30.1.20

Viaxe a Sargadelos e San Cibrao (17-01-2020)

A primeira parada na nosa viaxe foi en Sargadelos onde visitamos o antigo complexo industrial, o cal albergaba unha fábrica de siderurxia e outra de cerámica. Dúas fabricas máis, unha de productos téxtiles e outra de vidro completaban o proxecto de Antonio Raimundo Ibáñez, dono do complexo, aínda que estas últimas non chegaron a materializarse polo asasinato do seu dono. Ibáñez, nacido en Asturias, traballaba durante a súa mocidade na casa comercial Guimarán en Ribadeo. Ali comezou a forxar a súa fortuna investindo os cartos do amo en aceite, o cal tamén o levaría ó despido, por realizar este acto sen consentimento dos seus superiores. Durante os seguintes anos casou e seguiu aumentando o seu capital ata 1796 cando abriu a súa primerira fábrica, a siderúrxica, á que lle seguiría a de céramica uns anos despois.
Ibáñez elixiría Sargadelos polas materias primas que esta lle aportaba, como a madeira dos montes próximos. A proximidade dun río e a cercanía do mar eran outros dos factores de maior peso para a elección desta localización, xa que do río obtiñan a enerxía necesaria para mover a maquinaria e a proximidade ó mar facilitaba o trasporte ó resto de España. Ademais, tiñan man de obra gratis debido a que as persoas que vivían na zona eran obrigadas a traballar certos días á semana nas fábricas sen remuneración e a prestar as súas vacas e cabalos para o transporte dos materiais, feito que molestaba enormente á poboación e provocaba desconfianza e enfado cara ó dono das fábricas.
Na nosa visita puidemos ver parte das ruínas das fábricas, a extensión real que estas ocupaban, o río do cal obtiñan a enerxía e un museo, situado na casa que servía antigamente de oficina de administración, e diferentes pezas fabricadas neste complexo, maiormente louza fina feita con caolín.
A segunda e última parada na nosa visita foi San Cibrao, onde visitamos o antigo serradoiro e as fábricas de conserva. A serra e unha das instalacións de salazón atopábanse xuntas mentres que outra fábrica de salazón de maior tamaño se encontraba ao outro lado da península, preto dunha cetárea. O serradoiro contaba cunha serra de madeira a vapor para cortar a madeira para a construción de barcos e as fábricas de salazón estaban destinadas principalmente ás conservas de sardiñas. A que vimos por dentro contaba con grandes pías para salgar o peixe e cunhas prensas para sacarlles o aceite antes do seu envase en barrís de madeira para a súa posterior venda.
Ademais disto, tamén aprendemos sobre a historia desta vila dende antes da época romana, cando o castro situado nesta península posuía un dos portos máis importantes de Galicia que perdurou ata a Idade Media, cando pasou a ser un porto baleeiro que subministraba unha gran zona coa graxa das baleas. Esta graxa era moi importante porque se utilizaba para manter os candís acesos e ter iluminación .
Ao contrario do que moitos pensan, A Mariña ten moita historia e é unha zona que estivo habitada e que pola súa localización xeográfica posuíu moita relevancia. Entre os restos que se atoparon nas inmediacións da Atalaia de San Cibrao hai anacos de vasillas de barro que só puideron vir en época romana dende Italia ou Francia. Antes as autoestradas estaban no mar, xa que era moi dificultoso transportar mercadorías por terra.
En canto aos castrexos, desmentindo falsas crenzas sobre eles, vestían con tecidos e non con peles e tamén tiñan ferramentas que lles permitían loitar, cazar e pescar. É salientable a presenza na zona dun gran cuncheiro cos restos dos moluscos que comían.
Son sorprendentes os vestixios que aínda se atopan hoxe en día nesa área de San Cibrao. Aparecen as veces ósos de baleas que son desenterrados pola forza do mar e arrastrados ata as praias e mesmo se atoparon espiñas de pescada de exemplares de quince quilogramos.
Esta viaxe foi realmente enriquecedora xa que aprendín moito acerca da historia da miña zona e puiden apreciar lugares que antes só vía como ruínas. Agora véxoas dunha maneira distinta, ao coñecer o seu pasado.
Accede  à reportaxe fotográfica aquí.

Ana Neira Cociña - 4º ESO B

Sem comentários:

Enviar um comentário

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...