1.2.19

As matemáticas do século XXI

O martes 15 de xaneiro, os alumnos e alumnas de 4º da ESO e de 1º de BACH recibiron unha charla impartida polo profesor universitario Enrique Macías Virgós. O obxectivo desta era mentalizar os rapaces da gran importancia e saída profesional que teñen as matemáticas neste século XXI.
As matemáticas son unha das materias máis difíciles para o alumnado e quizais unha das que máis se suspende. En realidade, como nos quixo dar a entender Enrique, as matemáticas están presentes en case todos os lugares. Hoxe en día, ter grandes coñecementos desta materia e tamén obter un título equivale a ter traballo, xa que os titulados en Matemáticas non engrosan as listas do paro.
Na charla, o profesor quixo mostrar que, ata o máis aburrido das matemáticas, como poden ser os números primos, triángulos, péndulos ou as curvas, son imprescindibles para a existencia do ser humano.
Por exemplo, comentounos que para encriptar unha mensaxe o que se fai é multiplicar dous números primos enormes para que así ninguén sexa capaz de descifrala. Esta técnica é empregada polos bancos e ningún ordenador é capaz de desencriptar estes números enormes; excepto o computador cuántico que si pode, pero existe un pequeno problema: custa 10 millóns de euros e só o posúen Google e a Nasa.
Con respecto aos triángulos, parece que non serven para nada pero son/foron imprescindibles para a nosa vida. Antigamente para deseñar mapas empregábase o teorema do seno, xa que sabendo os ángulos que facía a costa podíase saber a distancia entre os puntos. Actualmente, a posición GPS tamén se basea neste teorema, e grazas aos triángulos. Aquí, a diferenza é que temos satélites que dan a nosa posición en calquera momento cunha cun fallo duns 10 metros; porén, a posición GPS do exército ten unha precisión duns 10 cm.
Por último, a charla finalizou falando das curvas. As curvas poden parecernos moi aburridas pero empréganse en moitos lugares. Un exemplo poden ser as famosísimas curvas catenarias de Gaudí: grazas a elas podemos observar estruturas impresionantes; isto é porque todas están perfectamente equilibradas polo seu propio peso.

Accede á reportaxe fotográfica aquí. 

LUIS PERNAS - 4º ESO

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...