19.1.20

Presentación do libro "Navegando a bordo do San Lorenzo de Foz"

Antón Niñe naceu no concello de Barreiros en 1958. Foi durante moitos anos profesor de Relixión no IES Perdouro de Burela, tamén é autor de libros e foi presidente da A.C. Os Matos de Burela.
En outubro publicou un libro titulado Navegando a bordo do San Lorenzo de Foz. O seu libro ten 5 capítulos e conta a historia dun barco de cabotaxe. Dedicou varios anos a investigar nos arquivos do barco, nas bibliotecas e a falar cos tripulantes. Escribiu este libro para gardar a memoria do barco, de seu pai (que foi patrón do mesmo) e dar a coñecer desta embarcación.
O barco foi construído en 1944 nun estaleiro de Asturias e despezárono en 1965. Navegou 21 anos, 19 deles seu pai estivo a bordo, 4 de mariñeiro e 15 de patrón. Como era un barco de cabotaxe transportaba moitos tipos de mercadorías como madeira ou cemento. O barco levaba 9 tripulantes entre o patrón, o fogoneiro, o cociñeiro e os mariñeiros.
Seu pai, que se chama Eugenio, naceu en 1923 (agora ten 96 anos) e empezou a ir ao mar aos 18 anos (no ano 1941). Encantáballe ir ao mar e nunca pensou en deixar de ser mariñeiro. Estivo en dous tipos de barcos: nos de cabotaxe e nos pesqueiros, ainda que lle gusta máis a cabotaxe.
A primeira viaxe que fixo o San Lorenzo foi de Viveiro a Xixón e as máis longas foron a Sevilla e Huelva (Andalucía) e a Hendaya (Francia). Este barco saíu nas noticias varias veces e ten algunhas anécdotas interesantes. Salvou a tripulación do barco Rosalina en 1960, antes de que este se fora a pique. Tamén axudou a salvar outro barco sacando a carga das bodegas para que flotara.
Outras anécdotas son que en 1944 entrou ao porto de Foz de popa, porque non podía facelo de proa, seguramente polo pouco calado. Noutra ocasión, cando facían o atraque nun porto, un tripulante empezou a tocar a gaita e moita xente estivo acompañando ao barco ata que atracou. Tamén estivo a punto de afundir ao perder o temón nun temporal. Menos mal que outra embarcación conseguiu remolcalo ata Xixón.
Para pasar o tempo de lecer saían dar paseos, tomaban algo, lían novelas, escoitaban música, tocaban a gaita e, ás veces, un futbolista que coñecían, Xesús Ares, dáballes entradas para ir ver partidos de fútbol nos portos de destino, se el xogaba.
Foi unha charla interesante sobre a vida a bordo dun barco.
Accede ao albúm fotográfico aquí. 

Paula Rodil Lamas – 2º ESO B (19/11/19)

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...