, os artistas tiñan que poñerse a disposición da Igrexa para poder instruír á poboación na fe cristiá, o que facía que os templos fosen unha especie de Biblia en pedra. Ademais, falounos de San Rosendo, un importante bispo da zona. Tamén nos contou a lenda da Fonte da Zapata, que se sitúa a carón do templo. Conta a lenda que un día presentáronse uns discípulos ao bispo, e dixéronlle que non había auga, polo que o bispo saíu e tirou o seu zapato. Do sitio onde caeu o zapato brotou a auga, e ese sitio é hoxe a Fonte da Zapata. Despois tamén visitamos o museo de San Martiño. Posteriormente fomos ao parque situado ao lado do templo onde fixemos un pequeno descanso antes de seguir cara Mondoñedo.
Despois, saímos cara a Mondoñedo e o primeiro que fixemos foi ir á catedral. A catedral tiña un servizo de audioguía que ía por capítulos segundo a sección do templo na que nos atopásemos. A catedral é unha mestura entre o estilo románico e o gótico. A portada da catedral é románica posto que ten arcos de medio punto, e a edificación ten poucas ventás. Porén, ten algunha vidreira, arcos apuntados, bóvedas de crucería e un rosetón. Na catedral de Mondoñedo está o sepulcro de Pardo de Cela.
Ao saír da catedral fomos á fonte próxima e despois fomos á Ponte do Pasatempo, onde se di que Isabel de Castro, casada con Pardo de Cela, foi retida cando intentaba traer o indulto que os Reis Católicos lle outorgaran ao seu marido.
A continuación volvemos á catedral. Houbo xente que decidiu comer noutro sitio da vila e houbo xente que comemos alí diante ou nesa praza. Despois tiñamos ata as tres e media para facer o que quixésemos e fomos andar polas inmediacións ata que acabamos no parque do seminario. De aí fomos para a catedral porque xa era hora de volver.
Esta saída estivo moi ben. Ademais de aprender moitas cousas novas, debido a que pola situación sanitaria levabamos dous anos sen saídas, penso que a viaxe era necesaria. Foi tamén un bo momento para ver cousas que estiveramos estudando na clase previamente, como os estilos arquitectónicos e a historia de Pardo de Cela.
Podedes ver o álbum de imaxes AQUÍ.
Ana Lestao Ben – 2º ESO
Sem comentários:
Enviar um comentário