6.6.13

Obradoiro de Saúde destinado ao alumnado de 3º ESO

Voluntarias da Cruz Vermella de Burela remataron de impartir uns obradoiros sobre Saúde

No marco do seu programa de educación para a saúde, voluntarias da Cruz Vermella de Burela remataron de impartir uns obradoiros sobre Saúde dirixidos aos estudantes de 3º de ESO. Foron cinco as sesións nas que Cruz Vermella sensibilizou aos mozos a todos aqueles problemas que máis lles afectan co obxetivo de fomentar o desenvolvemento de hábitos e condutas sás e equilibradas que melloren a calidade de vida dos rapaces, como parte do seu desenvolvemento integral, e estimular cambios atitudinais diante problemas de discriminación social.  Ademais nas intervencións traballouse sobre todo o concepto de saúde, o uso de métodos anticonceptivos, a adición ás drogas, os trastornos na conduta alimentaria e a autoestima.

5.6.13

2º ESO - Ruta da enerxía

Con galo do día do medioambiente, o alumnado de 2º de ESO participou na ruta da enerxía, actividade deseñada por Fausto, o seu profesor de Ciencias Naturais. Viaxaron primeiramente ata As Pontes para realizar unha visita guíada pola central térmica onde lles explicaron a seu funcionamento. E remataron a ruta da enerxía visitando a planta regasificadora de Reganosa de Mugardos.
Gozaron dun día moi completiño!


Alumnos de 1º de Bach nas Covas do Rei Cintolo de Mondoñedo

Expedición á cavidade cárstica máis importante de Galicia: as Covas do Rei Cintolo de Mondoñedo

Coincidindo co día mundial do medioambiente, un grupo de alumnos de 1º de Bacharelato do IES Perdouro de Burela acompañados por Monste Freire, a súa profesora de Bioloxía, desprázouse ata Mondoñedo co propósito de ampliar o seu coñecemento en materia de Xeoloxía na Cova do Rei Cintolo, o maoir complexo cárstico de Galicia, con máis de 6.500 metros de galerías. Alí realizaron un percorrido en forma de U sobre un tramo de uns 300 metros. Son dúas galerías paralelas e unha baixada pronunciada que leva á sala de choivas.

Da man de Abel Vigo, o arqueólogo municipal, o alumnado descubriu o encanto que encerra este tesouro da xeoloxía galega. O guía explicoulles o gran número de formacións cársticas que se ven dentro: estalactitas, estalagmitas, columnas, coladas, bandeiras, o ollo de fechadura entre outras asi como o seu lago.

Logo de dúas horas de exploración, os rapaces quedaron encantados coa visita que lles permitiu concienciarse do perigo que corre o deterioro do medio cárstico en Galicia e sensibilizarse pola conservación deste medio.


A cavidade é obxecto de distintas lendas como, por exemplo, a que lle da nome á cova. Esta lenda conta que o Rei Cintolo, dono e señor do Val de Brea, tiña unha fermosa filla chamada Xila, que estaba namorada dun conde. Pero un bruxo estaba celeso dese amor e sepultou o reino de Cintolo no interior da terra. Segundo a lenda, a fermosa princesa aínda espera que un cabaleiro valente a volva á vida.

Fotos da Cova por Pepa Losada.

4.6.13

Día das artes plásticas

Día 4 de xuño, celebramos o DÍA DAS ARTES PLÁSTICAS NA ESCOLA, iniciativa que veu a luz no CEIP de Cervo o ano pasado co galo do aniversario de Seoane.
Este ano sumámonos á iniciativa deseñando un itinerario artístico polo recinto escolar onde se pode apreciar obras realizadas polo alumnado do centro.
Como di María de Cervo, "estades todos convidados a celebrar con nós este gran día en apoio á arte galega!"

30.5.13

Campaña de prevencións de lesións medulares - 4º ESO

O alumnado de 4º da ESO asistiu hoxe na biblioteca a unha charla impartida pola Confederación Galega de Minusválidos de Lugo COGAMI-LUGO

Cada ano miles de persoas morren e máis de 40000 quedan con lesións irreversibles (lesións medulares – traumatismo craneoencefálico) como consecuencia de accidentes de tráfico, laborais, deportivos, domésticos e agresións. Tódolos días podemos observar como os novos rapaces (sobretodo entre 16 e 25 anos) son os fatais protagonistas en accidentes de tráfico e deportivos, que poderían ser facilmente evitados se se cumpriran unhas mínimas medidas de precaución. 

Por este motivo, dende o centro IES Perdouro, queremos sensibilizar con esta campaña informativa da COGAMI-LUGO, os rapaces que son en definitiva as persoas máis vulnerables neste tipo de sucesos,  coa fin de que poidan evitar estas situacións.

Testemuña en vivo: Ángel con discapacidade debido a unha lesión medular explicoulles aos alumnos as consecuencias dun accidente así como as medidas de precaución para evitalo.



28.5.13

A nosa revista Maruxía nº 19 en plena maquetación

Estes días o equipo de alumnos TIC de 1º de Bac. estivo traballando activamente baixo a coordinación de José Luis e Miruca no deseño da revista nº 19 de Maruxía. Están ultimando a maquetación para poder dala a coñecer dentro de moi pouco. 

