9.6.23

Actividades en Viladonga e no Museo Provincial de Lugo

O venres 09 de xuño, o alumnado de 1º de ESO viaxou xunto ás nosas profesores Eva, Sonia e Karina ata o Castro de Viladonga. Alí realizaron un obradoiro sobre o lume, unha visita guiada á croa e unha actividade para descubrir e coñecer a valiosa colección do museo. Foi unha mañá onde o alumnado se mostrou moi participativo e interesado.

A tarde, pasámola no Museo Provincial de Lugo facendo dúas actividades dinamizadoras: "Diversigualdade" e "Rutas literarias". A primeira estivo enfocada a reflexionar sobre a diversidade sexual tomando como referencia distintas obras do museo como retratos, reloxos ou abanos. Na segunda, o alumnado participou nun xogo semellante a unha busca do tesouro, para o cal días antes houbo que realizar a lectura de catro relatos vencellados argumentalmente ao museo. Divididos en catro equipos - un por relatos, o alumnado tivo que resolver una serie de preguntas relacionadas coa historia dun dos catro relatos. Algunhas xa as podían responder cos coñecementos adquiridos coa lectura que fixeran, pero para resolver outras tiveron que visitar distintas salas do museo. Para isto contaron con 40 min ao final dos cales se reuniron todos os equipos para facer unha posta en común e deliberar o podio gañador.

Tratouse de dúas actividades moi distintas coas que sen dúbidas traballamos aspectos como o respecto e a comprensión da diversidade de orientación sexual, o traballo en equipo, o compañeirismo ou a resolución de retos. Finalizamos a xornada, por suposto, coa visita á sala do ouro onde se garda o noso Torques de Burela, un broche perfecto para este día de clase fóra dos muros do centro.

Accede a reportaxe fotográfica AQUÍ

Sonia Rey, profesora de Lingua Castelá


Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...