Os pasados 11 e 12 de novembro, os alumnos de 4° ESO realizamos unha ruta por Burela na que aprendemos moitas cousas sobre a natureza xeolóxica da nosa vila, pero cun tempo adverso.
Saímos do IES Perdouro ás 8:30h e chegamos á antiga praia do Castrelo, onde nos ensinaron unha táboa cronoestratigráfica para ensinarnos as distintas etapas de formación e evolución do noso planeta. Fran Canosa, o noso guía explicounos tamén como subducían as placas. Tamén nos demostrou que as rochas van cambiando (cada vez son máis modernas) e vimos un mapa xeolóxico de Galicia, no que puidemos comprobar que, xusto naquel punto, Burela estaba dividida en dúas cores ou materiais.
A continuación, andamos un pouco ata ver uns pregos nunha cuarcita que recibira calor e sufrira presións que finalmente a deformaron. O guía falounos de anticlinais e sinclinais, de diferentes tipoloxías de rochas e do seu proceso de formación. Díxonos que Burela era un geosite a nivel científico (un espazo de interese xeológico a nivel internacional). Continuamos andando ata a praia na que se atopa a Igrexa do Coedo e vimos anticlinais, charnelas, flancos (onde se atopaban os materiais modernos e antigos) dos ripples (coas súas liñas paralelas e, no medio, cortantes).
Despois, fíxonos unha demostración co seixo e a cuarcita e a continuación tocaría ir andando ata a praia da Marosa, parando en diversos lugares como o Cabo Burela, onde nos ensinou a diferenciar os materiais do granito polas súas cores (seixo, feldespato e mica). A pesar da choiva, seguimos camiñando e, cando por fin chegamos á praia de Ril, observamos a evolución dun macizo granítico. Quedamos todos abraiados cando nos contou que algúns minerais se empregan na tecnoloxía.
Na última parada do día, xa na praia da Marosa, observamos o desprazamento das rochas, comparando este proceso cunha tableta de chocolate.
Na miña opinión, foi interesante aprender cousas sobre as rochas da miña vila, pero todos quedamos cansadísimos e empapados!
Paula Enríquez Barcia - 4°ESO A
Sem comentários:
Enviar um comentário