Na chegada do alumnado do IES Perdouro ao edificio da Fundación TIC, localizada na localidade de Lugo, fomos recibidos por Laura, docente da escola, que nos presentou as instalacións por medio dun vídeo que recollía os lugares que iamos percorrer, como tamén os ciclos formativos que se podían cursar.
Na primeira sala, mostráronnos o plató, de grandes dimensións, onde se gravan as reportaxes, actuacións e telediarios. Un gran teito, con diversos focos que o acompañan, son esenciais para que as noticias que se gravan non teñan ningún problema de son ou de iluminación. Por outra parte, a existencia dos prompters, que son unhas pantallas nas que aparece o texto que o presentador debe ler, axudan a que este non se esqueza con facilidade do guión. Nalgún caso, axúdase dun pedal que regula a velocidade para ler o texto con maior ou menor rapidez.
Na segunda sala, explicáronnos que tipos de procesos son levados a cabo para controlar o son e a imaxe. A estancia está dividida por un tabique de vidro que separa o control de imaxe e o de son. Este espazo dedícase a dirixir, editar e coordinar as filmacións. O control de imaxe tamén está capacitado para incluír calquera tipo de efecto que se lle queira engadir á filmación, como o fume ou a iluminación. Debido a iso, é necesaria unha gran cantidade de pantallas que favorezan o desempeño destas actividades. En resumidas contas, esta sala está equipada con todo o necesario para levar a cabo as filmacións.
Na sala contigua, contrólase e edítase o son. Explicáronnos os tipos de micrófonos: os de gravata, de man, de ambiente e tamén o uso dunha mesa de audio.
Logo, aprendemos como se realiza unha reportaxe. Nun primeiro momento, os reporteiros diríxense ao lugar de interese para preguntarlles ás persoas protagonistas e para gravar a historia que se conta na reportaxe. Posteriormente, edítase a gravación que sairá nos medios audiovisuais da Fundación TIC.
A continuación, María, uhna das coordinadoras do centro, explicounos como funciona o arquivo de imaxes (a almacenaxe de vídeos). Momentos despois, levounos a unha cabina de son, a cal está insonorizada para que non haxa ningún ruído á hora de gravar as voces para calquera programa. Despois, explicáronnos cales eran as diferenzas e semellanzas que existían entre as salas de gravación que visitamos.
A seguir, dirixímonos ao segundo plató. Alí, un grupo de alumnos formado por Irina, Cristian, Noé e Nadine, acompañados polas súas profesoras, presentaron un telexornal no que informaban dunha serie de noticias, conectaban cun correspondente, facían preguntas ao público e daban o prognóstico do tempo.
Posteriormente, fixemos fotografías e conversamos sobre a actividade. Antes de rematar, proxectaron para nós o telexornal que acababamos de gravar e obsequiáronnos cun pequeno detalle, unha memoria USB na que ía gardado o noso Ticodiario, que é o nome que recibe o noticiario gravado na Fundación TIC.
Logo fomos almorzar ao centro comercial As Termas. Cando rematamos, fomos dar un paseo polo adarve da muralla mentres a nosa profesora, Sandra, nos ía explicando a historia e as partes desta construción romana.
Beatriz Botelho Melo – 4º ESO A
Os alumnos de 4º ESO do IES Perdouro de Burela tamén visitamos ese día a Domus de Mitreo en Lugo.
Cando chegamos recibíronnos amablemente e despois separámonos en dous grupos. O meu grupo foi ver as ruínas e o outro un vídeo. Dixéronnos que os fósiles guía serven para saber a datación dunha rocha. Os romanos cambiaban moito de ideas e de modas, polo que os deseños que facían eran moi diferentes uns dos outros.
A Domus de Mitreo foi construída antes incluso cá mesma muralla de Lugo, polo que este monumento foi levantado por enriba dunha parte da domus. As casas que estaban cerca víñanlles ben aos que traballaban na muralla, porque lles daban de comer. Dentro das casas quentábanse co lume ao que lle botaban leña. Descubriron a calefacción por debaixo do chan e fixeron sumidoiros con auga limpa e sucia. A sucia ía para a cloaca de Lugo.
Polos restos que se atoparon na casa, vese que empezaron a utilizar moedas, o que foi acabando co troco. Tamén se conservan ferramentas das que usaban. As ruínas están divididas por capas. Os restos de arriba son máis recentes e os de abaixo son máis antigos.
Tamén nos explicaron que para os romanos Mitra era o deus do Sol. Facíanlle unha festa, que coincidía co nacemento de Xesús. Entón, os cristiáns fixeron que desaparecese a festa de Mitra, para non compartila cunha celebración pagá.
Despois, subimos e mostráronnos un vídeo sobre a evolución de Lugo ao longo da Historia.
Ao final, volvemos para Burela.
Luis López Ramos - 4º ESO B
Accede à reportaxe fotográfica aquí.
Sem comentários:
Enviar um comentário