5.10.23

Semana Europea da Mobilidade

O mércores día 20 de setembro o alumnado de 1º da ESO asistiu a unha charla de José Ramón López sobre Educación Vial. Este axente da garda civil de tráfico explicounos como temos que comportarnos como peóns, como condutores de bicicleta e como usuarios de patinete. 

Os peóns sempre teñen preferencia porque son os máis vulnerables. Sempre hai que cruzar polos pasos de peóns e mirar tres veces para os lados. Nunca se pode cruzar se non se ten visibilidade. 

Na bicicleta é obrigatorio o uso do casco se es menor de 16 anos. No caso de que non o leves, a sanción é de 200 € ou 100 € se o pagas pronto. Débense sinalizar as manobras co brazo. Debemos circular sempre moi pegados á dereita. Non se poden levar acompañantes na bicicleta a non ser que se trate de menores de sete anos e nun asento homologado. 

As bicicletas deben levar unha luz branca diante e unha vermella detrás cando non haxa visibilidade e o condutor debe levar un chaleco reflectante. Os usuarios de bicicleta teñen que dar 0,00 nos controis de alcoholemia e circular pola calzada. Se se soben á beirarrúa, convértense en peóns e teñen que ir baixados da bicicleta. 

O axente da garda civil tamén nos falou dos distintos tipos de patinetes aos que denominou Vehículos de Mobilidade Persoal. A súa velocidade máxima é 25 Km/h. Os que circulen a máis velocidade son ilegais sen permiso de condución de ciclomotores. Todos os patinetes eléctricos teñen unha placa lateral que indica a súa velocidade máxima. Nos vehículos de mobilidade persoal tamén é obrigatorio o casco e non poden saír das vías interurbanas. 

Isto foi o que aprendemos na Semana Europea da Mobilidade. 

Podedes acceder ás imaxes AQUÍ

Equipo de redacción: Reforzo 1º ESO AB e Aleixo Fernández Maseda - 3º ESO A

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...