1.12.19

Visita formativa do alumnado de Administración

O pasado 19 de novembro, os alumnos do Ciclo Medio de Xestión Administrativa e Ciclo Superior de Administración e Finanzas, saímos pola mañá cara a Narón. Iamos visitar a sede central de Pull and Bear. 

Cando chegamos, explicáronnos que alí se distribuía toda a roupa de muller para todo o mundo! O mesmo proceso da de home, faise desde a central de Madrid, pero que eles tamén recibían as devolucións, fosen de home ou de muller. Unha das partes que máis nos gustou foi ver como se organizaban e transportaban os paquetes mediante cintas transportadoras e como detectaban os posibles fallos que podían ter as caixas. Unha empregada explicounos o funcionamento dun robot que acababan de instalar e levounos a unha zona de almacén onde tiñan unha especie de guindastres que gardaban as caixas en estanterías enormes a unha velocidade incrible.
A mesma empregada explicounos como a empresa estaba concienciada coa reciclaxe e a Responsabilidade Social Corporativa.
Despois de ver o almacén, visitamos as oficinas centrais. Vimos toda a parte administrativa, modelos con roupa das futuras campañas, as salas de reunión que utilizan cos seus provedores... Visitamos tamén as áreas de descanso dos traballadores así como unha réplica da tenda de Pull and Bear a tamaño real, onde colocan os produtos de xeito adecuado para que despois en todas as tendas da cadea teñan a mesma imaxe corporativa.
Ao finalizar a visita, e despois de dedicarnos máis de dúas horas do seu tempo, fixéronnos un  obsequio que trouxemos encantados con nós.
Pola tarde, fomos cara a Santiago de Compostela, para ver a sede central do Parlamento de Galicia. Alí, despois de pasar un control como nos aeroportos, recibiunos a persoa encargada do noso grupo e foinos ensinando todo o Parlamento por dentro. A través dun par de vídeos, puidemos ver a construción e deseño do Parlamento. Visitamos tamén a súa biblioteca e vimos a cantidade de obras de arte que dentro están albergadas. Puidemos asistir desde a tribuna de público a unha sesión no hemiciclo, onde se discutía unha proposta de lei sobre a violencia de xénero e incluso o presidente do Parlamento, D. Miguel Santalices Vieira, saudou os alumnos do IES Perdouro. Foi moi interesante de ver xa que cousas que a diario vemos na televisión, ese día puidemos velas en directo.
Foi un día completo e ambas as dúas visitas foron de interese para a nosa formación.

Alumnado dos ciclos de Administración.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...