12.2.20

"Isto é pop" de Javier Becerra

A historia do pop 

Javier Becerra iniciouse no periodismo musical nos primeiros noventa editando o fanzine Feedback e foi colaborador das revistas Ruta 66, Sónica e Vibraciones Pop, entre outras. No 2001 foi un dos dos impulsores de www.feedback-zine.com, un dos primeiros portales web dedicados á cultura pop de España.
Desde o 2007 traballa en La Voz de Galicia. É redactor da sección de “Sociedad y Cultura”. Tamén é sinatura habitual no suplemento Fugas e comentarista musical en Radio Voz e VTelevisión.
No 2014 publicou o libro “Los Skizos, electricidad a contracorriente”, biografía do grupo coruñés de garage-rock. No 2017 coordinou a colección de CD-libros “Pop Rock en Galicia” de La Voz de Galicia.
Ademais, foi discjockey e coordina na Coruña o ciclo Los conciertos de Retroalimentación, programando mensualmente dende o 2012 concertos de bandas do ámbito independente galego no circuito de salas na cidade.
En xuño de 2019 editou “¡Esto es pop!”, un libro para nenos no que se repasa a historia da música popular desde Elvis Presley ata Beyoncé e que foi presentado nos principais festivais galegos.
O pasado día  21 de xaneiro, estivo na biblioteca do IES Perdouro para falar do seu libro e da súa selección de música pop.

A HISTORIA DO POP por Javier Becerra 

Antes de que surxira a música pop, ó redor do anos 50, había un estilo de música diferente, e cantantes destacados como Frank Sinatra ou estilos como o jazz. Mais a xuventude quería un cambio no estilo de música, aínda que a xente maior tivera medo ós cambios.
Entón, nos anos 50 é cando aparece o rock and roll. Unha das figuras máis destacables foi Elvis Presley, o rei do rock and roll. O seu movemento de pernas era moi provocativo. Frank Sinatra dicía que a súa popularidade duraría 3 meses.
En Inglaterra aparecen Os Beatles. Ensínanlle a berrar ó seu público. As mulleres entraban nunha situación de histeria colectiva. O grupo transmitía alegría, sensación de liberdade e pensaban que todo se podía solucionar con amor.
Outro grupo importante foron os Rolling Stones, cuxo cantante é Mick Jagger. Un dos seus míticos temas foi “Satisfaction”. Este grupo fala da sensación de sentirse mal sen saber o porqué.
Nese momento, comezou a 2ª Guerra Mundial, o que supuxo unha ruptura total de xeración. E apareceron grupos como os Who, que pensaban que preferían morrer antes de envellecer. Acostumaban a romper a guitarra ó final dos concertos, simbolizando a autodestrución.
Nos EEUU destaca James Brown. É fundamental para os movementos civís. Canta con alma e baila moi ben, pero foi Aretha Franklin, unha marabillosa voz da música pop quen marcou un fito cantando “Respect”: foi unha reivindicación feminista cando aínda existía segregación racial.
Tamén nesa época nace a psicodelia cos seus efectos estraños.
Outro cantante que aparece nos 60 foi David Bowie. Crea o glam rock. Non se sabe se é home, muller ou extraterrestre. Era como un camaleón tendo diversas facetas. Faleceu hai 4 anos e fans de todas as idades fixéronlle unha homenaxe saindo á rúa cantar os seus temas. Outros grupos que destacaron foron AC/DC, Queen...
Tamén nace o pop electrónico con Kraftwerk que canta “We are a robot”, vestidos de robots e logo xa son directamente uns robots os que saen ao escenario nos concertos e moven as súas bocas como se cantaran mentres que o grupo pon a súa voz.
Coa grande crise sufrida en Inglaterra nace o punk. Querían ser feos e desagradar a todo o mundo. Cantaban como se emitiran ruxidos. O grupo Sex Pistols, por exemplo, foi cantar enfronte dunha festa que daba a raíña de Inglaterra meténdose coa monarquía.
Influenciado por James Brown, aparece Michael Jackson. Nese momento converteuse no rei do pop. Con “Thriller” asombrou ao mundo enteiro e tamén coa súa forma de bailar, destacando o seu paso no que se desliza cara atrás, o “moonwalk”. Era sobre o ano 1983 e converteuse nun dos cantantes máis famosos da historia. Millóns de persoas de todo o mundo viron abraiadas o seu videoclip na televisión ese Nadal.
Madonna tamén causou moito impacto. Mostraba unha actitude de que facía o que lle daba a gana, segura de si mesma e moi inspiradora.
Como figuras femininas destacan actualmente Beyoncé e Adèle. Beyoncé é unha das mulleres máis poderosas dentro da música actual. Un dato curioso por novidoso é que na edición dos Grammy na que estas dúas mulleres se disputaban o premio, Adèle foi a gañadora e dedicou practicamente todo o seu discurso a eloxiar a Beyoncé, algo inaudito ata o momento.

IAGO MON. 2º ESO B

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...