27.5.13

Recital de Silvia Rozas

Silvia Rozas Ramallal, alumna de 3º ESO, participou nun recital de música clásica que se celebrou na Igresa da Vila do Medio de Burela o pasado domingo 26 de maio. Esta frautista burelesa de 14 anos leva dende oito estudando frauta. Estivo acompañada no concerto por Israel Arranz no vibrafóno e Silvia Amigo no piano. Interpretaron pezas como Partita (J.S.Bach), Danza de la cabra (Honneger), Sonata en Mib BWV 1031 (J.S.Bach), Méditation (J. Masennet) e Píese (J. Ibert).



24.5.13

Visita de Nicola Bermingham

A INTEGRACIÓN SOCIAL NA MARIÑA TEMA CENTRAL DUNHA TESE DE DOUTORAMENTO FEITA POR UNHA PROFESORA IRLANDESA

A investigadora xa fixo a súa tese de licenciatura sobre a obra de Rosalía de Castro

No inicio do período democrático (1978), fíxose máis fluída a circulación de traballadores procedentes doutros países. Deixamos de exportar man de obra para pasar a reter persoas con boa formación profesional e incluso para demandar cadros técnicos moi necesarios para a implantación de novas empresas. Nese proceso, á nosa terra chegaron persoas procedentes dos Estados Unidos, de Francia, Alemaña, Holanda e os países británicos. Viñeron para Alúmina, para Citröen e tamén para empresas pequenas e medianas que necesitaban persoal cualificado para botar a andar a mecanización.

En moitos casos, eran xente moi nova, que aínda non tiña un traballo estábel no seu país. Chegaron aquí, gañaron diñeiro, gozaron dun bon nivel de vida, tiveron os primeiros fillos... e, tan pronto como puideron, retornaron á súa terra para asentárense en traballos fixos.

Quen sabe moito disto é a irlandesa Nicola Bermingham (Vigo; 1988), está estes días na Mariña en pleno proceso de investigación para a súa tese de doutoramento. Esta moza -con tan só 24 anos profesora da máis prestixiosa universidade escocesa- retorna á comunidade en que naceu e da que marchou hai 15 anos, cando seus pais conseguiron praza laboral no seu país de orixe.

Despois deste tempo, que quedou nela do período que pasou na escola infantil de Vigo? Algo si. Desde logo, quedaron máis vivencias das aulas e do patio do Colexio Público García Barbón, onde estivo entre os 6 e os 10 anos. A nosa terra deixou pegada suficiente como para que, xa licenciada, decidise dedicar a súa tese de licenciatura ao estudo da obra de Rosalía de Castro, traballo que realizou en Dublín baixo a dirección dunha profesora orixinaria de Cataluña.

Mais ese mergullo na obra de Rosalía, de quen celebramos o 150º aniversario da publicación da súa primeira obra en galego, foi só un comezo. Agora prepara a tese de doutoramento sobre a nosa terra como lugar de acollida, con boas condicións para a integración. Faino en Burela, onde traballa da mañá á noite. Quere aproveitar ben as dúas semanas que estará entre nós (do día 18 ao 30 de maio).

Nicola érguese pola mañá e asiste en calidade de observadora a algunhas sesións docentes, onde haxa alumnado de procedencias diversas. Nas horas libres fala coa profesora Rosa Febrero, especialista en abrir a porta aos nenos e nenas procedentes doutros países e especialista tamén en buscar oportunidades para os autóctonos que presentan riscos de exclusión social. Son conversas case unilaterais: Nicola pregunta e Rosa responde.

Nos recreos a profesora irlandesa pasea polo patio na compaña dos estudantes. Fixo especial amizade en 4º de ESO. Os músicos acompáñana moi contentos, porque ela é integrante da Orquestra da Universidade en que traballa. Toca a viola. Mais nos recreos pasea e observa. Non quere profesorado consigo.

Despois das 11 visita Burela coa compaña da súa cámara de fotos, que utiliza frecuentemente para recoller textos escritos (anuncios, letreiros comerciais, bandos, publicidades, cartaces de feiras e festas...). Nalgunhas ocasións solicita a colaboración de Matías Nicieza, quen lle fixo de Cicerone no cemiterio parroquial para mostrarlle unha panorámica dos textos das lápidas xustamente cando se cumpre o centenario do recinto (1912-2013). De novo Nicola pregunta e, neste caso, Nicieza responde: cal foi a primeira que se redactou en galego, cales foron as seguintes e que ano, quen son as familias que as encargaron e en que obradoiro foron feitas.

En momentos perdidos Nicola redacta no seu caderno e polas tardes pasa a limpo no ordenador. De cando en cando, pregunta pola colocación do pronome átono, pide palabras específicas para plasmar determinados contidos ou confirma se son acertadas as súas reflexións sobre os paralelismos e as diverxencias das gramáticas galega e castelá.

Que sabemos dela? Que é máis de lingua que de literatura; que lle gusta a obra de Rosalía; que explica moi ben a cultura do seu país... Mais estamos seguros de que no seu caderno de notas hai percepcións gorentosas.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...