14.1.20

Día da ciencia en galego:Scape Game

O día 28 de novembro de 2019 os alumnos e alumnas de 3º da ESO do IES Perdouro levamos a cabo un scape game no que tiñamos que buscar un antídoto para salvar o mundo dun virus letal.
Un scape game é un xogo onde a lóxica e o enxeño son imprescindibles para resolver as pistas dos diferentes retos e poder acabar a proba con éxito. Moitas das pistas viñan cifradas empregando os números dos elementos da táboa periódica de Mendeléiev.
Neste caso, o xogo foi desenvolvido nas diferentes instalacións do centro ao longo da mañá e dividímonos en cinco equipos. Cada equipo tiñamos unha cor identificativa que homenaxeaba unha madriña de excepción: María Wonenburger, Ángela Ruíz Robles, Isabel Zendal, Ángeles Alvariño, e Margarita Salas finada o pasado 7 de novembro de 2019.
As probas que tivemos que superar consistiron en:
- Na actividade de Matemáticas tivemos que resolver unhas ecuacións que, como resultado, daban os números de aulas ás que tiñamos que ir.
- En Bioloxía tivemos que completar un encrucillado de conceptos de xeoloxía e bioloxía, e resolver un enigma sobre xeomorfoloxía.
- En Mecanizado tivemos que medir un cilindro de aluminio empregando un calibre e calcular o seu volume. Unha vez calculado o volume, dábannos o número de clase á que nos debiamos dirixir.
- En Tecnoloxía tivemos que poñer o acotado, perfil e planta dunhas figuras e acudir á seguinte aula grazas a uns códigos QR.
- En Física e Química desciframos uns xeroglíficos sobre a táboa periódica e construímos unhas moléculas empregando átomos de carbono, oxíxeno e hidróxeno.
- En Robótica colocamos uns cables nunha placa protoboard e aparecía unha mensaxe nunha pantalla led.
Ao final, as pistas leváronnos ata biblioteca. Os cinco equipos tiñamos que xuntar os obxectos, planos, pistas que conseguimos ao longo de cada proba para conseguir descifrar o enigma final e así atopar a palabra clave para abrir un críptex e salvar o mundo.
A intención deste scape game era aprender xogando. Eu considero que facer máis actividades coma esta ou con esta dinámica axudaría á mellora da aprendizaxe.
Accede á reportaxe fotográfica aquí.

Mateo Balseiro – 3º ESO B

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...