3.7.26

Maruxía 32 está a piques de ver a luz

O alumnado de 4º da ESO da materia de TIC, capitaneado por Cristovo Balseiro, estivo traballando intensamente nestes últimos días para rematar a maquetación da revista. 
 
O resultado está xa preparado, aínda que a súa presentación e entrega terán lugar á volta das vacacións.
 
Mentres agardamos ese momento, queremos desvelar a portada desta edición, unha magnífica creación de Uxía Oroza Combarro, alumna de 4º da ESO. Parabéns, Uxía, polo teu excelente traballo! 
 
Moi pronto poderedes descubrir todo o contido de Maruxía 32.

Proxecto Neo.15 - Fin do curso 25-26

Un curso de radio cheo de voces, aprendizaxes e experiencias compartidas 

Ao longo do curso 2025-2026, o programa de radio escolar consolidouse como un espazo de aprendizaxe, divulgación e encontro no que alumnado e profesorado tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a realidade que nos rodea a través de entrevistas, reportaxes e seccións elaboradas integramente polo alumnado. 

Desde outubro ata xuño emitíronse un total de 34 programas, nos que participaron máis de 77 persoas convidadas procedentes de ámbitos moi diversos. A lingua e a literatura galegas estiveron moi presentes con programas dedicados ao Día Europeo das Linguas, ao Día da Tradución, ao Día das Escritoras, aos neofalantes, ás Letras Galegas, á toponimia ou ao patrimonio da Mariña. Polos nosos micrófonos pasaron escritoras, investigadores, profesionais da tradución, docentes, representantes da Real Academia Galega e persoas comprometidas coa promoción da nosa lingua e cultura. 

A ciencia tamén ocupou un lugar destacado. Coñecemos o traballo de neurocientíficas, estatísticas, biólogas, investigadoras e divulgadoras. Radio Saúde Burela foi outro dos grandes eixes da tempada. Dedicamos numerosos espazos a promover hábitos de vida saudables e a resolver dúbidas sobre temas como a hixiene postural, a saúde afectivo-sexual, o coidado da pel, a saúde visual, as vacinas, as alerxias, o autismo ou a síndrome de Tourette, contando coa colaboración de médicos, enfermeiras, farmacéuticos, psicólogos, ópticos e outros profesionais sanitarios. 

Ao longo do curso tamén viaxamos a través da historia, da música, do cine, do patrimonio e das tradicións. Achegámonos á historia de Sargadelos, descubrimos Mondoñedo e o patrimonio da Mariña, celebramos os Premios Mestre Mateo, o Día do Libro e o aniversario de CUAC FM, coñecemos diferentes oficios tradicionais e entrevistamos persoas vinculadas ao ámbito educativo, artístico e cultural. 

Como é habitual, cada programa completouse con seccións fixas elaboradas polo alumnado, como A noticia do día, Pílulas das Ciencias, A palabra do mes, O corpo fala, Mulleres na historia, Micro Aberto e outras colaboracións especiais que enriqueceron cada emisión e permitiron ao alumnado desenvolver competencias comunicativas, dixitais e de traballo en equipo. 

O curso rematou cunha programación centrada na oferta educativa do centro, na celebración do 40 aniversario do Hospital Público da Mariña, na Revista Galega de Educación e nun emotivo programa dedicado á xubilación de Neves, poñendo o broche final a unha tempada intensa e chea de aprendizaxes. 

Neste curso, o equipo da radio escolar seguiu medrando coa incorporación de novo alumnado e profesorado. Nas sesións da tarde sumáronse estudantes de 1º e 2º da ESO: Xabi, Eloi, Eric, Eneko, Gael, Nadia, Carla, Dylan e Hugo, que participaron activamente na elaboración dos programas. 

Pola súa banda, nas gravacións das mañás colaborou alumnado de PDC, Oratoria, Anatomía Aplicada e dos ciclos de Formación Profesional Básica, de grao medio e de grao superior da familia profesional de Administración, contribuíndo especialmente á preparación e realización das entrevistas. 

