O mércores 25 de marzo os alumnos e alumnas de 4º ESO fomos de ruta xeolóxica pola nosa localidade, por Burela, acompañados das profesoras de Bioloxía, Alba e Charo, e un guía chamado Fran Canosa, que nos deu fantásticas explicacións en cada unha das paradas que fixemos ao longo da mañá.
A primeira ruta a pé saía dende o Instituto e chegaba ata a praia da Marosa, onde, á parte das queixas polo frío e polo vento que se prolongaron ao longo da mañá, tamén se escoitaron as explicacións que o guía ofreceu.
Burela, a pesar do seu reducido tamaño, é unha zona de gran interese xeolóxico a nivel internacional pola gran variedade de materiais que presenta (rochas metamórficas e graníticas) e polas estruturas xeolóxicas que se poden atopar; ao redor de 600 persoas cada ano visitan Burela interesadas pola xeoloxía da vila.
Despois, entre a praia da Marosa e a praia de Ril, fomos ver unhas estruturas rochosas chamadas “tableta de chocolate”, nome un tanto peculiar pero que acerta totalmente coa forma das rochas. Tamén nese lugar, vimos unha liña de cuarzo producida polo enfriamento de auga quente, algo que nos causou bastante impresión.
Xa chegando á zona da praia de Ril, encontramos os chamados “bolos”, unhas estruturas rochosas grandes que se formaron pola erosión, non no exterior senón no interior da terra por distintos procesos xeolóxicos que tiveron lugar, tales como a formación de fallas. Sobre esta estrutura, tamén observamos as chamadas “pías”, afundimentos na parte superior da rocha que se formaron pola erosión da auga.
Na seguinte parada chegamos ata Castrelo e o Perdouro, onde se alzan unha serie de rochas erosionadas con pregamentos (deformacións causadas por esforzos de compresión). Estas rochas, sorprendentemente, foron capas de fango e area que se transformaron en lousa e cuarzo a causa da presión e a temperatura. A partir de aquí o granito é inexistente ata Gran Bretaña.
A seguinte parte da ruta, que discorreu polo Cantiño, foi a que máis queixas provocou por parte do alumnado ao ter que pasar por unha zona rodeada de rochas esvaradías a causa da auga e das algas. Pero, ao final mereceu a pena: vimos os arcos, resultado da erosión do mar e o vento nas rochas, rodeados polo mar; foi unha imaxe moi fermosa.
Acceda á reportaxe fotográfica aquí.
Acceda á reportaxe fotográfica aquí.
YANISS DOS SANTOS MÉNDEZ
4º ESO
Sem comentários:
Enviar um comentário