7.6.23

Pílula sobre Educación Emocional nº 29

Hoxe imos falar do último dos comportamentos que dicía Laurie Santos que xeraban benestar emocional: VIVIR O MOMENTO PRESENTE.

Se poñemos atención no que pensamos, decatarémonos de que a maioría do tempo a nosa mente está ou ben no pasado (cando me dixeron, cando fixen, cando fun a tal sitio, etc...) ou ben no futuro (cando chegue o verán, cando aprobe, cando cumpra 18, mañá tócame facer, etc...) e moi poucas veces estamos no momento presente; e, se nos apuramos, case nunca estamos no minuto presente da nosa vida.

Propóñoche dúas prácticas:

1️⃣  A primeira é moi sinxela: colle unha folla de papel e escribe nela todo o que fixeches desde que abriches os ollos ao espertar hoxe pola mañá; intenta facelo con todo luxo de detalles. 

Seguramente che pase que non sexas capaz de recordar todo o que fixeches porque moitas cousas facémolas en “piloto automático”, é dicir, non poñendo toda a atención no momento de facelas.

Por exemplo, seguro que lembras que te duchaches pola mañá pero, que fixeches primeiro?: lavar o corpo ou a cabeza? que xel usaches? canto xel gastaches? como era a temperatura da auga?... probablemente mentres estabas na ducha “non estabas aí” senón que a túa mente estaba en: “esta mañá teño que…”, “pola tarde quedei con....” Non houbo en ningún caso un “estar no presente” e, polo tanto, desfrutalo.

2️⃣ A segunda práctica tamén é sinxela. Para levala a cabo sigue os seguintes pasos.

Elixe unha actividade do día a día para dedicarlle toda a atención no momento de facela. Cando a realices préstalle toda a túa atención.

Se cando a estás realizando che veñen outros pensamentos, non te frustres, déixaos pasar e volve a pór a atención no que estás facendo.

Ao día seguinte fai o mesmo e todos os días repite a actividade do mesmo modo, con toda a atención posta nela. 

O que estás facendo é o que moitos autores chaman “mindfullness informal”.  

Se o repites día tras día o teu cerebro “vai collendo músculo” e vai aprendendo, de forma automática, a poñer atención no momento presente.

Se poñemos toda a atención no momento presente eliminaremos dous feitos que normalmente son os causantes principais do malestar:
    💫 A rumiación, derivada de pensar de forma recorrente no pasado, de como foron as cousas, de como podía ter sido, etc...
    💫 A ansiedade, derivada de pensar de forma recorrente no futuro, de como van ser as cousas, de que pasará, “e se….”  

Empezar con estas prácticas fará que esteas preparada para cando decidas dar o paso de usar unha gran ferramenta de regulación emocional como é a MEDITACIÓN.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...