O equipo docente tamén se ampliou coa incorporación de María, Yoni e Dani, cuxa participación reforzou a organización e o desenvolvemento do proxecto radiofónico ao longo do curso. 

Grazas ao compromiso do alumnado, do profesorado responsable, de Lucía Rivas, a nosa fotógrafa, e de todas as persoas convidadas que aceptaron compartir o seu tempo e os seus coñecementos cos nosos micrófonos, Proxecto Neo continúa consolidándose como un proxecto educativo de referencia, aberto á comunidade e comprometido coa nosa lingua, a divulgación, a cultura e a educación.

Karina Parga Chao

 

Rematamos a 15ª edición de Proxecto Neo cun xantar de confraternidade entre os integrantes de Masa Coral Modelo Burela. 

Aquí están as fotos da entrega de diplomas aos colaboradores de Proxecto Neo 25-26. (faltan o alumnado de Anatomía e dos ciclos)

Premio Aulas limpas: visita ás illas Cíes para o grupo gañador


O martes 30 de xuño o grupo de 3º ESO A visitou as illas Cíes como premio por gañar o concurso Aulas limpas, que se desenvolve durante todo o curso. 

A súa iniciativa de propoñer esta viaxe a un espazo protexido, como é un Parque Nacional, pareceunos moi axeitada e iniciamos os preparativos para a visita. Para entrar nas illas cómpre ter unha autorización da Xunta de Galicia, a cal é nomitativa, polo que teñen que constar, a nivel individual, os datos de cada persoa que quere ir ás Cíes. Sen estes permisos nin sequera se poden comprar os billetes do barco que realiza o transporte de viaxeiros. 

Chegar ao porto de Vigo leva 3 horas desde Burela. Cando chegamos alí, o tempo era espléndido, aínda que na Mariña, e en gran parte do traxecto, estivo nubrado. 

O percorrido no barco dura uns 45 minutos e, malia que non o parecía, ía vento e o catamarán movíase bastante sobre as ondas, xusto antes de chegar á illa. Desembarcamos e comezamos a nosa ruta guiados por Daniel Irimia, profesor de Bioloxía e Xeoloxía. O camiño iníciase na illa Norte ou de Monteagudo, que é a onde chega o barco de pasaxeiros e de aí partimos, pasando polo espigón, a lagoa e a praia para dirixirnos ao faro, xa na illa do Medio ou do Faro. Chegamos ata o Faro da Porta, pero como a mediodía as temperaturas xa eran moi altas, decidimos volver cara á praia de Rodas, tamén debido a que a marea xa estaba subindo e despois podía ser difícil atravesar o espigón e bordear a lagoa. 

Daniel foinos explicando datos sobre a fauna e flora da illa. Desde o barco vimos golfiños e xa na illa observamos peixes besta ("ballesta"), badeixas, muxes...; distintos tipos de algas, plantas e aves. É incrible o atrevidas que son as gaivotas nas Cíes. Mentres estabamos na praia, foron capaces de abrir a cremalleira dalgunha mochila e sacar unha friameira con comida do seu interior. Ademais, atrevéronse con algunha prenda de roupa e algunha toalla. Está prohibido darlles de comer. Do contrario, collen aínda máis confianza e xa non as quitas de riba. Pero todo isto, ao final, fíxonos rir e foron anécdotas que levamos para contar. 

Chegou o momento da viaxe de volta, despois de coñecer un espazo protexido e dunha agradable tarde de praia. Embarcamos rumbo a Vigo, onde nos esperaba o noso querido condutor, José Luis, para coller o autobús. Aínda quedaban varias horas para chegar a Burela.

Desde a organización de Aulas limpas, estamos moi satisfeitos da constancia que demostrastes vós e todos os grupos que estiveron tamén a moi bo nivel para manter as aulas máis limpas e ordenadas. O instituto é, durante bastantes horas ao día, o lugar no que traballades e convivides e vós sodes quen o podedes facer un espazo agradable. A orde e a limpeza tamén axudan ao benestar. 

Moitos parabéns!

Podedes acceder a máis imaxes AQUÍ.

Miruca Parga Valiña - Vicedirectora


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...